martes, 14 de xuño de 2016

Cursos de televisión e radio para nenos este verán

Cativos de 4 a 12 anos aprenderán como redactar noticias ou como facer entrevistas e gravarán o seu propio informativo. 

Afundación acolle durante os meses de xuño e xullo na súa sede da Coruña a proposta de obradoiros de verán 2016, dirixidos a nenas e nenos de 4 a 12 anos, e dedicados á radio e a televisión. O obxectivo destas actividades, que se desenvolverán os días 28, 29, 30 de xuño e 1 de xullo na Coruña, é que os participantes poidan aprender divertíndose e, ao mesmo tempo, promover un espazo que contribúa á conciliación da vida laboral e familiar. Información e reservas a través da web de Ataquilla.com.
O curso, que ten como obxectivo mostrar aos asistentes todo o que se esconde tras a pantalla do seu salón ou tras o dial da súa emisora de radio, estrutúrase en dúas sesións. Na primeira, «Aprendendo a facer televisión e radio», os participantes achegaranse, a modo de introdución á historia da televisión e a radio para, a continuación, aprender as nocións básicas de como falar diante dunha cámara ou un micrófono, como os presentadores, ou redactar noticias para informativos e gravar entrevistas. Aprenderán tamén como se realiza un informativo, un espazo meteorolóxico ou un programa de entretemento, cos aspectos técnicos que implica todo iso, desde a gravación ata a realización, ensaios, presentación, improvisación, maquillaxe, edición...
Na segunda sesión, «Dentro vídeo!», formarase un equipo de televisión no que cada participante debe asumir un rol: cámaras, guionistas, realizadores, presentadores... Todo o proceso será gravado e editado e entregarase aos pais nun DVD para que os propios nenos se vexan nos seus televisores e conserven ese divertido recordo para o futuro.
As dúas sesións dos obradoiros desenvolveranse consecutivamente os días 27 e 28 de xuño, para nenas e nenos de 4 a 7 anos, e o 30 de xuño e 1 de xullo, dirixido a nenas e nenos de 8 a 12 anos, en horario de 10.00 a 13.00 h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario