luns, 25 de novembro de 2013

O PP dálle unha nova azouta ao ensino público coa aprobación da LOMCE no Senado

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público advirte que aínda aprobándose está condenada ao fracaso.

Coa aprobación da LOMCE no Senado o PP persiste na súa intención de querer aprobar unha lei rexeitada non só polo ámbito educativo, senón tamén polo conxunto da sociedade como así o confirman as múltiples, multitudinarias e diversas mobilizacións e folgas que levamos a cabo desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Malia esta teima, o PP sabe que esta é unha lei que aínda aprobándose está condenada ao fracaso.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público lembra que a LOMCE afonda nas diferenzas sociaise e impide o acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade.  A LOMCE vai dirixida, ademais, a uniformar os contidos, eliminando a diversidade histórica, cultural e lingüística. Ademais reforza a confesionalidade, impide o ensino laico e blinda os concertos. Para a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público é unha lei profundamente antidemocrátia e antipedagóxica, que xerarquiza o ensino,  que só pode explicarse desde as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público continuará batallando até conseguir a súa retirada e  exixe da Consellaría de Educación que non a aplique por ser unha lei ademais de elitista, privatizadora e confesional, totalmente españolizadora que retrae as xa cativas competencias que temos no ámbito educativo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario