xoves, 28 de novembro de 2013

Organizacións sindicais e educativas reclaman un plan específico de educación para o rural

A Mesa Galega de Educación no Rural, integrada por CIG Ensino, CCOO Ensino, STEG, FETE-UGT, CSI-F, AS-PG, Nova Escola Galega e Asociación socio-educativa Antonio Gandoy critica o abandono do goberno galego e reclama a elaboración dun plan específico de educación para o rural. 

A través dun documento presentado hoxe cuarta feira en Compostela, representantes da Mesa Galega de Educación no Rural reclamaron unha atención específica que fite atención sobre o abandono do ensino no rural e esixiron a elaboración dun plan específico que atenda as súas necesidades.
Fronte ao dominio dos criterios económicos que se utilizan como argumento para impoñer recortes no ámbito educativo, a Mesa esixe que se primen “os dereitos da infancia a recibir atención educativa no seu medio durante as primeiras etapas, como forma de dignificar o mundo rural, chave para reverter o proceso de abandono e despoboamento”.
Alén de recoñecer os proxectos pedagóxicos que naceron en escolas rurais, a Mesa recoñece que é nese ámbito onde se atopan as nosas raíces como pobo, co cal o seu recoñecemento ten que estar “presente nas accións educativas do país”.
Reverter o proceso de despoboamento
Esixen do goberno galego a elaboración dun plan de educación específico para o rural que non estea alleo a outro de desenvolvemento socioeconómico no que se terían que implicar distintas consellarías co obxectivo de reverter o tráxico proceso de despoboamento.
O plan incluiría, ademais da elaboración dun mapa escolar galego, a necesidade de fornecer ás escolas rurais de medios humanos e materiais que garantan unha educación de calidade, con especialistas en educación infantil e primaria ademais de persoal de apoio pertinente. “A poboación rural non é de segunda categoría e merece os servizos educativos en igualdade respecto do resto da poboación: por ser rural non deixa de pagar os impostos que sosteñen a satisfacción do dereito básico da educación, adaptada ás necesidades do territorio”, sinalan.
Defende o plan o proxecto educativo Preescolar na Casa como acaído “na procura e mellora das prácticas parentais” e piden que se tome como referencia para reformular a atención educativa á etapa 0-6, integrando no sistema o ciclo 0-3, formulada desde “unha perspectiva global e comunitaria coa familia”. Manter as escolas unitarias e acelerar a extensión da rede de CRAs son outras das demandas entre as que se inclúen a necesidade de asumir un novo modelo de escola heteroxénea “un novo perfil de escola pequena e de centro adaptado ao rural cunha apropiada organización e unha debida dotación compensatoria de profesorado e de todo tipo de recursos pedagóxicos”. Neste sentido son varias as medidas encamiñadas a que se manteña a rede de ensino público no rural, freado o peche de centros e a redución de unidades, mantendo a ESO e adecuando BAC e FP á realidade rural.
Un transporte de calidade e a gratuidade dos comedores escolares son outras das medidas nas que a Mesa incide e que xa defenderan as Asociacións de Nais e Pais de toda Galiza na súa primeira asemblea celebrada en Lugo, na que a preocupación pola desfeita do mundo rural tamén quedou á vista.
A Mesa incide aínda nunha serie de medidas co fin de que o sistema educativo responda á especificidade do mundo rural, se insira nel e implique á comunidade á participación, iniciativas que pide que se recollan nos Proxectos Educativos de Centro.
“Non renunciamos nin renunciaremos tampouco ao mellor que a nosa sociedade merece nin ao que os máis sobresaíntes estudos e experiencias en pedagoxía e ciencias da educación marcan como meta; por moito que se nos fale de crises, recortes e demais estratexias destinadas a acabar co ensino público, favorecer ao privado, empobrecer a sociedade e enriquecer os petos do gran capital”, manifestan como conclusión dun documento no que tamén participaron ademais das organizacións da Mesa, Movementos de Renovación Pedagóxica, Anpas do Rural e profesorado da Universidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario