mércores, 15 de xuño de 2016

Aposta polo talento galego para o Concurso Europeo de Navegación por Satélite

En 2015 Galicia participaba por primeira vez no Concurso Europeo de Navegación por Satélite e fíxoo presentando un total de 17 ideas, o que a situou no posto décimo primeiro das 25 rexións europeas que concorreron ao certame. Destas 17 propostas, a da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo resultou elixida como gañadora desta fase rexional cunha aplicación para móbiles que permite enviar aos servizos de emerxencia unha imaxe coa localización exacta dun sinistro. No 2016 Galicia repite neste concurso co reto de superar esta cifra de participación e para dalo a coñecer a sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela acolleu este luns unha xornada informativa na que participaron Manuel Varela, director de GAIN e Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo. A presentación do concurso correu a cargo de Kathrin Sturm, project manager de Anwendungszentrum GmbH Oberpfaffenhofen (AZO) e de Francisco J. Diaz-Otero, profesor da Universidade de Vigo e coordinador rexional do concurso. Seguidamente, a xornada completouse cunha mesa redonda sobre o sector aeroespacial e aeronáutico en Galicia, que se centrou no Galileo Masters como unha oportunidade para a ‘civil UAVs Initiative’.
A pasada edición Galicia acadou o 11º posto entre os 25 participantes europeos
 O Concurso Europeo de Navegación por Satélite, promovido pola Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais, é un certame internacional de innovación que premia as mellores ideas no desenvolvemento de aplicacións orientadas ao mercado e baseadas en tecnoloxías de navegación por satélite. Dende 2004, máis de 10.000 desenvolvedores participaron no concurso e, para esta ocasión, o prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 30 de xuño. Galicia é unha das 21 rexións asociadas e convoca dous premios, por un lado un premio rexional promovido polo Consorcio Zona Franca de Vigo, a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, a empresa Marine Instruments e os centros de investigación AtlantTIC e Campus do Mar e, por outro lado, a Axencia Galega de Innovación concederá un premio especial no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados (UAVs) e as súas aplicacións no ámbito civil.
Todas as ideas que se presenten optarán simultaneamente a un premio internacional e a un premio rexional e, en total, o certame repartirá máis de 1 millón de euros en premios. As propostas deberán ser enviadas de xeito telemático desde a páxina web da organización, serán avaliadas en setembro nunha reunión internacional e en outubro terá lugar a cerimonia de entrega de premios.
O certame repartirá máis de 1 millón de euros en premios
Segundo explicou Teresa Pedrosa no acto deste luns, “Zona Franca premiará ao gañador rexional de Galicia cun ano de incubación nun dos parques empresariais da Zona Franca de Vigo, o que inclúe ademais do espazo físico, asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, servizos administrativos e xerais, coaching de negocios, consultoría, avaliación e formación, estudos de mercado e orientación económica”. Este ano, ademais do premio de 1000 euros que Marine Instruments outorgará de xeito adicional á mellor idea de navegación vía satélite no ámbito marítimo, a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación concederá un premio especial no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados: o premio Sistemas UAV para Aplicacións Civís.
Pola súa banda, o gañador ou gañadora do premio especial UAV, concedido en colaboración con Indra e Inaer, recibirá un paquete de apoio integral para o desenvolvemento da súa idea que inclúe 3000 euros en efectivo, ademais de acceso ás infraestruturas de probas das Rozas, cooperación co INTA e o CIAR, así como acceso a Indra/Inaer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario