A Facultade
de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo desenvolve ao longo
deste mes o curso Ensinar ciencias con xoguetes interactivos e
encerado dixital. Unha educación para o século XXI.
Trátase dunha actividade de
Extensión Universitaria (forma parte dos cursos de verán da
Virreitoría do Campus de Pontevedra) dirixida polos profesores María
Álvarez Lires e Francisco Serralé e que conta coa participación de
30 estudantes. O obradoiro, co obxectivo de conseguir que os medios
empregados reforcen ao máximo os contidos, estase a impartir por
enteiro con encerado dixital: o acubillo e canle de todas as
actividades interactivas. Trátase da terceira edición do curso e a
súa principal novidade con respecto a anteriores edicións radica,
precisamente, nun uso aínda máis integral das novas ferramentas.
Nun
plano máis concreto, entre as novidades desta edición atópase un
achegamento ao programa de simulación Algodoo, ao
robot emocional Aisoy e á
programación por bloques e a través de encerados dixitais. Segundo informan os responsábeis
do obradoiro, o gran obxectivo deste é “amosar ao alumnado
o que as novas tecnoloxías poden achegar ao ensino”. Tecnoloxías
como por exemplo os brinquedos interactivos con potencial docente,
aplicábeis por exemplo para desenvolver as competencias recollidas
nos currículos de Infantil e Primaria.
Ademais, no marco dun
dos proxectos de innovación educativa aprobados pola facultade para
o presente ano académico, o curso afonda tamén no potencial
didáctico das aulas virtuais e dos libros interactivos. E tamén da
realidade aumentada. Estas liñas formativas, informan os docentes,
foron abertas grazas a un convenio co CESGA, o Centro de
Supercomputación de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario