venres, 17 de xuño de 2016

Europa busca talento en Galicia para o seu concurso de navegación por satélite

Galicia súmase por segundo ano consecutivo ao European Satellite Navigation Competition-Galileo Masters, promovido pola Axencia Espacial Europea e o Centro Aeroespacial Alemán.

Galicia súmase por segundo ano consecutivo ao Concurso Europeo de Navegación por Satélite (European Satellite Navigation Competition-Galileo Masters). E faino co reto de superar as cifras da pasada edición, na que se presentaron un total de 17 ideas, o que a situou no posto décimo primeiro das 25 rexións europeas que concorreron ao certame. Destas 17 propostas, a da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo resultou elixida como gañadora desta fase rexional cunha aplicación para móbiles que permite enviar aos servizos de emerxencia unha imaxe coa localización exacta dun sinistro.
O Concurso Europeo de Navegación por Satélite, promovido pola Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais, é un certame internacional de innovación que premia as mellores ideas no desenvolvemento de aplicacións orientadas ao mercado e baseadas en tecnoloxías de navegación por satélite.
Dende 2004, máis de 10.000 desenvolvedores participaron no concurso e, para esta ocasión, o prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 30 de xuño, informa a Universidade de Vigo.
Galicia é unha das 21 rexións asociadas e convoca dous premios, por un lado un premio rexional promovido polo Consorcio Zona Franca de Vigo, a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, a empresa Marine Instruments e os centros de investigación AtlantTIC e Campus do Mar e, por outro lado, a Axencia Galega de Innovación concederá un premio especial no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados (UAVs) e as súas aplicacións no ámbito civil.
Todas as ideas que se presenten optarán simultaneamente a un premio internacional e a un premio rexional e, en total, o certame repartirá máis dun millón de euros en premios.
As propostas deberán ser enviadas de xeito telemático desde a páxina web da organización, serán avaliadas en setembro nunha reunión internacional e en outubro terá lugar a cerimonia de entrega de premios.
Segundo explicou Teresa Pedrosa, delegada da Zona Franca de Vigo, este organismo “premiará ao gañador rexional de Galicia cun ano de incubación nun dos parques empresariais da Zona Franca, o que inclúe ademais do espazo físico, asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, servizos administrativos e xerais, coaching de negocios, consultoría, avaliación e formación, estudos de mercado e orientación económica”.
Este ano, ademais do premio de 1.000 euros que Marine Instruments outorgará de xeito adicional á mellor idea de navegación vía satélite no ámbito marítimo, a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación concederá un premio especial no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados: o premio Sistemas UAV para Aplicacións Civís.

Pola súa banda, o gañador ou gañadora do premio especial UAV, concedido en colaboración con Indra e Inaer, recibirá un paquete de apoio integral para o desenvolvemento da súa idea que inclúe 3000 euros en efectivo, ademais de acceso ás infraestruturas de probas das Rozas, cooperación co INTA e o CIAR, así como acceso a Indra/Inaer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario