xoves, 28 de novembro de 2013

A LOMCE a debate: loitas de fondo e loitas a curto prazo

A LOMCE xa está aquí. A reforma educativa aprobada en solitario polo Partido Popular comezará a deixar os seus efectos no sistema educativo dende este curso, e é momento de falar e debater sobre as súas consecuencias e sobre os mecanismos da súa aplicación, tamén das vías que a comunidade educativa ten de opoñerse a eles e de paliar os seus prexuízos.
Este xoves está organizado un novo debate na Nave de Vidán para falar de Ensino público: A reforma educativa, no que intervirán Anxo Louzao CIG-Ensino), Sonia Fernández Casal (STEG) e Helena Gómez-Vecino (CONFAPA-Galicia), e que será moderado por Mariló Candedo (Nova Escola Galega). Comezará ás 20.30 e a entrada é libre.
Un documento de análise sobre a LOMCE editado por Nova Escola Galega hai uns meses destacaba que a reforma impulsada polo ministro Wert pretendía "lexitimar con carácter estrutural unha política de recortes inicialmente conxuntural", elevando a carácter de lei unha serie de políticas favorecedoras das privatización do ensino e do recorte de servizos na escola pública, ademais de consolidar unha determinada visión ideolóxica. A práctica totalidade do arco parlamentario comprometeuse a derrogala en canto o Partido Popular perdese a súa maioría absoluta, pero para ese momento poderían faltar aínda dous anos.
“O primeiro que se vai ver afectado son os currículos, que van ser pensados dende unha óptica afastada da nosa realidade nacional. Van perder importancia certas materias e vaise consolidar unha maior privatización, e a Relixión vai gañar peso”
A lei ten un calendario de implantación polo que, progresivamente, curso a curso, van ir entrando en vigor algunhas das súas reformas. O máis inmediato vai ser o seu efecto nos currículos, como destaca Anxo Louzao: “O primeiro que se vai ver afectado son os currículos, que van ser pensados dende unha óptica afastada da nosa realidade nacional. Van perder importancia certas materias e vaise consolidar unha maior privatización, e a Relixión vai gañar peso”. No mesmo senso fala Helena Gómez, que destaca que é "unha lei segregadora, unha lei partidista, para a que non contaron con ninguén. Eles falan de diálogo e de consenso, pero o seu único consenso é coa Conferencia Episcopal”.
“En Galicia estase incumprindo a sentenza do TSXG sobre os centros que segregan por sexos. Cos cartos que a Xunta lles dá a estes centros, os tres millóns anuais, poderíase solventar máis ou menos o tema dos comedores"
As consecuencias en Galicia están a ser inmediatas, en boa medida pola cor política do goberno autonómico, "un goberno que é unha avanzadilla na aplicación da lei”, segundo destaca Louzao. Nótase nalgunhas decisións en aspectos complementarios da lei de educación. “En Galicia estase incumprindo a sentenza do TSXG sobre os centros que segregan por sexos" -lembra Helena Gómez- "Cos cartos que a Xunta lles dá a estes centros, os tres millóns anuais, poderíase solventar máis ou menos o tema dos comedores. Vemos como hai nenos que están comendo de tupper todos os días, e outros que non comen. Hoxe mesmo, aquí en Elviña estámoslles dando froita aos nenos, para paliar isto”, engade. Os conflitos xerados pola eliminación da gratuidade dos comedores centrarán unha parte importante das reivindicacións deste curso Unha marcha verde manifestarase en Madrid este sábado 30. "Manifestarémonos diante da Moncloa, en lugar de facelo ante o Ministerio, xa que Wert non nos quere recibir, como tampouco nos recibe o conselleiro Jesús Vázquez", sinala a presidenta de Confapa-Galicia.

O máis negativo, as reválidas

“O que vai condicionar máis a práctica educativa son as reválidas, porque van condicionar completamente os contidos impartidos e o modelo de probas que os alumnos terán que pasar"
Para Sonia Fernández, o peor da LOMCE "é o feito de que o alumnado que non aproben as avaliacións ao final da ESO e do Bacharelato non titulará, a pesares de teren superado todas as materias de todos os cursos". Ademais, a nova reválida, que aínda tardará dous anos en entrar en vigor, "substitúe o criterio do profesorado que traballa a diario coas alumnas e os alumnos, por unha proba puntual- o que supón unha criba mais - polo que o fracaso escolar só pode aumentar con esta medida, ademais de laminar a autoridade docente".
O mesmo pensa Anxo Louzao, que sinala que “o que vai condicionar máis a práctica educativa son as reválidas, porque van condicionar completamente os contidos impartidos e o modelo de probas que os alumnos terán que pasar. Todo vai estar condicionado a que o alumnado supere esa proba. Os estándares van vir marcados e os centros vanse comportar como academias".
Louzao: "Esperemos que haxa mobilización. Cando dicimos que é unha lei que nace morta, esperemos que no que dependa dos docentes e do funcionamento dos centros así sexa”
Louzao salienta que “dende os propios centros intentaremos evitar que as consecuencias da LOMCE sexan tan nocivas. Esperemos que haxa mobilización. Cando dicimos que é unha lei que nace morta, esperemos que no que dependa dos docentes e do funcionamento dos centros así sexa”. Para Sonia Fernández, "a estratexia anti-LOMCE a medio prazo debería centrarse en conseguir que desde o Goberno sexan plenamente conscientes do rexeitamento que ten a LOMCE entre as familias, para que opten, ante a proximidade das eleccións estatais, por non aplicar medidas tan duras como as anteriores nos vindeiros cursos: que co argumento da implantación gradual agarden a revalidar a súa maioría para entrar a saco con ela…".
Trátase de "manter a presión social para retrasar ao máximo a súa implantación e, obviamente, para conseguir o cambio de goberno"
A representante do STEG conclúe que se trata de "manter a presión social para retrasar ao máximo a súa implantación e, obviamente, para conseguir o cambio de goberno. Só por unha lei coma esta xa merecerían perder o goberno, e méritos teñen feito moitos máis".

Ningún comentario:

Publicar un comentario