Malia á súa invisibilidade e á precariedade das súas condicións, a tradución en galego destaca pola súa calidade.
-Por que neste momento te animaches a propornos un A Fondo sobre tradución?O galego, desde o momento da súa aparición como lingua, sempre tivo na súa axenda, parello ao seu desenvolvemento, a tradución. Nestes momentos críticos para o futuro da nosa lingua mais tamén de grandes oportunidades, o papel do diálogo e as pontes de comunicación con outras linguas e culturas segue a ter unha relevancia fundamental.
-A tradutora Eva Almazán é a persoa entrevistada neste A Fondo. Almazán fixo parte da equipa premiada co premio estatal de tradución por virar ao galego o Ulises de Joyce. Que supuxo este premio para a cultura galega e para o eido da tradución?
"Eva Almazán e a súa xeración déronlle un pulo preciso á tradución de obras contemporáneas. Isto, xunto con algún período de políticas decididas a prol da tradución, fixo que se vivise unha época dourada"-Puxo en evidencia que, a pesar da obvia concorrencia desigual con outras tres linguas, o noso idioma é quen de cumprir as mesmas funcións, coa mesma e mesmo superior calidade que calquera outro. Nuns tempos de desvalorización a mantenta, o premio volveunos facer lembrar que o das linguas e as culturas non é unha cuestión de calidade, mais de autenticidade.
--Eva Almazán pertence a unha nova xeración de tradutoras e tradutores profesionalizados que estudaron na Universidade de Vigo. En que medida esta nova xeración supuxo unha revolución para a tradución en galego?
-Eva e a súa xeración déronlle un pulo preciso á necesidade de que o público lector tivese a oportunidade de ler en galego non só clásicos da literatura universal, mais tamén obras contemporáneas. Isto, xunto con algún período de políticas decididas de investimento público a prol da tradución, fixo que as editoriais apostasen e publicasen e que, dalgún modo, se vivise unha época dourada para a tradución que, mal que ben, abriu un camiño polo que agora máis xente quer transitar.
-A tradución é unha profesión que se desenvolve en condicións de precariedade, tal e como se explicita neste A Fondo. Como se manifesta esa precariedade?
"Á endémica invisibilidade das persoas tradutoras, ás que son mulleres súmaselle a propia invisibilidade de xénero."-Isto fai parte dun todo. Menos galego significa, en primeiro lugar, máis desalento, pero tamén menos libros, menos lectores, menos traducións, menos persoas tradutoras e piores condicións laborais. Mais nunca choveu que non escampase. As necesidades persisten e as persoas que lle dan saída seguen estando aí, mellor formadas do que nunca, dispostas a capear este temporal.
-O artigo de María Reimóndez fala da situación das tradutoras. En que medida esa precariedade é maior no caso das tradutoras? Existen cifras da porcentaxe que as mulleres supoñen no ámbito da tradución?
"O debate respecto á tradución do portugués e ao portugués non se resolverá definitivamente até que se produza o re-encontro, natural e necesario, entre os dous pobos e a súa lingua."-É dificil atinar nunha cifra, e habería aínda que falar dos diferentes tipos de tradución. Mais é claro que son maioría. Porén, á endémica invisibilidade das persoas tradutoras, ás que son mulleres súmaselle a propia invisibilidade de xénero. Segue habendo quen pensa que, no caso da tradución oral, cando a fai unha muller é unha secretaría e cando é home, un intérprete.
-Carlos Quiroga posiciónase no seu artigo a respecto das traducións do galego ao portugués e viceversa. En que medida está presente este debate no mundo editorial galego actual e como se soluciona?
-É un debate que leva estando aí desde sempre, e que non se resolverá definitivamente até que se produza o re-encontro, natural e necesario, entre os dous pobos e a súa lingua. Mais é un debate arriquecedor, que pon en cuestión tabús e preconceitos, que acaba por beneficiar o galego e a súa internacionalización, e tamén por abrirlles os ollos a moitos dos nosos irmaos e irmáns do sul.
GONZALO CONSTENLA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario