mércores, 6 de novembro de 2013

A revolta das familias contra os recortes no ensino enceta en Lugo

Após unha primeira xuntanza realizada nas últimas semanas entre as ANPAS lucenses en que se acordou reclamar á Xunta a retirada do decreto dos comedores, o sábado 9 de novembro son as ANPAS de toda Galiza as que están chamadas a un encontro na cidade amurallada para analizar a situación do ensino público.

A Federación de ANPAS de Lugo, Fapacel, organizou para o sábado 9 de novembro unha xuntanza á cal foron convidadas todas as asociacións de nais e pais do País.

Na orde do día só hai un punto: partillar experiencias ao redor da situación que atravesa o ensino público co obxectivo de encetar accións conxuntas que palíen as consecuencias dos recortes.

Así o explicou en conversa con Sermos Galiza a presidenta da Fapacel, Elvira Lombao. Sostén que a idea do encontro xorde "porque ao final todas as ANPAS identificamos os mesmos problemas" e explica que o que se pretende é debullar as diferencias que existen entre as aulas do rural e aqueloutras ubicadas en centros urbanos.

"O rural queda moi, moi, moi tocado co repagamento dos comedores, os recortes de profesorado ou a falta de especialistas" por exemplo, en Educación Infantil, subliña Lombao, quen rexeita a asignación de diñeiro público para financiar centros concertados "cando nos públicos cada vez nos quitan máis". A xuntanza dará comezo ás 10.30h e será no Museo provincial de Lugo.

Denuncian o ''afán recadatorio'' da Xunta co repagamento dos comedores

Porén, Fepacel realizou xa outro encontro, desta volta de carácter interno do cal fixeron parte unicamente asociacións de nais e pais lucenses. Foi o 19 de outubro e nel abordouse unicamente a problemática que carrexa o decreto da Xunta sobre o repagamento dos comedores escolares. As familias galegas deben abonar entre 1 e 4,5€ por crianza nos centros públicos.

"Decidimos exixir á consellaría de Educación a retirada dese decreto", recorda Elvira Lombao. Aliás, acordaron reclamar que @s fill@s menores de 25 anos sexan incluíd@s na unidade familiar a efectos dos pagamentos, que o número de prazas nos comedores se adecúe "á demanda real" e que a Xunta asegure a continuidade dos comedores existentes.

As asociacións de nais e pais recalcan, así mesmo, que este servizo debe ser gratuíto e denuncian o "afán recadatorio" da consellaría. Desde aquela xuntanza realizáronse xa varias concentracións en que se puxeron de manifesto estes mesmos obxectivos. A vindeira será na sexta feira 15 de novembro en Foz. Por derradeiro, a Fepacel insiste en que hai un mes que solicitou unha entrevista co conselleiro, Jesús Vázquez, "para tratar con el todas estas cuestións". Aínda están a agardar pola resposta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario