Un sistema de secado de sangue ou un corrector do astigmatismo destacan no certame
Un corrector adaptativo de
astigmatismo e un sistema de
secado de sangue en matadoiros son dúas das cinco ideas premiadas na décimo quinta edición do
Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da
USC que convoca
Uniemprende. As outras tres, que xa non están baseadas en traballos de grupos de investigación da
USC, recoñecidas son un servizo de depuración-reutilización de
augas residuais procedentes da acuicultura, unha ferramenta para o
fomento da creatividade fóra do contexto escolar e un
asistente persoal de persoas con problemas de memoria.
Das
147 ideas aceptadas nesta edición, o
49 % foron presentadas por mulleres e o
51% por homes, na súa meirande parte estudantes. Por áreas de coñecemento, destaca a de
ciencias xurídicas e sociais, que agrupa o
50% das ideas presentadas, seguida polas ensinanzas técnicas co
18%, as ciencias experimentais e da saúde cun
12% e finalmente ciencias humanas cun
8%.
A entrega de premios tivo lugar este luns no
Paraninfo da Universidade nun acto que presidiu o reitor
Juan Viaño
e no que tamén participaron o secretario xeral de Universidades, José
Alberto Díez de Castro; o director da Área de Competitividade do
IGAPE, Norberto Penedo Rey; a secretaria xeral de
Emprego, Covandonga Toca Carús; a secretaria xeral de
Igualdade, Susana López Abella; e o adxunto ao reitor para
Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez.
Corrector para astigmatismo
Eva Acosta e Justo Arines, promotores do corrector de astigmatismo/ Santi Alvite.
Eva Acosta Plaza e
Justo Arines Piferrer, de
Óptica e Optometría, observaron que os oculares actuais permiten a corrección da
miopía ou
hipermetropía pero non do
astigmatismo,
de maneira que aqueles usuarios con astigmatismo se ven na obriga de
usar as súas gafas e perder campo visual e confort ou ver borroso a
través do ocular. “Estas son algunhas das queixas fundamentais que
manifestan, por exemplo, os astrónomos afeccionados”, explican. Por esa
razón propoñen un sistema sinxelo que permite a corrección de
astigmatismos de diversa magnitude e eixo, de forma que os astigmatas
poderían observar polos oculares de
SoL4OpticS sen as súas gafas.
Secado de sangue
José Manuel Magide e Hiram Varela, promotores da idea de secado de sangue/ Santi Alvite.
Os
matadoiros e as industrias cárnicas en xeral
xeran durante a súa actividade unha gran cantidade de sangue, un residuo
catalogado de perigoso que pode provocar importantes focos de infección
ou
proliferación microbiana, por exemplo. E se ben a meirande parte do sector ten contratado un servizo de xestión de residuos, o equipo de
José Manuel Magide Ameijide e
Hiram Varela Rodríguez, da
EPS de
Lugo,
atopou un xeito de revalorizar o sangue in situ nas propias industrias:
somételo a un tratamento de secado que garante a súa esterilidade e
facilidade de conservación. “Unha vez feita fariña deixa de ser un
residuo e ademais presenta diversas opcións de comercialización”,
explican os promotores, que á solución ambiental lle engaden a vantaxe
do aproveitamento económico nesta idea que xa está moi avanzada e que é
obxecto dunha patente.
Solucións acuapónicas
Silvia Calaza e Cristina Balagones, promotoras de Greenaquaculture/Santi Alvite
Greenaquaculture é o nome da idea do equipo formado por
Silvia Calaza Mosquera,
Cristina Balagones Domínguez e
Gregorio Rivadeneira Torres e que se basea en dar un servizo de depuración-reutilización de augas residuais procedentes da
acuicultura a través de sistemas de cultivo integrado de animais acuáticos e plantas (acuaponía), nos que as
bacterias nitrificantes transforman
o amonio excretado polos animais, facéndoo asimilable para as plantas
que filtran a auga. As promotoras traballan tamén na fabricación de
kits acuapónicos para uso doméstico e didáctico “como un xeito máis de promover a sustentabilidade ambiental”.
Creativity Loading, xogo creativo
Noelia Vilaverde e Sara Vidal, promotoras de Creativity Loading/Santi Alvite
As psicólogas educativas
Noelia Villaverde Rozas e
Sara Vidal Núñez idearon
Creativity Loading, unha ferramenta para o fomento da
creatividade fóra do contexto escolar. Trátase dun
xogo de mesa
que busca converter o pensamento creativo nun hábito fomentando a
fluidez de ideas, a flexibilidade de pensamento, o afrontamento da
ambigüidade, a asociación de ideas e a apertura da mente para
interpretar puntos de vista diferentes. Os xogadores e xogadoras deberán
resolver distintas probas deseñadas para que inciten respostas
orixinais e novas de forma que nin se falla nin se acerta, senón que se
premia o maior número de
ideas.
Memmory assistant
Ángel Rodríguez, promotor de Memmory Assistant/ Santi Alvite.
Por último, o estudante da
ETSE Ángel Rodríguez Cerdeira propón un asistente persoal de persoas con
problemas de memoria co propósito de facilitarlles o día a día. Este asistente estaría integrado nun
smartwatch
e encargaríase de proporcionarlle ao usuario recordatorios sobre as
cousas que ten que facer como, por exemplo, tomar os medicamentos;
responder
preguntas básicas que se lle realicen ou indicar o camiño de volta a casa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario