venres, 25 de setembro de 2015

"Pedirían a un inglés ou a un francés que redixisen en castelán a súa reclamación?"

Conversamos con María Xestal, a persoa que denunciou a discriminación lingüística sufrida após serlle negada a posibilidade de presentar unha reclamación na petroleira Cepsa por estar redixida en galego.

Que aconteceu con Cepsa?
Coincidiume ir o sábado a Compostela e parei nunha estación de servizo. Xa estivera noutra en Abegondo e os baños estaban moi suxos aínda que a folla de rota puña que había 20 minutos que os limparan. Vin que, nunha das ocasións, era o propio dono da estación --a quen coñecía-- o que asinaba a folla. Queixeime alí mesmo mais non me fixo caso polo que decidín entrar na páxina web da petroleira e pór unha reclamación. Fíxeno en galego porque falo e escribo habitualmente na miña lingua. Pedíronme, en castelán, que enviase por privado o meu número de teléfono. Despois xa me dixeron que só atendían reclamacións en castelán.
Non temos por que aturar isto. Terán que molestarse en entender porque haberá quen non saiba traducir ao castelán. Pedirían a un inglés ou un francés que redixisen en castelán a súa reclamación? Quédame a dúbida diso. Estou cansa de ter que reclamar a miña lingua. Xa que se molestan en levar os meus cartos que o fagan tamén coa miña lingua.
Por que decidiches facer pública a conversa?
Porque me respostaron en privado. Non hai nada mellor que facer públicas as bulras e deixar en evidencia a quen as fai. O que máis me molestou foi a cara co sorriso. Coido que van atender a miña reclamación só para me sacar de diante. Sei que non todo o mundo ten a mesma forza para non se deixar pisar. Lembro o que lle aconteceu a un amigo poeta. Foi ao Sergas e por máis que insistiu non o atenderon en galego. Se non exiximos os nosos dereitos non poderemos pedir nada máis.
"Grazas a unha queixa perante a empresa que xestiona a tarxeta Red Visa, hai unha persoa que está a traballar para atender en galego"
A SXPL descartou actuar no caso de Casas Novas. Que papel está a xogar a Xunta a respeito dos dereitos lingüísticos?
De destrución masiva do galego. Non está a facer nada para que se respecten os nosos dereitos lingüísticos. Se o propio presidente non mira pola lingua... Pasan por riba cunha prepotencia incríbel. Eu paro e digo 'non'. Grazas a unha queixa que interpuxen, como fixeron máis persoas, perante a empresa que xestiona a tarxeta Red Visa, hai unha persoa que está a traballar para atender en galego as cuestións vencelladas ao seu uso. Esa persoa agradeceu a quen exixiu ese servizo. Hai moitas persoas que non se molestan nen en galeguizar o seu apelido no Documento de Identidade embora o teren en galego nas redes sociais, por exemplo. Iso paréceme moi deprimente.
A Mesa iniciou trámites para denunciar o acontecido...
Falaron comigo e díxenlles, adiante! Veremos a ver que acontece.

Ao Tribunal Europeo contra o decreto do Plurilingüismo

Logo de que o Constitucional rexeitara o recurso contra o Decreto do Plurilingüismo cunha soa liña e sen argumentar, a Academia galega amosouse a favor de recorrer ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. 

Henrique Monteagudo, secretario da RAG, declarou para Sermos que se trata dunha resolución “decepcionante porque demostra pouca sensibilidade cos dereitos dos galegofalantes, non o explican e non entran no asunto, porque no noso recurso hai moitos argumentos contra unha sentenza que tiña moitos erros”.
“O acordo previo da Academia é esgotar a vía xudicial, pero cada paso hai que pensalo ben porque canto máis aló imos máis se complica desde o punto de vista xudicial”, afirmou Monteagudo. “A sensación é de desamparo”.
“Tribunal político”
Fontes próximas ao equipo legal que levou o caso confesan que era imposible gañar esta batalla, posto que estamos diante dun tribunal “político e tremendamente politizado”, pero desde logo non agardaban unha resposta dunha liña. “É unha unha falta de respecto á institución, á xustiza e á lingua galega”, apuntan. O Constitucional ten a obriga de motivar as súas resolucións, sinalan, “máis aínda cando na sentenza recurrida había graves defectos de procedemento”.
Con respecto ás posibilidades que tería o recurso diante do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, responden que “nunca se fixo nada similar, así que sería abrir unha vía nova”. E para iso cómpre buscar expertos na aplicación da Carta dos Dereitos Humanos , concretamente na prohibición da discriminación por razóns de lingua e pertenza a unha minoría nacional.
“Ás veces as batallas hai que dalas simplemente para dar exemplo e para amosar que non nos rendimos. É importante manter vivo o debate da lingua”, afirman.
A Mesa apela á unidade
Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, pídelle ao Goberno galego que faga efectiva a súa aposta pola volta ao consenso na pasada Declaración de Unidade a prol da normalización do galego e abandonen o unilateralismo que os levou a aprobar un Decreto que xa foi parcialmente anulado pola xustiza.
Segundo a Mesa, máis alá das discusións xurídicas, “onde parece que os principais órganos xudiciais aceptan tanto a inmersión lingüística en Cataluña como a prohibición de impartir en galego determinadas materias, a decisión de limitar ou potenciar o galego nas aulas corresponde ao Goberno galego, que debe atender as demandas sociais”.
 

xoves, 24 de setembro de 2015

Éxito na rede do primeiro diccionario dixital de sinónimos galegos

O grupo de investigación en Tecnoloxías da Lingua Galega ultima tamén unha base de datos léxica que xa emprega Google.

O Dicionario de Sinónimos do Galego editado pola Universidade de Vigo supera xa as 100.000 consultas en liña e o millar de descargas en Google Play, a tenda de produtos para aparellos con Android, e na App Store de Apple, cifras que os seus autores valoran como “moi elevadas”, xa que a versión móbil leva apenas uns meses en funcionamento. “A obra foi feita con moito traballo e moito amor pola lingua e para nós a máxima compensación é que sexa moi utilizada e ben aproveitada, por iso animamos a todo o mundo a empregala a eito tanto na web coma no móbil”, explica o profesor Xavier Gómez Guinovart, coautor do dicionario xunto a Xosé Mª Gómez Clemente, especialista da Universidade en lexicografía e terminoloxía galega, e Alberto Simões, profesor da Universidade do Minho especialista en procesamento informático de dicionarios.
Portal do diccionario de sinónimos en galego.
Portal do diccionario de sinónimos en galego.
Esta nova ferramenta tecnolóxica-lingüística contén máis de 200.000 voces na nosa lingua agrupadas nunhas 30.000 entradas. “A idea inicial foi pór a dispor do público o dicionario a través da web do Seminario de Lingüística Informática (http://sli.uvigo.es), como facemos en xeral con todos os recursos lingüísticos que desenvolvemos no grupo de investigación en Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega (TALG) no que estou integrado”, subliña Gómez Guinovart, ao tempo que explica que a posibilidade de distribuír o dicionario tamén en forma de aplicación móbil foi posterior e xurdiu nunha conversa de traballo cos integrantes da Área de Normalización Lingüística, que editou este traballo a través do convenio de colaboración en materia de normalización lingüística entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. “Considerámolo unha vía máis de potenciar a normalización do noso idioma”, explican os autores.
Ao inicio do proxecto os investigadores carecían de ningún dicionario de sinónimos, nin comercial nin libre, en soporte dixital no que basearse e, por esta razón, optaron por revisar, ampliar e dixitalizar un dicionario de sinónimos tradicional do galego publicado en papel e xa descatalogado: o dicionario publicado por Galaxia en 1997 baixo a coordinación de Camiño Noia, Xosé María Gómez Clemente e Pedro Benavente, e que contou coa participación de Gonzalo Constela, Xosé Henrique Costas e Valentín Arias na súa redacción, un traballo ao que se refiren como excelente. “Como base do traballo, contamos co conxunto de ficheiros en Word elaborados polos autores da obra orixinal, e sobre estes alicerces, tivemos que realizar un arduo traballo de normalización, revisión e ampliación para chegar ao dicionario dixital co que contamos agora”, explica o autor.
O diccionario emprega como base o de Galaxia publicado en 1997
“O dicionario fonte co que traballamos foi redactado en 1997, seguindo a normativa de 1982. Por tanto, a preparación do dicionario implicou a corrección do texto segundo os criterios normativos vixentes na actualidade”, explican os autores. Esta revisión normativa representou un volume de traballo moi elevado, xa que obrigou a revisar o texto do dicionario na súa totalidade. Unha vez rematada a normalización informática e lingüística do texto, prepararon unha interface web para facilitar a súa consulta pública e emprenderon unha dilatada fase de ampliación e revisión lexicográfica que incluíu a expansión dos sinónimos que dan lugar a pistas perdidas no dicionario e a resolución das remisións lexicográficas desde unhas entradas a outras.
Ao marxe da elaboración do dicionario, os investigadores do Seminario de Lingüística Informática, ao que pertence Gómez Guinovart, atópanse inmersos na construción do Galnet, unha base de datos léxica para o galego ao estilo WordNet do inglés. “Trátase dunha rede léxico-semántica de grande alcance que permitirá un salto cuantitativo no procesamento informático da nosa lingua, en aplicacións das tecnoloxías lingüísticas como a tradución automática, a recuperación da información, a clasificación automática de textos ou o resumo automático”, recalca o investigador, que exemplifica a importancia desta nova ferramenta adiantando que xa foi adoptada por Google como parte da tecnoloxía utilizada na actualidade por Google Translate para a tradución automática da lingua galega.


“Máis de 500 alumnos da USC non poderán rematar a licenciatura pola súa extinción”

DENUNCIA DOS COMITÉS
 
Unha campaña solicita que se dea unha solución “urxente” á situación na que se atopan estes estudantes “sen verse prexudicadas por ter que adaptarse ao plan de grao”.

Por volta de 500 alumnos e alumnas da Universidade de Compostela non poderán rematar a licenciatura pola extinción da mesma. É a denuncia clara e concreta que se está a facer nunha campaña, impulsada polos Comités, que pretende que se dea unha solución “urxente” a esta situación “sen verse prexudicadas por ter que adaptarse ao plan de Grao”.
A organización estudantil lembra que no curso 2014/15 varias alumnas e alumnos que estudan polo plan de Licenciatura tiveron que cursar materias de Grao “por mor do plan de extinción das licenciaturas, que neste caso conclúen o vindeiro 30 de setembro”. Ao non superar as oportunidades ordinarias, explican, e co fin de facilitar a posibilidade de rematar os estudos co plan de Licenciatura (“e non ter que adaptarse ao de Grao, en parte polo perxuízo económico que suporía”), solicitaron ás institucións universitarias unha oportunidade extraordinaria en setembro.
Sempre segundo o relato dos Comités, “as respostas que recibiron foron pouco alentadoras, mais o Consello de Goberno da USC reunido o 29 de xullo de 2015 aprobou que se convoque unha proba extraordinaria en setembro”. Porén, un dos requisitos para concorrer a esa proba é ter suspensas as 2 oportunidades ordinarias. Mais iso deixaría fóra a aqueles estudantes que, como os da situación que se advirte, non se presentaron a algunha desas oportunidades.
Perante iso, solicitaron unha reunión coa Secretaría Xeral “para tratar este tema que afecta a máis de 500 estudantes de licenciaturas como Bioloxía e Economía”, mais non obtiveron solucións no encontro, polo que pediron “unha reunión urxente co reitor para tratar en persoa este tema”. Hai unha campaña de recollida de sinaturas.

STEG critica que a Conselharia faga publicidade de um centro de ensino privado

A Conselharia fai publicidade subliminar de um centro privado.

Unha guía para familias pon como exemplo un centro privado
Para o sindicato, os actos destinados a favorecer o ensino concertado cada vez son menos disimulados
O STEG vén de coñecer que a Consellería de Eduación fixo pública unha "Guía rápida para familias" para o seu novo servizo de Abalar móbil. Cal sería a nosa sorpresa cando comprobamos que no exemplo que aparece nesa guía figura unha alumna dun centro privado.
Cómpre suliñar que na guía que se distribuíu para o profesorado o exemplo que figura é dunha alumna dun centro público, co cal a intencionalidade faise moito máis evidente.
O STEG ignora se existe algún tipo de interese en promover ese tipo de centros ou se mediante esta trapallada se pretende dar publicidade a este en particular. É máis evidente, no entanto, que os actos destinados a favorecer o ensino privado e concertado en detrimento do ensino público son cada vez menos disimulados (será o subconsciente a desbordar?). Elixir como exemplo este centro, habendo milleiros de centros públicos, parece, como pouco, desafortunado, cando non directamente insultante.
No STEG seguimos mantendo que programas como o Proxecto Abalar deberíanse restrinxir aos centros públicos, porque o contrario supón detraer cartos da cidadanía para favorecer o ensino privado/concertado, sendo completamente inadmisíbel que se aproveiten os centros privados mentres non estea completamente implantado en toda a rede de centros públicos.
Permanente do Secretariado Nacional
Setembro de 2015

CEAPA denuncia un novo inicio de curso escolar 2015-16 caótico pola imposición da LOMCE e celebra a resposta do Ministerio na que confirma que non é obrigatorio para as familias a compra de libros de texto

A Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA), nunha rolda de prensa celebrada hoxe en Madrid, realizou unha valoración da actual situación educativa nas diferentes comunidades autónomas.
CEAPA denunciou que o inicio de curso escolar foi caótico debido á implantación da LOMCE en toda Primaria e nalgúns cursos de Secundaria e Bacharelato. Por unha banda, xerou incerteza nos centros e nas familias ao ter que asumir un cambio curricular improvisado. Por outro, tamén provocou o desmantelamento dos bancos de libros xestionados polas AMPAs nos centros e a falta de existencias de textos LOE que aínda están en vigor.
CEAPA defende unha educación con diversidade de recursos didácticos, máis acordes coa realidade actual, no que se inclúan as novas tecnoloxías. Por elo, está en contra de que tanto as familias como as administracións, con diñeiro público, asuman ano tras ano a compra masiva de libros de texto como único recurso didáctico, algo que considera innecesario e obsoleto.
Por elo, CEAPA espera que sexa o final da presión dos grupos editoriais cara ás familias e os gobernos para defender os seus intereses económicos.
Nesta mesma liña, está a estudar as accións para emprender despois da resposta do Ministerio na que se confirma que a obrigatoriedade da compra de material escolar depende das administracións públicas, respondendo así á gratuidade do ensino obrigatorio.
Doutra banda, CEAPA denuncia que un ano máis non se abriron de forma xeral os comedores escolares no verán para atender as necesidades máis elementais do alumnado, aínda que algúns concellos mostraron máis sensibilidade e ofreceron diferentes alternativas para os casos máis graves. Os prezos dos menús escolares seguen sendo similares aos do curso pasado, cunha lixeira baixada debido á supresión do IVE dos monitores. Segue habendo oscilacións entre os distintos territorios, sendo o máximo de 6,50 euros e o mínimo de 3 euros. Así mesmo, CEAPA defende un modelo de comedor integrado e xestionado polos centros escolares, abastecéndose con produtos de proximidade que promovan a relación do alumnado coa súa contorna, en lugar dos modelos de catering e comidas frías que predominan actualmente en todo o Estado.
Respecto ao calendario escolar, é moi similar ao do curso pasado, cunha media de 176 días lectivos en Primaria, 174,58 na ESO e 174,37 en Bacharelato. CEAPA esixe o cumprimento dos días lectivos, que non se realizaron nalgunhas comunidades. Así mesmo, CEAPA abrirá o debate sobre tempos escolares na súa próxima asemblea, xa que considera que o calendario e o tempo escolar son diferentes conceptos. Neste debate profundará na apertura de centros á contorna, nos deberes, no calendario escolar e na xornada escolar, entre outros aspectos. Para visibilizar as necesidades da escola rural, CEAPA está a valorar a posibilidade de realizar esta asemblea nun pobo cuxo centro educativo fose pechado recentemente.

“Os recursos para o ensino terían que redobrarse nas crises económicas”

NUCCIO ORDINE, AUTOR DE "A UTILIDADE DO INÚTIL"
 
Nuccio Ordine presenta A utilidade do inútil esta quinta feira ás 19:00 na F
acultade de Filosofía de Compostela nun acto no que o autor estará acompañado do profesor de Historia da Educación, Antón Costa e do director de Kalandraka, Xosé Ballesteros. 

Especialista no Renacemento, ensaísta e profesor da Universidade de Calabria, Nuccio Ordine propón en A utilidade do inútil, un manifesto na defensa do saber e, en especial, dos coñecentos que, en principio, transitan á marxe do utiitarismo e a lóxica dos beneficios económicos. Reivindica, por iso, un ensino que contemple os saberes humanísticos que, ao seu ver, son garantía na loita contra a corrupción e pola democracia.
Os manifestos son textos que nacen cun obxectivo. O seu é a defensa da filosofía e outros saberes humanísticos e científicos. Están nunha situación de perigo?
Creo que estamos nunha situación de perigo. Cada vez máis, na nosa sociedade conta só o beneficio. Cando os gobernos elaboran os orzamentos, os recortes caen sobre cousas que consideran inútiles. E onde se recorta? Pois recórtase na escola, na universidade, na investigación científica, nas escavacións arqueolóxicas, nas bibliotecas, nos conservatorios e nos grandes arquivos de Estado. É dicir, en todas as cousas que non dan un beneficio económico inmediato. Cousas que, finalmente, se consideran inútiles. Por iso o manifesto é un berro de alarma, unha chamada á defensa. Temos que reaccionar e temos que intentar impedir que esta ideoloxía nefasta poida destruír estes saberes, considerados inútiles, como a literatura, a música, a filosofía, a arte... Todo o que significa cultura en xeral... A escola, a educación, a universidade. Porque son saberes dos que a humanidade ten necesidade.
"O manifesto é un berro de alarma, unha chamada á defensa. Temos que reaccionar e intentar impedir que esta ideoloxía nefasta poida destruír estes saberes, considerados inútiles, como a literatura, a música, a filosofía, a arte..."
Cal é entón a función hoxe, poñamos por caso, da filosofía?
Nun mundo coma o noso, no que un mozo que ten que matricularse na universidade ou no instituto, a primeira cousa que che pregunta é “para que me vai servir o latín ou o grego”? Ou “para que me vai servir a literatura ou a filosofía”? Fronte a estas preguntas, un pode responder exactamente como faría Aristóteles: que estes saberes non serven para un obxectivo servil, senón que o obxectivo que teñen é facernos ser homes e mulleres libres, capaces de dicir non; homes e mulleres anticonformistas. Porque só o saber pode facilitarche unha conciencia crítica e, xa que logo, unha capacidade de poder afrontar as cousas do presente e propoñer novas solucións.
Vostede é moi crítico coas reformas dos planos de estudo que cernan a presenza das humanidades. Como convencería a un goberno para que mude esa dirección no ensino?
Teríamos que ver as alternativas que toman os países tecnoloxicamente máis avanzados. Pensemos en Corea do Sur, que nestes momentos está facendo un grande investimento nas ciencias humanas. Por que? Porque entenderon ben que o progreso científico e tecnolóxico está indisolublemente ligado a un aspecto importante do pensamento, que é a creatividade.
Non é casualidade que nas universidades de Oxford e de Cambridge os licenciados atopen traballo sen problemas na City [de negocios] de Londres,  onde se prefire a estes licenciados antes ca aqueles que saen das grandes escolas de Economía. O elemento creativo é un elemento fundamental e importante, por iso as materias humanísticas teñen que potenciarse.
Como explicaba Einstein, o drama é que a escola e a universidade non deben formar soamente profesionais; deben formar sobre todo persoas libres, que teñan capacidade de raciocinio, que poidan pensar coa súa propia cabeza.
O saber fainos mellores, afirma. Das universidades terían que saír persoas boas?
Por desgraza, actualmente, as universidades e as escolas teñen unha consideración empresarial. Significa que hai un xerente, un presidente, un reitor, que deben conseguir cadrar as contas e, sobre todo, deben achegar unha serie de servizos para acadar o obxectivo que os clientes desta empresa perseguen. E quen son os clientes? Os estudantes. O deber da escola non é preparar individuos en serie, persoas que repitan coma papagaios as mesmas cousas,  como parecen pretender as últimas reformas lexislativas. Nós, en cambio, o que temos é necesidade de crear indivuos líbres, heréticos, que se arreden da senda oficial.
Outórgalle ao coñecemento a condición de resistencia fronte á corrupción. Interesa por iso a quen se aproveita do poder non o fomentar?
Creo que a corrupción non se pode combater só coas leis. As leis axudan, pero a corrupción só se pode combater formando os mozos e as mozas na adopción dos grandes valores que manteñen viva a sociedade: a xustiza, a solidariedade humana, a tolerancia. Se só formamos mozos e mozas no culto ao diñeiro, é normal que logo, quen se atope nunha situación de poder, se aproveite deste poder para deixarse corromper.
"Se só formamos mozos e mozas no culto ao diñeiro, é normal que logo, quen se atope nunha situación de poder, se aproveite deste poder para deixarse corromper".
Se vemos o que está sucedendo hoxe, cando nos din que xa non hai diñeiro abondo para a educación, a cultura, o teatro... É unha gran mentira.  O Tribunal de Contas italiano dinos que gastamos 60 mil millóns anuais en corrupción e 180 mil millóns en evasión fiscal. Bastaría simplemente con formar personas de ben para ter un dos países máis ricos do mundo.
Nese sentido, os recortes na educación e na cultura atentan contra o propio concepto de democracia?
Non hai dúbida. O discurso que pronunciou Victor Hugo na Asemblea Xeral francesa no século XIX é tremendamente actual. Di que, precisamente nos momentos de crise económica, e dos valores, e da moral, coma os que estamos vivindo nos nosos días, é cando os recursos para a escola e para a universidade teñen que redobrarse, non recortarse. Victor Hugo dános a  entender que o crecemento cultural significa automaticamente crecemento cultural, e crecemento da civilización e da democracia, porque son cousas que van unidas, unha é consecuencia da outra. Nun mundo egoísta, no que cada un pensa en si mesmo e na súa propia familia exclusivamente, é normal que os vínculos de solidariedade e de democracia se perdan e se disolvan dentro do propio país.
Que non se poida mercar outórgalle un poder revolucionario e resistente ao saber?
Estou convencido de que si. Polo menos, por tres boas razóns: o saber é unha forma de resistencia ao utilitarismo. O milagre é que eu podo entrar na clase e podo ensinar o teorema de Pitágoras sen perdelo. Que significa isto? As leis do mercado son leis nas que sempre hai unha perda e un beneficio. Se vou mercar un coche, perdo o diñeiro e levo un coche.No saber, en cambio, non só se enriquece quen recibe, senón tamén quen dá. A segunda razón é que co diñeiro pódese mercar todo, agás o saber, o coñecemento. O saber esixe un esforzo persoal que ninguén pode facer no teu lugar. O diñeiro non compra o saber, por tanto, podemos dicir que o saber é unha forma de resistencia.
O terceiro exemplo, que é o mais fermoso, ofrécenolo un premio Nobel: o dramaturgo irlandés George Bernard Shaw. Imaxinemos que dous mozos galegos saen da casa cada un cunha mazá. Chegan á escola, intercambian as mazás e volven pola tarde á casa cunha mazá. Mudemos agora de escenario. Imaxinemos dous mozos galegos que saen da casa cada un cunha idea. Chegan á escola, intercambian as ideas, e volven á casa pola tarde cada un con dúas ideas. Isto quere dicir que o saber non empobrece a ninguén, máis ben enriquece sempre a todos os actores do saber.
A globalización está a levar non só ao imperio do “útil” senón tamén, no ámbito cultural, á primacía dunha cultura única que acaba tamén co saber?
Dende logo. Moitos pensadores sentiron horror ante a perspectiva de ter un mundo monolingüe. Un mundo cunha soa relixión, un mundo cunha única cultura.Sería perigoso porque non existiría a dialéctica, nin a pluralidade, nin o intercambio, nin a discusión. En cambio, os grandes filósofos entenderon a diversidade de linguas e de culturas, de comidas, de vestiarios como unha riqueza; non como un obstáculo para o crecemento da humanidade.

