venres, 10 de xuño de 2016

Declárase ilegal o canon dixital español actual

Dende 2012 en España a compensación equitativa por copia privada (popularmente coñecida como “canon da SGAE” ou "canon dixital") sufrágase con cargo os Orzamentos Xerais do Estado mediante un sistema que determina anualmente a cantidade da compensación dentro dos límites orzamentarios establecidos para cada exercicio, o que consideraron inxusto dende varias entidades de xestión colectiva de dereitos de autor, que solicitaron ao Tribunal Supremo que anulara a normativa española en 2013. O Tribunal Supremo optou por trasladar a consulta ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que finalmente ditou sentenza asegurando que a Directiva europea que establece o marco xurídico harmonizado dos dereitos de autor dende 2001 oponse ao sistema español, que non asegura que o custo da compensación equitativa sexa soportado, en último termo, polos usuarios de copias privadas.
A Directiva non se opón a que os Estados membros que introduzan a excepción de copia privada opten por financiala con cargo aos Orzamentos Xerais (como tamén fan en Estonia, Finlandia e Noruega), pero en tal caso esíxese que ese sistema alternativo garanta o pagamento dunha compensación equitativa a favor dos titulares dos dereitos, por un lado, e que as súas modalidades garantan a súa percepción efectiva, por outro.
O Tribunal de Xustiza considera que a excepción de copia privada concibiuse en beneficio exclusivo das persoas físicas que poden efectuar reproducións de obras para uso privado sen fins comerciais, pero as persoas xurídicas están excluídas do dereitos a acollerse a esta excepción, e o Tribunal indica que o sistema establecido en España non pode garantir que o custo da compensación só sexa sufragado polos usuarios de copias privadas. Amais, tampouco se demostrou que en España exista un mecanismo que permita ás persoas xurídicas a exención da obriga de contribuír a financiar esta compensación ou, cando menos, solicitar a devolución desta contribución.
Queda agora por ver como resolve este asunto o Tribunal Supremo tras constatar que a normativa vixente actualmente é contraria á Directiva europea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario