No día de onte coñecemos, á fin, unha boa noticia respecto á educación.
Despois de pasar anos enfrontándose a docentes, familias, alumnado e,
incluso á propia realidade, o Ministerio de Educación deulle peche ao
episodio das reválidas. Ben é certo que é un peche en falso, xa que
segue mantendo, aínda que con carácter mostral as probas en 3º e
6º de primaria e en 4º da ESO, pero conquistamos varias reivindicacións
que toda a comunidade viña esixindo dende hai anos.
Non podemos ocultar a nosa satisfacción por estes logros, e a convicción
de que se conseguiron grazas á loita de toda a comunidade educativa.
Pero no STEG non queremos durmirnos nos laureis, porque somos
conscientes de que a loita continúa. Non debemos deixar que esta loita
centralizada nas reválidas nos últimos cursos eclipse as numerosas
inxustizas e despropósitos que seguen en vigor coa LOMCE:
-a relixión debería estar fóra da escola pública, pois entendemos que a
escola debe respectar e promover o dereito á liberdade de conciencia, o
coñecemento empírico da realidade a través da racionalidade e do
empirismo, así como evitar a discriminación de xénero ou contra a
diversidade sexual (moi presente, por contra, na doctrina católica).
Maís aínda, se a Relixión nesta lei se sitúa ao mesmo nivel que o resto
das materias en canto á nota media; unha materia onde para subir nota o
alumnado ten que crer no que di o docente, e que, sospeitosamente, obtén
sempre calificacións moito máis altas có alumnado que se matricula na
súa alternativa.
- a penosa e atropelada implantación da FP básica, que segue sendo unha
educación completamente precaria, en que remata caendo o alumnado con
máis dificultades ou nunha situación socioeconómica máis vulnerábel, con
aulas masificadas e que nin sequera pode cursar todas as materias no
mesmo centro educativo, polo que resulta totalmente insuficiente para as
necesidades educativas do mesmo.
- a Lingua Galega segue véndose discriminada por esta lei que non é quen
de garantir que o alumnado remate a súa educación obrigatoria con
plenas competencias na mesma, detraendo horas de impartición en favor
dun plurilingüismo que xa é evidente que non serve para aprender mellor a
lingua estranxeira, se non para deixar de adquirir outras competencias e
contidos básicos.
- o sistema de elección das direccións segue sendo totalmente
antidemocrático, facultando a Administración a colocar nos centros
educativos persoas totalmente alleas aos centros, ou o que é peor,
persoas que teñen todo o claustro na súa contra, convertindo as
direccións e moitos casos (tal e coma denunciamos que podería suceder)
en comisariados políticos ás ordes directas da aministración, que fan e
desfán ao seu antollo no relativo aos horarios do profesorado, materias
afíns que se imparten con especialidades que non teñen nada que ver
entre sí e restrinxindo o funcionamento democrático dos centros.
- o tratamento marxinal que recibe a atención á diversidade e o espírito
último da LOMCE, que segue a ter un claro afán privatizador, entendendo
que o ensino público debe servir soamente para o éxito académico, polo
que favorece o ensino privado e concertado onde, aínda dándolle
facilidades para seleccionar o alumnado e desfacerse das crianzas que a
priori teñen máis dificultades, se demostrou en repetidos estudos que,
correxindo este sesgo de poboación, teñen peores resultados cós centros
públicos.
E os recortes que se derivaron da aplicación da LOMCE, tanto na
diminución do persoal docente (sobre todo o profesorado de apoio), coma o
aumento das ratios de alumnos, coma a presenza anecdótica no currículo
das humanidades e as ensinanzas artísticas, fainos seguir en pé de
guerra contra esta lei.
Por todo isto, no STEG non imos descansar ata que esta lei se derrogue,
dando paso a outra que conte coa participación de toda a comunidade
educativa, fóra de pactos políticos que só pretenden un lavado de cara
desta infame LOMCE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario