O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) cumpre dez anos
desde a súa aprobación por unanimidade no Parlamento galego. Fará unha
década o vindeiro domingo cuns
resultados tan pésimos como pouco esperanzadores.
As máis de catrocentas medidas para favoreder e normalizar o idioma
propio do país pretendía ser un pulo fundamental para espallar e
prestixiar o uso do galego. Pouco se avanzou.
A volta do PP, da man de Núñez Feijóo, á Xunta en 2009 rachou de vez co escaso camiño avanzado. O que para a maioría era a base sobre a que asentar a recuperación do galego para o propio Goberno é
só "unha referencia".
A Mesa pola Normalización Linguística vén de presentar un amplo
informe no que avalía o nivel de cumprimento dos obxectivos e medidas
do PXNL. O seu incumprimento "é escandaloso" segundo un
colectivo que solicita á Xunta "retornar ao consenso de 2004, un
compromiso explícito e efetivo do PXNL por parte do Goberno, a posta en
marcha inmediata das medidas contempladas no Plan, así como a
derrogación de todas as disposicións legais contrarias a el". Ademais,
lémbranlle que o Executivo "ten a obriga" de aplicar as medidas ás que
se comprometeu xunto ao propio PP hai dez anos.
O informe detalla os numerosos incumprimentos e os "máis alarmantes" das medidas acordadas no PXNL
No seu extenso informe, A Mesa avalía os principais obxectivos marcados
no PXNL e repara nos "incumprimentos máis alarmantes das medidas
acordadas", así como os retrocesos e mesmo algunhas das "evidentes
actuacións contra o Plan" levadas a cabo polo Goberno de Nuñez Feijóo.
As consecuencias desta inacción son evidentes, tal e como destaca o documento:
retroceso sen precedentes no número de falantes, desaparición da lingua
galega da educación Infantil das cidades, exclusión do galego en
ámbitos claves da sociedade, vulneración de dereitos lingüísticos e
cidadáns e inferioridade de condicións das persoas galegofalantes no seu
propio territorio. Ademais, multiplícanse os usuarios de servizos aos
que lle negan atención por se expresaren na súa lingua, hai falta de
programas informáticos que garantan o dereito a recibir documentación en
galego, imposibilidade de ver un filme en galego nunha sala comercial
ou de ter a opción ao galego en productos audiovisuais... Son só
exemplos.
Administracións
Facendo un repaso polos incumprimentos das medidas acordadas en
diversos ámbitos, o resultado é claro -por nulo- e moi indicativo. Nas
administracións, por exemplo, a Xunta de Feijóo eliminou en 2009 a
exixencia de que nas probas para o acceso á función pública, "cando
menos unha fose escrita en galego, garantindo así o coñecemento da nosa
lingua". Do mesmo xeito,
non se estableceron mecanismos que
garantisen un aumento efectivo da presenza do galego nas entidades
receptoras de axudas públicas e constatáronse numerosos incumprimentos na utilización da forma galega dos topónimos como única válida e oficial.
Feijóo eliminou a exixencia de galego nas probas para o acceso á función pública
Na administración local, a privatización de servizos e/ou a súa
subcontratación provocou que moitos se deixasen de prestar en galego,
ademais de constatarse a non aplicación do PXNL no relativo ás
exixencias de garantías ás empresas concesionarias en materia
lingüística á cidadanía. Ademais, moitos servizos de normalización
lingüística foron precarizados ou desmantelados.
Na Administración de Xustiza, os programas informáticos de xestión e os formularios de uso cotián non existen en lingua galega
malia estaren proporcionados pola Xunta. Nos tribunais, antes do inicio
de calquera procedemento, "non se pregunta de oficio cal é a lingua
habitual do cidadán para que esa sexa a lingua de toda a actuación,
tanto oral coma documental", ao que se une a "evidente negativa" de gran
parte dos membors do poder xudicial e da fiscalía a utilizar o galego
que, ademais, "segue a non ser un requisito para exercer como xuíz,
fiscal ou secretario xudicial".
Na Administración periférica do Estado, segundo denuncia A Mesa,
"ignoráronse medidas como a de establecer como norma que todas as
comunicacións da Administración central se fagan na lingua declarada
como habitual". Ademais, seguen a existir "graves problemas" para
dirixirse en galego a estas administracións estatais, ao igual que
ocorre nas notaríans, onde as garantías para obter documentación na
lingua propia "son mínimas".
Educación, familia e mocidade
No caso da educación, a familia e a mocidade, o Goberno do PP "non se
limitou a incumprir o Plan, senón que mesmo lexislou para que sexa
imposíbel cumprir os obxectivos que fixa, como 'alcanzar un uso
maioritario do galego na docencia' ou 'fomentar o uso progresivo do
galego desde a etapa preescolar".
No ensino, a Xunta derrogou o decreto que introducía algunhas das medidas do PXNL e impuxo outro que relega o galego ao mínimo
Así, no ensino derrogouse o decreto 124/2007 que introducía algunhas
das medidas contempladas no PXNL sobre o galego no ensino como a oferta
de preescolar en galego , e como mínimo de 50% de ensino en galego para
todos os ciclos educativos obrigatorios, así como ciclos formativos e
Bacharelato.
Co novo decreto do plurilingüismo, limitouse a un máximo o número de materias a impartir en galego,
prohibindo expresamente a impartición en galego de matemáticas en
Primaria e de Matemáticas, Tecnoloxía, e Física e química en Secundaria.
Ademais, aspectos centrais deste decreto, como consultar os pais a
lingua ou a posibilidade de que a lingua na aula fose diferente á da
materia, foron declaradas ilegais polo TSXG, que tamén confirmara a
"plena legalidade" do decreto 124/2007 derrogado. Por suposto,
tampouco
se levou a cabo ningunha campaña de sensibilización ante o uso do
galego entre a comunidade educativa, senón que se "afortalaron os
prexuízos". Do mesmo xeito, reduciuse o apoio institucional e o
financiamento ás equipas de normalización e dinamización lingüística,
"ás que se lle retirou mesmo a referencia á 'normalización' do nome".
As medidas da Xunta na educación "afortalaron os prexuízos" sobre o galego
Por outra banda, a avaliación da situación do galego no ensino é
"inexistente, mais alá das proclamas propagandísticas da Consellería",
mentres que as Galescolas, escolas de Infantil, cun proxecto educativo
que contemplaba uns contidos mínimos en lingua galega, foron
substituídas polas Galiñas azuis, ao tempo que se eliminaron os
programas piloto de inmersión.
"Como resultado o galego está excluído de gran parte das escolas infantís das cidades galegas", denuncia A Mesa.
En canto á formación de adultos, o conflito provocado polo
despediemento do profesorado Celga, contratado en condicións precarias,
"é unha mostra do desinterese da Xunta", ao igual que "a falta de medios
básicos por parte do profesorado contratado". De atender á transmisión
familiar, as campañas oreintados a potenciala débense a entidades
sociais "sen que a Administración fixese nada". Ademais, desapareceu
Preescolar na casa, hai unha ausencia absoluta de produtos audiovisuais
dobrados ou subtitulados, apenas programas ou xogos informáticos en
galego e cada vez menos oferta en lingua propia para os cativos nas
televisións públicas.
Para a mocidade, non hai campañas de sensibilización, nin fomento da
lingua nin acordos con televisións e radios locais para facer programas
para rapaces en galegos, tal e como se prevía. O mesmo ocorre os xogos
ou programas informáticos ou produtos audiovisuais, así como a dobraxe
nos filmes.
Medios de comunicación e industrias culturais
Nada mellor, nin moito menos.
A chegada do PP ao Goberno coincidiu co feche das principais cabeceiras impresas en galego,
mentres "non se coñecen" xestións para recuperar Radio 4, nin
negociacións con televisións locais e privadas para a emisión de filmes
en galego, nin acordos para ir aumentando a presenza do galego nos
diarios, nin para lograr o obxectivo marcado no PXNL de chegar en dez
anos a un mínimo dun 30% ou para que se respecten as declaracións feitas
na lingua propia. Nada do que se prometeu se cumpriu, mentres
importantes medios seguen a cobrar subvencións polo teórico uso do
idioma do país.
Nada do que se prometeu para os medios de comunicación se cumpriu, nin tan sequera un mínimo de galego nos xornais
Ademais, son "contadas" as empresas de telefonía móbil que ofrecen
servizos en galego e desmantelouse o proxecto Mancomún para a tradución
de software libre ao galego. As iniciativas en todos estes ámbitos nacen
da sociedade civil.
Economía
Non só
non houbo ningunha campaña para “fomentar nos consumidores o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego”,
senón que desde a propia administración se chegaron a facer campañas
mediáticas contra A Mesa precisamente por defender os consumidores e
consumidoras que vían negado ese dereito.
Tampouco houbo campaña publicitaria ningunha para vincular produtos
estrela co patrimonio lingüístico, nin se conto o respecto ou uso do
galego como criterio na concesións de axudas públicas. No comercio,
tampouco houbo bonificacións fiscais polo mesmo motivo, nin avance nos
dereitos lingüísticos dos consumidores nin accións que favorecen a
etiquetaxe na lingua propia. Na banca, por outra banda, séguense a
constatar dificultades para obter formularios ou documentación en
galego.
Sanidade
Na sanidade pública hai unha lexislación clara que defende os dereitos
lingüísticos dos pacientes. Aínda así, "son moitas as trabas para que un
paciente reciba atención sanitaria na súa lingua". A imposibilidade de
recibir a documentación do consentimento do paciente para
as probas na lingua propia é un exemplo, pero tamén
a falta de garantías para que che atendan no teu idioma,
a ausencia de campañas de información sobre os dereitos lingüísticos ou
programas informáticos do Sergas que dificultan o traballo en galego.
Na sanidade, segue sen haber garantías de que o paciente será atendido na súa lingua materna
Sociedade e proxección exterior da lingua
No ámbito social, os avances son tamén nulos: Non se percibe aumento
real do uso do galego na liturxia malia existir unha política de
subvencións e exclúese o galego dos templos e celebracións. Tampouco se
garante a competencia en galego dos traballadores dos servizos sociais
nin hai políticas de integración de inmigrantes que teñan en conta o
idioma propio.
No deporte, o galego está ausente na maioría das federacións malia cobraren subvencións públicas,
mentres que os produtos de lecer en galego non teñen unha oferta ampla.
Ademais, a lingua galega é "excluída" das campañas turísticas.
En canto á proxección exterior da lingua, destaca o "incumprimento" da
medida estrela neste apartado: a creación do Instituto de Lingua e de
Cultura Galega
Rosalía de Castro. Nada se sabe del, como de tantas outras cousas.