mércores, 27 de novembro de 2013

A Xunta vulnera o seu propio 'decretazo' e edita en castelán material para previr a sida

Trátase dunha campaña dirixida ao alumnado dos centros educativos de secundaria e, segundo denuncia CIG-Ensino, avanza na ''estratexia de españolización'' do estudantado.

La infección por el VIH y el sida. Prevenir es posible. Depende de nosotros.

É o texto que aparece na carpeta que contén o material editado pola Xunta de Galiza no marco dunha campaña de sensibilización e prevención perante esta doenza e que foi enviado aos centros de ensino malia estar redactado integramente en castelán.

O Goberno galego vulnera desta maneira o decreto 79/2010, que o propio PP aprobou coa oposición de institucións culturais, sociais, sindicais e da comunidade educativa. Di CIG-Ensino que esta norma ten "poucos aspectos aceptábeis" e entre eles estaría o apartado primeiro do artigo 3, que estabelece a nosa lingua como oficial nos centros de ensino que dependen da consellaría de Educación.

A central nacionalista entende esta actuación da Xunta como máis unha mostra de "desprezo" cara ao noso idioma que avanza na "estratexia de españolización" do estudantado galego. Por todo isto, convidan os centros educativos a devolver todo este material á consellaría. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario