xoves, 15 de decembro de 2016

Galicia perde 7.000 habitantes en seis meses tras caer os nacementos un 1,2%

A tendencia segue como estaba e só unha lixeira redución no número de falecementos consegue amortecela un chisco. Galicia perdeu case 7.000 habitantes entre xaneiro e xuño deste ano pola vía do movemento natural da poboación, isto é, pola diferenza entre nacementos e mortes. Segundo os datos provisionais do INE para o primeiro semestre de 2016 nese período naceron en Galicia 9.398 persoas, un 1,2% menos que no mesmo treito do ano anterior, e morreron algo máis de 16.300, unhas 700 menos que en 2015.
A combinación de ambos factores dá lugar a un saldo vexetativo de -6.951 persoas, lixeiramente menos negativo que o do mesmo período de 2015 (-7.511, segundo os datos definitivos dese ano) pero na liña dos rexistros de 2014, 2013 ou 2012. Estes datos van na liña dos xa avanzados polo Instituto Galego de Estatística para o primeiro trimestre do ano e rexístranse despois dun ano, 2015, no que a fenda entre nacementos e mortes foi no país a maior da serie histórica.

O devalo demográfico unido ao feito de que, cando menos polo momento, os datos de inmigración non compensan o baixo número de nacementos nin ás emigracións, debuxa un complexo panorama que dende o Goberno galego se deu en afrontar nos últimos tempos a través do seu Plan de Apoio á Natalidade (PAN). Entre as medidas máis publicitadas deste plan, aínda en desenvolvemento, figura o 'cheque bebé' da Tarxeta Benvida -unha tarxeta de 100 euros mensuais durante un ano- ou a alcumada como 'caixa finlandesa', o paquete de agasallos que Xunta e PP deron en equiparar aos amplos apoios á crianza que proporciona o Estado nese país nórdico. A estas medidas engádense outras como as "casas niño" -un programa semellante ao desaparecido Preescolar na Casa- que, di a Xunta, fan de Galicia "o mellor lugar para ser neno".

Os concellos que rachan coa tendencia

Á espera de coñecer os datos definitivos de 2016, a intensa crise demográfica de Galicia segue a amosar unhas poucas illas, apenas unha quincena de concellos nos que nace máis xente da que morre. O pasado ano eses municipios con crecemento vexetativo positivo foron tres no sur de Pontevedra (Gondomar, O Porriño e Salvaterra), tres na zona leste desa provincia (Soutomaior e Poio) e un máis ao norte, Pontecesures. Na Coruña destacan tres municipios da área metropolitana da capital da provincia (Arteixo, Culleredo e Oleiros), así como Narón e, á beira de Santiago, Ames e Ordes. Na Mariña lucense Burela resistiu co seu crecemento vexetativo e nesa ocasión o concello con menos poboación do país, Negueira de Muñiz, abandonou os números vermellos ao nacer tres persoas e morrer dúas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario