xoves, 23 de xuño de 2016

Galiza rexistra en 2015 o peor saldo vexetativo, con 12.269 mortes máis que nacementos

Galiza é o terceiro territorio do Estado con menos taxa bruta de nacementos e está entre os que teñen maior taxa bruta de mortalidade.

Galiza tivo en 2015 o peor saldo vexetativo do Estado español ao rexistrar 12.269 falecementos máis que nacementos, unha fenda que se vai alargando desde hai anos no noso país da man de fenómenos como o avellentamento, a queda da natalidade ou a emigración. Segundo vén de publicar o Instituto nacional de estatística (INE) nesta quinta feira no seu balanzo provisional de movementos de poboación, Galiza presenta uns resultados preocupantes.
Galiza encadea máis mortes que nacementos desde 1986
Así, en 2015 rexistráronse no noso país 19.412 nacementos, o que supón un descenso do 1,1% a respeito do exercicio anterior. Pola contra, neses 12 meses houbo 31.681 falecementos, unha cifra que é un aumento do 5,9 por cento en comparación co 2014. Temos, pois, que en Galiza a taxa bruta de natalidade situouse en 7,1 nacementos por cada mil habitantes. E a taxa buta de mortandade foi de 11,6 persoas por cada 1.000 habitantes. Só Asturies e Canarias teñen peores rexistros que Galiza, tanto en nacementos como en falecementos. Galiza encadea máis mortes que nacementos desde 1986.
Devalo
O IGE aventúrase en 2014 a proxectar como sería a pirámide poboacional dentro dunha década e advirte de que Galiza "perderá un 5,4% da súa poboación". Isto é, 147.752 habitantes no período 2013-2023. Por provincias, Lugo e Ourense serán os espazos de maior redución. E no tocante ás comarcas Os Ancares, A Fonsagrada e Sarria xunto con Baixa Limia, A Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana veranse máis atinxidas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario