mércores, 6 de novembro de 2013

Cando o PP obriga a recuar o PP: @s 'erasmus' recibirán a bolsa do ministerio

Desde os territorios gobernados pola formación conservadora até a UE pasando por todos os grupos con representación no Congreso ou Nuevas Generaciones, á orde de Wert para restrinxir as bolsas a estudantado que se forma no estranxeiro medránronlle os ananos e viuse na obriga de recuar. Polo menos, para este ano académico. Falamos con alumnado en Lecce (Italia) e en Gdansk (Polonia).

O ministro de Educación, José Ignacio Wert, terá que desembolsar a parte da bolsa Erasmus que lle corresponde ao seu departamento e que pretendía non pagar xa neste ano académico.

O incomodo que a orde ministerial do 24 de outubro causou non só nos territorios gobernados polo PP senón tamén na cúpula do propio partido ou na organización xuvenil, Nuevas Generaciones, obrigou Wert a gardar as súas intencións nunha gaveta. Até o ano que vén, quizais?

De momento, neste curso académico o conxunto do estudantado cobrará as tres achegas das súas bolsas: a que corresponde á UE; a que corresponde a Madrid; e a que corresponde, no caso das tres universidades galegas, á Xunta. Por certo, que o ministerio non falou nunca de supresión ou recorte das axudas, senón un "reparto diferencial" que favorecería "as rendas máis baixas".

Iria Fernández, de erasmus en Lecce (Italia): Que a orde ministerial se aplique o ano que vén será ''igual de terríbel''

"Lembrade que a vosa bolsa Erasmus non desaparece. O que asinastes co convenio financeiro, que son os fondos achegados pola Unión Europea, non cambia", explicaba o correo-e que recibiron, ao igual que Iria Fernández, moit@s bolseir@s ao preguntar na USC que pasaría coa súa achega económica. Segundo a universidade compostelá, e a falta dunha confirmación oficial por parte do Goberno galego de que mantería a súa parte da bolsa --de 600 euros para todo o ano académico--, a súa estadía no estranxeiro debía manterse cos 115 euros da UE.

Fernández Silva é estudante de Educación infantil e leva en Lecce, ao sur de Italia, desde o 23 de setembro. Ao ser esta a súa segunda titulación non ten dereito á bolsa xeral de estudos, polo que era unha do milleiro de afectad@s pola disposición do ministerio. "Enterámonos polo Facebook e pensamos que era brincadeira até que o vimos publicado no BOE", explicou a alumna esta mañá en conversa con Sermos Galiza. A orde ministerial de Wert publicouse no BOE o 29 de outubro.

A Unión Europea ingresa a súa achega en dúas quendas: o 80% en decembro e o resto en xuño, "cando xa non nos fan falla porque xa estaremos de volta", quéixase Iria Fernández, que contaba con percibir unicamente esta partida e a do ministerio. Dixo que a Xunta non asegurou "en ningún momento" que fora desembolsar os 600 euros.

"A miña compañeira de piso, que estuda en Xaén, cobrou xa o 80% das súas bolsas, en total case 2.000 euros porque en Andalucía danlles unha achega enorme desde o goberno autonómico e aínda por riba a universidade de Xaén adiántalle os cartos, cousa que nós non podemos nin pensar", denunciou a moza.

Malia que para este ano académico Wert recuou xa, Fernández Silva subliñou que lle parecería "igual de terríbel" que se aplicase a orde ministerial a partir do curso que vén "porque todas deberiamos estar en igualdade de condicións e ter as mesmas posibilidades, que xa nin así tiñamos".

Diego Méndez, de erasmus en Gdansk (Polonia): ''O estudantado do Estado español é o que menos axudas recibe''

Estudante de Administración e dirección de empresas, Diego Méndez cursa o programa Erasmus na cidade polaca de Gsansk. Tamén el soubo da orde ministerial de Wert a través da internet, no concreto ao recibir unha petición da plataforma Change.org para asinar en contra da supresión das axudas para o estudantado que non recibira unha bolsa de Educación no curso académico 2012-2013.

En Polonia botará un semestre, polo que xa leva dous meses aló, ao igual que Iria Fernández en Italia. Tamén el recibiu o correo-e da universidade en que lle advertían de que non cobrarían a achega do Goberno español. Canda el estuda un mozo turco. "Recibiu a totalidade da bolsa antes de saír do seu país, por non falar das contías porque o alumnado do Estado español somos os que menos bolsas recibimos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario