martes, 21 de xuño de 2016

A Universidade de Verán da USC aborda nun curso a paisaxe como patrimonio

O curso, que se realizará en Guitiriz, inclúe un obradoiro co título ‘A biodiversidade como patrimonio ecolóxico’ e a proxección do audiovisual ‘Paisaxes naturais’.


‘A paisaxe como patrimonio’ é o título do curso incluído na Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 13 ao 15 de xullo na Casa Habanera de Guitiriz. Estruturado en 24 horas lectivas e aberto á participación de todas as persoas interesadas pola temática, este programa formativo e de divulgación, dirixido por Roxelio Pérez Moreira e do que actúa como secretario o tamén profesor da USC Francisco Javier López González, busca afondar nunha dimensión, en ocasións esquecida, da paisaxe, como é a relativa á súa condición de patrimonio natural.
O catedrático de Enxeñaría Química e ex reitor da USC, Juan Casares Long, abrirá este foro o 13 de xullo cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Ciencia e conciencia: a primavera silenciosa’. Paisaxes astronómicas e astrografía e a relación entre a paisaxe coa xeoloxía e a minaría centrarán as temáticas das outras dúas charlas programadas na xornada inaugural deste curso, que inclúe un obradoiro co título ‘A biodiversidade como patrimonio ecolóxico’ e a proxección do audiovisual ‘Paisaxes naturais’.
A profesora de Xardinería e Paisaxismo da USC María Isabel Iglesias abrirá a quenda de relatorios o 14 de xullo cunha intervención que leva por título ‘A arte dos xardíns: un patrimonio histórico e cultural’. Os camiños e as construcións populares, a interpretación das paisaxes urbanas e o patrimonio arqueolóxico subacuático serán outros dos temas a tratar nesta xornada, que rematará cun obradoiro sobre plantas medicinais e cultura popular e a proxección do documental audiovisual ‘Paisaxes culturais’.
O curso de verán da USC ‘A paisaxe como patrimonio chegarán ao seu remate o 15 de xullo cunha xornada que comezará cun relatorio sobre o monte Pindo, a cargo do escritor Francisco X. Fernández Naval. As paisaxes como impresións dunha viaxe e o patrimonio como paisaxe dan título aos outros dous relatorios programados en quenda de mañá. Xa pola tarde, os participantes neste curso realizarán unha ruta a pé polo concello de Guitiriz.
As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.

Ningún comentario:

Publicar un comentario