luns, 4 de novembro de 2013

A aplicación da 'Lei Wert' non se fará en dous anos, senón en tres

A Selectividade desaparece en 2018 e haberá probas de acceso para FP superior.

O PP non inclúe nas súas emendas a oferta obrigada de Relixión en bacharelato.

A futura reforma educativa sufriu onte varios cambios substanciais no último minuto. O PP presentou 25 emendas parciais que supoñen, entre outras variacións, que o calendario de aplicación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) se amplíe un curso máis, atrasando ata 2018 a reválida que substitúe a Selectividade. Fronte á escaseza de prazas na Formación Profesional superior, os populares inclúen ademais a posibilidade de facer exames cando haxa pouca oferta. E os bispos reciben un revés na súa aspiración de que a relixión se convertese en materia obrigatoria en Bacharelato, un punto sobre o que levaban negociando semanas.
O pleno do Congreso aprobou o 10 de outubro, só cos votos do PP, o proxecto da sétima lei orgánica da democracia. O proxecto recibiu o pasado día 24 unha multitudinaria contestación dos sectores máis dispares na maior folga organizada ata a data contra a chamada lei Wert. Tras os cambios incluídos no Senado, devolverase ao Parlamento para a súa aprobación definitiva. Estes son os principais cambios incluídos in extremis polo PP:
» Calendario. A implantación da LOMCE aprázase en varios ciclos unha media dun ano, tal como pediran distintos conselleiros do PP ao ministro José Ignacio Wert. Razoaron que o calendario era moi axustado e que carrexaría problemas de financiamento e de seguridade, como tamén sinalaban o resto de grupos parlamentarios. O voceiro de Educación do PP no Senado, Luis Peral, asegura que este cambio non se debe a problemas de procedemento lexislativo - "iso leva o tempo que un queira" - senón para non afogar presupostariamente ás comunidades e facelo todo un pouco máis doado". Para o seu homólogo socialista, Vicente Álvarez Areces, é inaplicable a lei en nove meses: "Non hai precedentes e saben que se as comunidades non teñen tempo de facer o seu desenvolvemento normativo gañarán nos tribunais".
Tras o desenvolvemento normativo do Estado dos contidos básicos, toca o das autonomías. Logo as administracións teñen que mandar aos centros as novas instrucións e estes teñen que adecuar os equipos ás novas especialidades-, formar o profesorado, regular os procesos novos de matriculación ou adaptar os libros de texto. "O tema de fondo son as materias. Teñen un nome pero nada detrás. E para enchelas de contido debería de haber un debate. Non pode ser que o decidan dous", laméntase o catedrático de Organización Escolar Jurjo Torres.
A memoria da LOMCE recolle 408 millóns en custos directos para o Estado e ata 927 millóns que deberían asumir as autonomías, aínda que o ministerio espera conseguir fondos europeos. Comezará a implantarse no curso 2014-2015 en primaria, tal como estaba previsto. Pero na ESO atrásase un ano, postergando un curso a polémica reválida, que non terá validez para obter o título no curso 2016-2017, tal e como recollen as emendas. Tamén chegará un ano despois a bacharelato e Formación Profesional de grao medio. A Selectividade non desaparecerá dentro de dous cursos, senón en tres.
» FP básica. A FP Básica, presentada como unha vía alternativa a cuarto da ESO para estudantes non interesados en recibir unha formación máis ampla, non vai estar presente en todos os centros nos que se imparta secundaria, como dicía o texto anterior da LOMCE. Os ciclos serán implantados onde determinen as administracións educativas", sinalan as emendas dos populares. "Os PCPI (os programas de cualificación profesional inicial), aos que substitúe a FP Básica, existen nun 40% dos centros. E coa FP Básica vai pasar o mesmo con esta emenda", considera Miguel Recio, responsable do gabinete de estudos da Federación de Ensino CC OO. "Vaise obrigar os rapaces a mudarse de centro e váiselles segregar. Ata agora eranalumnos que abandonara o sistema, pero eles seguen dentro del. Por descontado, salvo excepcións, non se ensinará no ensino privado concertado, advirte este experto.
» FP Superior. Se se dispara a demanda nun ciclo de FP Superior e non hai suficientes prazas, as comunidades poderán establecer "procedementos de admisión" de acordo coas condicións que decida o Goberno nun regulamento posterior. Dende que comezou a crise económica, as aulas de FP superior víronse desbordadas pola volta ás aulas de moitos desempregados sen suficiente formación. A matrícula disparouse 35% dende 2008 e a oferta segue sendo insuficiente fronte ao paro. Miles de aspirantes (ata 40.000, segundo estimacións correspondentes a 2010) non conseguen unha praza nun destes centros.
» Modelo lingüístico. O polémico punto que obriga a Cataluña a ofrecer unha alternativa en castelán ás familias que o pidan (é a única comunidade con inmersión lingüística, é dicir, que a maioría das materias se ensinan en catalán) apenas cambia. Móvese algunhas expresións de sitio, para "clarificar a redacción", segundo fontes populares, pero este punto segue dicindo que Cataluña (ou calquera outra comunidade que desexe optar pola inmersión) debe garantir unha "oferta docente sostida con fondos públicos na que o castelán sexa utilizado como lingua vehicular nunha proporción razoable". E que, se non garante esa alternativa, o Ministerio de Educación pagará ás familias un centro privado en castelán e logo lle reclamará o diñeiro á Generalitat. Por outro lado, cámbiase unha frase para dicir que, en caso de inmersión (en castelán, lingua oficial ou en inglés), se garantirá "alternativa de ensino sostido con fondos públicos na que se utilice como vehicular cada unha das linguas cooficiais". Isto significa unha blindaxe tamén para o idioma cooficial no hipotético (e improbable) caso de que algunha autonomía bilingüe quixese reducir ao máximo na escola a súa lingua propia.
» Relixión. Os centros non terán que ofertar esta materia en Bacharelato. O PP non incluíu ningunha emenda parcial para que sexa de oferta obrigatoria, como reclamara a Conferencia Episcopal. O senador Luis Peral avivou a incerteza ao asegurar o luns que existía "un erro técnico, que o razoable sería emendar porque os acordos internacionais deben cumprirse. Os bispos argumentaban que os acordos de España co Vaticano de 1979 converten a materia confesional nunha materia de oferta obrigatoria nos centros e de carácter voluntario para os alumnos en todas as etapas educativas. O ministro alimentou a tese do cambio o martes ao afirmar: "A lei non está pechada. Non hai nada definitivo. Tampouco no caso da materia de Relixión". Onte Peral precisaba: Quédase igual que como o decidiu Zapatero. Non se axusta á verdade dicir que este Goberno queira impoñer a Relixión".
» Adultos. As Comunidades organizarán probas -reguladas polo ministerio- para todos os adultos que desexen obter un título e non teñan tempo de acudir a clase. Para presentarse ao de bacharel ou Técnico Superior haberá que ter cumprido 20 anos e 18 anos para os títulos de Técnico e Profesional Básico. Educación pretende velar pola igualdade de oportunidades de todos os cidadáns facilitando tamén a educación a distancia a maiores ou a deseñar materias e avaliacións específicas que permitan obter os títulos de ESO e bacharelato a estes adultos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario