mércores, 6 de novembro de 2013

A xantar diante da escola

Despois de pasar moitos meses camiñando física e simbolicamente contra os recortes no ensino rural a Federación de Asociacións de Nais e Pais da provincia de Lugo (Fapacel) lanzouse tamén a outra loita, desta volta contra o decreto de comedores escolares que non só disparou os prezos nun 40%, senón que ademais eliminou a exención de pagamento para o estudantado que utiliza o transporte escolar, prexudicando así especialmente as zonas do rural onde alumnos e alumnas teñen que percorrer cada día longas distancias para chegar ao colexio ou ao instituto.
Dende a "esixencia de retirada do decreto", a Fapacel xuntou as ANPAS de toda a provincia e estas deixaron claro que "non estamos para nada de acordo con ningún dos puntos do decreto", relata a súa presidenta, Elvira Lombao, en conversa con Praza Pública. A partir desta premisa, co comezo do curso comezaron tameń as mobilizacións, "protestas, concentracións e xantares diante dos centros para deixar claro o noso rexeitamento" a unha norma na que non se trata só "de que os pais e nais teñamos que pagar e que moitos non poidan facer fronte a estes gastos", senón tamén dos prexuízos causados ao rural, "a zona máis afectada por este decreto".
As ANPAS de todo o país estudarán accións conxuntas o vindeiro día 9 coa federación luguesa como anfitriona
A Xunta, di Lombao, obvia que a situación económica das familias "non é a mesma que a de hai un ou dous anos, que é de cando se esixe a declaración da renda", e baséase "nun concepto de unidade familiar co que non estamos de acordo". "Só ten en conta os menores, ao pai e á nai", pasando por riba, por exemplo, de que "os maiores de 18 seguen na casa" a causa, precisamente, da situación económica, "e estes fillos non comen pedras"-, ilustra.
Neste contexto, a Fapacel xa é coñecedora de que noutros puntos do país "se está traballando moito" contra o decreto de comedores e, explica Elvira  Lombao, están convencidos de que "temos que mirar a forma de coordinarnos". Dende este convencemento o vindeiro día 9 as ANPAS de Lugo serán anfitrionas do primeiro encontro de asociacións e nais e pais de Galicia. Alí "imos ver como está o ensino, ímonos poñer en contacto" e tamén se valorarán posibles accións conxuntas, porque "isto nos afecta a todos". Todo apunta a que se está a xestar unha nova rebelión no interior.

Un impulso para a continuidade do traballo de Preescolar na Casa

A rebelión contra os recortes sociais chega do interior

 Son moitos os tópicos que pesan sobre os territorios do interior de Galicia. O espazo incluído administrativamente nas provincias de Lugo e Ourense foi caricaturizado en non poucas ocasións como o núcleo dun carácter supostamente pechado e desconfiado do pobo galego, ademais de como un inesgotable celeiro de votos para a dereita. Independentemente de que este tópicos teñan moita, pouca ou ningunha base real, o certo é que nos últimos tempos está a chegar esta parte do país algo ben diferente a conservadurismo e cerrazón: como a onda sonora á que lle canta O sonoro maxín, a rebelión contra os recortes sociais tamén chega do interior.
A primeira axitación contra os plans gobernamentais xurdiu no ámbito municipal. Ante a reforma local que viña de anunciar o Goberno central un grupo de alcaldes da provincia de Lugo e de todos os partidos agás o PP plantáronse en Compostela para chamar á insubmisión, primeiro ante a prensa e, acto seguido, ante todos os rexedores e rexedoras de Galicia que se quixeron unir a unha asemblea aberta convocada por eles mesmos. "Van liquidar os concellos de menos de 20.000 habitantes" e con eles, os servizos que prestan, alertaba o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez (BNG), flanqueado polos seus homólogos da Pastoriza e Pedrafita (PSdeG).
A fronte común dos municipios contra a reforma local comezou a organizarse en Lugo
A axitación dos gobernos locais do rural non foi en van e tampouco o foron as súas queixas pola "tibieza" que, dende o seu punto de vista, estaba a amosar a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ante o Executivo de Mariano Rajoy. Así as cousas, as emendas do municipalismo galego contra a nova lei saíron adiante por unanimidade tamén, polo tanto, co apoio dos concellos do PP. O propio presidente da entidade, o popular José Manuel Rey Varela, deu en pedirlle "sentido común" ao gabinete dos populares que, non obstante, segue adiante coa reforma obviando os seus alcaldes e alcaldesas de Galicia.

Contra o copagamento dende Riotorto

O segundo episodio de rebeldía contra a tesoira tivo o seu epicentro no concello lucense de Riotorto. Ante o novo copagamento farmacéutico, que obriga a doentes crónicos que sofren graves doenzas a achegar cartos do seu peto para obter o tratamento nas farmacias hospitalarias, o alcalde, Federico Guitérrez (BNG), anunciaba que a súa veciñanza non ía ter que pasar por caixa. A administración municipal íase facer cargo do pagamento destes fármacos porque é "unha cuestión de vida ou morte". Pero o obxectivo final non é "asumir o copagamento", advertía, senón "facer recuar ao PP".
A reacción contra o repagamento farmacéutico esténdese xa por unha trintena de concellos
Mentres rexedores de todo signo se puñan en contacto co de Riotorto para interesarse pola medida o Gutiérrez non ficou quieto e erixiuse en principal impulsor dunha asemblea que, o pasado 26 de outubro, xuntou na vila unha morea de cargos locais e representantes de colectivos sociais da que saíu a resolta intención de "dar a batalla social" contra o "repagamento" en todas as frontes, tanto nas institucións como na rúa, cunha manifestación nacional en Compostela o vindeiro día 17. Mentres, o número de concellos que se fan cargo destes gastos farmacéuticos xa se aproximan á trintena e entre eles cóntanse varios gobernados polo PP.

Ningún comentario:

Publicar un comentario