martes, 29 de setembro de 2015

A Xunta débelle 92 millóns aos seus funcionarios

É o que ten que pagarlles en concepto do 50% da paga extra retida desde 2012. Esta retención teríalle servido ao Goberno galego para pedir un préstamo de 215 millóns de euros sen pagar xuros e comisións.

O famoso proxecto de lei polo que a Xunta vai devolver un 26,23% da paga extra retida aos funcionarios desde 2012 chegou xa ao Parlamento galego e este martes someterase a debate e votación do Pleno. Con todo, a Xunta aínda lles adebeda aos seus traballadores 92 millóns de euros.
 
Unha cantidade que sae do 50% da paga retida desde 2012 e que aínda non pagou. Esta cifra ascendería a 107 millóns se se teñen en conta as transferencias correntes de crédito a entidades instrumentais, universidades e concertos educativos para pagar o seu persoal propio. 
 
A paga extra do 2012 non pagada serviulle como balón de osíxeno ao Goberno galego estes anos, segundo indica CIG-Autonómica. A dita retención deulle a Xunta un préstamo a 4 anos de 215 millóns de euros e iso sen ter que pagar un só euro en xuros ou comisións.
 
Coa devolución dese 26,23% anunciado  terá que desembulsar en breve uns 56 millóns de euros. Con todo, aínda adebeda ao redor de 107 millóns de euros só polo concepto da paga extra de 2012. Nestes cálculos contémplanse non só as nóminas do persoal de Xunta, Organismos Autónomos (incluído Sergas) e Axencias, senón tamén as transferencias a entidades instrumentais, universidades e concertos educativos para pagar o seu persoal.
 
“Aínda así, o verdadeiro préstamo a fondo perdido está sendo o 4% das retribucións brutas anuais que perdemos desde o 2013 en concepto de complemento específico (ou equivalente) nas pagas extras”, critica este sindicato. Algunhas fontes calculan en 600 millóns de euros esta cantidade ata o 2016, último ano e ano electoral en Galicia, no que, segundo Feijóo, habería este recorte. 
 
“En fin, para qué emitir débeda pública e aumentar o déficit, cando poden reter indefinidamente parte da nómina anual do persoal sen que lle custe un euro e aínda por riba sacando rédito electoral. A base de recortar e tomar prestado máis que as demais Administracións das nóminas do persoal é fácil cadrar os números macroeconómicos”, critica este sindicato.
 

O formato dixital xa representa 1 de cada 4 lanzamentos de libros en galego

Publicáronse un total de 1.763 títulos no noso idioma en 2014, un 23% máis que no ano anterior mais unha cifra aínbda moi afastada da época de antes da crise: 2.544 títulos en 2010. As referencias de libro de texto son as máis numerosas, con 692 títulos.

Un de cada catro libros que se publican en Galiza éo en formato dixital. 465 lanzamentos dun total de 1.763 publicados ao longo de 2014, segundo os dados do informe estatístico elaborado polo Ministerio de Cultura a partir dos rexistros de ISBN. As publicacións en galego incrementáronse un 23% no ano pasado a respeito de 2013; mais aínda nos movemos nun volume afastado dos rexistros que se acadaban en, por exemplo, 2010 (2.544 libros, un 30 por cento máis que en 2014).
Manuel Bragado aponta no seu blog a primeira campaña escolar da LOMCE e o desenvolvemento do libro dixital, “cifra que duplica a do ano anterior e tamén a de 2010”, como explicacións deste aumento de publicacións en galego no 2014 a respecto de 2013. Afirma, ademais, que “a hibridación do libro galego é un feito, xa que en 2014 ofreceu o 73,62 % dos seus títulos en formato impreso e xa o 26,37 % en diversos formatos dixital”.
Tipoloxías
Por tipoloxías de edición, o libro de texto, 692 referencias, representa o 39,25 %, e o libro infantil e xuvenil, 362, o 20,53 %, polo tanto un 60,00 % da edición. A literatura, 411 rexistros, representa o 23,31 % da edición en galego. Os títulos traducidos doutras linguas, 224, supoñen o 12,70 % da edición en galego. “Continúa sendo unha anomalía que o castelán sexa a lingua máis traducida, xa que supón o 45,98 % destes rexistros, sendo o inglés con 56 títulos, o 25,00 % a segunda”, aponta Bragado.
Con respecto á edición pública, representou apenas 101, que é o 5,72 % do total. “Non deixa de ser curioso que a edición autonómica, realizada polo Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia acade os 15 títulos, apenas o 0,85 % de toda a edición en galego de 2014”.
Editores
Por último, no listado de editores de 2014 nos primeiros postos aparece Xerais con 301 rexistros (17,10 %), Obradoiro con 216 (12,30 %), Anaya con 151 (8,6%) e Galaxia con 141 (8,00 %).

Máis de 11 mil apoios á ILP para valorizar a obra plástica de Castelao

A DEBATE ESTA TERZA FEIRA NO PARLAMENTO GALEGO
 
Esta terza feira o Parlamento debate a iniciativa lexislativa popular promovida pola federación de asociacións culturais, Galiza Cultura, e asinada por máis de 11 mil persoas. 

A obra plástica de Castelao abrangue perto de 4 mil pezas que, no entanto, se atopan dispersas en diversos centros museísticos das dúas beiras do Atlántico. En mans púbicas, mais tamén privadas, a recuperación do amplísimo traballo artístico de Castelao para a súa exposición e divulgación será obxecto de debate esta terza feira (29 de setembro) no Parlamento galego através dunha Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola Federación de asociacións culturais Galiza Cultura e asinada por máis de 11 mil persoas.
"Exposta hai unha parte mínima", sinala a presidenta de Galiza Cultura, Pilar García Negro, en conversa con Sermos Galiza, a maior parte no Museo de Pontevedra. Porén, aquelas pezas en posesión das "fundacións das antigas caixas" están pendentes para seren vistas "de que se organice algunha exposición". Outras, como a emblemática Derradeira lección do mestre na que Castelao plasma o cadáver de Bóveda após o seu fusilamento. atópase "recluída" en Buenos Aires, nunha pequena sala no Centro de Galiza xunto con outros obxectos do de Rianxo. Para poder visitala, explica García Negro, "hai que solicitar o permiso correspondente". "Iso clama o ceo", salienta.
"Exposta hai unha parte mínima"
"É algo tan indicativo da ocultación" do autor, asegura, que está a impedir "valorar" --mais tamén coñecer-- a amplitude da súa obra e o papel que xogou na "vangarda" da arte galega, nomeadamente na súa "renovación contemporánea".
"Reclamamos que a Xunta, como máxima expresión política de Galiza se implique" pois, "o que hai non abonda". E é que, embora ser declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no 2000, cando a propia Pilar García Negro aínda era deputada do BNG no Pazo do Hórreo, a iniciativa que a parlamentar presentou ficou en "papel mollado". "Eu mesma defendín esa iniciativa mais esa declaración", sinala, non deveu na "incoación de ningún expediente" ou acción política concreta.
Para visitar 'A derradeira lección do mestre' hai que solicitar permiso ao Centro de Galiza en Bos Aires
Neste senso, a ILP defende a "catalogación de toda a obra, en todo tipo de facetas e xéneros, xa pertenza a fondos públicos ou privados, que teñan como autor a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao procurando os convenios ou acordos de cesión oportunos con todas aquelas entidades, públicas e privadas, que posúen en propriedade" a súa obra.
Así mesmo, demanda a creación dun "espazo museístico" para "expor" nel toda a obra plástica de Castelao á fin de que sexa visitada por persoas de Galiza e de fóra dela. Ao tempo que exixen á Xunta que desenvolva as "xestións oportunas" para recuperar o lenzo A derradeira lección do mestre, urxindo o seu traslado de Buenos Aires a Galiza.
Aliás, a ILP demanda do goberno galego o acceso público através da Internet de toda a obra dixitalizada "para coñecemento de todo o pobo galego". De igual maneira, que a incorporación ao ensino regrado do estudo de Castelao como figura "central". "Debe ter un tratamento acorde á súa importancia e á súa descomunal aportación" en todos os eidos nos que se desenvolveu.
A defensa da proposta lexislativa popular correrá a conta da ex-deputada, Pilar García Negro, que volverá a tomar a palabra após 13 anos da súa "demisión", como ela relata, en decembro de 2003. "É unha situación curiosa", di quen foi por 14 anos representante parlamentar.
A respeito do resultado da votación --que todas as forzas agás o PP anunciaron que apoiarán-- asegura: "agardo que a luz e a potencia patriótica de Castelao os ilumine".

luns, 28 de setembro de 2015

Nace a revista dixital en galego Tanxente

Este mes de setembro comezou na rede a actividade da Revista Tanxente, que pretende situarse coma un punto de información coas últimas tendencias, exposicións, películas, deportes ou viaxes. 

Tanxente explica que"quere colocar os pés en Galicia pero mirar ao resto do mundo, dando lugar a contidos internacionais ou propios da cultura pop e televisiva dende a visión do noso país". Seguindo o modelo dos novos medios que aparecen na rede, a revista publicará regularmente enquisas ou listaxes relacionados coa cultura e o entretemento, traballando tamén nas redes sociais para achegarse o máximo posible aos usuarios e que estes participen.

Deste xeito, inclúese a sección ‘Diáspora’, que pretende contar coas experiencias dos miles de mozos que tiveron que deixar atrás Galicia na busca dunhas condicións laborais máis dignas. Tamén se interesa polo emprego das ferramentas de visualización de datos para facer máis amena e accesible a información.

O equipo de Tanxente di que nace con vocación de ser un proxecto sólido e a longo prazo, aínda que polo momento non se marca obxectivos de financiamento.

Na Galiza, um padrom nacional, como em todo o mundo

Cada vez parece mais claro que o galego só terá soluçom por duas vias complementares: a primeira, e principal, da mao de umha afirmaçom coletiva em termos de poder político soberano; a segunda, a nível da chamada política lingüística, tirando-o das maos dos filólogos e professores de língua ou, no mínimo, alargando as decisons na matéria ao conjunto de cientistas sociais.
É sabido que a ciência social foi artificalmente parcelada em áreas autónomas para, precisamente, provocar o atual afastamento entre cada umha dessas esferas da totalidade que juntas constituem. História, economia, política, lingüística, filosofia, direito, antropologia… nenguma dessas áreas do conhecimento é compreensível à margem das restantes. Porém, o sistema de pensamento dominante pretende fazer de cada umha delas um universo isolado, reduzido a um saber apresentado como técnico, neutro e indiscutível.
Parece desnecessário afirmá-lo, mas é o caráter social que constitui as sociedades humanas, sendo precisamente a maneira específica como a nossa espécie incide na natureza através do trabalho o que nos torna umha espécie humana. Em funçom desse caráter fundante do fator social, nem a economia, nem a política, nem a lingüística fam o menor sentido se forem estudadas e aplicadas à margem do caráter social intrínseco a todas elas.
Poderíamos dar exemplos sobre como os economistas pretendem vender-nos a sua doutrina como asséptica e alheia à política, ou da falsa objetividade histórica com que os estados puxam a brasa à sua sardinha, vendendo como “científicos” projetos vulgarmente ideológicos… mas fiquemos com a que agora nos interessa: o ámbito da lingüística.
Durante décadas, temos assistido na Galiza a umha discussom acesa entre defensores da orientaçom reintegracionista do galego e valedores da sua constituiçom em língua diferenciada e afastada do português. Um debate em que os filólogos assumírom especial protagonismo para defenderem com critérios técnicos umha ou outra opçom.
Na verdade, por trás de ambas, ficárom sempre claras duas visons integrais do que a Galiza deveria ser: um apêndice de Espanha (em versom unitária, autonómica ou federal) ou um sujeito político soberano.
A primeira visom adapta-se melhor ao isolacionismo antiportuguês, e como tal tem sido promovida até hoje polo poder político vigorante na Galiza. A segunda permite romper os vínculos ortográficos e a referencialidade cultural de Espanha, abrindo-nos para as culturas que no mundo se expressam na nossa língua, contando com um incontestável aval histórico.
Se limitarmos o assunto aos termos filológicos, qualquer das vias será possível, sempre que formulada com umha mínima coerência interna, mas os resultados práticos socialmente contrastáveis serám opostos. Fatores sociais, económicos, políticos e históricos combinam-se para determinar que o isolacionismo conduza –como já tem feito– para umha institucionalizaçom autonómica da secular hispano-dependência. Esses mesmos fatores dam ao reintegracionismo um rol fundamental para marcar umha distáncia de segurança frente ao dominante mundo espanhol, favorecendo a construçom de um espaço lingüístico-cultural próprio.
Nom foi por acaso que o autonomismo institucional imperante nas últimas quatro décadas optou por alimentar e adotar o isolacionismo. Tampouco foi casual a tendência mais reintegracionista dos minoritários setores soberanistas, sendo o independentismo o principal responsável pola defesa e divulgaçom social da prática reintegracionista.
A AGAL tem sido desde os primeiros anos 80 o principal sustento científico de umha visom  sempre ligada a umha proposta integral que podemos denominar nacionalitária. Sem compromissos partidaristas concretos, a construçom nacional tem tido no trabalho da AGAL umha das frentes a nível de recuperaçom da língua própria, fornecendo legitimidade e ferramentas práticas para a atividade de um crescente, embora minoritário, movimento social reintegracionista.
Entretanto, nos últimos anos, pareceria que parte da sua dirigência experimente umha deriva sempre presente nalguns setores do que genericamente podemos chamar “galeguismo”, mas também no reintegracionismo: umha desconexom progressiva e consciente de qualquer vínculo entre língua e naçom. Tendência essa preocupante, ligada em ocasions a certo elitismo inteletual e desligada das dinámicas sociais mais ativistas.
É verdade que a situaçom do idioma, expressom da situaçom do País, é hoje de umha profunda gravidade, com umha acelerada perda de falantes e de presença inclusive em ámbitos onde no passado recente tinha conseguido estar presente. Sendo mais que preocupante, nom é essa umha situaçom irreversível, como alguns dirigentes da atual AGAL parecem concluir quando assumem, na prática, que só nos resta reduzir o nosso ativismo à demanda de introduçom do português no ensino como língua estrangeira próxima, tomando a Estremadura espanhola como modelo.
A conseqüência dessa visom, se se confirmasse, poderia reduzir as aspiraçons desse reintegracionismo a agir como lobby alternativo ao ILG, à procura da legitimidade do poder autonómico atual.
Isso seria tam legítimo como triste.
Que se pretenda argumentar em termos técnicos ou filológicos umha tal rendiçom estratégica, através da “superaçom” da norma galega proposta pola AGAL há mais de 30 anos, é inassumível para quem ainda acredita na Galiza como realidade nacional viável. É a visom ideológica de quem desiste do labor que deu sentido histórico ao reintegracionismo. Um labor que tem como aval a legitimidade que dá o trabalho dos movimentos sociais que utilizam o padrom galego.
Apoiar toda a presença possível do português na Galiza é, mais do que saudável, imprescindível. Porém, o caminho para isso nom é renunciar à construçom de um padrom nacional próprio, inserido no ámbito lusófono, em pé de igualdade com o de Portugal e o do Brasil. Foi para isso que a AGAL nasceu, como parte desse segmento da sociedade galega que nom renuncia à sua construçom como comunidade nacional plena e emancipada.
É esse o critério que dá sentido e vigência à norma da AGAL, e nom qualquer argumento técnico sobre as possíveis escolhas ortográficas.
É imprescindível considerar a nossa comunidade lingüística para além do “corpus lingüístico”, de maneira social e em funçom de projetos coletivos. Daí que começássemos por reivindicar o caráter multidisciplinar de qualquer política lingüística, ao invés da estratégia “filologista” que vem sendo aplicada na Galiza.
Até hoje, quem defende a viabilidade da Galiza como naçom fai-no incorporando o galego como parte substancial do projeto de construçom nacional. Se assim nom for, o espanhol irá consolidar-se como língua própria e o galego nom passará de um enfeite ou recurso de livre escolha, como cada vez mais é.
A atual dirigência da AGAL apresenta-nos como exemplo do seu novo modelo o contexto  valenciano no contexto dos Países Cataláns. Nom parece ser precisamente esse o exemplo mais representativo de umha atuaçom bem sucedida. Nós contrapomos a necessária construçom de um padrom próprio, como tenhem feito todos os grandes espaços lingüísticos na sua articulaçom nacional. Poderíamos citar casos de sucesso como o alemám nos cantons suíços ou o francês no Quebeque, para nom indicarmos outros mais evidentes como o hispano ou o anglófono; até porque, ao invés do caso catalám, ninguém na Galiza aspira a constituir uns “Países Lusófonos” que justificassem um “padrom flexível” único.
Eis a articulaçom que defendemos para o galego. Dar tanta presença quanto possível às variantes lusitana e brasileira no nosso país é necessário, mas nom deve desviar-nos do principal objetivo: umha Galiza soberana com umha língua plenamente normalizada, sob a forma de um padrom reintegrado próprio.
Como em todo o mundo.

Que se acaben os deberes?

As tarefas a casa, por desagradables que resulten, forman parte da lóxica da aprendizaxe.

A Confederación de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (Ceapa) pediu que non haxa deberes fóra da xornada escolar. Ao parecer hai moitas queixas que sosteñen que se está trasladando aos domicilios” o que sexa que ocorra nos centros de aprendizaxe. Os deberes provocan unha “presión institucional” que, polo que se ve, é de tal calibre que quen non os fan “poden chegar a baixar nota”. Así que fóra, que se acaben as tarefas, non vaian existir diferenzas entre os que traballan e os que non o fan. Ademais, os alumnos non pairan: entre ir ao colexio ou ao instituto e cumprir coas obrigacións escolares en casa poden chegar a dedicar á súa formación unhas “60 horas semanais”. “¿Algún adulto admitiríao?”, preguntou o presidente da Ceapa a pasada semana en rolda de prensa.
Os datos da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) confirman que España é un dos países onde os estudantes de 15 anos dedican máis tempo aos seus deberes. Pero a propia OCDE considera que hai “razóns moi sólidas” para que sigan existindo. A proposta da Ceapa, por tanto, non podería contar coa súa bendición. De feito, a idea de quitar dunha plumada os deberes ten un punto provocador, un aire orixinal, un sinal revolucionario.
Ninguén que pasase por un colexio viuse libre de levar tarefas a casa. Forma parte da propia lóxica da aprendizaxe, por desagradable que resultase sempre fincar os cóbados. É necesario volver sobre o que se explicou en clase, fixalo, é imprescindible para consolidar o aprendido facer determinados exercicios, resolver problemas, mesmo memorizar algunha cousa (por desprestixiada que estea hoxe esta facultade). Etcétera.
Seguro que hai un problema. É máis, seguro que hai varios problemas. Os diferentes informes Pisa non deixan en bo lugar á educación española, cambian os plans con demasiada frecuencia, e é verdade que a maneira de aprender cambiou moito e igual, efectivamente, xa non serve do todo o vello e lendario esquema do mestre que dá a lección e que manda unhas tarefas para que se fagan en casa. Pode ser que isto sexa xa moi anticuado, con tantos computadores e con tantas novas estratexias pedagóxicas, e con tantos termos tan rotundos. Por exemplo, “presión institucional”.
E é que non debe ter pase que os alumnos anden tensos por trasladar “” aos seus domicilios parte da súa aprendizaxe. Unha cousa é a escola, outra moi distinta a propia casa. Ese é a mensaxe que enviou a Ceapa: que non teñen nada que ver. E é unha mensaxe equivocada. Haberá que arranxar o que vaia mal (horarios, organización, normas para estudar), pero o que tamén queren dicir eses ditosos deberes é que ese domicilio, o fogar, é unha parte imprescindible do proceso de formación.

Feixó lanzou a pedra contra o galego e agocha a man tras os tribunais

A Mesa avoga por un novo decreto de uso do galego no ensino que teña como base o establecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que conta con acordo amplo.
Marcos Maceira: “Ademais do rexeitamento social que levanta, o resultado do actual decreto demostra o seu nivel de agresividade contra o galego ”.
“Actuar a favor do galego é unha obriga e unha responsabilidade de Feixó que non se pode agochar detrás dos tribunais para atacar a lingua de Galiza”.
A Mesa pola Normalización Lingüística pronunciouse hoxe sobre a non admisión a trámite do recurso presentado pola RAG ante o Tribunal Constitucional en relación ao mal chamado decreto de plurilingüísmo.
Da entidade en defensa da lingua galega sinalan “que máis alá de discusións xurídicas onde parece que os principais órganos xudiciais aceptan tanto a inmersión lingüística en Cataluña como a prohibición de impartir en galego determinadas materias”, a decisión de limitar ou potenciar o galego nas aulas corresponde ao goberno galego, que debe atender as demandas sociais.
Lembran como aínda sendo o decreto de 2007 absolutamente legal e tendo un grande respaldo, o actual decreto foi aprobado unilateralmente polo goberno de Feixó, co rexeitamento da comunidade educativa, organismos consultivos, entidades sociais de todo tipo, moitas delas agrupadas en torno á plataforma Queremos Galego e protagonistas de amplas mobilizacións nestes seis anos, e mesmo sucesivas sentenzas que ratificaron a ilegalidade de aspectos centrais como  a posibilidade de os pais decidiren a lingua nas aulas ou o alumando rexeitar o uso do galego.
Malia a Xunta non o ter avaliado como establece o propio decreto, os resultados están á vista: o maior descoñecemento e falta de uso do galego de toda a súa historia, e a práctica desaparición da lingua galega en etapas como a educación infantil, como demostrou o estudo da Mesa nas cidades ou o máis recente do IGE.  “Resulta cando menos estraño que un goberno teime en aplicar unha norma que ten como resultado o contrario do que se pretende, a non ser que ese resultado, o retroceso e desaparición da lingua propia de Galiza, sexa o obxectivo real”, afirmou o presidente da Mesa, e engadíu que “non é normal que a única oposición á presenza do galego no ensino veña do propio goberno galego, que debería estar para defender e non atacar os intereses de Galiza”.
Maceira lembrou, ademais, que o pasado 15 de xullo todos os partidos asinaron a Declaración de unidade a a prol da normalización da lingua galega, impulsada pola Mesa e que sinalaba entre outros aspectos  a necesidade de establecer o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega como punto de partida “para abrir unha nova etapa de normalidade”.
“En consonancia coa declaración o actual goberno galego debe pór en marcha accións para que esa declaración non fique en palabras baleiras”, sinalou Maceira, polo que “debe eliminar os atrancos que impeden retornar ao acordado e comezar  por elaborar un novo decreto para o uso do galego no ensino baseado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no parlamento galego e que contou cunha ampla participación social, e que debe ser un novo punto de inicio cara a plena normalidade do galego”.

eCity busca voluntariado na UVigo para impulsar a educación con xogos electrónicos

O proxecto europeo de investigación educativa con xogos electrónicos, eCity, quer reunir coa axuda dos seus responsábeis na Universidade de Vigo ao alumnado dos primeiros cursos das enxeñarías e dos últimos de bacharelato e ciclos formativos para que participen nas experiencias piloto que se están a realizar no Campus ao abeiro deste programa. O que se persegue con esta iniciativa é deseñar, desenvolver e validar unha metodoloxía pedagóxica, co apoio dunha plataforma en liña colaborativa que permite facer simulacións do desenvolvemento dunha cidade, estimulando a integración e a explotación continua de Aprendizaxe Baseada en Problemas nas escolas de enxeñaría, pero, ao mesmo tempo, fomentando tamén o interese pola enxeñaría nos estudantes das escolas secundarias.
Cómpre dicir que neste proxecto xa participaron arredor de 120 alumnos e alumnas, 50 das diferentes escolas de enxeñaría do campus e 70 do IES Escolas Proval de Nigrán, aos que en datas vindeiras se sumarán alumnado do colexio Los Sauces. No campus a seguinte cita será o martes 29 de setembro no laboratorio ASo6 de 13.00 a 14.00 horas ou de 15.00 a 16.00 horas.
Aqueles que decidan achegarse terán a oportunidade de deseñar a súa propia cidade virtual e experimentar con ela. Cada un deles elixirá entre oito escenarios de xogo dispoñíbeis que lle permitirán mergullarse nun determinado tema: distribución de enerxía, cobertura móbil e de internet, enerxías renovábeis, protección contra terremotos e inundacións, polución ou mesmo crear unha rede pública de transporte.
O proceso de aprendizaxe neste encontro xirará arredor do interese do alumnado por resolver un problema real a través dun xogo “nunha maneira máis ou menos simplificada”. Logo o alumno desenvolve estratexias e coñecementos para resolvelo. Asemade, traballarase tamén coa colaboración en grupo (o alumnado cos mellores resultados compartirá estratexias cos demais desenvolvendo debates). Segundo explica Manuel Caeiro, docente que participa no proxecto, “o estudante é o protagonista, mentres que o docente adopta un papel de orientador e facilitador de información cando é preciso, de forma que se contribúe a mellorar as competencias de resolución de problemas dos alumnos e o seu concepto de autoeficacia”.

A CIG-Ensino manifesta que non merecemos un presidente que despreza a nosa lingua e esixe un cambio de rumbo na política lingüística de Educación

Núñez Feijoo alardea de incumprir as sentenzas do TSXG contra o Decreto de plurilingüismo e mente publicamente sobre a situación da lingua no ensino.
 
Ante as declaracións realizadas polo Presidente da Xunta de Galicia nun programa de radio, a CIG-Ensino manifesta que o Ensino galego non merece este presidente e esixe un cambio de rumbo na política lingüística da Consellaría de Educación.
A CIG-Ensino considera que é inaceptábel e impropio dun Presidente que, a través dos medios de comunicación, alardee de incumprir as sentenzas que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ditou contra o Decreto 79/2010 de Plurilingüismo. O Presidente da Xunta pretende convencer o pobo galego de que o Decreto 79 foi ratificado polos tribunais e tanto repite esta mentira que acaba por crela el mesmo e actuar así en desobediencia co que esas sentenzas ditan. Non doutro xeito poden ser interpretadas as súas palabras na entrevista que lle realiza Jiménez Losantos este 24 de setembro: “Fago unha enquisa non vinculante por imperativo legal, pero fago unha enquisa (nunha resposta anterior manifesta que fora un compromiso electoral) e ao final decidimos que se nunha aula os pais queren que os seus fillos comecen ler e escribir en castelán, comezan ler e escribir en castelán a totalidade da aula.”. É dicir, o presidente da Xunta declara publicamente que converte en vinculante o resultado dunha enquisa, algo que o TSXG ditaminou ilegal, e se esta di que a maioría dos pais queren un ensino en castelán para os seus fillos impón este resultado a aquelas familias que se manifestaron en prol dun ensino en galego, incumprindo de facto as sentenzas do TSXG e o propio texto do Decreto que establece o seguinte para a Educación Infantil: Artigo 5: “1. … o profesorado … deberá ter en conta a lingua do contorno e procurará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia dentro dos límites da etapa ou ciclo.3. Atenderase de xeito individualizado o alumnado tendo en conta a súa lingua materna.”
Por se isto non fose suficiente, aínda engade despois: “hai un 50% de horas lectivas en galego e outro 50% de horas lectivas en castelán, isto é o que fixemos e creo que está funcionando.” E a CIG-Ensino pregunta: en que datos se fundamenta o presidente da Xunta? Non existen datos que avalen esta afirmación que con carácter xeral realiza sobre o ensino público. Hoxe por hoxe non se están a cumprir nin sequera os mínimos que prevé o cativo Decreto 79, elaborado coa insá intención de reducir a nosa lingua a un terzo, baixo a falacia do trilinguismo, no camiño da desaparición da nosa lingua do ensino, que é o que perseguen.
É impropio dun Presidente ser insubmiso a unha sentenza da Xustiza e aínda por riba alardear de facelo. Unha vez máis comprobamos como o esforzo deste goberno e do seu presidente vai dirixido a perseguir a nosa lingua.
A CIG-Ensino considera que non merecemos un presidente que deste xeito despreza o noso idioma e esiximos un cambio de rumbo radical na política lingüística da Consellaría de Educación, un cambio que debe comezar por derrogar o Decreto 79 que, aclarámoslle ao presidente da Xunta, recibiu varias sentenzas desfavorábeis do TSXG declarando ilegal o decreto en aspectos claves e tombando dous dos piares básicos nos que se asenta a política lingüística do PP e ningunha das sentenzas ou pronunciamentos de tribunais superiores mudaron esa realidade.
Sentimos vergonza ante un presidente que, en lugar de defender e promover a lingua propia do seu país, desprézaa e goberna contra dela. Se aínda ten algo de dignidade debería deixar de representar ás galegas e aos galegos.

A AELG tece o futuro da literatura galega

ACORDA A CREACIÓN DO INSTITUTO ROSALÍA DE CASTRO
 
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este sábado o VI Congreso de Escritores e Escritoras da AELG para tecer o futuro da literatura galega nos próximos tempos. Falamos co presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, sobre as conclusións dos grupos de traballo.

Unhas dez horas déronlles aos escritores e escritoras da AELG para debater e escoller os fíos cos que tecer o futuro da literatura en lingua galega. Precisamente, o sexto congreso da asociación celebrouse baixo a pregunta “Para quen escribirmos o futuro?”. Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, fai fincapé en que unha das cuestións principais que se acordaron no Congreso pasa pola necesaria visibilidade social do escritor e da escritora, así como traballar co idioma, para que o idioma sexa ferramenta de modernidade.
Entre as propostas destacadas que saíron dos grupos de traballo, Cesáreo Sánchez salienta a necesidade de crear un Instituto Rosalía de Castro que divulgue a literatura galega no mundo. Co mesmo obxectivo, falouse da necesidade de impulsar a visibilización internacional da literatura galega nas feiras internacionais.
Unha das conclusións ás que chegaron os autores e autoras foi a necesidade de crear unha axencia literaria
En conversa con Sermos Galiza, o presidente da AELG dá conta das principais conclusións ás que chegaron os distintos grupos de traballo nos que se organizou o Congreso. En relación á mesa sobre os dereitos de autor e autora e a profesionalización, “incidiuse na necesidade de buscar que a nosa literatura saia ao mundo a través de traducións e da creación dunha axencia literaria, como hai noutros países”.
“Tamén se acordou que a AELG, na medida en que poida, traballará por crear un servizo de orientación aos autores e autoras á hora de interpretaren os contratos”, sinala. “Aínda que non sexamos profesionais no sentido de non poder vivir das nosas obras, insistiuse moito en que cómpre que os escritores e escritoras sexamos percibidos pola sociedade como profesionais que traballan na construción dunha literatura nacional”, engade.
O grupo de oralidade acordou potenciar a liña de traballo no ámbito escolar, a través de modelos como o teatro e a narración oral. O presidente da AELG afirma, ao respecto, a importancia da oralidade, pois “ten relación coa situación actual do idioma, porque se non hai falantes de galego, non haberá contadores de historias”. Como elemento de prestixio, este grupo de traballo tamén propuxo que as Letras Galegas sexan dedicadas un ano á literatura oral.
No que respecta á mesa sobre novas formas de edición, Cesáreo Sánchez pon de manifesto que se coincidiu na necesidade de ser flexíbeis cos novos formatos mixtos tecnicamente e que contan cunha gran difusión. Tamén se acordou procurar para os autores e autoras un papel decisivo nos procesos de cambio da difusión dos contidos culturais e estar atentos e atentas ás novas formas de difusión de contidos.
Sobre a literatura dramática, o presidente da AELG sinala que se insistiu en que cómpre que o sector busque a recuperación da administración dos certames de escrita dramática e a garantía da publicación e da escenificación das obras gañadoras. Este grupo de traballo considerou preciso a levar a escrita dramática ao ensino e puxo o foco sobre a necesidade de promover lecturas dramáticas e, sobre todo, que se programen autores e autoras galegas, e non só autores e autoras traducidas. O presidente da asociación salienta que se acadou un acordo para que os dramaturgos creen unha sección de literatura dramática, como xa existe no caso da tradición oral.
O grupo de traballo sobre a lusofonía propuxo que a AELG potencie a tolerancia ortográfica
En canto á lusofonía, as persoas participantes coincidiron na importancia de aproximar a literatura galega á cultura da lusofonía, de maneira que se poida amosar a riqueza da literatura galega ás culturas lusófonas. Este grupo de traballo acordou que a AELG potencia a tolerancia ortográfica sen discriminacións que impidan a difusión dunha parte da nosa literatura.
No que atinxe á formación de lectores e lectoras, grupo que, segundo Cesáreo Sánchez, espertou un grande interese, reivindicouse a literatura infantil e xuvenil como unha literatura á altura de calquera outra, alén de se considerar estratéxica na formación de novos lectores e lectoras. “Advertiuse de que é moi importante que a literatura infantil e xuvenil se inclúa como materia específica na formación do profesorado”, engade.
As conclusións do Congreso marcan o futuro do enfoque da literatura galega con esperanza, ilusión e optimismo
Cesáreo Sánchez salienta que as conclusións das distintas mesas de traballo representan unha guía de traballo para os próximos anos. “Reflexionamos sobre o conxunto de temas transversais necesarios sobre como enfocar o futuro da literatura sendo críticos coa situación actual, mais esperanzados, ilusionados e con moito optimismo”, confesa.
O punto final do Congreso, no que se presentaron os aspectos da páxina web (que celebra os 20 millóns de entradas cando apenas ten 10 anos de vida), púxoo a música de Xardín Desordenado, que musicou poetas galegos e galegas.

venres, 25 de setembro de 2015

Aproban a selectividade un 67,6% dos alumnos presentados en setembro

Dos 1.883 estudantes que realizaron as probas en Galicia, un total de 1.274 foron declarados aptos

Un 67,65% dos alumnos presentados en fase xeral de selectividade en Galicia durante os exames de setembro aprobaron, segundo informou este xoves a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG). Dos 1.883 presentados en fase xeral -había 2.372 matriculados na Proba de Acceso á Universidade (PAU) entre fase xeral e específica-, un total de 1.274 foron aptos (o que supón case un 68%). Pola súa banda dos 2.372 matriculados ás probas do 16, 17 e 18 de setembro, presentáronse 2.334, o que supón un 98,34%, segundo as cifras achegadas pola CIUG.
As solicitudes de segunda corrección e reclamación poderanse facer desde o vindeiro luns, 28 de setembro, ata o mércores, 30 de setembro. Así, a publicación de cualificacións da Pau logo da resolución das reclamacións terá lugar o 2 de outubro. Con todo, boa parte das titulacións universitarias en Galicia xa teñen as prazas pechadas.

