venres, 29 de novembro de 2013

A Plataforma Galega ve ''unha irresponsabilidade letal'' na aprobación da LOMCE

Baixo o lema Rexeitemos a LOMCE o 28 de novembro, denunciaron o visto e prace do Congreso a esta norma perante a consellaría de Educación e animaron os centros do ensino do País a enviar ao seu titular, Jesús Vázquez, un correo-e comunicándolle o rexeitamento a esta norma, "unha agresión ao dereito á educación".

Pregunta: E vostede apoia a LOMCE?

Co gallo da aprobación da LOMCE no Congreso español cos votos a favor do PP e o rexeitamento de toda a oposición, a Plataforma galega en defensa do ensino público escolleu a entrada da consellaría de Educación, en San Caetano, Compostela, para denunciar o visto e prace que a Cámara Baixa dará ao texto de Wert, visto e prace que o colectivo tildou de "acto de irresponsabilidade letal". Así mesmo, queixáronse tamén da conivencia do departamento de Jesús Vázquez co ministerio español para afondar a españolización do ensino público galego.

"Reforza a confesionalidade e avanza na privatización do ensino que  pon ao servizo da Conferencia Episcopal e da patronal da privada, á que a administración poderá ceder solo público para construír centros privados concertados", denunciou o secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, voceiro da Plataforma. Acrecentou que esta nova lei educativa, a sétima do Estado español, "impregna as aulas da ideoloxía neoliberal que o PP tan ben sabe trasladar ao ensino" e queixouse do inmobilismo da Xunta perante o recorte dun 10% nas xa de por si "cativas" competencias que ten á hora de decidir sobre o currículo educativo que se aplica nos colexios e institutos do noso País.

Familias: "É un ataque aos dereitos fundamentais''

Na rolda de imprensa tamén nais e pais tomaron a palabra. No seu nome falou Fernando Lacaci, quen definiu a 'Lei Wert' como "un ataque aos dereitos fundamentais, non só daqueles que estamos directamente inmersos na educación como pais e nais, como estudantes ou como profesorado, senón da cidadanía no seu conxunto".

Estudantado: ''A nosa voz ten que seguir a se escoitar''

Polo estudantado falou Mónica Martínez para enfatizar o rexeitamento dunha norma que "empeora a nosa situación nun momento en que cómpre reforzar o ensino público". Dixo Martínez que a voz do alumnado "ten que seguir a se escoitar".

Rexeitar a LOMCE desde os centros de ensino

Para alén deste acto, a Plataforma fixo un chamamento aos centros educativos para que se posicionen contra o texto español e que transladen tan posicionamento á consellaría, ora enviando un correo-e para advertir de que vai supor "unha agresión ao dereito á educación" ora a través dunha acción reivindicativa no colexio ou instituto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario