luns, 13 de xuño de 2016

Intercambio de coñecementos no IV Encontro Mocidade Investigadora

Preto de 300 asistentes e semellante número de comunicacións orais e pósteres son as cifras máis significativas do IV Encontro Mocidade Investigadora que se está a celebrar na Facultade de Ciencias da Comunicación. Inaugurouno a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey, xunto a quen tamén interviñeron o director da Escola de Doutoramento Internacional (EDI), Xosé Ramón Leis Fidalgo; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Ramón Pousa Estévez;  e, por parte do Comité Organizador Estrella Sánchez Rebordelo e Lucia Rey Ares.
O Encontro diríxese a novos investigadores/as para fomentar a colaboración e o intercambio de coñecementos entre os membros dos diversos programas de doutoramento da USC. A iniciativa que este ano celebra a súa cuarta edición, como novidade está integramente coordinada por estudantes de doutoramento que organizaron todas as sesións ademais de formular as temáticas das sesións plenarias en función dos intereses do alumnado.
O Encontro foi integramente coordinado por estudantes de doutoramento
As xornadas comezaron onte. Logo da sesión inaugural, celebrouse a primeira sesión plenaria sobre cómo publicar estratexicamente os resultados de investigación, na que participaron as profesoras María Loureiro García e Ofelia Rey Castelao, ademais do director co Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), Carlos Diéguez González. Esta deu paso a dúas sesións paralelas de presentación de comunicacións, organizadas por áreas de coñecemento: Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Saúde e Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas. A primeira xornada rematou cunha mesa redonda sobre como afrontar unha estadía de investigación.
O programa de hoxe comezou ás 10.00 horas cunha reflexión arredor de ‘Por fin doutor/a, e agora que?’. Está previsto que interveñan o director da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación, José Manuel Abella Anido; o director da unidade mixta Repsol-Itmati, Alfredo Bermúdez de Castro; o socio-fundador de Situm-Technologies. Víctor Álvarez Santos; e o presidente de Red Emprendia, Senén Barro Ameneiro. A sesión matinal e a primeira da tarde incluirán outras dúas sesións paralelas de presentación de comunicacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario