martes, 28 de xuño de 2016

Recuperados os orixinais desaparecidos do Álbum Nós de Castelao

O Museo de Pontevedra localizou o pasado marzo estes orixinais que formaban parte dunha colección particular e que estaban desaparecidos desde 1924. Poderán verse na exposición 'Meu Pontevedra' que se inaugura mañá neste museo. 

Desde 1924 non se volveron ver expostas as estampas que conforman o Álbum Nós de Castelao e desde a década de 1930 perdérase a pista do seu paradoiro.  Grazas ao traballo de investigación do equipo técnico do Museo de Pontevedra, os debuxos orixinais foron localizados nunha colección particular o pasado mes de marzo e serán expostos no marco da mostra 'Meu Pontevedra', que mañá terza feira abre as súas portas ao público. "Á alegría de atopar o Álbum Nós súmaselle que coincida co centenario da chegada de Castelao a esta cidade" sinalou Ángeles Tilve, unha das artífices deste achado e unha das comisarias da mostra que mañá se inaugura no Sexto Edificio do Museo.
A mostra, que toma o título dun texto escrito polo propio Castelao rememorando os tempos nos que viviu en Pontevedra, foi presentada esta mañá polo deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, que estivo acompañado polo director do Museo, Carlos Valle, e polos dous comisarios, Ángeles Tilve e José Manuel Castaño. "Será unha mostra histórica" asegurou o director do Museo en referencia ao fito de poder expoñer noventa e dous anos despois os orixinais do Álbum Nós. Sobre este achado, Valle manifestou que "espero que o feito de que poidamos exhibir os orixinais sirva para reparar a honra de persoas que durante décadas foron acusadas de ocultar, mesmo de secuestrar, estes orixinais". Entre as persoas mencionadas como as máis damnificadas por este tipo de acusacións ao longo da historia sinalou especialmente a Sánchez Cantón, o primeiro editor do Álbum. Segundo explicaron tanto o director como os comisarios, o Álbum Nós "é parte dunha colección particular que procede dun regalo feito polo propio Castelao".
Os orixinais contarán cunha sala exclusiva no marco da mostra e constitúen unha parte esencial na proposta expositiva, que abarca entre os anos 1916 e 1936. Deste xeito, esta nova exposición recolle o final da anterior, 'Castelao Artista', que remataba cos bocexos das estampas deste álbum. As tres salas de exposicións do Sexto acollen en diversos bloques temáticos e cronolóxicos "o carácter multifuncional e poliédrico de Castelao", segundo palabras de Valle.
Unha sala amosará a relación do autor coa cidade, "á que el buscou vir porque xa tiña relación con algúns persoeiros pontevedreses do momento e porque lle gustaba o ambiente cultural que aquí había" asegurou Ángeles Tilve. As demais salas atenderán á faceta literaria do autor, así como á de caricaturista, poderán verse as súas colaboracións na prensa galega e madrileña do momento, e diversos documentos gráficos amosarán a súa evolución ideolóxica e política. "Para calquera visitante que viñera ver a mostra 'Castelao Artista', a daquel Castelao que quería ser artista e pintaba grandes óleos, agora poderá ver a evolución ideolóxica, nunha etapa na que entra a formar parte das Irmandades da Fala, que reflicte na súa obra a problemática da Galiza rural, e que amosa a esencia do mundo campesiño e mariñeiro" sinalou José Manuel Castaño. O comisario tamén incide na faceta política e na relación coa cidade "non houbo ningún outro lugar onde Castelao pasara tantos anos da súa vida coma en Pontevedra e é aquí onde se converte no líder político que na actualidade todos recoñecemos na súa figura".  É a época na que ademais de formar parte das Irmandades da Fala, tamén colabora co Seminario de Estudos Galegos, participa na Coral Polifónica e forma parte da 'Sociedad Arqueológica de Pontevedra", organización esta última que promovería a fundación do Museo de Pontevedra.
'Meu Pontevedra' será inaugurada na data simbólica do 28 de xuño, día do plebiscito do estatuto de autonomía de 1936. Permanecerá aberta ao público no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra até o 11 de setembro. Entre todos os simbolismos escollidos, os comisarios tamén mencionaron que o debuxo do cartaz da mostra corresponde aos soportais da Praza da Ferraría, que Castelao realizou para inmortalizar a vista que tiña desde a ventá do seu despacho.

Ningún comentario:

Publicar un comentario