Denuncian Cepsa por impedir formular unha queixa en galego

POLA INSALUBRIDADE DOS BAÑOS
 

“Lo sentimos María pero damos apoyo en castellano”. Así lle contestou a empresa petroleira Cepsa a unha usuaria dunha gasolineira tras querer formular unha reclamación en galego. A Mesa pola Normalización Lingüística xa iniciou os resortes para denunciar este novo caso de discriminación.
A Mesa pola Normalización Lingüística vén de ter coñecemento dun novo caso de discriminación por razón de lingua no país. Nesta ocasión, a empresa que lle impediu a unha clienta expresarse en galego foi a compañía petroleira española Cepsa, que conta cunha ampla rede de gasolineiras en Galiza.
Tal e como informa a asociación lingüística, a usuaria dunha das gasolineiras de Cepsa púxose en contacto coa empresa vía rede social co fin de emitir unha queixa en relación ao estado de insalubridade en que se atoparían os baños da estación de servizo. A petroleira instouna a dirixirse a eles en castelán, e non en galego, pois só tramitan reclamacións en español: “Lo sentimos María pero damos apoyo en castellano y para que podamos abrir un expediente de tu reclamación necesitamos que la misma esté en castellano. Quedamos a tu disposición para lo que necesites”.
MesaMarcos Maceiras advirte de que non só se trata dunha cuestión de lingua e salienta o impacto no emprego da deslocalización de servizos como o de atención telefónica
O presidente da Mesa, Marcos Maceiras, anima as persoas que sofren discriminación lingüística a denunciar os seus casos diante da entidade para “corrixir estas situacións, que son ilegais e inmorais”. Advirte Maceiras de que non só se trata dunha cuestión lingüística, senón tamén de emprego. “Cada vez danse máis casos de deslocalización de servizos de atención telefónica, precisamente porque o galego non é un requirimento e tanto lle ten a empresa ofrecer a atención telefónica desde Galiza que desde fóra de Galiza”, sinala. Tamén alerta de que existen empresas que lles impiden aos traballadores e traballadoras falar galego, mesmo no caso de que a persoa usuaria se dirixa na nosa lingua aos traballadores e traballadoras.
Marcos Maceiras anuncia que a través da “Liña do galego” a Mesa se dirixirá aos organismos públicos competentes e á empresa Cepsa para que cumpra coa lexislación lingüística e permita a comunicación en galego.

mércores, 23 de setembro de 2015

Sobre os materiais audiovisuais ou Kafka na Galiza

STEG critica as licencias educativas EDEGA

Nestas datas, os centros educativos galegos veñen de representar o papel de Joseph K., aquel que nonsabía de que o acusaban, do xeito en que escribira Kafka n`O Proceso.
As direccións dos centros recibiron un novo correo de  MPLC e Licencia Educativa Egeda, no que se convida os mesmos a “pasar por caixa” para o uso dos materiais audiovisuais nas propostas didácticas do proceso pedagóxico.
 Estes prezos, que rozan os 1000 euros no caso dos centros de máis de mil cincocentos alumnxs, deben ser abonados, di o correo, antes do 15 de outubro deste mesmo ano, é dicir, xa, i en caso contrario, requiren que aqueles centros que non estean usando materiais audiovisuais, igualmente o comuniquen! Arroubándose unha autoridade que aínda Kafka non sería quen de entender.
 Esta situación abusiva encádrase dentro do proceso de “alegre” saqueo do público emprendido por grandes corporacións (neste caso madrileñas, que son as inventoras do invento, alí xa queda pouco por sachar!) coa connivencia de non poucas administracións autonómicas (Valencia, Castela-León, Castela- A Mancha, e a restra delas que todxs podemos intuír), mudando a Educación Pública nun Nicho de Negocio, no canto de protexela como un Niño do Saber.
 O STEG reclama enerxicamente que a Consellaría de Educación protexa e ampare os centros desta práctica que se sae dos cauces de relación normais entre o público e o privado, e que representa unha intromisión intolerábel na actividade dos centros públicos de ensino, que xa dispoñen de ferramentas, órganos e persoas que deberan non só esixir o seu correcto funcionamento, senón tamén e ademais rexeitar decididamente prácticas chantaxistas e kafkianas, esta sorte de “Costra Nosa” disfrazada de corporación benefactora e legalista.
 A reiteración de accións de diversa natureza, no camiño de debilitar e agredir a Educación como ben público, e a pasividade e inacción da Administración Educativa, van camiño de nos converter aos profesionais da Educación naquel labrego do escritor checo que botara toda a vida sentado ao pe da porta da Xustiza, e preguntábase porqué ninguén máis ca el se achegara á porta en todo ese tempo. Respondíalle o Garda: “Porque esta porta estaba feita só para ti, pero non a cruzaches. Agora teño que pechala”.
 O STEG achega o seu apoio aos centros educativos de ensino público, e defende a súa autonomía, profesionalidade e responsabilidade no desenvolvemento da súa actividade, fronte aos que queren converter a Educación nun campo estercado a fins espúreos e ilexítimos.

Máis de 570 persoas sen fogar se aloxaron en centros de acollida galegos cada día do pasado ano

Os albergues recibiron en España 13.645 persoas sen fogar ao día en 2014, un 2,8% menos que hai dous anos, segundo o INE.

Un total de 573 persoas sen fogar aloxáronse en centros de acollida cada día de 2014 en Galicia, o que supón un ratio de ocupación do 66,9% das 855 prazas totais existentes na Comunidade.

Así se recolle na enquisa que fixo pública este luns o Instituto Nacional de Estatística (INE), onde se indica que centros dedicados á acollida de persoas sen fogar en España tiveron 13.645 usuarios ao día de media en 2014, un 2,8 por cento menos que dous anos antes.

As comunidades autónomas con maior gasto medio anual por centro en 2014 foron Canarias (con 874.079 euros), Islas Baleares (615.781) e Cataluña (504.252).

Galicia sitúase como a cuarta comunidade con menor gasto medio anual por centro de acollida, con 233.809 euros, solo por enriba de Castilla e León (124.337 euros), Castilla-La Mancha (178.121) e País Vasco (195.373).

Se se ten en conta a titularidad dos centros en España, o 54,2% dos públicos tivo gastos anuais iguais ou inferiores a 100.000 euros; o 26,8% entre 100.001 e 500.000 euros; e o 18,9% superou o medio millón de euros. Entre os privados, o 41,5% contou cun presuposto de ata 100.000 euros; o 45,7% entre 100.001 e 500.000 euros; e o 12,8% tivo gastos superiores ao medio millón de euros.

O 45,2% dos centros tivo un gasto anual igual ou inferior a 100.000 euros durante 2014 (43,1% en 2012) e o 40,1% un gasto entre 100.001 e 500.000 euros (42,5% en 2012). Os centros con presuposto superior ao medio millón de euros representaron o 14,7% do total de centros (14,4% en 2012).

DATOS ESTATAIS

Este estudio levouse a cabo no primeiro semestre de 2015 e é a sexta edición da investigación sobre os centros que prestaron servizos ás persoas sen fogar. Hai dous anos, en 2013, deuse a coñecer outra enquisa realizada tamén polo INE sobre o número de persoas sen fogar en España, que situaba a cifra en case 23.000, baseándose nos datos de 2012.

Segundo o último traballo publicado este luns sobre centros, a súa ocupación media alcanzou o 81,8%, case catro puntos menos que en 2012 (85,9%); e o 72,2% dos centros atenderon indistintamente a homes e mulleres, cifra similar á de hai dous anos. O 13% aceptou só a varóns e o 14% só mulleres.

MÁIS PRAZAS DE OFERTA PRIVADA QUE PÚBLICA

Un total de 619 centros ofreceron aloxamento en 2014 e todos estiveron abertos de luns a venres. Ademais, a capacidade media da rede de aloxamento foi de 16.684 prazas diarias. A oferta pública foi de 7.854 prazas ao día (un 12% máis que en 2012), mentres que a privada foi de 8.830 (un 5,3% menos).

As prestacións máis frecuentes que ofreceron os centros foron información e acollida (79,3%), aloxamento (78%), orientación e/ou derivación (74,2%), atención social (73,3%) e restauración (65,2%).

As prestacións orientadas á inserción social dos usuarios, como os talleres de inserción (16%), ocupacionais (24,2%), asistencia xurídica (27,8%) e atención psicolóxica (33,4%) tiveron unha presenza menor na oferta dos centros, de xeito análogo á situación observada en 2012.

O número de centros que ofreceron servizos de restauración (almorzos, comidas, ceas, bocadillos, bebidas quentes) foi de 518 no ano 2014, un 15,6% menos que en 2012. De media repartíronse ao día 18.998 almorzos, 19.025 comidas e 16.868 ceas, o que supuxo 54.891 servizos de restauración prestados diarios, un 11,7% máis que en 2012.

O 53% dos centros declarou estar orientado prioritariamente cara a algunha situación específica, fronte ao 44,2% en 2012, e, destes centros, a situación máis frecuentemente atendida foi a de inmigración (37,1%, fronte ao 42,2% no ano 2012) e a menos frecuente a de maioría de idade de menores acollidos en centros (7,6%).

A MAIORÍA DO PERSOAL É VOLUNTARIA

O número medio de persoas que traballaron en 2014 nos centros de atención a persoas sen fogar foi de 17.572. O 33,4% eran traballadores a tempo completo (33% en 2012) e o 66,6% a tempo parcial (67,0% en 2012). Atendendo á súa vinculación laboral, o 60,9% dos traballadores era voluntario, o 30,8% asalariado e o 8,2% tiña outro tipo de vinculación -persoal subcontratar, estudante en prácticas ou relixioso-.

O persoal de dirección destes centros supuxo o 4,5% do total en 2014; o persoal técnico titulado con funcións sanitarias ou socioeducativas o 19,7%; e o persoal auxiliar sanitario, socioeducativo, administrativo e de servizos o 75,9%.

O 79,2% dos centros foron financiados única ou maioritariamente polas administracións públicas; o 10,2% dos centros financiouse na súa maior parte con fondos propios; o 4,5% con doazóns particulares; o 4,4% con fondos procedentes de institucións privadas sen fins lucrativos e o 0,1% por empresas. O 1,5% restante non tivo unha fonte de financiamento predominante.

Língua Nacional: 38 %

Uma das diferenças, sintomática, entre uma língua com estado e uma língua sem estado é a ligação desta última com as percentagens. Para já, quantas pessoas a falam, a escrevem, a entendem, acham bem ou mal que se promova socialmente e mil e dous itens mais. Para as línguas com estado, no mínimo naqueles territórios onde é hegemónica, o esquema é outro. Nem sequer interessa demasiado quantos emigrantes a assumem porque, tarde ou cedo, vão ter de a assumir ou se tem muito ou pouco peso na produção científica porque os cientistas são quatro gatos pingados.
Na Galiza a presença das percentagens tem especial relevância no quadro do ensino obrigatório. Pense-se nos mantras 50% e 33%. A este respeito existe uma pergunta incontornável que devemos responder: que percentagens de horas escolares devem ser em galego para “colaborar” a que os alunos e alunas galego-falantes conservem a língua transmitida polos seus pais?
É certo que existem muitos fatores, para além do ensino formal, que incidem na língua da miudagem e da adolescência. Ora, relativamente ao ensino, só serve 100%.
Como se sabe, é a conclusão a que chegaram na Catalunha ou em Castela. Em ambos os territórios aplica-se a chamada imersão linguística, sem limite em Castela e com limites crescentes na Catalunha. Na verdade, chegaram à mesma conclusão numérica em mais sistemas educativos, como é o caso do basco e do valenciano, mas as suas elites não aplicaram. No caso basco optaram por um sistema de três vias, euskera como língua veicular, castelhano como língua veicular e um misto de 50%. Das três vias, só a primeira garante um desempenho alto nas duas línguas oficiais, talvez por isso seja a mais solicitada, por volta de 70%. No caso valenciano, por sua parte, optaram por duas vias, uma em catalão e outra em castelhano.
Valência e a Galiza têm um ponto em comum a respeito do País Basco e Catalunha. As suas elites são nacional-espanholas, portanto aspiram a formar cidadãos espanhóis. É o natural. Valência, como a Galiza, tem duas línguas oficiais mas a sua gestão não é um jogo de toma cá, dá cá com %. Os progenitores que falam catalão e querem transmitir a língua aos filhos podem escolher, durante o dilatado governo do Partido Popular nem sempre, um sistema educativo 100% na língua própria.
Este sistema de vias é poderoso porque permite reunir alunos que falam uma língua menorizada em lugar de os diluir. Pensemos nas cidades e muitas vilas galegas. A língua dos iguais tem um peso relevante nos usos linguísticos das crianças e os adolescentes. Nos adultos também mas sempre está mais aberto a exceções.
Na Galiza, infelizmente, este debate não fai parte dos debates possíveis porque está barrado por algum dogma de fé. O ensaio-erro ainda não está generalizado no terreno da planificação linguística. Perante o silêncio da religião, o sistema educativo galego é uma máquina quase perfeita de criar cidadãos espanhóis que se expressam em castelhano. Eu sei, os do PP são muito maus, são o diabo mesmo, mas porque se facilita tanto o seu labor? Por que não experimentamos novos caminhos?
O número que fai parte do título deste artigo, 38, é a percentagem de alunos e alunas que estudarão na via em catalão no presente ano letivo.

Toda a informaçom sobre os novos cursos da Semente Compostela

Semente é uma inciativa social sem ánimo de lucro impulsionada pola Gentalha do Pichel, que pretende conformar junto com outros projetos semelhantes a criaçom da Escola Nacional Galega. Sustenta-se a partir do trabalho, activismo e achegas económicas das familias que participan nel, das socias colaboradas e de outras achegas económicas pontuais de pessoas que acreditam neste espaço transformador. Os cursos, além de serem um lugar de convívio e aprendizagem som umha ajuda económica para manter o projeto: inglês, comida, circo, teatro, desenho...

Mais información en: http://sementecompostela.com/index.php/2015/toda-a-informacom-sobre-os-novos-cursos-da-semente

Máis de 100.000 consultas para o Dicionario de Sinónimos do Galego que xa conta con versión web e móbil

A nosa lingua ten que medrar e para facelo ten que estar presente en todos os eidos, incluído Internet. Con esta intención, e coa de botar unha man lingüística á quen o precise, nacía o primeiro Dicionario de Sinónimos do Galego, editado pola Universidade de Vigo. Nesta nova queremos dar conta do éxito da dita ferramenta, a cal supera xa as 100.000 consultas en liña e o millar de descargas en Google Play, a tenda de produtos para aparellos con Android, e na App Store de Apple, cifras que os seus autores valoran como “moi elevadas”, xa que a versión móbil leva apenas uns meses en funcionamento. A obra foi elaborada polos docentes Xosé Mª Gómez Clemente, Xavier Gómez Guinovart e Alberto Simões.
O novo trebello tecnolóxico-lingüístico contén máis de 200.000 voces na nosa lingua agrupadas nunhas 30.000 entradas. “A idea inicial foi pór a disposición do público o dicionario a través da web do Seminario de Lingüística Informática, como facemos en xeral con todos os recursos lingüísticos que desenvolvemos no grupo de investigación en Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega (TALG) no que estou integrado”, subliña Gómez Guinovart, ao tempo que explica que a posibilidade de distribuír o dicionario tamén con feitura de aplicación móbil foi posterior e xurdiu nunha conversa de traballo cos integrantes da Área de Normalización Lingüística, que editou este traballo a través do convenio de colaboración en materia de normalización lingüística entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Ao comezo do proxecto os investigadores carecían de ningún dicionario de sinónimos, nin comercial nin libre, en soporte dixital no que basearse e, por esta razón, optaron por revisar, ampliar e dixitalizar un dicionario de sinónimos tradicional do galego publicado en papel e xa descatalogado: o dicionario publicado por Galaxia en 1997 baixo a coordinación de Camiño Noia, Xosé María Gómez Clemente e Pedro Benavente, e que contou coa participación de Gonzalo Constela, Xosé Henrique Costas e Valentín Arias na súa redacción, un traballo ao que se refiren como excelente.
Os traballos de elaboración do novo dicionario electrónico de sinónimos efectuáronse en tres fases. Segundo explican os investigadores, a primeira tarefa consistiu en converter a información textual desestruturada dos ficheiros de Word nunha base de datos lexicográfica normalizada. A segunda etapa consistiu na normalización da súa ortografía, morfoloxía e léxico consonte á normativa oficial vixente do galego establecida en 2003. Unha vez rematada a normalización informática e lingüística do texto, prepararon unha interface web para facer máis doada a súa consulta pública e emprenderon unha dilatada fase de ampliación e revisión lexicográfica que incluíu a expansión dos sinónimos que dan lugar a pistas perdidas no dicionario e a resolución das remisións lexicográficas dende unhas entradas a outras.
Alén deste dicionario de sinónimos, os investigadores do Seminario de Lingüística Informática, ao que pertence Gómez Guinovart, atópanse inmersos na construción do Galnet, unha base de datos léxica para o galego ao estilo WordNet do inglés, unha ferramenta que xa foi adoptada por Google como parte da tecnoloxía empregada na actualidade por Google Translate para a tradución automática da lingua galega.

A un exame de rematar a carreira ou a dous anos: As consecuencias da extinción das licenciaturas

"Quédanme 6 créditos para completar a licenciatura, unha materia anual da que aprobei a metade. Pero non podo presentarme á proba extraordinaria de setembro, porque non esgotei as dúas oportunidades ordinarias". Falamos cunha das estudantes da Universidade de Santiago que se poden ver moi prexudicadas pola extinción das licenciaturas universitarias, que se consumará o vindeiro 30 de setembro. Aquelas persoas que nese momento non completaran as licenciaturas veranse obrigadas a adaptarse aos novos plans de grao, o que lles pode supor un desembolso económico moi superior e, nalgúns casos, a perda dun ou dous anos. "No meu caso, a especialidade que escollín na licenciatura xa non existe no grao, polo que non me convalidan todos os créditos. Posiblemente teña que cursar un ano ou ano e medio do grao. E facer, ademais, o proxecto final de grao", explica.
"Quédanme 6 créditos para completar a licenciatura, unha materia anual da que aprobei a metade. Pero non podo presentarme á proba extraordinaria de setembro, porque non esgotei as dúas oportunidades ordinarias"
"Pedimos que nos deixen presentarnos a ese exame, en igualdade de condicións co resto de persoas que se atopan no noso caso", di. Organizacións estudantís como AGIR, Comités Abertos e Liga Estudantil Galega xa denunciaron que isto constitúe unha "exclusión arbitraria" deste grupo de estudantes e un "agravio comparativo".
"No meu caso, a especialidade que escollín na licenciatura xa non existe no grao, polo que non me convalidan todos os créditos. Posiblemente teña que cursar un ano ou ano e medio do grao. E facer, ademais, o proxecto final de grao"
Os e as estudantes afectadas convocaron, co apoio destas organizacións unha reunión para todas as afectadas e afectados que terá lugar o vindeiro xoves 24 de setembro na Aula 7 da Facultade de Xeografía e Historia ás 20:15 horas. A xuntanza servirá para ofrecer información, das alternativas existentes, para visibilizar o problema e, ademais, para coñecer cantas persoas se atopan nesta situación. Hai uns meses, dende a Universidade se comunicara que había 540 estudantes que non completaran os seus estudos de licenciatura, aínda que unha parte si poderá acceder agora á proba extraordinaria. "Necesitamos máis apoios. Hai xente á que se lle resolveu o problema, porque poderá facer os exames agora. Outros déronse por vencidos e xa comezaron a matricularse nos graos. Pero non queremos resignarnos", destaca a estudante coa que falamos.
O requisito esixido para presentarse aos exames convocados en setembro pode ser modificado polo Consello de Goberno da USC. Os sindicatos reclaman a convocatoria de urxencia deste órgano antes da extinción da licenciatura o 30 de setembro "para modificar o requisito que impide a centos de estudantes optar a rematar as súas Licenciaturas". Os Comités sinalan que hai dúas semana solicitaron unha reunión de urxencia co reitor Juan Viaño, que pode convocar o Consello de Goberno, e afirman que a día de hoxe aínda non tiveron resposta. Tamén iniciaron unha recollida de sinaturas.
"Se hai unha oportunidade debe abrirse para todos. Cando ves que, despois de moitos anos de estudar unha carreira, despois de tanto esforzo, che queda tan pouco para rematala, resulta moi duro", conclúe.