A institución pechou o exercicio do pasado con superávit e acelera a redución da súa débeda
A USC pechou o exercicio económico correspondente a 2015 cun superávit de 1,6 millóns de euros, o que permite reducir déficit a unha maior velocidade do previsto inicialmente polo Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio, documento que define a estratexia económica da USC para absorber o déficit acumulado da institución académica (preto de 14 millóns de euros a finais de 2014). As estimacións previstas para 2015 eran dun superávit de 67.000 euros.A memoria anual foi o punto central do Consello de Goberno que a Universidade de Santiago celebrou este martes e no que o xerente José Manuel Villanueva Prieto deu conta dos principais indicadores económicos da institución compostelá durante o pasado ano e do grao de cumprimento do Plan de Reequilibrio. As vías para alcanzar este primeiro balance positivo das contas universitarias foron a contención do gasto corrente, a renegociación da débeda e a implementación dun plan de mellora na xestión e captación de ingresos ao longo de 2015, ano no que tamén se ten negociado o novo plan de financiamento do Sistema Universitario Galego e cuxa vixencia comezou en 2016.
O superávit rexistrado durante o pasado ano e a súa conseguinte incidencia na redución do déficit mostra, en opinión do reitor Juan Viaño, os froitos do esforzo asumido polo conxunto da comunidade universitaria. O reitor apelou á necesidade de seguir traballando na mesma liña na procura de avances significativos que permitan remontar a actual situación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario