martes, 19 de xullo de 2016

Biblioterapia: o poder dun libro sobre o teu cerebro

Unha iniciativa pretende ofrecer axuda persoal a través de libros axeitados para cada situación.

A vida é demasiado curta como para ler un mal libro”.
“Pero tendo en conta que se publica un novo libro cada trinta segundos, pode ser difícil saber por onde empezar”.
A primeira frase díxoa, ao parecer, James Joyce. A segunda é a forma de completala que teñen en The School of Life, unha iniciativa creada en Inglaterra polo filósofo Alain de Botton e que, baixo a aparencia dunha librería, ofrece toda unha batería de servizos (cursos, talleres, charlas) para educar no que “non se ten en conta na escola ou na universidade”, isto é: “Como deberiamos vivir ben”.
Un deses servizos fíxose particularmente famoso, e o seu nome é xa de seu explicativo. Chámano biblioterapia. A idea é simple: usar os libros para axudar á xente.
O termo biblioterapia semella estrearse en 1916 nun artigo publicado na revista The Atlantic Monthly. Nel fálase dun tal doutor Bangster, que receita libros a quen os puidese necesitar. Isto era o que dicía sobre eles: “Un libro pode ser un estimulante, un tranquilizante, un irritante ou un soporífero. A cuestión é que debe ter un efecto, e ti tes que saber cal é. Un libro pode ser da natureza dun xarope calmante ou pode ser unha cataplasma de mostaza irritante”.
‘Receitaban’ libros a soldados con tensión postraumática tras da I Guerra Mundial
O uso da biblioterapia empezou a estenderse despois da I Guerra Mundial, sobre todo nos Estados Unidos. Alí, varias iniciativas comezaron a recomendar libros aos soldados que retornaban, moitos deles con tensión postraumática, nun intento por mellorar a súa convalecencia.
Hoxe en día, guías clínicas como as desenvolvidas no Reino Unido polo National Institute and Care Excellence (NICE) recomendan a biblioterapia en casos de depresión ou trastornos de ansiedade. Defíneno como un tipo de terapia cognitiva de baixa intensidade que pode axudar en casos leves, pero non é exactamente o mesmo ao que se refería Bangster.
Estas recomendacións baséanse en libros de autoaxuda axeitadamente seleccionados a través de iniciativas para prescribir só aqueles considerados de “alta calidade”. O que Bangster propoñía (e o que en The School of Life fan) é estender e enriquecer a prescrición: as súas recomendacións baséanse en libros de ficción.
Novelas que levantan o ánimo
A sección de biblioterapia de The School of Life depende de Susan Elderkin e Ela Berthoud, dúas licenciadas en Literatura inglesa pola Universidade de Cambridge. Segundo comenta Elderkin, así xurdiu a idea: “Ela e máis eu empezamos a pasarnos libros cun propósito terapéutico cando eramos estudantes na universidade e viviamos en habitacións contiguas. Ás veces chegabamos a casa e atopabámonos unha novela na porta: unha novela pensada para subirnos o ánimo cando o tiñamos baixo ou, moitas veces, para nos espabilar e nos botar un rapapolvo”.
“A literatura pode abrir portas e axudar a cambiar de perspectiva”
“En 2008 empezamos a mesma idea como servizo en The School of Life e máis tarde publicamos o libro The Novel Cure.  Xurdiu de ver a literatura como un recurso, algo que pode abrir portas cando nos sentimos atrancados e axudar a cambiar de perspectiva. Creo que moita xente experimentou este poder, pero normalmente é algo que sucede por casualidade, tropezando co libro adecuado no momento adecuado case por accidente. Nós quixemos organizar a literatura para que non dependese do azar, para que calquera que necesitase un recordatorio de que non estaba só no mundo puidese atopar un libro cando o necesitase”.

Susan Elderkin e Ela Berthoud publicaron o libro The Novel Cure, no que falan da literatura como estímulo para afrontar os problemas.

O funcionamento é sinxelo. Consiste en encher un cuestionario con preguntas sobre hábitos e preferencias de lectura xunto con outras máis persoais, como o tipo de vida, as principais preocupacións e ilusións ou o que uno espera estar a facer dentro de dez anos. Despois fixan unha entrevista que pode ser mesmo por teléfono ou Skype e ao final un recibe unha listaxe con seis ou sete libros recomendados. A biblioterapia funciona como unha sorte de libreiro emocional, que algún podería ver como un escalafón superior, ou simplemente diferente ao do libreiro tradicional.
Tamén se recomendan libros de non ficción, pero segundo Elderkin “preferimos prescribir novelas”. Algunhas que adoitan recomendar, segundo a persoa e a situación, son O Evanxeo segundo Xesucristo, de José Saramago; Henderson, o Rei da Choiva, de Saul Bellow; Siddharta, de Herman Hesse ou Un home afortunado, de John Berger.
Para Elderkin, “despois de todo, hai poucas cousas que poidas experimentar que non teña vivido antes un personaxe de ficción. Na miña opinión, Matar un Reiseñor é un marabilloso estímulo para facer o que un dos mellores libros de autoaxuda nos dixo: sentir o medo e facelo de todas as maneiras”.
Recheas un cuestionario, fas unha entrevista e prescríbeche libros de ficción
Polo momento non existen bos estudos que proben o valor deste tipo de biblioterapia na saúde, pero cada vez hai máis evidencias do que si pode provocar a lectura no noso interior.
Que lle pasa ao cerebro cando le?
Se ao ler nos transportamos e entramos no que o libro nos conta, se nos imaxinamos e dalgunha maneira vivimos a historia dos seus personaxes aínda pechados na nosa habitación, algo debe suceder nos nosos cerebros que o permita. O mellor xeito de saber que é o que ten lugar é mediante probas de neuroimaxe, técnicas que discriminan as áreas cerebrais que se activan cando lemos o que lemos. Dende hai uns anos se sucederon os experimentos do máis simple a procesos máis complexos. Isto é algo do que observaron:
No ano 2006, investigadores españois na universidade Jaume I de Castellón deron a ler diversas palabras a unha serie de voluntarios mentres lles practicaban unha resoancia cerebral. Algunhas desas palabras evocaban cheiros intensos, eran palabras como allo, canela ou xasmín. Outras eran palabras neutras, sen ningún tipo de cheiro asociado. O que viron foi que, ao ler, todas elas activaban as áreas cerebrais responsables da linguaxe, pero as primeiras facían traballar ademais ás áreas olfativas, as responsables de cheirar na realidade.
Investigacións similares parecían certificar algo que por outra banda semelle que se pode concluír de forma intuitiva: ao ler, dalgunha (cerebral) maneira, reproducimos o que as palabras evocan do mundo real. Por exemplo, cando lemos palabras como chuchar, agarrar ou pegar unha patada, se activan respectivamente as áreas da cortiza premotora relacionadas coa cara, os brazos e as pernas.
En certa forma é o que fan os saltadores de altura, que pechan os ollos e mesmo ladean a cabeza antes de cada salto visualizando cada un dos seus movementos. Esa visualización activa algunhas das áreas que logo lles permitirán elevarse. Así son adestradas e aumenta a súa eficacia.
De aí a seguinte suposición: se ao ler reproducimos o que sería a historia na realidade, e se son tantas as variantes ás que podemos acceder, podería dalgunha maneira a lectura adestrarnos para a vida real?
Historias e personaxes que adestran a empatía
A empatía pode definirse como a capacidade para captar as emocións e poñerse no lugar doutro. É un concepto amplo que engloba o que se coñece como teoría da mente, e é unha das bases que permiten a vida en sociedade. Algúns experimentos xa amosaran que, polo menos de forma temporal, ler pasaxes dun libro de Chejov alteraban os trazos de personalidade dos lectores respecto de se lían a mesma historia pero non contada como literatura, senón de forma neutra, en estilo documental.
A boa literatura mellora a empatía porque é un simulador da realidade
David Comer Kidd e Emanuele Castano, investigadores na New School for Social Research en Nova York, foron un paso máis aló. Nun artigo en Science amosaron que ler a considerada como alta literatura (os seus exemplos eran Don DeLillo ou Alice Munro, entre outros) melloraba de forma lixeira pero evidente as puntuacións dos participantes cando se sometían a tests de empatía, algo que non sucedía coa considerada baixa literatura, como as novelas románticas de Danielle Steel, ou cos libros de non ficción.

Aínda que o estudo recibiu algunhas críticas, son xa varios os traballos que apuntan na mesma dirección. “Nós cremos -explica Castano– que a complexidade dos personaxes, que se rebelan a ser estereotipados, obrigan ao lector a facer un esforzo para entendelos como individuos únicos, e iso é probablemente a causa dos resultados que atopamos”.
Dalgunha maneira a literatura (a boa literatura) funcionaría como un simulador da realidade: un campo de probas sen risco onde se poden dar e practicar condicións particulares e extremas ás que normalmente non accedemos con asiduidade.
Incluso un estudo de 2014 sostiña que ler as novelas de Harry Potter facía que os estudantes mellorasen a súa actitude respecto de grupos estigmatizados como inmigrantes ou refuxiados.
Algunhas conclusións xornalísticas destas investigacións afirmaron, extrapolando estes efectos, que ler ficción pode facernos mellores persoas. Parece unha extensión esaxerada, pero Castano non a rexeita: “Eu creo que a empatía é unha compoñente clave do comportamento social e da moralidade en xeral. Para min si, a empatía faiche unha mellor persoa”.
Os beneficios da non ficción
A maioría dos estudos previos baseábanse en novelas ou contos, pero a literatura de non ficción tamén acolle a promesa de múltiples beneficios. O principal deles parece ser -ademais da propia bagaxe cultural que achegan- o aumento da reserva cognitiva, unha especie de colchón neuronal que protexe de desenvolver síntomas como os asociados ás demencias.
Por exemplo, en enfermos de esclerose múltiple canto maior era o hábito de lectura á idade de vinte anos -tanto de ficción como de revistas, xornais ou ensaios-, maior é o tamaño do hipocampo aínda co avance da enfermidade, o cal se relaciona tamén cunha mellor memoria. Curiosamente, esta asociación non aparecía con outros hobbies como tocar un instrumento, nin sequera co nivel educativo alcanzado.
A literatura de non ficción protexe de síntomas asociados ás demencias
Noutro traballo, o chamado estudo das monxas, tívose acceso aos diarios de mocidade de 678 relixiosas que doaran o seu corpo á ciencia. Tras os estudos patolóxicos os científicos observaron que aquelas cunha linguaxe máis rica aos vinte anos -moi probablemente obtida a través de maiores e mellores lecturas de todo tipo- mostraban moitos menos signos de demencia.
Estes datos están lonxe aínda de ser definitivos e concluíntes, pero psicólogos como Castano se amosan convencidos: “Ler non ficción ten cheas de beneficios, tanto en termos do desenvolvemento cognitivo como do seu mantemento, así como polo que aprendes ao ler”
A terapia e o pracer
Entón, ten sentido a biblioterapia? Pode desempeñar un papel no cerebro? “Si, creo que pode”, sostén Castano. “Son beneficios diferentes aos que as miñas investigacións estudan, pero ao cabo ler ficción é unha parte do que nos fai humanos”.
E se non, e independentemente, sempre nos quedará a experiencia da lectura. “Onde, senón é na ficción, podemos experimentar o que é ser alguén doutro xénero, ou vivir noutra época, ou nacer nalgún país afastado?, pregúntase Elderkin. Logo engade o seguinte: “As novelas ofrecen unha narrativa ampliada, con múltiples capas; requiren tempo e atención sostida para ler e entender e gozar. Entrar nunha historia deste xeito é tremendamente relaxante para os nosos cerebros fragmentados”.
Iso xa parece dabondo.

