Os alumnos da Universidade de Santiago nestes eidos son os que gozan de máis prestixio en España para entrar no mercado laboral.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é a universidade española con mellor percepción entre os empregadores no ámbito das Humanidades e outras Ciencias Sociais. Así o conclúe un estudo partir dos datos de 2.155 enquisas a responsables de contratación doutras tantas empresas de toda España, para o ránking Universidade-Empresa. Este informe da fundación Everis sobre empregabilidade de recén titulados sinala que a USC é a mellor valorada en canto a honestidade e compromiso ético, habilidades interpersoais e a comunicación, capacidade de análise e resolución de problemas, a orientación a resultados así como os coñecementos técnicos que achega aos seus titulados para o exercicio da profesión.No apartado de Humanidades e outras Ciencias Sociais atópanse agrupadas os graos en Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Educación Primaria, Educación Social, Pedagoxía, Mestre en Educación Infantil, Filosofía, Historia, Historia da Arte, Humanidades, Hispánica, Inglés, Literatura, Xeografía ou Ciencias Políticas, entre outras. Ao ámbito da Saúde e Benestar pertencen Enfermaría, Farmacia, Medicina, Nutrición Humana e Dietética, Odontoloxía, Óptica e Optometría, Veterinaria, Psicoloxía ou Traballo Social, entre outras.
Ademais, os titulados da USC no ámbito da Saúde e Benestar posicionan a institución compostelá no quinto posto de entre as universidades españolas, por detrás de Alicante, Barcelona, Navarra e Murcia. O ránking da fundación Everis tamén contempla os datos de titulados en Informática e TIC; Administracións de Empresas, Económicas e Dereito; e en Ciencias e Enxeñarías.
A finalidade específica deste estudo foi determinar as mellores universidades por cada ámbito de coñecemento e establecer as mellores universidades para as titulacións máis demandadas en España. Ademais tratouse de coñecer as competencias máis importantes en opinión dos empregadores e analizar as competencias necesarias nos titulados recentes para desenvolver axeitadamente o seu posto de traballo, sempre en opinión da entidade contratante.
O ránking elaborouse a partir das enquisas realizadas a responsables de contratación das empresas participantes, entendidos como os representantes das decisións de selección e contratación das empresas. En cada área de coñecemento tivéronse en conta un número mínimo de contratacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario