luns, 11 de novembro de 2013

Nais e pais analizan a situación do ensino público como afectadas directas dos recortes

Nunha xornada que se prolongará durante todo o sábado, as ANPAS de toda Galiza analizarán este sábado día 9 en Lugo a situación do ensino público. Os recortes están a facer que os colectivos de nais e pais teñan que asumir, de maneira voluntaria, cada vez un maior número de servizos que terían que ofrecer a administración. Son as outras vítimas dos recortes educativos. 

O Primeiro Encontro de ANPAs de toda Galiza terá lugar este sábado 9 de novembro tendo como anfitrioa a FAPACEL, a Federación de ANPAs de Lugo. O obxectivo desta primeira xuntanza é a análise da situación pola que atravesa o ensino público ademais de fitar de maneira especial nas diferencias que existen entre o mundo rural e o urbano. Máis de 25 anpas e as federacións da Coruña, Santiago, Vigo, Cangas, Valmiñor, Ferrolterra e Costa da Morte confirmaron xa a súa asistencia a un encontro que tamén quere ser un intercambio de distintas experiencias das asociacións.
A presidenta da Fapacel, Elvira Lombao entende que a xuntanza é necesaria nun momento no que o incremento dos recortes está a derivar ás propias ANPAs a organización de funcións no centro que tiñan que ser asumidas polo propio sistema educativo. “Están a desenvolver un importante traballo dentro dos centros que non está a ser recoñecido. As ANPAs cumpren papeis que tiñan que asumir a  Consellaría como a xestión de comedores, a organización de bancos de libros de texto ou mesmo as actividades extraescolares”, afirma Elvira Lombao. Trátase, segundo destaca, dun “traballo voluntario que en moitas ocasión suple o que tiñan que facer desde a propia administración, mais son servizos que se precisan e compre dicir que están a ser sostidos polo voluntariado de pais e nais”.
Traballo que, segundo as propias ANPAs, non se recoñece desde a administración polo que un dos seus obxectivos é tamén “desenvolver liñas de actuación conxuntas e darlle máis prestixio social ás propias asociacións”.
O repagamento de comedores, o recorte en axudas a libros de texto, a diminución de profesorado ou a LOMCE son tamén temas que están sobre a mesa e nas preocupacións das asociacións de nais e pais que se xuntan por vez primeira en Lugo.
Fapacel desenvolveu un encontro interno o pasado 19 de outubro do que saíu unha solicitude á Consellaría de Educación para a retirada do decreto de repagamento de comedores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario