venres, 8 de novembro de 2013

O galego implántase na educación do Bierzo e Sanabria

Máis de mil alumnos das zonas limítrofes con Galicia do Bierzo (León) e Sanabria (Zamora) poden acceder a estudos de galego tanto nos seus centros educativos como na Escola de Idiomas de Ponferrada.
Así se puxo de manifesto nunha reunión mantida hoxe polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o responsable de política educativa escolar de Castela-León, Fernando Sánchez Pascual, xunto a outros altos cargos de ambas as comunidades.
A Consellería de Educación apunta que na reunión confirmouse o "correcto" desenvolvemento do protocolo de colaboración entra ambas as autonomías para a promoción do galego nas zonas limítrofes.
No presente curso, 838 estudantes de infantil e primaria reciben clases de galego nos municipios de Lubián, Cacabelos, Camponayara, Carucedo, Corullón; Ponferrada, Puente de Domingo Flórez, Toral dos Vaos, Toral de Merayo e Villafranca.
Ademais, outros 181 alumnos de ESO e bacharelato están matriculados en institutos de Cacabelos, Ponferrada e Villafranca. Xunto a eles, outros 59 estudantes están matriculados na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.
Desta forma, un total de 1.078 alumnos benefícianse do acordo vixente desde fai doce cursos polo que a Consellería de Educación comprométese a facilitar o material didáctico preciso, así como colaborar na formación do profesorado contratado por Castela e León.

Ningún comentario:

Publicar un comentario