O BNG sumouse á petición efectuada este luns pola CIG e A Mesa pola Normalización Lingüística á valedora do Pobo, Milagros Otero, para que inste á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a equiparar as horas lectivas en galego e en español durante a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
Con este obxectivo, segundo explicou a formación nacionalista nun comunicado, presentarán diversas iniciativas na Cámara autonómica orientadas a evitar a discriminación do galego no ensino secundario, tanto nas materias aplicadas coma nas académicas.
Segundo os datos facilitados polo sindicato CIG, esta "discriminación" tradúcese en "23 horas menos", datos que para a parlamentaria nacionalista Olaia Rodil reflicten o intento do PPdeG de "implantar unha lexislación lesiva para o galego" a que se suma "o incumprimento da Lei de Normalización Lingüística".
Por iso, demandou a derrogación do decreto 79/2010 que, conforme denunciou, "impide impartir en galego materias como matemáticas, tecnoloxía ou física e química" e esixiu á Xunta que cumpra co Plan de Normalización Lingüística.
Ningún comentario:
Publicar un comentario