venres, 2 de decembro de 2016

O alumnado galego luciu técnica e creatividade no certame Mecano de robótica

O Campus Industrial de Ferrol (na Facultade de Humanidades e Documentación) acolleu este martes 29 a gran final certame de robótica Mecano, logo dun mes de obradoiros e de competición en si mesma. No concurso participaron máis de 120 alumnos de segundo curso de Bacharelato de cinco centros galegos: IES Fene, IES Otero Pedrayo, de Ourense; IES Lucus Augusti, de Lugo; IES Francisco Asorey, de Cambados e IES A Pinguela, de Monforte de Lemos. Segundo lembra a Universidade da Coruña, o concurso incluíu nas semanas previas diversos obradoiros impartidos por técnicos do Campus Industrial, actividades que serviron para introducir ao alumnado na vertente técnica e software da robótica e da tecnolóxica. O obxectivo: axudar aos estudantes a preparar un proxecto baseado na construción e deseño dun robot e na definición das potenciais utilidades que pode ofrecer o mesmo. Os robot resultantes foron o miolo da recta final do concurso.
Segundo nos conta a organización, os días 22 e 28 de novembro comezou a competición propiamente dita a través da páxina oficial do concurso en Facebook, onde os diferentes institutos penduraron un miúdo vídeo explicativo do seu proxecto presentando o seu enxeño tecnolóxico e facendo unha pequena demostración das súas funcionalidades.
Nesta primeira fase do concurso achegouse puntuación tendo en conta os gústame que os seareiros do certame deron aos diferentes vídeos, un total de 3.751 likes, sendo o IES Fene o que máis apoios tivo, seguido do IES Francisco Asorey, de Cambados, do IES Otero Pedrayo, de Ourense, o IES Lucus Augusti, de Lugo e do IES A Pinguela, de Monforte. O alcance obtido a través de Facebook foi de 96.844 usuarios, con máis de 22.517 interaccións, xerando máis de 36.000 reproducións entre todos os vídeos.
Todo devandito (formación, enxeños, puntuacións obtidas) constituíu o alicerce da gran final deste martes, na que os diferentes presentaron os seus proxectos ante o xurado. O IES Fene deu a coñecer o seu robot baseado en servizos humanitarios e sociais. O IES Francisco Asorey fixo o propio cun enxeño para recoller e servir menús de comida. O IES Otero Pedrayo, pola súa banda, amosou o seu “robot espía anti-crime” e o IES Lucus Augusti unha tecnoloxía avanzada para recoller neve. O IES A Pinguela expuxo o seu proxecto baseado no bufet libre para comensais.
Finalmente, e logo dun proceso moi igualado que amosou, en palabras da organización “un alto nivel técnico e creativo”, o ES Fene fíxose coa primeira edición do Concurso Mecano, seguido moi de preto polo resto dos centros galegos.
Concurso Mecano
O concurso Mecano é unha actividade promovida polo Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña que ten como obxecto estimular a creatividade, o traballo en equipo e achegar o mundo da enxeñaría e a tecnoloxía aos estudantes do último ano dos institutos galegos a través da construción e a programación dun robot. Esta iniciativa forma parte da estratexia de aproximación do Campus Industrial de Ferrol para que o alumnado de Bacharelato de Galicia teña unha visión “máis próxima das potencialidades da oferta académica universitaria, desde a perspectiva da tecnoloxía e a enxeñaría”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario