luns, 11 de novembro de 2013

A educación dos nosos pobres. A escola é tamén espello e consecuencia da sociedade á que serve

A recente aprobación da LOMCE sen máis apoios parlamentarios que os do Partido Popular deu lugar a outra desas recorrentes polémicas sobre por que España segue sendo un dos países europeos con maior abandono escolar e cuxos estudantes obteñen resultados baixos nos baremos internacionais de competencias académicas. Repetindo e simplificando o dito, algúns sectores conservadores da sociedade española, e ata o ministro Sr. Wert, botaron a culpa desta situación á falta de busca da excelencia por parte dos Gobernos da democracia. Por parte da esquerda, apuntou como principal culpable á pesada lousa da herdanza do franquismo e pediu que se recoñezan os grandes avances que en materia de educación e investigación se produciron en España dende o final da ditadura.
Un artigo de The Economist ("What can you do? " publicado o 12-18 de outubro) suxire que o Sr. Wert ten algo de razón, pero tamén que parece ignorar outros factores claves do problema. Baseándose en datos da OCDE, este artigo sinala que España e Italia son dous países nos que é máis alta a proporción de adultos de entre 16 e 65 anos de idade que carecen de habilidades matemáticas e literarias. A xeito de contraste, sinálase o enorme progreso da educación en Corea, un país onde os maiores de 55 anos se encontran entre os menos educados do estudo pero cuxos fillos e netos están entre os mellor preparados. Evidentemente, como defende o Sr. Wert, con políticas ambiciosas e constantes, as herdanzas do pasado pódense superar. Non obstante, como sinala o mesmo artigo, e iso xa non o oímos do Goberno, tamén é evidente que hai unha relación clara entre o nivel de igualdade social e o alto rendemento dos seus estudantes. A maior igualdade, mellores resultados, e viceversa. Os países escandinavos son un exemplo positivo disto, mentres que o Reino Unido, Alemaña, os Estados Unidos son a outra cara da moeda. Que a educación en España siga sendo, en termos relativos, deficiente quizais teña algo que ver co que sinalou outro informe que acaba de facer público Cáritas e que nos revelou que somos o país de Europa con maiores desigualdades sociais; ou coas noticias que apareceron na prensa detallando como a crise enriqueceu aínda máis os nosos ricos e empobreceu aos demais. É dicir, que a saúde da nosa educación moito ten que ver coas desventuras do noso recente e agora malferido estado do benestar. E logo está nosa historia.
O franquismo serve á vez de exemplo e de causa de moitos, pero non de todos, dos nosos problemas educativos. A ditadura cría na excelencia para uns poucos e a submisión dos demais, nos que non estaba disposta a gastar diñeiro. O proxecto educativo franquista tiña un obxectivo: soster o sistema culturalmente reaccionario e socialmente cruel que emerxeu da guerra civil. Por iso, primou aos seus aliados, empezando pola Igrexa. Non por casualidade, durante os anos corenta apenas se se construíron escolas e institutos, mentres que florecían os centros de pagamento, case exclusivamente relixiosos. O resultado foi unha catástrofe. Segundo cifras oficiais da propia ditadura, en 1955 só o 67% dos nenos estaban matriculados na escola primaria; outra cousa é que fosen regularmente a clase. En comparación, ese ano estaban matriculados nas escolas primarias o 98% dos nenos de Austria, 97% de Alemaña, 90% de Noruega e o 72% de Italia. Sempre segundo datos oficiais, o poder adquisitivo do soldo dos mestres de primaria reducírase a un 20% do que tiñan en 1936. Estes datos non se poden separar nin do enorme sufrimento social causado polas políticas económicas do réxime, e en particular a autarquía, nin das decisións conscientes de excluír os pobres do futuro do país.
A aposta social e cultural da ditadura era pola excelencia das minorías acomodadas. En 1957, por exemplo, graduáronse case catro veces máis alumnos de institutos privados que dos públicos (205.974 e 62.422 respectivamente). Este elitismo na educación secundaria perviviu ata ben entrados os anos sesenta, e aínda despois. En 1965 só o 18.5% dos mozos de entre 11 e 16 anos estaban matriculados en institutos. Este era un dos niveis máis baixos de entre os países desenvolvidos; mesmo India tiña nese momento unha porcentaxe maior de alumnos de educación secundaria. O elitismo franquista, o filtro social e cultural, tamén produciu unha universidade anémica e atrasada. A porcentaxe de estudantes universitarios españois en 1970 era moito menor que o de países moito máis pobres como Grecia.
Co desenvolvemento económico dos anos sesenta, a situación mellorou, pero aínda no fin da ditadura o atraso do noso nivel educativo, que insisto estaba ligado ás profundas desigualdades sociais do país, era aínda enorme e concentrábase de forma intensa e masiva nas capas sociais pobres e nas áreas deprimidas do país. Segundo datos oficiais, en 1970 aproximadamente só o 75% dos nenos en idade escolar ía a clase regularmente. O absentismo era particularmente intenso en provincias marxinadas como Málaga e Tenerife (menos do 60% de asistencia a clase) pero tamén nos barrios de inmigrantes de Vzicaya, Madrid e Barcelona, onde ademais había unha déficit masivo de prazas escolares. Este estimábase que era de 250.000 prazas en Barcelona, 155.000 en Madrid, 90.000 en Coruña, 87.000 en Valencia, 74.000 en Sevilla. Estes nenos de 1970 son os pais e avós que teñen uns 50 anos hoxe.
Onde estaban en 1970 estes nenos perdidos para o futuro? Estaban a traballar e pagando co sacrificio do seu futuro, como os seus pais o tiñan durante a nosa longa e miserable postguerra, "o milagre" económico de España. Traballaban porque tiñan que axudar a alimentar as súas familias, aos que o progreso do país lles chegou tarde e mal. En 1972 os españois aínda empregaban o 44% dos seus ingresos en alimentación, a cifra máis alta entre os países da OCDE, bastante por enriba de, por exemplo, Italia. E esta é a media: a realidade dos pobres eran moito peor. A estes, a cambio de traballar para subsistir, o estado ofrecía máis da mesma discriminación: beneficios para as rendas máis altas a través dun sistema impositivo inxusto e reducido, o que significaba que, a diferenza da maioría dos países europeos, aquí as familias máis ricas dispoñían proporcionalmente de máis diñeiro e as familias con rendas máis pobres recibían proporcionalmente menos transferencias na forma de servizos e beneficios sociais. A anemia do gasto público significou que ata o día final da ditadura, o consumo privado como parte do PIB era en España máis alto que en ningún outro país europeo. Dito doutro xeito, a inhibición do Estado á hora de recadar impostos e facer investimentos públicos, en educación por exemplo, significou que aos pobres se lles condenou a recibir pouca educación e, ante a falta de transferencia de recursos vía beneficios sociais, se lles induciu ou forzou o abandono escolar,
A chegada da nosa democracia corrixiu moitas destas deficiencias e inxustizas. As reformas fiscais que pronto se adoptaron permitiron a expansión do noso sistema de ensino e investigación, aínda que non puideron cambiar o pasado: a catástrofe educativa dos pobres en España. É certo e lamentable que despois de tres décadas e media de democracia, non conseguísemos poñernos de acordo no modelo educativo que queremos, empezando pola relación entre a educación católica e privada por un lado e, por outro, a laica e pública. Pero máis lamentable parécenos a moitos cidadáns que a crise que comezou no 2008 puxese de relevo que a escola pública, os ensinantes e os pobres non son tan importantes para o Estado como, por exemplo, os bancos. E non deixa de ser moi triste que se lle siga pedindo excelencia á escola, coma se esta, ademais de motor do progreso, non fose tamén espello e consecuencia da sociedade á que serve.
Antonio Cazorla Sánchez é catedrático de Historia Contemporánea de Europa na Trent University (Canadá). O seu próximo libro é Cartas a Franco dos españois da pé (Barcelona, RBA)

Ningún comentario:

Publicar un comentario