Ambos mentiron ao afirmaren que as probas de avaliación de 3º e 6º (celebradas semanas atrás) non se terían en conta para a promoción de curso nin constarían no expediente.
A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, integrada polas organizacións (CCOO, FETE-UGT, CONFAPA, Sindicato de Estudantes, IESGA e Escola Viva) representativas de modo maioritario da comunidade educativa galega, ante a publicación na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da orde que regula a avaliación na etapa de primaria, quere manifestar o seguinte:Atopámonos cunha nova mostra de desprezo da Consellería á comunidade educativa, xa que non a tivo en conta en ningún momento para tratar un tema de tanto calado como a avaliación do alumnado da etapa de primaria. A Plataforma solicitou en reiteradas ocasións entrevistas co conselleiro —a última, o 13 de maio— para tratar todos os temas relacionados coa implantación da lomce en Galicia e a realización das probas de avaliación de primaria. Só deu a resposta do mudo.
Estamos ante unha orde que xa debera estar publicada o pasado curso, dado que a implantación da lomce nesta etapa completouse no inicio do presente —o curso pasado xa se tiveron que avaliar os cursos impares da etapa—. Non é de recibo que a escasos quince días do remate das actividades lectivas, esta orde aínda non fose publicada.
Tal e como era de esperar, estamos ante unha orde que recolle claramente o que xa estaba explicitado na lomce sobre a promoción do alumnado, pois textualmente di no artigo 6.2:
«Os informes das avaliacións individualizadas de terceiro curso de educación primaria e de final de educación primaria teranse en conta, no seu caso, segundo o seu carácter informativo e orientador, de acordo co establecido no artigo 12.8 do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.»
A orde, ademais, xoga de modo interesado coa linguaxe, xa que diferencia «expediente» de «historial» do alumnado. Efectivamente, no expediente non figuran os resultados das probas de avaliación, pero si que son un elemento que recollerá o historial e se trasladará ao centro que reciba o alumno ou alumna en caso de traslado ou inicio de etapa (artigos 14 e 15 da Orde de 20 de abril de 2016).
Queda demostrado que o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, así como o conselleiro, mentiron á comunidade educativa e á cidadanía ao afirmaren que as probas de avaliación de 3º e 6º celebradas semanas atrás non se terían en conta para a promoción de curso nin constarían no expediente académico. Estas afirmacións vertéronse ao abeiro dunha campaña que, baixo o pretexto de tranquilizar as familias, o que realmente perseguía era enganalas para desmobilizar as que querían evitar aos seus fillos e fillas o trago dunhas probas inútiles e xeradoras dun estrés innecesario ao alumnado de idades temperás. Consideramos que ambos os dous deben dimitir e que, de non o faceren, deben ser destituídos de forma fulminante polo presidente da Xunta.
A Plataforma continuará co seu compromiso na loita pola derrogación da lomce e seguirá esixindo a PARALIZACIÓN da súa implantación nesta comunidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario