O Rexistro Estatal revela que xa é a segunda comunidade máis contaminante e líder en flúor e mercurio
Medran en Galicia as emisións contaminantes das grandes industrias. Ata o punto de que a comunidade vai do cuarto posto ao segundo do Estado, en só tres anos, segundo os datos do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) publicado o 15 de novembro de 2016 e que amosa datos más preocupantes que o estudo anterior, datado no 2012.Segundo denuncia o colectivo ecoloxista Adega, “constátase un aumento das emisións, situándose en 2015 no segundo posto entre as comunidades do Estado, ascendendo dende o cuarto lugar acadado en 2012”.
Galicia é responsábel do 15,08% do total das emisións a atmosfera de España, con 14.284.312 toneladas/ano. Ademáis é a primeira en emisións de flúor, mercurio e perfluorocarburos. É a segunda en emitir dióxido de carbono, gases de efecto invernadoiro, dióxido de xofre, cloro e substancias acidificantes/precursoras de ozono. Tamén é a terceira comunidade por emitir á atmosfera partículas (PM10), monóxido de carbono, compostos orgánicos volátiles non metano (COVNM), metano, arsénico e cromo. Para rematar, ocupa o cuarto posto en emisións de óxidos de nitróxeno e metais pesados en conxunto.
Adega analiza os datos nun completo artigo asinado por Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía e experto en contaminación atmosférica. Os datos son tamén preocupantes para a contaminación da auga. Segundo os datos oficiais , os vertidos contaminantes á auga de Galicia significan o 10,46% do total do Estado con 84.814 toneladas/ano, ocupando con este valor o cuarto posto no conxunto das comunidades. Ademais, Galicia é a primeira comunidade do Estado en verter compostos organoestannicos e carbono orgánico total (COT).
Varela Díaz califica de “sorprendente” que no Rexistro Estatal de Emisións Contaminantes, Galicia teña so o 4,45% do total dos complexos con información pública e que ao mesmo tempo “sexamos responsábeis das emisións a do 80,5% dos perfluorocarburos; do 36,6% do flúor; do 30,5% de mercurio; do 22,0% do cloro; do 19,2% do dióxido de xofre; do 18,7% das particulas (PM10); do 15,1% do dióxido de carbono; do 12,6% dos óxidos de nitróxeno… por non citar os vertidos á auga de compostos organoestannicos (54,4%); zinc (16,4%); chumbo (15,3%); cloruros (10,1%); cobre (8,6%); compostos orgánicos haloxenados ( 5,9%)…”
Moi poucas industrias provocan unha contaminación moi elevada en Galicia“Estas emisións son extremadamente elevadas tendo en conta o número e tamaño da nosa industria, o número de habitantes, a nosa extensión xeográfica, o noso produto interior bruto e nível de vida…”, analiza Ramón Varela, “pero ademais están a aumentar con relación ao ano 2012 e mesmo a datas anteriores como o ano 2007, previo á crise”.
Mentres o dióxido de carbono no 2015 representa o 15,1% do total do Estado, fai tan só tres anos representaba o 12%. En tres anos Galicia pasou do cuarto lugar no Estado ao segundo. Escollidos 32 contaminantes considerados como os mais importantes, no ano 2015 21 tiñan valores superiores aos do ano 2010 e aínda máis 14 superaban os valores que tiñan no ano 2007 (ver táboa).
O biólogo Ramón Varela sinala ás grandes industrias que teñen a responsabilidade destas emisións: “a maioría multinacionais do sector da electricidade (centrais térmicas de As Pontes, Meirama), aluminio (Alúmina-Aluminio de Alcoa), sector do automóbil (Citroën PSA), petróleo (refinería de Repsol), madeira (Ence, Finsa en diversas fábricas, Intasa), ferroaleacións (Ferroatlántica en tres localidades), son as principais responsábeis de que ocupemos hoxe – igual que anos atrás- un lugar destacado no Rexistro de Emisións Contaminantes no Estado”.
As centrais térmicas en Galicia emiten máis de 10 dos 14 millóns de Tm de CO2Varela salienta como “curioso” que aínda sendo alta ou moi alta a contaminación, os focos contaminantes son moi poucos, apenas pasan dunha decena, a excepción da contaminación por amoniaco. De feito, dos 14,2 millóns de toneladas de Dióxido de Carbono emitidos, 10,5 millóns corresponden ás centrais térmicas de As Pontes e Meirama e 1,16 millóns á refineria de Repsol na Coruña. Mentres as restantes 2,5 millóns de toneladas repartanse entre 11 grandes industrias (Alúmina, Aluminio, Alcoa Inespal, tres fábricas de Ferroatlántica, Bioetanol, Magnesitas, Finsa, Forestal del Atlántico e Air Liquide).
A Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece que a contaminación do ar representa un importante risco para a saúde. “Debemos portanto preocuparnos polas altas emisións e buscar solucións xa que estes gases e partículas están implicados directa ou indirectamente en problemas de saúde e aumento de morbilidade e mortalidade”, saliente Varela.
Adega insiste antes os datos que “os poderes públicos non poden quedarse á marxe dun problema tan grave se de verdade perseguen mellorar a saúde dos habitantes e protexer o territorio. O Goberno galego debería promover un Plano de diminución progresiva da contaminación (dióxido de carbono, chumbo, mercurio, cadmio, óxidos de nitróxeno, etc.) nas grandes industrias para protexer realmente os ecosistemas e a nosa saúde, alén de poñer urxentemente en práctica as Directrices da OMS para partículas (PM10 e PM2,5) xa que os niveis da lexislación actual son moi permisivos e duplican o recomendado”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario