A aplicación ‘Teclado galego para Android’
foi a gañadora do ‘Primeiro Concurso Faite Dixit@l de Aplicacións
Móbiles’. O concurso foi unha das actividades do proxecto de
capacitación dixital Faite Dixit@l! do que vos falamos a finais de ano.
A app permite integrar en dispositivos móbiles un teclado especificamente desenvolvido para escritura en galego.
Incorpora un dicionario nesta lingua para facilitar a predición do
texto. O xurado valorou a orixinalidade e innovación da aplicación, a
súa usabilidade e a satisfacción dunha necesidade social, entre outros
factores.
Unha vez instalada a aplicación, guiaravos para seleccionar o teclado
no apartado “idioma e introdución de texto”, nos axustes do voso
dispositivo. Tamén se recomenda activar o corrector ortográfico en
galego.
Xa non tedes que preocuparvos polas faltas ao escribir rápido en
galego, o teclado indicaravos cal é a palabra que estades a buscar.
Ademais podedes usar a escritura xestual: formar palabras facendo correr o dedo sobre a pantalla e unindo letras. Por último, é un teclado preditivo, canto máis se usa máis nos coñece. Suxírenos palabras mentres escribimos.
Por defecto, cando cambiedes o teclado de Google por este (ou por
outro calquera) apareceravos un aviso de que a aplicación pode rexistrar
datos persoais ou bancarios que introduzades cando escribides. Non
obstante, os desenvolvedores desta aplicación aseguran que “a protección
de privacidade dos nosos usuarios está totalmente asegurada xa que non
almacenamos nada do que escribas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario