venres, 17 de xuño de 2016

Un 'bot' da RAG que che dá unha definición no Facebook

A renovación do Portal das Palabras, a web da RAG e da Función Barrié dedicada ao léxico galego, tráenos moitas novas aplicacións, entre elas, un 'bot' (unha pequena aplicación que imita o comportamento humano) que che ofrece unha definición de calquera palabra dentro do Facebook e de forma instantánea.

A Academia Galega vén de presentar esta mañá na súa sede da rúa Tabernas a renovación desta web, que desenvolve desde 2013 en asociación coa Fundación Barrié para a modernización da lexicografía en Galiza. Inclúe novidades na propia web, melloras  no Dicionario RAG e novas versións para móbiles.
A web renovada conta con máis propostas, utilidades, capacidade de adaptación e posibilidade de crecer. Ademais de novas seccións, introdúcense melloras no Dicionario como o feminino nas palabras con variación de xénero, conxugacións verbais e un experimento en forma de 'bot', asociado ao Dicionario, para o messenger de Facebook –Dicionario RAG–, que define os termos que se lle solicitan. Máis adiante prepararanse aplicacións similares para Telegram e Whatsapp.
Tamén levaron adiante un redeseño das apps móbiles, que agora contan con buscador de sinónimos, acceso a unha versión dos xogos en formato móbil e un sistema de actualización automatizada da base de datos de palabras.
Internacionalización
Durante a presentación tamén se anunciou que iniciarán un proceso “para dar a coñecer internacionalmente a nosa experiencia co fin de exportar estas utilidades alén das nosas fronteiras e que se sexan aproveitables por outras linguas”, partindo do convencedmento de que “a metodoloxía e a tecnoloxía coa que se desenvolven o Portal e as ferramentas asociadas –aplicacións móbiles e Dicionario–, resultarán de interese para calquera contexto lingüístico”.
Ao tempo e noutra dirección, ofrecererán a centros educativos, asociacións ou calquera outro colectivo interesado no léxico en Galiza, a oportunidade de crear réplicas do Portal das Palabras, aproveitando, deste xeito, a súa tecnoloxía para elaborar e publicar os seus propios contidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario