xoves, 5 de novembro de 2015

A Deputación de Pontevedra apoia a creación dun servizo de normalización lingüística común para O Morrazo

A Deputación provincial de Pontevedra respalda a creación dun servizo de normalización lingüística común para os concellos do Morrazo. Con este motivo, o deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, mantivo una reunión de traballo co alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazoscos concelleiros de Normalización Lingüística e de Xuventude da vila, Heitor Mera e Andrés García, coa edil de Normalización de Bueu, Silvia Carballo, e mais co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, para articular accións de traballo conxunto en materia de normalización do idioma. "A posibilidade de establecer un servizo de normalización conxunto entre os concellos de Cangas e Bueu, ou mesmo a través de todos os concellos da mancomunidade, é unha vía que queremos fomentar desde o ente provincial e que tamén está en sintonía coa liña da Secretaría Xeral de Política Lingüística", afirmou Xosé Leal.
A unión permitiría un aproveitamento máis racional dos recursos, focalizar mellor o labor de asesoramento e soporte por parte de servizos lingüísticos da Deputación e acometer un maior número de actividades por parte das administracións locais.
Na provincia de Pontevedra só unha decena dos 62 concellos teñen este departamento. Para corrixir esta situación, a Deputación creou una liña de axudas para aqueles que aposten por crear ou potenciar este servizo. O organismo creará un web específico para os 62 concellos da provincia. Nel está previsto introducir modelos de documentos administrativos, libros de estilo que inclúan normas gramaticais, léxicas e de redacción e mais un boletín lingüístico no que se recollan desde convencións gráficas e recursos de Internet ata frases feitas.

O etéreo e o tanxible coinciden no VI Día da Ciencia en Galego

A luz que viaxa a través do espacio dende a orixe do noso tempo chega aínda agora ata nós. Estivo no principio de todo para a fe e está tamén na orixe de moitas investigacións científicas. Nacións Unidas proclamou este 2015 como Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías da Luz, as que deben axudar a o desenvolvemento sustentable e ao fornecemento de solucións aos desafíos globais en enerxía, educación, agricultura e saúde. Mais para alén do etéreo da luz, tamén este é o ano do máis tanxible de todo, da terra que pisamos: o Ano Internacional dos Solos. Ás dúas realidades dedícase a VI Edición do Día da Ciencia en Galego, que se conmemora nesta xornada, mais que se estende cunha manchea de actividades por varios puntos do país, promovido pola asociación Igaciencia.
Catro son os investigadores homenaxeados nesta edición. Por unha banda, Christian Huygens (1629-1695), o autor da teoría ondulatoria da luz, e Max Planck (1848-1947), o autor inicial dos cuantos, que deu lugar á visión como paquetes da luz, resumindo deste xeito a dualidade onda-partícula da luz. En canto a científicos galegos, a Facultade de Física propuxo hai un ano a Carlos Gómez-Reino Carnota, profesor da Facultade, e tamén, pola banda do ano internacional dos solos recoñécese a Isidro Parga Pondal, universalmente considerado como símbolo do científico galego.

Ano da Luz

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou 2015 como o Ano Internacional da Luz e das tecnoloxías baseadas na luz pola conmemoración de diversos aniversarios: os traballos no campo da óptica realizados en 1015 por Alhacén, a natureza ondulatoria da luz proposta por Fresnel en 1815, o 150 aniversario da síntese electromagnética de Maxwell, o centenario da teoría xeral da relatividade de Einstein e as achegas de Charles Khao en 1965 sobre o emprego da fibra óptica nas comunicacións.

Co gallo deste VI Día da Ciencia en Galego, Igaciencia inaugurou na Galería de Sargadelos de Santiago de Compostela a exposición “A Ciencia e a Tecnoloxía da Luz”, que a seguir itenerará polo Museo Provincial de Lugo e o Muncyt da Coruña. Trátase dunha actividade de carácter divulgativo, lúdico e interactivo que está formada por varios carteis e mesas temáticas con experiencias e material manipulativo e que visitarán nos seguintes días unha manchea de escolares de todo o país.

Máis dun cento de centros de ensino participan na videoconferencia de Xurxo Mariño (Día da Ciencia en Galego)

O 4 de novembro a nosa terra (docentes, investigadores, estudantes, cidadanía en xeral) celebra a sexta edición do Día da Ciencia en Galego. Entre as entidades que impulsan a festividade atópase (coma cada ano) a Coordinadora Galega de ENDL, que para conmemorala vai organizar, entre outras cousas, unha videoconferencia impartida por Xurxo Mariño Alfonso (biólogo e doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago, profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña, especialista en neurofisioloxía e activo divulgador científico). O relatorio de Xurxo Mariño desenvólvese baixo o epígrafe A máquina que constrúe a mente e a realidade e será retransmitido vía streaming aos centros de ensino non universitarios que queiran participar na iniciativa (a día de onte 108 centros abranguendo máis de 6.500 alumnas e alumnos, “unha convocatoria récord” segundo lembra a Coordinadora).
O alumnado que participe na iniciativa, recordan os organizadores do evento, poderá interactuar co relator a través da rede social Twitter (etiqueta #cienciaengalego). Segundo engade a Coordinadora Galega de ENDL, o Día da Ciencia en Galego organízase por sexto ano consecutivo para reivindicar o uso vehicular da nosa lingua nas materias científico-técnicas, “onde o seu uso é marxinal tras a imposición do Decreto de Plurilingüismo por parte da Consellería de Educación. Na videoconferencia de hoxe, que dará comezo ás 12.30 horas, tamén participan o Servizo de Normalización Lingüística e a Área de Redes e Comunicacións Multimedia da Universidade da Coruña.
Xurxo Mariño Alfonso, no seu relatorio, fará un percorrido polo concepto de mente, o seu funcionamento e a súa adaptación ao universo da intelixencia artificial (Como funciona a mente? A onde vai o “eu” cando durmimos? Poden construírse máquinas artificiais que teñan mente?). O profesor Mariño Alfonso, sinala a Coordinadora, “mergullará aos estudantes na complexidade do encéfalo humano, a máquina na que miles de millóns de neuronas utilizan a electricidade para se comunicaren e, dese xeito, crear a mente e a realidade”.
O evento recala na UDC e na vertente multiconferencia cos nosos centros de ensino tras pasar en edicións anteriores pola USC e a UVigo. Esta videoconferencia, xunto co cumprido feixe de actividades que se está a desenvolver estes días nos nosos centros de secundaria, nas universidades e en diversas institucións, procura que o alumnado “teña acceso á ciencia sen ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre todo en canto ás posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma, tamén o galego”, engaden os organizadores. Os colectivos convocantes (AGAPEMA, APETEGA, ENCIGA e Igaciencia) e as institucións e entidades que se suman a esta data reinvindicativa, como a CGENDL, queren expresar deste xeito que “todos os idiomas, neste caso o galego, apréndense usándoos en todos os contextos, tamén nos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, a pesar do Decreto para o Plurilingüismo que a Consellería de Educación impuxo para eliminar o seu uso como lingua vehicular de diferentes materias destes ámbitos”.

Presentada a nova edición (a 15 xa) do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

A sede da Deputación de Ourense acolleu este martes a presentación do 15 Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, unha actividade que se vai resolver o vindeiro 10 de decembro na Escola Superior de Informática do campus local e que se dirixe a establecer pontes firmes de interrelación entre a I+D levada a cabo na universidade (ámbito TIC) e o tecido produtivo da contorna, ou sexa, as empresas. O acto de presentación contou coa presenza da directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, Ana Garriga; o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez. Todos eles salientaron a gran novidade posta en xoga nesta edición: a entrega do Premo Provincia Intelixente que vai entregar por vez primeira a Deputación (a maiores patrocinadora do evento).
O galardón do organismo ourensán, fíxose saber, é unha “categoría especial que ten a súa orixe no apartado Provincia Intelixente do Plan Ourense 15-19, orientado a dar servizos ós cidadáns e ás administracións locais e no que as tecnoloxías da información teñen unha especial incidencia no seu desenvolvemento”. Polo tanto, engadiuse, o obxectivo é amosar e visualizar en detalle os traballos que poidan ser encamiñados a dar solucións abeiradas ao devandito proxecto.
Volvendo ao Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, lembrar que se presenta unha vez máis como “unha gran oportunidade para que os estudantes do sector TIC de Galicia e de Portugal dean a coñecer os seus proxectos de fin de carreira, o seu talento e o seu espírito emprendedor”. En última instancia, o que se busca co certame é incentivar e estimular o mercado laboral, amais de expoñer novas oportunidades de emprego lembrando ás empresas as múltiples vantaxes que poden acadar de incluíren nas súas fileiras profesionais galegos e portugueses procedentes das novas tecnoloxías. Tendo en conta isto, darase acubillo no certame a aqueles traballos onde prevaleza “unha clara aplicación das súas ideas ao mundo empresarial e que estean vencelladas coa realidade e necesidades cotiás”.
O acto de entrega dos premios terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo-Campus de Ourense, co-oganizadora do concurso xunto a Expourense, e será o xoves 10 de decembro. As bases da convocatoria para presentar os traballos poden consultarse na páxina web de Expourense. En total repartiranse 1.400 euros en premios. O prazo para a recepción dos traballos remata o 26 de novembro. Pódense presentar os estudantes dos títulos de Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos de fin de máster de másteres oficiais relacionados co eido das TIC das tres universidades galegas e tamén do Norte de Portugal.

Albert Rivera, inimigo do galego

O domingo tiven un breve e interesante intercambio, vía 140 caracteres, co alcalde de Lalín. Eu difundín unha mensaxe súa que dicía:
E mentres, en España, a alternativa é Cidadáns, un partido declarado inimigo dá lingua galega.
El me replicó de inmediato con outro que incluía unha ligazón a unha noticia e unha recomendación:
E para outra vez que queira criticarme, deixe ao meu pai en paz.
O alcalde de Lalín é Rafael Cuiña, e fai seis anos, cando el aínda era membro do Partido Popular de Galicia, publiquei este artigo sobre unhas declaracións súas que tachaban de obscenas "" as ideas de Galicia Bilingüe e de antigallegos "" a cuantos opoñíanse á imposición lingüística. Facía eu aí referencia ao seu pai, José Cuiña, falecido en 2007, que foi destacado membro do PPdG e dos gobernos de Manuel Fraga, e non vexo razón pola que non debese facela.
Rafael Cuiña é do partido Compromiso por Galicia, e o modo en que eu tiven coñecemento da mensaxe no que dicía que Cidadáns é inimigo da lingua galega foi o mesmo que o levou a coñecemento de miles de galegos. A TVG destacouno no seu informativo do mediodía, que adoita ser o de maior audiencia na comunidade autónoma.
A noticia era a falta de acordo para unha candidatura conxunta ás xerais entre Iniciativa pola Unión, plataforma impulsada polo BNG, e Encontro pola Marea Galega, apoiada por Podemos, EU e Compromiso, entre outros. Un dos máis críticos co fracaso das negociacións era Cuiña, e puxéronse tres tuits seus nese sentido. O cuarto e último que apareceu foi o que lle dedicou a C's, que se mantivo en pantalla o tempo suficiente para aprendelo de memoria.
¿Inimigo da lingua galega Cidadáns? ¿Que me di? A resposta, ou a resposta á que me remitiu Cuiña, estaba nas páxinas do País de dous días antes. En realidade, estaba no titular, que pregoaba: "Cidadáns non logra que o galego deixe de ser idioma oficial en Ferrol". Naturalmente que o propósito de C's non era ese. O titular era enganoso. O que pretendía C's, que en Ferrol ten unha concelleira, era que o galego non fose a única lingua oficial do concello. Que esa administración, en fin, fóra bilingüe e non monolingüe. A moción de C's foi rexeitada polo resto de grupos, incluído o PPdG.
Ben. Non fai falta a bóla de cristal para facer algunhas predicións. Só é preciso mirar atrás, e en concreto ao recibimento que dispensou a C's o resto de partidos cataláns cando xurdiu en 2006, cando obtivo tres deputados no parlamento autonómico e nos anos seguintes. A benvida consistiu, basicamente, en declaralo alleo a Cataluña e inimigo de Cataluña –os votantes de C's non son cataláns, dixo Carme Forcadell na última campaña electoral- e en sometelo, polo demais, a un silencio mediático absoluto.
En Galicia vai pasar, ou xa está a pasar, o mesmo. Vai pasar agora na campaña ás xerais e pasará despois, na campaña das autonómicas galegas, que serán nalgún momento do ano próximo. O de inimigos "da lingua galega" é o aperitivo que conduce ao prato principal: inimigos de Galicia. Estraños, alleos. E o fondo do asunto non será tanto a loita polos votos. É que C's represente unha ameaza para ese consenso identitario, ese consenso para subliñar as diferenzas, polo feito diferencial, que aúna a todos os demais partidos galegos.
Con intensidade variable en cada partido, si, pero ese é o consenso tácito que vertebrou o espazo político galego e ao que se incorporaron as novidades, como Podemos, cuxos dirixentes proceden dunha ou outra variante do nacionalismo. C's é alleo a ese consenso e por iso castigaráselle. Non vaia a ser que resulte unha alternativa para os votantes que só podían elixir ata agora entre distintas versións dunha mesma partitura. A cuestión é se a estratexia de silenciamiento e demonización será eficaz. Eu dubídoo. En Cataluña, o apartheid que lle aplicou o establishment político funcionou de tal maneira que C's converteuse no primeiro partido da oposición.

O CGPJ rexeita un escrito sobre un asasinato de violencia de xénero por estar escrito en galego

BNG e Grupo Mixto presentarán unha iniciativa na Cámara galega para que a Xunta “interceda”. Por outra banda, a Consellería de Educación reivindica o uso do galego na ciencia.

A Marcha Mundial das Mulleres denuncia un novo caso de “discriminación” lingüística, desta volta desde o ámbito da xustiza. Xunto coa Mesa pola Normalización Lingüística, esta entidade denunciou a decisión do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) de rexeitar un escrito no que pedían responsabilidades patrimoniais pola morte da muller acoitelada en Ourense, presunta vítima de violencia de xénero, por estar escrito en galego. Por iso, levarán esta cuestión ao Parlamento galego para que a Xunta "interceda" e se admita a trámite dita resolución.
 
A Marcha Mundial das Mulleres presentou o pasado setembro unha reclamación ante a Subdelegación do Goberno para pedir responsabilidade patrimonial ao CGPJ por presunta "neglixencia" da xuíza de Verín, quen rexeitou medidas de protección para a muller Isabel Fontes, que morreu acoitelada pola súa parella, Aniceto Rodríguez, de 75 anos.
 
A avogada desta entidade cuestionaba nese escrito un informe do CGPJ sobre a morte da muller no que "parece" que a titular do xulgado fixo prevalecer a liberdade das persoas sobre a protección da muller e lamentou que non se tivesen en conta as advertencias da Garda Civil. 
 
Para a letrada, o importante non é tanto analizar os responsables, senón "saber o que ocorreu e que puido fallar". Neste caso, cre que si había as ferramentas necesarias para evitar esta morte, pero "non houbo vontade". De forma paralela, as representantes da marcha avanzaron que traducirán o texto para presentalo de novo porque o seu obxectivo, din, é que se estude o ocorrido na morte de Isabel Fontes. 
 
O acto contou con representantes da Mesa pola normalización lingüística e as deputadas autonómicas, Carmen Adán (BNG), e Carmen Iglesias polo Grupo Mixto. Para a deputada nacionalista, trátase dunha dobre discriminación cara á lingua galega e tamén cara ás mulleres "nun tema tan grave como é a morte dunha muller". " Nesta liña, Carmen Igrexas afirmou que o ocorrido supón "conculcar os dereitos cidadáns e tamén das mulleres", un feito que achacou á "falta de vontade política", neste caso do PP.
 
Tal e como apuntou a representante da Mesa pola Normalización, Mónica Pazos, a decisión do órgano xudicial, aínda que non incumpra a legalidade, "non nos parece lexítimo" e subliñou que nos parece gravísimo que no canto de pór facilidades para que se esclarezan este asasinato e se poñan trabas por unha cuestión lingüística".
 
O galego na ciencia
 
Por outra banda, e paralelamente a esta denuncia, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, participou este mércores no acto de celebración do Día dá Ciencia en Galego, no que reivindicou o uso do idioma galego no ámbito científico, como no seu día fixo o xeólogo Isidro Parga Pondal.
 
Neste acto, no que participaron escolares do colexio público compostelán López Ferreiro, o titular de Educación destacou a figura deste científico do que Galicia "ten que sentirse orgullosa", posto que utilizou o idioma da Comunidade cando aínda ninguén o usaba na investigación científica, polo que ten "máis valor".

A Mesa pide redobrar a aposta no galego en Ferrol como mellor resposta á proposta de Ciudadanos

A MNL remitíu un escrito a todos os grupos municipais do concello instándoos a potenciar a aplicación e cumprimento da Ordenanza municipal de Normalización Lingüística de Ferrol. A proposta de C´s de que o galego deixe de ser o idioma oficial debátese en pleno esta quinta feira.

A Mesa pola Normalización Lingüística considera que a mellor resposta que se pode dar a propostas como a de Ciudadanos, que pide que o galego deixe de ser o idioma oficial do Concello de Ferrol, é “redobrar esforzos” no emprego e protección da lingua propia de Galiza. A entidade presidida por Marcos Maceira remitíu un escrito a todos os grupos municipais do concello de Ferrol e ao grupo de goberno, instándoos a potenciar a aplicación e cumprimento da Ordenanza municipal de Normalización Lingüística de Ferrol, xunto coa toda a lexislación que ampara a oficialidade da lingua galega, especialmente sobre o uso do galego como lingua oficial de Galiza polas administracións locais.
Maceira sinala que “todos os estudos realizados indican a gravidade da situación da lingua galega no concello de Ferrol”. Unha situación que hai que “reverter para garantir que a lingua galega sexa realmente oficial a todos os efectos, non só sobre o papel”. Desde A Mesa de Ferrol, o seu responsábel Carlos Outeiro, lamentou “que aínda existan grupos empeñados en negar a realidade e en axitar vellos e novos prexuízos falsos contra a lingua galega”. Outeiro,reiterou a necesidade de reunir o Consello Municipal de Normalización pra posibilitar a implicación social no proceso de normalización lingüística que Ferrol debe reiniciar.
O último informe do IGE sitúa Ferrol como a cidade galega onde menos se fala o galego, un 12% da poboación, mentres que é onde máis hai persoas que nunca usan este idioma, un 23% dos habitantes.

O portal de viaxes TripAdvisor exclúe as opinións en galego

CAMPAÑA NAS REDES SOCIAIS
 
O coñecido portal de viaxes TripAdvisor exclúe as opinións escritas en galego. En protesta, a Mesa pola Normalización Lingüística lanza unha campaña nas redes sociais para facerlle ver a TripAdvisor que “o galego existe e que as galegas e galegos temos opinión”.

Hola, muchas gracias por escribir una opinión en TripAdvisor. Lamentamos comunicarte que no podemos publicar tu opinión”. Esta é a mensaxe que o portal de viaxes lles envía ás persoas usuarias que enviaron a súa valoración en galego, lingua excluída pola empresa, que permite escribir en alemán, árabe, checo, coreano, chinés, danés, español, eslovaco, finlandés, francés, grego, hebreo, húngaro, holandés, indonesio, inglés, italiano, xaponés, noruegués, polaco, portugués, ruso, serbio, sueco, tailandés, turco e vietnamita.
En protesta pola prohibición de publicar opinións en galego, A Mesa pola Normalización Lingüística vén de emprender unha campaña nas redes sociais na que anima a facer constar o rexeitamento a exclusión do galego baixo a etiqueta #EnGalegoOpino. “As opinións das galegas e e galegos son tan válidas como calquera outras. Este atrevemento de Trip Advisor contra a lingua propia de Galiza, só se explica desde o decoñecemento ou desde o desprezo”, apunta A Mesa.

mércores, 4 de novembro de 2015

Actos en toda Galicia festexan o ‘Día da Ciencia en Galego’

O mércores 4 de novembro reivindica o uso da lingua galega para a investigación, a divulgación e a docencia.

Diversas institucións e colectivos festexan este mércores 4 de novembro o ‘Día da ciencia en galego‘, que reivindica a oportunidade do uso da lingua galega para a investigación, a divulgación e a docencia. A xornada enmárcase dentro do Mes da Ciencia, que se celebra ao longo de novembro cun intenso programa de actos. As tres universidades galegas teñen organizado eventos, dentro da rede na que participan en conxunto dende o ano 2010, co lema ‘En galego tamén se fai ciencia‘.
Cartel da edición de 2015 do Día da Ciencia en Galego.
Cartel da edición de 2015 do Día da Ciencia en Galego.A Universidade de Santigo ten programado un abano de actividades “coas que se reivindica o dereito a unha formación científica en lingua galega en todos os niveis educativos”, segundo a institución. Este ano a efeméride estará dedicada aos científicos galegos Carlos Gómez-Reino Carnota e Isidro Parga Pondal, este último universalmente considerado como símbolo do científico galego.
O acto co que comeza o Día da Ciencia en Galego na USC presidirao o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, ás 11.00 horas no Museo de Historia Natural (Parque de Vista Alegre, s/n). A esta sesión asistirán tamñén a directora do Museo, María Isabel Fraga; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos; Isidro Parga en representación da familia Parga Pondal; e o director do CEIP de Prácticas López Ferreiro, José Ramón Carril. Coincidindo con esta conmemoración, a entrada ao Museo será de balde durante todo o día.
O Día da Ciencia en Galego contempla un abano de actividades que, ademais do acto no MHN, terá continuidade noutras iniciativas como a da Biblioteca Xeral da USC que publica en formato PDF a obra ‘Isidro Parga Pondal e Carlos Gómez-Reino Carnota na bUSC’ na que se recolle unha escolma da bibliografía que sobre o ilustre xeólogo e o profesor de Física se atopa nesta biblioteca.
En Lugo, ás 16.30 horas no Parque Rosalía de Castro, está programada a ruta xeolóxica ‘A historia que contas as pedras que pisas’. Posteriormente, ás 19.30 horas na Casa do Saber, celebraranse dúas conferencias arredor de Parga Pondal como cidadán e como científico e, especificamente sobre o seu labor científico.
O Museo de Historia Natural da USC lembra a figura de Parga Pondal
Xa o sábado 7 o Museo de Historia Natural da USC acolle unha serie de obradoiros gratuítos arredor do pai da Xeoloxía en Galicia, para os que é preciso inscrición previa. Nenos e nenas de entre 6 e 12 anos visitarán en horario de mañá as coleccións do MHN nas que Parga traballou e realizarán actividades ao seu redor coas que poderán comezar a súa propia ‘Colección de pedras de Galicia‘ como no seu día fixera Parga Pondal. A quenda dos adultos será o mesmo día en horario de tarde, de 17.00 a 19.00 horas.
Ese mesmo día, a Biblioteca Intercentros de Lugo acolle de 10.30 a 19.00 horas o segundo ‘ Wikimaratón’ do Día da Ciencia en Galego.
Por outra banda, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística festexará a xornada cunha videoconferencia para os centros de ensino secundario en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística e a Área de Redes e Comunicacións Multimedia da Universidade da Coruña.
Xurxo Mariño Alfonso, Doutor en Ciencias Biolóxicas pola USC, especialista en neurofisioloxía e activo divulgador científico, ofrecerá una charla para o alumnado do 2º ciclo da ESO e o Bacharelato que chegará a 108 centros educativos e máis de 6.000 alumnos.

Mes da ciencia do CSIC en Galicia

Pola súa banda, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentou unha programación máis ampla, que se desenvolve ao longo de todo o mes de novembro, como mes da ciencia. O programa de actividades terá como escenarios Santiago de Compostela, Vigo e Pontevedra e comeza o sábado 7 de novembro. Entre os seus obxectivos atópanse achegar liñas de investigación do CSIC na comunidade galega, fomentar as vocacións científicas e aumentar a Cultura Científica na sociedade.
O luns 16 de novembro ábrese ao público no Liceo Casino de Pontevedra (Rúa Manuel Quiroga, 21) a exposición dos debuxos que se presentaron ao concurso escolar ‘O Solo’, que conmemora a celebración este 2015, do Ano Internacional dos Solos. Esta iniciativa está organizada polo CSIC a través da Misión Biolóxica de Galicia, xunto co Liceo Casino de Pontevedra, a Sociedade de Ciencias de Galicia e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
A exposición permanecerá aberta ao público, con entrada libre, ata o venres 20 de novembro, cando, ás 19.00 horas, terá lugar o acto de entrega dos diplomas aos finalistas e os premios aos galardoados nas dúas categorías (6-8 anos; 9-11 anos).
A MBG, ademais, oferta visitas guiadas ás súas instalacións para estudantes universitarios e de bacharelato, e talleres prácticos sobre as súas liñas de investigación para alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional.
En Vigo, no Instituto de Investigacións Mariñas terán lugar os ‘Seminarios Mes da Ciencia no IIM’. Así, o 13 de novembro ás 11.00 horas Ricardo Prego impartirá a charla titulada ‘Son raras as terras raras en Galicia?’ e o 20 de novembro Antonio Figueras coa charla  ‘Son malos os transxénicos?’. A entrada é libre ata completar aforamento.
Haberá visitas guiadas a centros do CSIC como a Misión Biolóxica ou o IEGPS
A segunda quincena de novembro, na rúa do Príncipe o IIM realizará ‘Obradoiros de Ciencia Mariña’, para centros escolares en horario de mañá e para o público xeral en horario de tarde. Nesta actividade realizaranse cinco talleres titulados: ‘O ADN do peixe’, ‘Sal de mesa nos océanos’,  ‘Mini-estación de peixe cebra’, ‘As mates que nos alimentan’ e ‘Que hai nunha pinga de auga de mar?’
Ademais, en colaboración coa Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, o IIM realizará os días 26 e 27 de novembro a actividade ‘Tarde entre microbios na Biblioteca Pública central de Vigo’, que virará ao redor dos audiovisuais Kaleid@labs, cuxa produción estivo financiada pola FECYT-MINECO. Diríxese ao público infantil (4-8 anos). A entrada é libre. Por outra banda, no marco tamén da 25º Semana de Cinema Submarino o IIM estreará o documental ‘Un espectador vulnerable’, que presenta os resultados do proxecto CEFAPARQUES.
A sétima edición de Biodiversión ofrece experimentos para os cativos
En Santiago de Compostela, os sábados do mes novembro o CSIC participará na Cidade da Cultura no programa de actos do ‘Mes da Ciencia nas Bibliotecas de Galicia’ con diversas actividades que terán lugar na Biblioteca e no Arquivo de Galicia ás 17.00 horas. O 7 de novembro a responsable da UCC do CSIC en Galicia fará unha sesión de contacontos en torno ao conto ‘Non quero ser un polbo’ (OQO Editora). O obxectivo é introducir aos asistentes, dun modo ameno e divulgativo, contidos científicos relacionados coa vida dos cefalópodos. A entrada é libre ata completar aforamento (120 prazas) e a actividade diríxese ao público familiar. En canto aos talleres, o 14 de novembro levará a cabo o ‘Obradoiro de extracción de ADN’; o  21 de novembro o ‘Obradoiro de Arenoglifos’ e o  28 de novembro o de ‘Flora e fauna nunha pinga de auga’.
Os días 16, 18 e 20 de novembro de 09.30 a 13.30 horas terá lugar no IIAG (Campus Vida, s/n) a sétima edición de Biodiversión, cuxo obxectivo é achegar, a través de talleres prácticos, a ciencia e as liñas de investigación do citado centro ao alumnado de Primaria desde un punto de vista lúdico e divertido. A iniciativa contempla, ademais, un concurso de debuxo e outro de relatos.
O Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, pola súa banda, ofrece visitas guiadas ás súas instalacións para alumnado de ESO e Bacharelato. Estas visitas correrán a cargo do seu director, Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, quen, ademais de presentar en ton divulgativo o labor do centro no ámbito da historia de Galicia, mostrará aos asistentes o material musealizado que se conserva e a biblioteca.

A Mesa convoca a IV edición do Premio Abertos ao Galego

O galardón entrégase un ano máis ás empresas que destaquen polo seu uso normalizado do galego. Nesta edición entregaranse 4 premios segundo o tamaño da empresa e un premio para unha empresa creada no 2014 ou 2015.
O prazo de presentación de candidaturas finaliza o 30 de novembro
A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a cuarta edición do Premio Abertos ao Galego, co que se recoñece a empresas que destacan polo uso normal do idioma galego. Esta iniciativa, que xorde da necesidade de lle darmos máis visibilidade social ás empresas que se comprometen cun dos máis principais sinais da identidade de Galiza quere contribuír a crear unha imaxe de prestixio asociada ao uso do galego no ámbito empresarial.
A Mesa procurará, una vez máis, a implicación da sociedade a través da presentación de candidaturas: calquera empresa ou particular poderá enviar propostas, que deberán remitirse á sede da Mesa pola Normalización Lingüística (Avenida de Lugo, 2A, Entresollado A, 15702, Santiago de Compostela) ou por correo electrónico (abertosaogalego@amesa.gal) cunha proposta que inclúa o nome e datos de contacto da empresa, xunto cunha explicación da candidatura na cal se incida no uso do galego que se fai desde a empresa candidata. O prazo de presentación finaliza o 30 de novembro de 2015. Para incentivar a participación, as persoas que remitisen candidaturas a título particular serán agasalladas coa camisola da Mesa pola Normalización Lingüística coa cita de Manuel María: ”A fala é a voz da terra e máis do mar”.
O proxecto Abertos ao Galego, que dá nome ao premio, constitúe un certificado que outorga A Mesa pola Normalización Lingüística, en diferentes niveis, a empresas, comercios, asociacións e entidades de todo tipo que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización do galego. Os premios, como carácter simbólico, materialízanse na pertenza durante un ano ao Proxecto Abertos ao Galego.
A empresa que gañou o premio o ano pasado foi Cooperativa Erica Mel, de Arzúa, polo seu compromiso coa lingua galega. Unha empresa que abriu camiño no seu sector e foi pioneira na etiquetaxe en galego. O xurado tamén recoñeceu cunha mención especial a Radio Fene, emisora municipal que cumpría 30 anos que, con carácter estábel, empregou integramente a lingua galega nas súas emisións, que principiaron en setembro de 1984.
 BASES DA CUARTA EDICIÓN DO PREMIO ABERTOS AO GALEGO (2015)
Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística para avanzar na normalización do idioma de Galiza no ámbito empresarial. O Premio Abertos ao Galego quere contribuír a este obxectivo e implicar o conxunto da sociedade na súa consecución. Para isto, o Premio Abertos ao Galego outorgarase de acordo coas seguintes bases:
  1. O Premio Abertos ao Galego concederase anualmente a empresas que se distingan no uso normalizado da lingua galega.
  2. Hai catro categorías: 1 premio para empresas sen asalariadas/os; 1 premio para empresas de menos de 5 asalariadas/os; 1 premio para empresas de máis de 5 asalariadas/os; e un premio para unha empresa nova, creada en 2014 ou 2015.
  3. As candidaturas para o Premio Abertos ao Galego poden presentarse de calquera das seguintes formas:
    Os membros do xurado poderán propor unha ou varias empresas. 
    - Calquera empresa ou particular pode presentar unha ou varias candidaturas enviando á sede da Mesa pola Normalización Lingüística (Avenida de Lugo, 2A Entresollado A, 15702, Santiago de Compostela) ou por correo electrónico (abertosaogalego@amesa.gal) unha proposta que inclúa o nome e datos de contacto da empresa xunto cunha explicación da candidatura na cal se incida no uso do galego que se fai desde a empresa candidata.
    - Todas as empresas que xa formen parte de Abertos ao Galego son candidatas.
3. O prazo para a presentación de candidaturas remata o día 30 de novembro de 2015. Para as candidaturas remitidas por correo postal, admitiranse as propostas enviadas até esa data e as que se reciban antes da data da reunión do xurado.
  1. O xurado do Premio Abertos ao Galego estará conformado polos compoñentes da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística, e un representante da empresa gañadora na edición anterior. Tamén serán convidados a formar parte do xurado unha asociación de defensa da lingua e unha entidade asociativa do ámbito da empresa (cámaras de comercio, asociacións empresariais…). A presidencia do xurado recaerá na presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística.
    5. O xurado seleccionará as empresas premiadas tendo en conta os obxectivos e finalidade do premio, e pode optar por deixalo deserto. A súa decisión será inapelábel.
    6. As persoas que remitiron candidaturas a título particular terán como agasallo unha camisola coa cita de Manuel María: “A fala é a voz da terra e máis do mar”, da Mesa pola Normalización Lingüística. Para poderen participar no concurso é imprescindíbel que se teñan identificado con nome, apelidos, número de carné de identidade, teléfono e enderezo postal. Toda esta información xestionarase de acordo co disposto na Lei 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.
    7. As empresas candidatas, para poderen manter esta condición, deberán acceder a facilitar información ao xurado en relación cos usos lingüísticos que practican interna e tamén externamente.
    8. Os premios serán entregados nun acto público ao cal se dará difusión polos medios que determine A Mesa pola Normalización Lingüística, entre eles, as redes sociais.
    9. O premio, ademais de no seu carácter simbólico, materialízase na pertenza ao proxecto Abertos ao Galego por un ano para as empresas gañadoras. Na portada da páxina web da Mesa pola Normalización Lingüística (amesa.gal) figurará o logotipo das empresas gañadoras cada ano.
    10. As empresas premiadas poderán mencionar na súa comunicación externa e interna a posesión deste premio.

Os profesores rexeitan que os seus soldos varíen segundo os seus resultados

  • O ministro de Educación é partidario de contemplar a proposta do pedagogo José Antonio Mariña de relacionar o salario do mestre coa evolución dos seus alumnos

  • Mariña pide condicionar o soldo dos docentes á avaliación do centro 

    A proposta do pedagogo José Antonio Mariña de que unha parte da retribución do profesorado poida "estar relacionada coa avaliación do centro enteiro, de maneira que se fomente a implicación de todos os profesores nun proxecto educativo" foi recibida con boas palabras polo ministro de Educación, Íñigo Méndez de Vigo. Este luns asegurou que o Ministerio estudará a idea do filósofo ao que encargou a redacción do Libro Branco da Función pública docente. Os profesores, con todo, pecháronlle as portas.
    Representantes do Ensino dos sindicatos CC OO, CSIF e ANPE critican especialmente que se faga unha distinción entre profesores bos e malos. "Todos son profesionais suficientemente capacitados para impartir a docencia, posto que superaron procesos selectivos e estiveron controlados pola Administración como cos servizos de inspección", destacou o presidente do Ensino do CSIF, Adrián Vivas.
    "É unha posibilidade que existe en Finlandia e Singapura que hai que estudar", argumentou o ministro este luns nos Almorzos Informativos de Europa Press, onde dixo que, se se quere ter un debate "honesto e aberto" sobre o profesorado español, "hai que ter todas as posibilidades encima da mesa".
    Méndez de Vigo destacou que calquera cambio "importante e significativo" no sistema educativo depende "esencialmente do profesorado" e asegurou que, nos meses que leva fronte do Ministerio de Educación, deuse conta de que hai que contar "coa complicidade e a colaboración" deste colectivo. "Hai moitos profesores que queren mellorar e esta (a proposta de Mariña) é unha posibilidade que haberá que estudar", engadiu.

    "Os bos non poden cobrar o mesmo"

    No seu recente libro Espertade ao diplodocus. Unha conspiración educativa para transformar a escola... E todo o demais, o experto asegura que "os bos profesores non poden cobrar o mesmo que os malos". Mariña reclama a formación do docente (e de toda a sociedade) ao longo da vida. "Pareceríanos criminal que os médicos non actualizasen os seus coñecementos, pero somos máis condescendientes cos docentes que non o fan", escribe no libro, no que propón distintas medidas para mellorar o sistema educativo español nun prazo de cinco anos. "Hai que avaliar tamén ao profesorado (véndolle actuar dentro da aula), aos directores, aos inspectores, e tamén aos responsables da administración que deben comprometerse con obxectivos educativos ou dimitir", apunta o autor.
    Os profesores españois son os docentes que pasan menos controis externos, xunto cos italianos, segundo un informe da OCDE sobre a función docente, o informe Talis, publicado en 2014. Un 36% nunca foi sometido a unha avaliación docente formal e externa do seu labor.

A Universidade de Vigo participará nun proxecto da Esa para desviar asteroides

A previsión do programa é lanzar en outubro de 2020 un pequeno satélite para estudar o obxecto.

A Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo participará no primeiro programa de defensa desenvolvido pola Axencia Espacial Europea (ESA), que consistirá na desviación dun asteroide e en levar a cabo tarefas de investigación do propio planetoide.

A previsión do programa AIM (Asteroid Impact Mission) é lanzar en outubro de 2020 un pequeno satélite para estudar de cerca o asteroide binario Didymos, informa a Universidade de Vigo no seu diario dixital.

Este enxeño de 700 quilos levará no seu interior dous pequenos satélites de tres unidades de cubosatélites e varios experimentos para realizar mapas en 3D, incluído un cun sistema que se pousará na superficie da lúa do asteroide para tomar mostras e fotografías.

O AIM enmárcase dentro da misión espacial denominada AIDA, que completará a NASA co lanzamento, en xullo de 2021, dunha sonda de choque contra esa lúa para intentar modificar a traxectoria da órbita do asteroide e construír modelos de impacto que sirvan para desviar nos futuro corpos que se dirixan á Terra.

Dentro deste programa, a Universidade de Vigo traballará no 'DustCube', un cubosatélite que se situará a unha distancia de entre dous e catro quilómetros do asteroide e que se encargará de analizar os fragmentos de po e rocas que se desprendan tras a colisión, así como a comisión mineral dos fragmentos. Características que lle darán aos científicos información sobre a orixe do asteroide ou a súa idade.

O envío deste satélite tamén permitirá medir a degradación das comunicacións ópticas entre a nave AIM e a Terra provocadas pola nube de po, ademais de probar un sistema de comunicación entre satélites.

Didymos é un asteroide composto por un corpo principal duns 1,5 quilómetros de diámetro e unha lúa duns 170 metros de diámetro, Didymoon, que orbita a 1,2 quilómetros.

A data do lanzamento do satélite, outubro de 2020, foi escollida pola ESA tendo en conta o que tarda en chegar o prototipo e os meses que deberá estar orbitando para levar a cabo a misión. No seu punto máis próximo á Terra estará a 11 millóns de quilómetros, unha distancia similar a 40 viaxes á Lúa.

Nesta nova misión, a Agrupación Aeroespacial de Vigo participa nun consorcio coa empresa suíza Micos, especializada en óptica, e a Universidade de Bolonia.

Língua portuguesa cresce 114% no ensino secundário da Galiza

Ministrar português no secundário é «eixo estratégico da nossa cultura», afirma porta-voz do Governo galego.

O avanço dos estudos em língua portuguesa no ensino secundário galego só se pode qualificar de «espetacular». Num único ano académico, o número total de estudantes a receberem aulas desta disciplina aumentou 114%, isto é, foi mais que duplicado. Concretamente, o aumento das inscrições passou de 861 no curso 2014-2015 para 1841 no atual 2015-2016.
Por sua parte, o número de estabelecimentos de secundário que oferta esta disciplina incrementou 70%: atualmente mais de 50 institutos de toda a Galiza lecionam português como língua estrangeira.

Eixo estratégico da nossa cultura

O encarregado de divulgar estes dados foi Valentín García, responsável da Política Linguística da Junta. A notícia, aliás, foi das mais destacadas do recente simpósio SIPLE, que decorreu há só uns dias em Santiago de Compostela. Precisamente, o porta-voz do Governo galego no evento destacou o interesse na Lei Paz-Andrade (surgida a partir da iniciativa legislativa popular desse nome) para promover o português no ensino, o qual qualificou de «eixo estratégico da nossa cultura», recolhe LVG.

A CNMC destaca o éxito das chamadas a través de WhatsApp

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia vén de publicar os resultados do Panel de Fogares CNMC, no que se analizan os hábitos dos españois destacando o grande impacto da telefonía a través da Internet e outros cambios de hábitos que supoñen toda unha revolución no xeito de consumir servizos de telecomunicacións.
O móbil é xa o primeiro dispositivo para acceder á Internet, empregándoo o 77,6% dos internautas, destacándose o feito de que 9 de cada 10 internautas emprega aplicacións OTT (over the top) para enviar mensaxes, sendo a aplicación líder WhatsApp (que usan o 84,6% dos usuarios), seguida por Facebook Messenger (25,2%), Skype (8,1%), Line (4,1%) e outras, sorprendendo o feito de que, ao referirnos á voz, o 33,8% dos usuarios xa empregarían WhatsApp como sistema para falar, seguido por Skype (14,6% e Facebook Messenger (10%). Temos así unha situación un tanto rechamante, xa que Skype leva moitos anos ofrecendo un servizo que agora o grande público parece estar a coñecer a través de WhatsApp. Amais, Facebook Messenger ten aínda uns resultados moi discretos, pese a ser a ferramenta líder noutros países e a que ofrece unha calidade de comunicación por voz bastante superior á de WhatsApp.
Sobre a frecuencia de chamadas de voz/vídeo, o 29,1% dos usuarios de móbil recoñecen facelo varias veces ao día, mentres que o 14,7% o fai case a diario, mentres que no ordenador estas proporcións serían do 3,2 e o 6,5% respectivamente, o que deixa claro o atractivo da voz sobre IP en dispositivo deseñados especialmente para a falar.
O impacto deste tipo de aplicacións móbiles nas mensaxes de texto a través do móbil é evidente, e o 72,6% dos usuarios que empregan este tipo de ferramentas non envían mensaxes de texto nunca nun 72,6%, á vez que reduciron as súas chamadas de voz á metade e incluso nun 21,8% dos casos deixaron de empregar a telefonía fixa.
Tendo en conta que o 72,4% dos usuarios con móbil empregan un smartphone, e que o seu uso prioritario é a mensaxería en liña, queda claro que os vellos sistemas de comunicación están condenados. Entre os usuarios de smartphone o 75,7% usaría diariamente mensaxería en liña, o 31,9% r redes sociais e o 23,9% o correo electrónico.
As ofertas converxentes de servizos de telecomunicacións tamén tiveron un grande impacto nos datos da CNMC, xa que amosan que o 73,6% dos usuarios con smartphone empregan habitualmente redes Wi-Fi, mentres que só o 8,3% recorre só á banda larga móbil.
Para rematar, a Comisión tamén destaca que a rede social máis usada é claramente Facebook (63,4%) seguida por Google+ (25,4%), Twitter (21,4%), Instagram (16,9%) e LinkedIn (4,9%), o que resulta bastante sorprendente, xa que hai bastantes meses que se asegura que o número de usuarios mensuais activos de Instagram é bastante superior ao de Twitter
JPEG - 40.8 KB
A táboa co nivel de uso das tecnoloxías de comunicación tradicionais constata a importante caída no uso da telefonía fixa e móbil e das mensaxes de texto.