mércores, 27 de novembro de 2013

Manifesto Peche Alumnas de Filosofía da USC

As alumnas da Facultade de Filosofía da USC, reunidas en asemblea, tomamos a decisión de realizar un peche reivindicativo para poñer de manifesto as agresións que por parte do goberno ven sufrindo nos últimos tempos a nosa disciplina. A nova Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), impulsada polo Partido Popular, afecta á Filosofía de maneira profunda: procederase á eliminación de dúas das tres materias obrigatorias que compoñían a docencia secundaria en dito campo. Isto supón o maior ataque aos estudos en Filosofía en toda a historia da democracia.

Non aceptamos estes recortes: responden a unha dirección puramente ideolóxica en consonancia coas pretensións do neoliberalismo imperante. Son recortes políticos que a través dos medios de comunicación se nos venden como necesidades económicas nestes tempos de crise.

Aínda que a nosa disciplina resulta especialmente damnificada polas devanditas medidas, queremos pór tamén de manifesto o xeral desmantelamento do sistema educativo: a consecuencia disto vese reducida a capacidade de impartir e recibir un ensino de calidade. Como estudantes de filosofía non podemos ficar caladas e temos a vontade de erixirnos na defensa do pensamento crítico, cada día mais necesario e menos presente.

A formación universitaria non se pode atopar ó servizo dos mercados, senón que en todo caso deberían ser as estruturas económicas as que se atopasen ó servizo da Universidade. Por ese motivo queremos tamén alzarnos contra estratexias que pretenden a mercantilización dos estudos universitarios como por exemplo o Plan Boloña e a futura Estratexia Universidade 2015.

Dende a USC, ademais, non se destinan recursos a paliar a actual situación de precariedade educativa: antes ben, esta vese acentuada pola aplicación de medidas como a normativa de permanencia, feitos como a excesiva burocratización do ensino ou a eliminación de proxectos de investigación.

Segundo a nosa concepción, a Universidade debe ser un servizo público e social orientado á formación de cidadáns. Os continuos ataques por parte dos diferentes gobernos do estado contra a Filosofía fan que este obxectivo se afaste cada vez máis.
Non á desaparición da Filosofía!
Non ó desmantelamento do ensino público!

Ningún comentario:

Publicar un comentario