Umha norma inteiramente lusófona que abranja a nossa especificidade

Nas últimas décadas, as possibilidades comunicativas abertas com os países de língua portuguesa acarretárom um aumento da exposiçom a textos lusófonos por parte das pessoas galegas (Internet, ensino…). Este facto foi determinante para alterar as nossas expetativas de expansom, já que facilitou a compreensom dos nossos postulados nalguns setores da sociedade. Mas também mudou as nossas prioridades e o velho debate entre entre a norma da AGAL e a padrão, tam vivo nos anos 80 e 90, ficou praticamente reduzido à mínima expressom, encostado polas necessidades que nos impujo termos que falar mais para fora do que para dentro.
Porém, esta divergência nom desapareceu e continua a provocar distorçons na colaboraçom entre reintegracionistas e na mensagem. Resumindo muito estas distorçons, quanto a nós, obriga-nos a escolher as pessoas e os organismos com que trabalhamos, fazendo equilíbrios constantes para que a questom apriorística da norma nom limite a colaboraçom. O problema ainda é maior em relaçom às pessoas que se aproximam de nós, que som levadas a fazer umha escolha, muitas vezes incómoda, e a ter feitas reflexons ou possuir conhecimentos a que nom deveriam ser obrigadas logo à partida.
A candidatura ao Conselho da AGAL ‘Polo novo consenso’ acha que está na hora de resolver o problema, da forma mais simples e satisfatória para todos e todas. O objetivo seria otimizar ao máximo as divergências normativas que ainda temos, aglutinando as duas tradiçons gráficas existentes no nosso movimento numha única norma. Se fosse conseguido, seriam os utentes a fazer as escolhas que achassem oportunas em cada momento, dentro de um texto prescritivo o mais simplificado possível, tendo em conta, por exemplo, o registo ou o público alvo. Com os anos, cremos que acabariam por ser as necessidades do próprio movimento e das pessoas que o componhem as que orientassem a direçom da variedade do português da Galiza, o galego. Trata-se, afinal, de fazer da nossa principal discrepáncia interna umha experiência padronizadora coparticipada e motivante.

Porquê agora?

A aprovaçom da ILP Paz Andrade no Parlamento Galego por maioria absoluta e a possibilidade de o português poder avançar no ensino acentua a necessidade deste passo. No momento atual, temos mais capacidade para obter vitórias políticas com o português padrom, mesmo ensinado como língua estrangeira, do que com a norma da AGAL, e carece de sentido, por exemplo, lançar a dúvida de se o que se está a ensinar nas escolas fai parte ou nom da nossa proposta. Mas isso nom quer dizer que as opçons morfológicas galegas defendidas pola norma da AGAL perdessem valor para conseguir umha maior identificaçom dos galegos com as nossas posturas, como prova o facto de estar mui viva no associativismo. Do que se trata é de aproveitar o que de melhor tenhem ambas, mantendo duplas opçons para aquelas variantes morfológicas incontornáveis, mas apresentando-nos perante a sociedade como utilizadores de umha única norma, inteiramente lusófona, mas completamente respeitosa com os ritmos de socializaçom da nossa proposta.

Como se faria?

Usando como modelo processos semelhantes que já resolvêrom satisfatoriamente discrepáncias padronizadoras noutros ámbitos lingüísticos, como no catalám (para o valenciano) e no nosso próprio (AO 90, acordo entre ILG e “mínimos”). Em termos técnicos trata-se de umha decisom fácil, porque a prática demonstrou que a única distáncia que nestes momentos se apresenta complicada de salvar é a constituída pola terminaçom –ão em palavras que no conjunto das falas galegas se pronunciam [-‘ãŋ] e [-‘õŋ] e a forma gráfica dos indefinidos femininos (uma). Estes traços som difíceis de incorporar para quem pretende divulgar umha norma lusófona de carácter nacional galego, e difíceis de dispensar para quem pretende operar com umha norma que nom limite a nossa consideraçom de lusófonos. De resto, o til já foi incorporado, mas nom difundido, pola norma da AGAL noutras terminaçons, e a prática também demonstrou, a partir dos usos individuais, que outras marcas, quer lusitanas quer galegas, nom pressuponhem obstáculos invencíveis para aglutinar ambas as normas. Por exemplo: pássaro, trazer, sim, tens ou vêm e mesmo câmara gozam de um uso considerável entre os utentes da norma da AGAL e o mesmo se pode dizer de dous, cousa, polo, figem e pujo entre as pessoas partidárias de adoptar o português padrom.

Eduardo Sanches Maragoto aspirará a ser o novo presidente da AGAL

Un "novo consenso". É o espírito co que a candidatura formada por un grupo de oito persoas que veñen de "decidir dar um passo à frente" cara ás eleccións que a Associaçom Galega da Língua (AGAL) celebra o vindeiro 24 de outubro e nas que renovará o seu Conselho. Trátase dunha aposta por "continuar o trabalho do Conselho sainte" na que o profesor Eduardo Sanches Maragoto aspira á presidencia.
Os últimos dous presidentes da entidade, Valentim Fagim e Miguel R. Penas, así como Gerardo Uz, que actualmente exerce unha das vogalías, únense a esta equipa para "a organizaçom de diferentes áreas de trabalho", amosando así a devandita continuidade dentro da aposta por "duas linhas programáticas" que serán alargadas ata a presentación do programa oficial. Nese documento final, sinalan, incluiranse achegas "dos associados e associadas que quigerem co-participar na elaboraçom do programa".
As dúas liñas formuladas por esta candidatura pasan por reforzar o reintegracionismo a través do "desenvolvimento da Lei para o aproveitamento da língua portuguesa e vínculos com a Lusofonia", a Lei Paz Andrade, e mais o "fomento do reconhecimento entre identidade galega e reintegracionismo". "Para avançar com ambas as linhas programáticas pretendemos fomentar a colaboraçom com o conjunto da sociedade, tecendo redes que facilitem a penetraçom da ideia de comunidade galego-portuguesa, nomeadamente através da implementaçom de projetos que permitam explorar ao máximo" a novaa lei, indican.
A candidatura conta co apoio dos dous últimos presidentes da entidade e inspírase na procura dun "novo consenso" lingüístico
"Para além destas linhas programáticas -engaden-, esta candidatura também vai submeter a consulta a otimizaçom das duas tradiçons gráficas que convivem no reintegracionismo". Trátase, aclaran, de "saber se é considerado conveniente avançar para umha norma unitária que as aglutine".
O equipo encabezado por Sanches Maragoto presenta a Carlos Quiroga como vicepresidente, a Eliseu Mera como secretario e a José Calleja como responsable de finanzas. O novo Conselho da Agal completaríano, como vogais, Susana Arins, Jon Amil, Ricardo Gil e Xico Bugueiro.

Ao cole andando: Os camiños escolares esténdense por Galicia

"Eu propóñolle ao alcalde de Pontevedra que ao entrar na cidade poida haber un cartaz que poña: Coidado, os nenos desta cidade van á escola sós e xogan na rúa". Así chanceaba o pasado marzo o prestixioso psicopedagogo e educador Francesco Tonucci durante unha conferencia na que, ao debullar a versión galega da súa obra A cidade dos nenos (Kalandraka), lembraba a súa colaboración co Concello pontevedrés no seu proceso de "cambio" urbano, no que pasou de priorizar os coches a "convidar os nenos a iren á escola sen adultos". Esa filosofía plasmouse nos Camiños Escolares, unha iniciativa xa plenamente implantada en Pontevedra e que nos últimos anos se veu estendendo por diversas localidades de Galicia, con Santiago como última incorporación ata o momento.
A xuízo de Tonucci, que nais e pais "non lles deixen saír aos nenos porque a rúa é perigosa" é todo un "paradoxo". "Eu creo que a rúa é perigosa porque non hai nenos nela, está abandonada", afirmaba. "Se os nenos non poden saír sós da casa non poden ser bos cidadáns, non contribúen a facer a cidade mellor", e se as vías urbanas "só serven para que pasen os coches, os coches non coidan a ninguén", mentres que os peóns "comunícanse, míranse, e se hai nenos na rúa, cóidanos". Con estes principios lanzouse hai xa máis de media década o primeiro Camiño Escolar de Pontevedra, que comezou experimentalmente no colexio Álvarez Limeses.
Os postulados do psicopedagogo Francesco Tonucci inspiraron o lanzamento do proxecto en Pontevedra
A aposta por que o alumnado volvese ir andando ao colexio particu dunha apelación á "confianza" das familias na responsabilidade de nenas e nenos, pero tamén na cidade como "espazo basicamente seguro", lembran dende o consistorio. Por este motivo, os camiños escolares baseáronse na "pacificación" do tráfico mediante peonalizacións e a xeralización do límite de 30 quilómetros por hora na zona urbana, pero tamén no establecemento de varios dispositivos adicionais sobre o papel e sobre o terreo. "É no seo de cada familia onde cada neno e nena ten que aprender o camiño á escola e á casa", evidencia o goberno local, se ben persoal municipal "de apoio" ubícase en varios puntos dos percorridos para "axudar" a que os escolares "estean atentos a semáforos e vehículos" e indicar a quen vaian en coche "a necesidade de extremar o coidado pola presenza de nenas e nenos sós na rúa".

Implicación da cidadanía e do tecido comercial


Distintivo dos locais colaboradores en Pontevedra e "multa cívica" en Santiago
Ademais de intervir  no tráfico, trazar rutas seguras e implantar persoal de apoio, os camiños escolares apelan á colaboración do conxunto da cidadanía e, moi especialmente, dos establecementos comerciais e hostaleiros que desenvolven a súa actividade nos itinerarios polos que pasan nenos e nenas ao iren ao colexio. "Falamos con encargados dos locais comerciais e hostaleiros para que axudasen en caso de problemas, de tal xeito que o neno ou nena pode entrar nos locais" que teñan o distintivo distribuído dende o Concello para "recibir a axuda que precisen", que en caso de problemas adoita ser, "basicamente, chamar ao colexio ou á Policía Local".
Os camiños escolares inclúen unha rede de establecementos comerciais aos que o alumnado poden acudir se ten algún problema durante o percorrido
A colaboración dos comercios é tamén unha das pezas do proxecto da que, ata o momento, é a última localidade galega en poñer en marcha estes roteiros á escola, Compostela, onde reciben o nome de Colecamiños. No caso da capital galega o primeiro destino experimental do plan é o colexio Pío XII, ao que chegan catro itinerarios deseñados pola Policía Local que se "poden percorrer nuns 10 minutos", partindo de puntos nos que "os pais e nais poden parar uns minutos cos seus coches para deixar os nenos", no caso de que os seus fogares estean máis afastados.
Os Colecamiños, resalta o Concello compostelán, segue a estela de "experiencias que xa funcionan con éxito en moitos países europeos e en cidades máis próximas como Pontevedra" e "abrangue todas as áreas de xestión municipal", porque implica dende charlas de sensibilización a "modificacións urbanísticas", pasando pola implantación de novos sinais de tráfico ou campañas específicas como a denominada "multa cívica", coa que nenas e nenos poden sinalar condutas de persoas adultas que, ao seu xuízo, poden obstaculizar ou impedir estes percorridos seguros.
Os Colecamiños de Santiago inclúen a campaña da "multa cívica", para sinalar condutas de persoas adultas que poñen en risco a seguridade
Como en Pontevedra, o proxecto de futuro en Santiago é estender os Colecamiños para, paulatinamente, ir substituíndo "o hábito de levar os cativos en coche ata a mesma porta da escola", que "os priva de momentos compartidos coas súas amizades, pero tamén pon trabas ao desenvolvemento da súa autonomía". Cómpre ter en conta, di a oficial da Policía Local Diana Parente, que "hai estudos que xa apuntan a que aos oito anos os cativos xa teñen as capacidades psicolóxicas e psicomotrices necesarias para seren autónomos".
"Levar os cativos en coche ata a porta da escola pon trabas á súa autonomía"
A "recuperación da cidade para as persoas que viven nela, tamén para as máis novas" e, asemade, a mellora na "fluidez do tráfico" serán dous dos obxectivos dos Colecamiños composteláns. Coa súa posta marcha Santiago súmase a Pontevedra, pero tamén a iniciativas semellantes que, nos últimos anos, xurdiron en cidades e vilas como A Coruña, Ourense e Lugo, e, máis recentemente, en Carballo e Barbadás.