luns, 12 de decembro de 2016

Internet convértese no segundo medio de comunicación de Galicia

A última onda do EGM deixa datos negativos para case toda a prensa escrita do país e unha recuperación das cabeceiras estatais.

Internet convértase por vez primeira o segundo medio de comunicación máis popular en Galicia. Así o confirma a ultima onda do Estudio General de Medios (EGM), a terceira e última de 2016.
Datos por soportes
Así, o 63,1% dos enquisados respondeu que consultaba a Internet, fronte ao 60,6 por cento que escoita a radio. Por vez primeira a audiencia do ciberespazo supera as ondas hertzianas no país. Con todo, tamén hai que valorar que parte do público das radios está migrar a escoita a través da web, por exemplo mediante podcasts.
Con todo, respecto a onda anterior, de xullo deste ano, a Rede é o único medio que medra significativamente en termos interanuais. Iso si, a televisión segue a ser a raíña da audiencia en Galicia. Case o 90% dos galegos confesan que a ven. Moi importante tamén é o crecemento da porcentaxe de galegos que di recibir impactos a través dos soportes de publicidade exterior, máis dun 80%.
Prensa escrita galega
No referido a prensa escrita editada no país,os resultados son moi dispares. Dende a última onda, retroceden case todos: La Voz (1,4%), Faro (-0,8%) El Progreso (-3,1%), La Opinión (-8,6%), El Correo Gallego (-1,5%), ABC (-6,3%) e Atlántico Diario (-12%). Especialmente preocupante é a evolución dos diarios do Grupo Capital.
Datos do EGM por diarios impresos en Galicia na última onda de 2016
Datos do EGM por diarios impresos en Galicia na última onda de 2016 | Fonte: Prisa Labs
Se ben El Ideal se mantén respecto a última onda, o certo é que a cabeceira herculina perdeu case a metade da súa audiencia dende 2013, agora anda os 16.000 lectores cando daquela tiña 31.000.  Unha situación similar a de Diario de Ferrol (anda polos 14.000 agora cando hai tres anos tiña 31.000) e Diario de Arousa (ten uns 7.000 e en 2013 tiña 12.000)
La Voz cae algo, pero segue a liderar o mercado con moita avantaxa sobre o resto. O diario de Santiago Rey anda polos 556.000 lectores fronte aos 264.000 do seu máis próximo competidor, Faro de Vigo. Con todo, hai que ter en conta que en 2012, La Voz andaba no EGM polos 638.000 lectores en 2012 e en 2013 polos 580.000. Polo tanto, retrocedeu case un 5% nos últimos tres anos. Pola súa banda, Faro tiña 259.000 lectores en 2013, polo que o seu avance nos últimos tres anos é de case un 2%.
Prensa escrita española
Deste EGM tamén destaca o crecemento dos dous principais xornais de ámbito estatal respecto a onda de hai tres meses. El aAís recupera até os 91.000 lectores galegos e El Mundo até os 48.000. Son crecementos importantes (11% e 23% respectivamente) pero hai que ter en conta que no prazo de tres anos o diario de Prisa acumula unha perda do 45% e El Mundo dun 33%.
Datos do EGM por soportes en Galicia na última onda de 2016
Datos do EGM por soportes en Galicia na última onda de 2016 | Fonte: Avante Medios

Ningún comentario:

Publicar un comentario