O cerebro necesita emocionarse para aprender

Os novos experimentos no ensino albiscan o fin das clases maxistrais. Unha das tendencias é a neurodidáctica.

No ano 2010 un equipo de investigadores do Massachusetts Institute of Techonolgy (MIT), en Boston , colocaron a un universitario de 19 anos un sensor electrodérmico na boneca para medir a actividade eléctrica do seu cerebro as 24 horas durante sete días. O experimento arroxou un resultado inesperado: a actividade cerebral do estudante cando atendía nunha clase maxistral era a mesma que cando vía a televisión; practicamente nula. Os científicos puideron probar así que o modelo pedagóxico baseado nun alumno como receptor pasivo non funciona.
“O cerebro necesita emocionarse para aprender”, explica José Ramón Gamo, neuropsicólogo infantil e director do Máster en Neurodidáctica da Universidade Rey Juan Carlos . No último lustro, en España apareceron diferentes correntes que queren transformar o modelo educativo e unha delas é a neurodidáctica. Non é unha metodoloxía, senón un conxunto de coñecementos que está a achegar a investigación científica no campo da neurociencia e a súa relación cos procesos de aprendizaxe. “Antes só podíase observar o comportamento dos alumnos, pero agora grazas ás máquinas de neuroimagen podemos ver a actividade cerebral mentres realizan tarefas”, engade Gamo. Esa información serve aos profesores e pedagogos para decidir que métodos son os máis eficaces.
Gamo, que estuda as dificultades de aprendizaxe de persoas con dislexia ou TDAH desde hai máis de 20 anos, observou que na maioría dos casos eses problemas non estaban relacionados con esas síndromes, senón coa metodoloxía escolar. El e o seu equipo identificaron que o 50% do tempo das clases de primaria en España baséanse en transmitir información aos estudantes de forma verbal, algo que en secundaria sucede o 60% do tempo e en bacharelato case o 80%. “Indagamos sobre o que estaba a suceder nas aulas e queriamos saber que dicía a ciencia respecto diso, se ese método estaba xustificado”.
Baseándose en diferentes investigacións científicas e nas súas propias, concluíron que para a adquisición de información nova o cerebro tende a procesar os datos desde o hemisferio dereito -máis relacionado coa intuición, a creatividade e as imaxes-. “Neses casos o procesamento lingüístico non é o protagonista, o que quere dicir que a charla non funciona. Os xestos faciais, corporais e o contexto desempeñan un papel moi importante. Outra mostra da ineficacia da clase maxistral”, explica Gamo.
Por iso, a neurodidáctica propón un cambio na metodoloxía de ensino para substituír as clases maxistrais por soportes visuais como mapas conceptuais ou vídeos con diferentes apoios informativos como gráficos interactivos que requiran a participación do alumno. Outra das apostas é o traballo colaborativo. “O cerebro é un órgano social que aprende facendo cousas con outras persoas”, engade.
No últimos cinco anos, Gamo formou en neurodidáctica a docentes dunha trintena de colexios públicos en diferentes comunidades autónomas. O principal problema, na súa opinión, é que as escolas non están a tomar a decisión sobre cara a onde queren innovar, ao que se suma que ninguén lles acompaña na implementación das novas metodoloxías. “A direccións dos centros están enrocadas nos métodos tradicionais baseados en clases maxistrais, memorización e exames escritos”.
Nese escenario conviven centos de profesores e entre eles hai quen non se conforman co establecido. Chema Lázaro, de 34 anos, dá clase a alumnos de sexto de primaria nun colexio concertado de Moralzarzal e desde hai dous anos e medio aplica a neurodidáctica na aula. “Os meus alumnos sempre me dicían que eu molaba moito, pero que as miñas clases eran unha porcallada”, conta. Empezou a investigar sobre metodoloxías alternativas e creou o blogue Lousas abertas, que en 2013 valeulle o premio nacional sobre as TIC na aula do Ministerio de Educación. Lázaro buscaba unha base científica que apoiase a súa aposta: facer que os seus estudantes aprendesen para toda a vida sen memorizar.
O 50% do tempo das clases de primaria en España destínase a que fale o profesor. En bacharelato é case o 80%
“O meu método respecta o proceso polo que o cerebro aprende: primeiro vai a motivación, daquela a atención e por último a memoria. Nesa orde”. Para explicar o antigo Exipto tenta captar o vínculo emocional dos rapaces. A través da súa canle de YouTube exponlles xeroglíficos en vídeos con formato de tráiler cinematográfico. “Con ese material motívanse e así teño alumnos atentos”, continúa. Utiliza a gamificación e as capitais apréndense gañando puntos na plataforma Kahoot. Para ver as pirámides, vista desde un dron ou Google Earth.
Unha das plataformas de educación online baseada na neurodidáctica é Neurok. O director da compañía, Agustín Cuenca, empezou a explorar o mundo educativo hai 10 anos, cando ao seu fillo de cinco anos diagnosticáronlle hiperactividade. “Partimos de que a formación online non funciona, só un 10% dos que se apuntan a un MOOC -cursos online masivos e gratuítos- termínao”. Nunha plataforma tradicional atópanse contidos, mentres que en Neurok hai debates.
Conca e un equipo de 10 pedagogos e profesores de universidade e primaria aplicaron os formatos de Twitter e Facebook á educación. “Antes sempre sabías a quen pedir os apuntamentos. Agora decides a quen seguir nesta rede social na que todos os alumnos comparten contidos e debaten sobre diferentes temas. O profesor fai de guía e achega criterio sobre que contidos son de calidade”, explica Conca. O máis difícil deste modelo de aprendizaxe, recoñece este informático, é a participación. O sistema conta con hashtags, mencións ou notificacións no móbil, entre outros servizos. A idea de Neurok é ser utilizada como unha plataforma de apoio ás clases presenciais ou directamente como o esqueleto dun curso online.
Iso é o que sucede co Máster en Neurodidáctica da Rey Juan Carlos, un curso blended no que o 80% do contido impártese na rede. Ata agora, tamén usaron Neurok na UNED e na Universidade de Estremadura, coa que están a colaborar nunha investigación para medir a calidade dos contidos compartidos polos alumnos e o seu nivel de interacción na plataforma.
“Aínda hai moita xente que desconfía destes métodos, pero nuns 15 anos empezaranse a ver os resultados”, comenta Conca, que xa asesorou a máis de 30 colexios públicos de diferentes comunidades autónomas a través da súa consultora educativa Niuco. Para todos aqueles que busquen evidencias científicas da neurodidáctica, o profesor da Universidade de Barcelona Jesús Guillén recompila no seu blogue Escola con cerebro as últimas investigacións realizadas en diferentes partes do mundo.

 

Galchimia, química orgánica con acento galego

A compañía nada na USC cumpre quince anos como vangarda da investigación química en Galicia.

A traxectoria de Galchimia é a demostración palpábel de que o soño dos emprendedores se pode facer realidade, iso si: con moito esforzo detrás e coas ideas moi claras para converter a aposta pola innovación e a internacionalización nun seguro fronte aos vaivéns do mercado. A empresa, que naceu fai máis de quince anos como idea de dous estudantes de Química Orgánica da Universidade de Santiago (USC), Carme Pampín e Jacobo Cruces, acabou consolidada despois do seu nacemento como spin-off.

Pampín, actual CEO de Galchimia, lembra que a empresa é un produto dunha das primeiras ideas desenvolvidas ao abeiro do programa pioneiro de emprendemento da USC. “O proxecto gustou na Universidade e aos poucos empezamos a facer un plan de negocio, coa innovación e a internacionalización como bandeiras desde un principio. Uninova axudounos a realizar o plan e, posteriormente, Unirisco achegou parte do financiamento”, explica Pampín, quen indica que a empresa se foi adaptando ás necesidades do mercado e rematou por adoptar un modelo de funcionamento que segue sendo a súa principal fonte de traballo ata hoxe. Consiste en realizar investigación baixo contrato (outsourcing) para a industria farmaceútica. “O noso modelo baséase en facer I+D para terceiros”, conclúe Pampín. Hoxe en día Galchimia ostenta o liderado español no campo da Química Orgánica Sintética. Ademais de traballar actualmente e de realizar investigación para distintas compañías farmacéuticas e biotecnolóxicas de primeiro nivel, conta cun catálogo de máis  de 200 produtos que a propia compañía vende a través da súa páxina web. Nos últimos anos Latinoamérica pasou a ser nun mercado importante para a compañía, aínda que un 75% dos seus ingresos aínda depende da liña de investigación baixo contrato. Galchimia conta agora cun persoal de 30 traballadores e en 2015 a súa facturación alcanzou os 1,8 millóns de euros.
Galchimia conta con 30 empregados e factura 1,8 millóns de euros
A innovación segue a ser o sinal de identidade de Galchimia xa que os encargos dos clientes adoitan consistir na xeración de novas moléculas. Para ‘inventalas‘ é necesario realizar un complexo estudo previo e ver se é factible seguir a dar pasos para culminar o proceso. A empresa asentada no Pino, preto de Santiago, segue a buscar novas vías para diversificar o seu negocio e xerar licenzas de produtos propios. Ademais,  mantén proxectos de colaboración con outras empresas tanto do exterior como galegas dentro de programas de apoio á investigación como Horizonte 2020, Interconecta, Madame Curie e Conecta Peme.
Co paso dos anos Galchimia converteuse na marca de referencia do sector químico en Galicia. Pampín destaca que ao longo destes anos se foi consolidando na comunidade autónoma un ‘ecosistema interesante‘ de empresas dentro da rama das Ciencias da Vida que fai posible que Galchimia poida colaborar con outras empresas galegas no terreo da I+D. Nesta liña hai que  destacar especialmente o proxecto ONCOGALFARMA, desenvolvido xunto ás empresas AMSlab e Oncostellae, dentro do programa Conecta Peme, para investigar terapias complementarias no tratamento do cancro.
A compañía nada no seo da USC mantén desde o principio a súa aposta polos recursos humanos galegos e preto do 90% do seu persoal procede dalgunha das tres universidades galegas. E ten unha política de baixa rotación dos traballadores e pola súa vinculación co proxecto. A crise económica tamén afectou a Galchimia, especialmente pola súa dependencia da industria farmacéutica. Pampín sinala que a vocación internacional de Galchimia e a súa aposta por desenvolverse noutros sectores, como a agroquímica, foron dous dos factores que axudaron á empresa para superar a crise, que foi especialmente dura no ano 2013.

A UVigo acada os 2.500 matriculados coa súa plataforma de cursos masivos en liña

A Universidade de Vigo vén de facer un repaso pola actividade xerada pola súa plataforma de cursos masivos en liña, integrada no Campus Dixital de Mar, logo do seu primeiro ano e medio de funcionamento. Segundo fai saber a UVigo xeráronse ao seu abeiro 24 cursos e permitiuse a matriculación de máis de 2.500 persoas. A UVigo lembra que o proxecto encetou a súa andaina o primeiro día de 2015 e dende entón foi quen de achegar actividades formativas de gran repercusión na comunidade en liña. Por exemplo o curso sobre técnicas de laboratorio aplicadas á Bioloxía, no que se matricularon máis de medio milleiro de persoas. A temática destas actividades formativas desenvolvidas dixitalmente foi do máis variada: hóuboas científicas, humanísticas e, por suposto, tecnolóxico-dixitais.
Os principais impulsores destas plataforma foron Manuel J. Fernández Iglesias, vicerreitor de Extensión Universitaria, Domingo Docampo, responsábel do Campus Dixital do Mar, e Vicente Goyanes, coordinador da asistencia técnica multimedia da Universidade. O principal obxectivo da súa achega en común foi emprazar á Universidade no mundo dos cursos masivos en liña, os coñecidos como MOOC polas súas siglas en inglés, “cunha oferta específica moi adaptada ás capacidades do profesorado universitario vigués e ofrecendo unha formación rigorosa e útil baseada principalmente en materiais audiovisuais de alta calidade desenvolvidos na propia universidade”, sinalan, engadindo que non se procuran accións de ensino que sexan quen de xuntar grandes audiencias, “das cales hai milleiros dispoñíbeis na Rede”, senón empregar o modelo de formación en liña para fornecer “formación especializada de alta calidade e adaptada a un abano moi amplo de dispoñibilidade do alumando”.
Segundo engaden, a nova plataforma deulle aos docentes “a posibilidade de crear cursos audiovisuais con tecnoloxía de última xeración e expandir a súa difusión, moito máis aló do alumnado propio”. Desde o punto de vista dos estudantes, permitiulles “acceder a cursos de alto nivel impartidos por expertos universitarios, de xeito totalmente gratuíto e adaptando os contidos aos seus propios horarios e estilos de vida”.
En relación ao lugar de orixe dos matriculados e matriculadas, o 57% é de procedencia estatal e preto do 40% provén de Latinoamérica.
Na opinión dos impulsores da plataforma, a clasificación dos cinco cursos con máis seareiros reflicte tamén “a variedade temática desta oferta”. Encabeza a listaxe o curso Técnicas básicas de laboratorio aplicadas á Bioloxía, coordinado polos profesores Paloma Morán, Manuel Megías e Diana Valverde, con 507 seguidores e do que xa se fixo unha segunda edición. Séguelle Biomateriais, do concepto á clínica, dirixido polos docentes da Escola de Enxeñería Industrial, Julia Serra e Pío González, no se matricularon 323 persoas. Os dous seguintes, con 298 e 295 seguidores cada un, están coordinados polo profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, Jesús G. Maestro e xiran entorno ao mundo literario: Teoría da literatura, o primeiro, e Literatura comparada, o segundo. En canto a número de inscritos (preto de 300 a aínda a seis meses da data oficial de inicio, en xaneiro de 2017), pecharía a clasificación o curso Utilización de ferramentas baseadas en TIC para a xestión da información na empresa, coordinado polos docentes da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Ángeles Sandoval, Miguel Ángel Merino e Fernando Comesaña, e dirixido a ofrecer “unha visión xeral de como as Tecnoloxías da Información e a Comunicación poden contribuír á mellora da xestión empresarial”.

Quem teme a liberdade normativa?

“Diferentes veces tratouse este asunto da ortografia galega. Lémbrome dos tempos da “Revista Gallega” dirixida por Salinas e feita na imprenta do meu pai, onde se publicaron os primeiros traballos de Historia de Galicia e mais de Xeografía da Nazón Galega escritos en galego, e na que colaboraron todol-os grandes valores da nosa terra que son hoxe venerados por nós.“(...) algo conseguíuse despois de reñidas loitas, mas o que se non conseguíu foi adoutar o J que “non entraba” nos létores. (...)“Alguns anos pasados e nos primeiros tempos das “Irmandades da Fala” en “A Nosa Terra”, voltouse tratar da custión ortográfica, sobre todo no asunto J: Nesta ocasión interviñen eu tamén. Po-lo artigo de Villar Ponte publicado hai poucos dias no PUEBLO GALLEGO viuse como houbo que deixar o J e voltar ao X.”1
O fragmento anterior, publicado em 1928 por Leandro Carré com o título “En col da ortografia Galega”, sintetiza na perfeição a nossa história negada. O galeguista, para além de fazer um balanço das renhidas lutas normativas desde o regionalismo até ao nacionalismo das Irmandades, propunha a seguir, a utilização do com o conhecido argumento “pedagógico” da dificuldade que teriam as crianças galegas com a ortografia etimológica, ao serem alfabetizadas em castelhano.
Este exemplo não é mais do que uma amostra, como tantas outras, da presença dos debates normativos desde os primórdios da história do galeguismo. De fato, como estudou a historiadora Anne-Marie Thiesse, durante a emergência das nações e da elaboração dos primeiros códigos ortográficos, o debate na Europa e também na Galiza oscilou entre “voltar às origens” ou imaginar uma normativa ex novo, diferente, no caso galego, do português.
Paradoxalmente, esse regresso às origens tinha como objetivo brindar ao galego um futuro para o seu passado. Talvez por isso, Johán Vicente Viqueira era conhecido entre os membros da sua de geração como “o galego futurista”. Este galeguista, que foi presidente das Irmandades da Fala da Corunha, juntamente com Antón Villar Ponte chegaram mesmo a introduzir a sua proposta etimológica nalguns números da “A Nosa Terra”. Não tinha sido a primeira vez que se tentava, nem seria a última. Apesar da rutura do 36 e das desconexões com a tradição anterior, a memória dos debates normativos chegou até nós. Uma bom exemplo disso é a saúde da que goza hoje em dia o reintegracionismo: uma proposta ortográfica convertida em movimento social sobre a qual foi questionado em 1990 o poeta Manuel Maria, homenageado este ano com o Dia das Letras Galegas:
¿Qué opinas do reintegracionismo?
Estou a favor. Non escribo en reintegrado, porque cando comenzou este movemento eu xa era vello, son algo preguizoso, e teño uns hábitos de escritura de trinta anos. Pero gustaríame que se utilizase a grafía do portugués, conservando o noso próprio idioma. A primeira razón na que me baso para dicir isto, é que a grafía portuguesa vaille mellor. En segundo lugar por diferenciar a ortografía galega da española. E por último, porque isto favorecería tremendamente que tódolos lusófonos puidesen ler ós escritores galegos, sen grandes dificultades. A ortografía paréceme unha ponte importante2.


A história, dizem, escreve-na os vencedores. Talvez por isso as palavras de Leandro Carré que abrem este artigo ou as de Manuel Maria que o fecham, não aparecem em nenhuma história oficial. Na nossa mão está construir, mas também exigir, uma história que nos inclua a todos e todas.

Tiago Peres Gonçalves

Correlingua agradece premio Rosalía de Castro e partíllao cos 40.000 participantes nestas 16 edicións

A Deputación concedeu este premio na categoría de normalización da lingua en infantil e xuvenil a Correlingua e as escolas 'Semente'.

Correlingua expresa o seu agradecemento ao xurí do premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña a iniciativas normalizadoras destinadas á infancia e á mocidade. Un galardón que, afirman, recoñece as entidades que a promoven, CIG-Ensino, A Mesa e AS-PG, mais moi especiañlmente a implicación do profesorado e alumnado dos centos de centros educativos participantes, “sen cuxa concorrencia esta actividade non sería posíbel”. Ao longo destes 16 anos a iniciativa contou co apoio de empresas privadas, deputacións e numerosos concellos, entre eles os de Lugo, Pontevedra e Vigo, que colaboraron ininterrumpidamente co Correlingua en todos estes anos.
O Correlingua naceu no curso 2000-2001 e leva xa 16 anos a percorrer o noso país. É unha actividade escolar de duración anual que remata cunha festa nas rúas e prazas de diferentes localidades, festas que desde o día 2 ao 16 de maio percorren un promedio de 12 vilas e cidades cada ano. “Levar adiante o Correlingua é un traballo que nos ocupa todo o ano, mais que ten a súa recompensa na participación de centos de centros, e miles de alumnos e alumnas, por volta de 40.000, xa sexa como participantes directos nas festas finais, xa sexa como participantes nos certames que anualmente se convocan”.

Igualdade de xénero, materia de libre elección no primeiro ciclo da ESO

A Xunta incorpora a optativa en primeiro e segundo de Secundaria. Terá unha hora semanal de carga lectiva. 

Máis recortes no ensino público: Xunta elimina 84 unidades educativas e 133 postos de traballo

A CIG denuncia que nestes 5 anos Educación suprimiu 59 escolas e 398 unidades.

luns, 18 de xullo de 2016

Un premio recoñecerá novos músicos que finalizaran os seus estudios superiores en conservatorios galegos

O Premio Extraordinario Paideia Galicia-Consellería recoñecerá o traballo de artistas galegos cunha traxectoria "excelente" na música e que remataran recentemente os seus estudios profesionais en conservatorios galegos e alcanzasen unha alta cualificación no traballo de fin de estudios.

O Premio Extraordinario Paideia Galicia-Consellería recoñecerá o traballo de artistas galegos cunha traxectoria "excelente" na música e que remataran recentemente os seus estudios profesionais en conservatorios galegos e alcanzasen unha alta cualificación no traballo de fin de estudios.
O galardón permitiralles unha gravación discográfica, mestura, edición e masterización dun CD, segundo indicou nun comunicado a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que organiza, xunto á Fundación Paideia Galiza, estes recoñecementos.
Ademais, concederanse premios a titulados de ensinanzas superiores de música na especialidade de interpretación dos conservatorios galegos. Estes galardóns consistirán en gravacións discográficas ou maquetas como solistas ou en formacións camerísticas, así como a súa posterior distribución e difusión.
Así, a Consellería promoverá a convocatoria entre o alumnado dos conservatorios superiores de Galicia e difundirá a obra premiada. Pola súa banda, a Fundación cederá as súas instalacións e sufragará os gastos que orixine a realización das gravacións.
A estes galardóns poderán concorrer os alumnos dos conservatorios superiores de A Coruña e Vigo que cumpran distintos requisitos, como alcanzar o sobresaínte no traballo de fin de estudios, na especialidade de interpretación e superar o traballo no ano académico anterior ao da convocatoria dos premios, entre outros.

A nota de acceso en 22 carreiras universitarias de Galicia supera o 10

Os dobres graos, titulacións sanitarias e Aeroespacial copan a demanda de prazas nas universidades galegas.

O martes fíxose pública a primeira lista de admitidos nas universidades galegas e houbo moi poucas sorpresas. Os estudantes galegos xa saben que queren estudar e onde. A pesar de que, en conxunto, a rama sanitaria continúa sendo a máis demandada, as dobres titulacións gañan peso situándose entre as carreiras máis demandadas e coas notas de corte máis elevadas.
Concretamente destacan os dobres graos de Matemáticas e Física; Enxeñería Informática e Matemáticas ou Comunicación Audiovisual e Xornalismo. Carreiras que só se poden cursar na USC e que contan con 13.374, 12.954 e 12.745 de notas de corte respectivamente.
Pero, sen dúbida, a titulación que continúa a tendencia de ser, ano tras ano, a máis solicitada é a de Medicina. Grao que só se pode estudar no Campus de Santiago.
Das 163 titulacións ofrecidas en Galicia, 22 superan o 10 nas notas de corte
Os aspirantes a médicos, xunto cos alumnos que aspiran a formarse na especialidade de Enfermería nalgún dos sete campus galegos, suman máis de 5.000 aspirantes en listas de espera. Datos que confirman a tendencia á alza coa que conta a rama médica en Galicia.
Por outra banda, cabe destacar a gran demanda de prazas que tivo a nova titulación de Enxeñería Aeroespacial que se impartirá por primeira vez o próximo curso no campus de Ourense. O grao non só cubriu o número de prazas convocadas, senón que ten máis de 140 alumnos en lista de espera.
Entre as 163 titulacións totais que se ofrecen nas tres universidades galegas, 22 delas, contan cunha nota de criba superior a 10. Tal é o caso de Mecicina, Odontoloxía, Farmacia ou Veterinaria, carreiras da Universidade de Santiago. En Coruña, Ferrol e Lugo é Enfermería a carreira coa nota de corte máis alta, mentres que en Vigo e Pontevedra as carreiras ás que é máis difícil acceder son Tradución e Interpretación e Fisioterapia, respectivamente. En Ourense consegue ser Enxeñaría Aeroespacial a que criba cun número máis alto.
A oferta de titulacións do Sistema Universitario de Galicia pode consultarse aquí.
A listaxe de admitidos pode consultarse aquí.

 

Un sistema de intelixencia artificial analiza as opinións en galego nas redes

Investigadores das tres universidades traballan no proxecto Telepares, de 'minería de opinións' tamén en castelán.

A aparición das redes sociais, como Facebook ou Twitter, provocaron un aumento dos fluxos de información e opinións na contorna dixital. Moreas de datos e percepcións que sen filtrar, analizar e procesar non son de utilidade para administracións e empresas. Nese contexto naceron plataformas informáticas multilingües que procesan os microtextos dos usuarios nas redes de comunicación social e tratan de explotar o seu potencial para coñecer o punto de vista dunha ampla base de consumidores sobre unha gran variedade de temas, como unha especie de enquisa de satisfacción global. Pero as ferramentas creadas ata o momento son limitadas, especialmente para linguas como o español e o galego, xa que os principais proxectos se desenvolven en países de fala inglesa.
Para tentar cubrir este baleiro xurdiu en 2015 o proxecto Telepares no que participan tres grupos de investigación das tres universidades galegas. Á fronte desta iniciativa está o profesor vigués Manuel Vilares, do Grupo de Compiladores e Linguaxes, que explica que o que se coñece como análise de sentimento ou minería de opinións “é unha recente área de investigación” centrada en determinar automaticamente se nun texto se opina ou non e se a opinión é positiva ou negativa sobre un tema, produto ou persoa. Sobre as limitacións destas ferramentas, lembra que son consecuencia “dun procesado superficial que non ten en conta as relacións sintácticas entre palabras nin os seus roles semánticos nas oracións, o cal resta capacidade de comprensión nuns textos, xa de seu exiguos”.
Telepares está integrado por investigadores das tres universidades galegas
Neste proxecto os científicos galegos traballan nunha mellora do soporte lingüístico integrado no tratamento de microtextos en español e galego, linguas para as que recentes informes europeos poñen de manifesto un importante déficit, cunha especial incidencia na carencia de recursos sintácticos. Por este motivo o equipo de traballo está formado por expertos cunha ampla experiencia no desenvolvemento de tecnoloxía propia dos ámbitos do Procesamento da Linguaxe Natural (PLN), da Tradución, da Recuperación de Información (RI) e na Procura (automática) de Respostas (PR). O obxectivo final é desenvolver un sistema efectivo de análise de opinións en español e galego para as redes sociais baseadas en microtextos e, como subliña Vilares, “para iso é preciso mellorar o rendemento das técnicas actuais de análise sobre texto estándar, deseñar mecanismos de adaptación a microtextos daqueles modelos e métodos de análise que son máis efectivos”.
Para optimizar o traballo deste grupo apostouse por unha composición multidisciplinar, combinando coñecementos en lingüística computacional, tradución, recuperación de información e adquisición do coñecemento. Así, están implicados o Grupo de Compiladores e Linguaxes da Universidade de Vigo, con seis membros das áreas de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e Tradución, entres eles os catedráticos Manuel Vilares e Elena Sánchez Trigo; o Grupo de Sintaxe do Español de Santiago de Compostela, con dous membros; e o Grupo de Linguaxe e Sociedade de Coruña, con seis membros das áreas de Lingüística Xeral e de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial.
As abreviaturas e emoticonos da linguaxe dixital, requiriron un tratamento específico
O proxecto arrancou en 2015 e como indica Vilares “puxéronse ao día as contornas de análise lingüística baseadas en dependencias sintácticas (non proxectivas)”. Esta tarefa requiriu tanto o deseño dos analizadores como dos algoritmos de avaliación semántica das estruturas de representación do coñecemento así xeradas, así como dos módulos de detección idiomática e análise léxico. “Estas tecnoloxías están baseadas en boa parte en algoritmos de adquisición do coñecemento cuxo adestramento e posta en marcha son en extremo custosos”, puntualiza, polo que o equipo deseñou unha ferramenta de predición do rendemento para este tipo de contornas, que permite tanto unha parametrización acelerada dos procesos de aprendizaxe como a súa avaliación temperá”. Iso permite un aforro notable tanto de recursos como de tempo dedicado aos tests de comparación de eficacia entre diferentes configuracións.
Vilares explica que se ben as ferramentas e tecnoloxías básicas xa foran desenvolvidas, publicadas e rexistradas polos mesmos investigadores que agora participan no proxecto, agora trátase de afondar “no problema da comprensión da linguaxe, que é en extremo complexo”. Os docentes explican que foi necesario xerar bases de datos léxicas e sintácticas co fin de utilizalas tanto no adestramento das ferramentas informáticas xeradas como na súa avaliación posterior. Pero o tipo de textos que se empregan nas redes sociais, de pouca extensión, con abreviaturas e emoticonos condicionou o seu traballo, como recoñece Vilares, xa que “dado que estamos falando dunha modalidade do linguaxe como os tweets moi específica e caracterizada pola súa incomplitude gramatical, todas as ferramentas e recursos comentados requiriron un tratamento específico máis aló dos textos habitualmente usados nas bases documentais tradicionais”.
A minería de opinión ten múltiples aplicacións no campo da intelixencia estratéxica
A minería de opinión ten múltiples aplicacións. Por unha banda permitiría, por exemplo, obter resultados similares aos dunha enquisa de opinión ou satisfacción, pero sen necesidade de realizar entrevistas personalizadas. Pero este é tan só un dos campos potencias destas ferramentas e Vilares destaca outros tamén de alto de impacto. Pódese empregar para asociar un “comportamento humano” a un dispositivo electrónico (lease robot). Por exemplo, “se o que unha persoa di é interpretable de forma positiva, a resposta do dispositivo pode programarse positiva, pero se se analizase como ameazante, a resposta podería ser moi diferente”, explica. Outra aplicación é o campo da intelixencia estratéxica para, por exemplo, compilar opinións considerables como “ameazas potenciais” para a sociedade, como no referente á loita antiterrorista ou á industria da defensa.
No tocante ás redes sociais pódese preguntar pola opinión dos usuarios sobre un produto, servizo, etc. ou ben buscar onde estes usuarios falan dese produto/servizo por iniciativa propia, e analizar así as súas mensaxes. Dado o tipo de ferramentas das que se trata xorden dúbidas sobre o dereito á privacidade dos usuarios das redes sociais. Neste sentido, Vilares destaca que “a orixe de todo este tipo de tecnoloxías son as axencias de intelixencia, como a CIA” e recoñece que se empregan non só con fins comerciais e sociolóxicos, senón que tamén “obviamente” no ámbito da intelixencia estratéxica. No primeiro dos casos, o ámbito privado, “trabállase sobre documentos de acceso libre, polo que non existen problemas legais”. No aire queda o caso da intelixencia estratéxica, alleo ao campo de estudo destes investigadores….

 

Arranca o Premio Aresa para iniciativas a prol do desenvolvemento rural

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey, e o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinaron esta mañá no salón reitoral do Colexio de San Xerome un convenio de colaboración para impulsar conxuntamente a edición de 2016 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. Acompañounos no acto o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema.
Con este acordo inícianse os preparativos doutra convocatoria deste galardón co que a USC e Aresa veñen recoñecendo aquelas iniciativas levadas a cabo por entidades, empresas, grupos de investigación e persoas en xeral a prol do desenvolvemento do sector primario. 
O Premio Aresa, de gran tradición en Galicia, está dotado con 10.000 euros e conta cun xurado profesional do que teñen formado parte reitores de distintas universidades cunha orientación agraria, coma, por exemplo, as de Barcelona, Córdoba, Salamanca ou Trás-os-Montes e Alto Douro, o que lles outorga aos gañadores prestixio e difusión.
Valórase especialmente a xeración de riqueza e emprego no agro
No seu palmarés figuran o profesor Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos ou a Facultade de Veterinaria, dentro do eido académico; personalidades coma Xosé Manuel Rodríguez Silva, ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea; firmas coma Ingapan, Champivil, Alibós ou Agroamb; consellos reguladores de denominacións de orixe e de indicacións xeográficas protexidas, coma a IXP Ternera Gallega e as DO Ribeira Sacra e Queixo San Simón da Costa; e modelos de asociacionismo como a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega ou a SAT Montes de Trabada, entre outros.
Na concesión desta distinción valórase especialmente a xeración de riqueza e emprego no agro así como a aplicación produtiva de novas tecnoloxías e da I+D+i, na procura da rendibilidade económica e do benestar social na execución das actividades agrícolas, gandeiras e forestais para que o campo sexa unha boa oportunidade laboral e vital para as vindeiras xeracións.

Carlos Casares, Letras 2017 e incorporación de Marilar Aleixandre á RAG

Desde Sermos Galiza:
“Finalmente o Pleno da Academia Galega resolveu homenaxear Carlos Casares (Ourense, 1941-Nigrán, 2002) nas Letras Galegas do vindeiro ano. Así o comunicou o presidente da institución, Xesús Alonso Montero, en comparecencia de imprensa este mediodía.
Casares era o favorito entre a listaxe de nomes -todos masculinos- que compuñan as distintas candidaturas a valorar pola Academia. O que foi director de Galaxia e renovación do ‘piñeirismo’ presidiu tamén o Consello da Cultura Galega e foi deputado independente nas filas do PSOE en 1982.
Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares foi un autor polifacético e “unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX”, sinalan desde a Academia nun comunicado público após a deliberación do pleno.
“Alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega”, acrecentan desde a institución.
Neste senso, entenden que “que a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra, que incluíu a literatura infantil, o xornalismo e o ensaio, converten a Carlos Casares nun escritor especialmente idóneo para protagonizar a celebración das Letras Galegas de 2017″. Pois, subliñan, “con toda seguranza, reforzará o prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria”. (…)
O Pleno da Academia tamén aprobou a incorporación da escritora Marilar Aleixandre, como nova integrante substituíndo o falecido Xosé Neira Vilas. Aliás, oficializou a candidatura de Chus Pato como proposta para se incorporar -se así o decide o Pleno na vindeira sesión- á Academia pasando a ocupar a vacante producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro.”

En 855 aldeas galegas xa só fica un único veciño

Outras 1.116 só teñen dous habitantes. Ao longo de 2015 un total de 55 entidades ficaron sen habitantes, sumándose ás 1.614 que xa estaban abandonadas.

En 855 aldeas galegas xa só vive un veciño. Un único habitante que garda memoria e lembranza da vida nestes núcleos antano poboados, da veciñanza, das familias, crianzas, traballos, convivios, festas... entidades mesmo con capela ou igrexa, até escolas, e das que xa só fica unha única persoa habitándoas. O despoboamento do rural galego tradúcese en desertización, abandono e perda. O máis que probábel destino destas 855 aldeas cun único veciño será engrosar a listaxe dos núcleos deshabitados. En Galiza, 1.669. O que supón 55 máis que no ano anterior, cando eran 1.614.
Mais os datos do Instituto Galego de estatística non deixan moito espazo para a esperanza. Hai 1.116 núcleos de poboación no noso país con 2 habitantes, situándose tamén ao bordo da desaparición. Estamos, pois, a falar de que perto de 2.000 aldeas van pasar a estar totalmente deshabitadas, abanonadas, en breve.
Unha imaxe da problemática á que nos afrontamos é que se sumamos os núcleos abanonados en todo o resto de territorios do Estado, o seu número non acada as que están nesa situación no noso país. Son 1.669 as entidades sen habitantes en Galiza e as sumadas do resto do Estado son 1.618. Asturies, o segundo territorio, tras Galiza, en número de aldeas bandonadas, ten 696. E Castalea-León, terceira neste ranking de abandono, 242.
A dinámica de abandono non ten visos de reverterse. En 2015 foron, diciamos, 55 os núcleos galegos que ficaron deshabitados. O ano anterior, 75. E o 2013, 70. E no 2012, 61 foron as entidades que quedaron baleiras. E así nunha dinámica que vén de hai décadas.