martes, 5 de novembro de 2013

O estudantado non bolseiro fica fóra das axudas Erasmus

Os Comités denuncian que unha modificación introducida polo Ministerio nas bolsas Erasmus deixa sen axudas a aquel@s que non obtivesen bolsa xeral de estudos do MEC no curso pasado. Ademais, engaden, aqueles que si se beneficien das axudas recibirán unha cuantía insuficiente.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte publicou, o pasado martes 29 de outubro a través do Boletín Oficial do Estado, unha modificación da súa achega económica ao estudantado no referente ás bolsas Erasmus para este curso 2013/2014. Unha modificación, denuncian desde Comités que supón “deixar sen axudas ao estudantado que non obtivera a bolsa xeral de estudos do MEC o pasado curso 2012/2013”. Aliás, din desde esta organización estudantil, “sen ser isto suficiente, aquel@s estudantes beneficiari@s (que si obtiveran bolsa no curso pasado) unicamente poderán obter como máximo 300 euros ao mes na súa estancia no estranxeiro”.
"Queren expulsar do ensino público universitario @s fill@s da clase traballadora"
Esta medida do Ministerio de Educación enmárcase, para os Comités, na liña impulsada polo goberno popular de que excluír “@s fill@s da clase traballadora do ensino público universitario”. Eliminar do programa de bolsas Erasmus a tod@s aquel@s alumn@s que non sexan capaces de cumprir cos novos requisitos do decreto de bolsas e, manter unha contía irrisoria para o estudantado que si as manteña, “deixará as prazas da Erasmus unicamente para aquelas persoas de rendas máis altas que poidan pagar a súa estadía nun país do estranxeiro”.
'Tirad@s no estranxeiro'
Os Comités pregúntanse tamén que pasará co@s estudantes que actualmente se atopan con prazas Erasmus no estranxeiro e contaban con poder acceder a estas axudas. “Estes novos requisitos nas bolsas Erasmus poden supor un problema tanto económico como académico n@s estudantes afectad@s”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario