xoves, 3 de setembro de 2015

Ensino: novo curso e as ameazas de sempre

Comeza o novo curso escolar baixo o signo dos últimos anos: a sombra dos recortes é cada día máis alargada, a Xunta teima en aplicar unha LOMCE que é unanimamente contestada pola comunidade educativa e os mesmos recursos que se lle negan aos centros públicos acaban financiando os privados, en congruencia coas políticas elitistas e anti-galegas do Partido Popular.
Comeza o novo curso e, máis un ano, o galego ficará afastado da educación infantil, proscrito das materias científico-técnicas e arredado dos materiais académicos na FP. A nosa lingua continuará a ser estranxeira nas aulas do país, en aplicación do decreto do plurilingüismo que, embora a nova retórica dun PP que até asinou a declaración promovida pola Mesa pola Normalización Lingüistica, se mantén vixente como mostra da galegofobia do partido no poder en San Caetano.
Nos últimos catro anos, a Administración galega destinou 1.000 millóns de euros ao ensino concertado, mentres que reduciu 181 millóns de euros na escola pública
Un dado abonda para ilustrar as prioridades da Xunta en materia educativa e o seu nesgo profundamente clasista e contrario á equidade social: nos últimos catro anos, a Administración galega destinou por volta de 1.000 millóns de euros ao ensino concertado (concertando até 215 novas unidades), mentres que, no mesmo período do tempo, reduciu 181 millóns de euros (680 desde 2009) na escola pública, o que conlevou o fechamento de 46 escolas e a supresión de 327 unidades.
Con estes dados sobre a mesa, é doado prognosticar que as mobilizacións da comunidade educativa contra estas políticas voltarán a ser a norma un curso máis. A nula capacidade de diálogo do PP fainas inevitábeis.

mércores, 2 de setembro de 2015

Doce títulos pechan as súas prazas nas universidades galegas no cuarto prazo de matrícula

'números clausus' 

Un total de doce títulos esgotaron as súas prazas no cuarto prazo de matrícula para titulacións con 'números clausus' no sistema universitario de Galicia.

O prazo estenderase dende este martes ata o venres, e está destinado a alumnos das PAU, titulados de FP, maiores de 25 anos, estranxeiros de países non membros da Unión Europea, deportistas de alto nivel e estudantes con algunha minusvalidez preinscritos en xuño.  Á súa vez, ábrese o primeiro prazo para alumnos titulados que formalizaron a preinscrición nese mes.

En concreto, esgotaron as súas prazas o grao en Bioloxía da Universidade de Vigo; Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Óptica e Optometría, Psicoloxía, Química, Enfermaría, Mestre en Educación Infantil, e Mestre en Educación Primaria da USC; e Bioloxía, Enfermaría e Podología da súa homóloga coruñesa.

A Consellería de Cultura e Educación abre o prazo para a matriculación en 77 novas prazas de Formación Profesional Dual

Os interesados dispoñen desde hoxe ata o vindeiro día 14 de setembro para realizar as solicitudes correspondentes.

Santiago, 1 de setembro de 2015.- A Consellería de Cultura e Educación abre, a partir de hoxe martes, o prazo para a matrícula en 77 novas prazas de Formación Profesional Dual en toda Galicia. Os interesados dispoñen de ata o día 14 de setembro para formalizar a correspondente solicitude de matrícula. Os requisitos así como o procedemento poden consultarse no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es/fp/fpdual-convocatoria-setembro-2015 .
As ditas prazas que agora se incorporan están distribuídas a razón de 15 no ciclo formativo de Dirección de Servizos de Restauración no CIFP Paseo das Pontes (na Coruña), outras 15 no ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia que se impartirá no CIFP A Xunqueira (Pontevedra), 12 no ciclo de Construcións Metálicas no IES de Valga; 15 no ciclo de Química Industrial no CIFP Manuel Antonio (en Vigo); e outras 20 prazas para o ciclo de Mantemento Electromecánico no IES Politécnico de Vigo.
Esta nova oferta de prazas é froito de convenios de colaboración con empresas dos distintos sectores de xeito que estas facilitan os espazos, instalacións e/ou persoas expertas para impartir os módulos prácticos. É dicir, que a formación do alumnado é impartida de forma compartida entre centros educativos e empresas, o que mellora a empregabilidade dos alumnos e alumnas no futuro mercado laboral.
Formación e traballo
O carácter diferencial da FP Dual –que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2012/2013- consiste na combinación da formación curricular co traballo remunerado nunha empresa (ata un 75 por cento dos dous ou tres cursos que duran os ciclos), na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación de cara ao futuro profesional. No tempo de traballo efectivo na empresa o estudante terá unha de traballo para a formación e a aprendizaxe ao abeiro do convenio asinado con Feuga.
A día de hoxe en Galicia puxéronse en marcha un total de 29 proxectos de Formación Profesional Dual e 471 prazas (incluídas as ofertadas agora).

(O milagre español) Un terzo das familias españolas non van poder afrontar os gastos da ‘volta ao cole'

Segundo os datos achegados pola CEAPA (Confederación de Pais de Alumnos) un terzo das familias non poderán facer fronte ao gasto que supón a volta ao cole. A subida do IVE do material escolar e do IPC dos libros, a retirada de axudas por parte das institucións ou a obrigación de […]

Segundo os datos achegados pola CEAPA (Confederación de Pais de Alumnos) un terzo das familias non poderán facer fronte ao gasto que supón a volta ao cole. A subida do IVE do material escolar e do IPC dos libros, a retirada de axudas por parte das institucións ou a obrigación de comprar novos libros pola LOMCE son algúns dos motivos.
Os diferentes diarios de carácter local e rexional realizaron estudos para calcular o gasto que supón a chamada “volta ao cole” para as familias. A maioría móvense entre os 400 e os 800 euros, dependendo de en que comunidade estúdese e se, ademais, hai algúns gastos “extra” como uniforme, taxas no colexio…
“A volta ao cole”, por tanto, supón desembolsar practicamente un soldo enteiro só en material escolar. Ata agora o gasto podía asumirse por distintos motivos. En primeiro lugar, tanto o Goberno central como os gobernos rexionais dispoñían dunha serie de axudas para as familias con menos recursos.
Segundo denuncia a propia CEAPA as axudas das Comunidades Autónomas reducíronse nun 75%. A iso hai que sumarlle a redución do 60% do Goberno central. Sen ir máis lonxe, no curso 2011-2012 case un millón de familias beneficiáronse destas axudas. Ao curso seguinte (curiosamente, o ano do primeiro gran tasazo) 396.000 familias recibiron estas axudas.
Por se iso fose pouco o prezo dos libros e do material escolar ha ido aumentando. Isto é debido, en primeiro lugar, ao aumento do IVE do material escolar ao 21% e tamén un incremento do IPC dos libros dun 2,3%.
Ante a falta de axudas e o incremento do gasto moitas familias optaban por crear os chamados “bancos de libros” onde son os propios particulares os que regalan os libros de cursos anteriores e, a cambio, poden acceder a libros de segunda man dos cursos que van iniciar de maneira totalmente gratuíta. Desgraciadamente, a entrada en vigor da LOMCE que obrigou a modificar 180 materias, impide esta práctica.
Xa vén denunciando, dun tempo para acó, que as editoriais cambian cada pouco tempo (normalmente cada dous anos) o contido dos seus libros para obrigar ás familias para adquirilos de novo. Normalmente eses cambios adoitaban ser pequenas modificacións como alterar a orde dos temas ou incluír algún apartado máis. Pero co cambio da Lei Orgánica que regula a educación de primaria e secundaria o cambio foi radical. Os cursos que xa aplican a LOMCE mandan os libros de texto do curso anterior ao cubo do lixo.
A realidade é que, xa sexa pola redución de axudas, o incremento do prezo dos libros ou a imposibilidade de pasar os libros dunha familia a outra (ou unha combinación de todas elas) é cada vez máis difícil afrontar estes gastos. Así, a CEAPA calculou que unha de cada tres familias non vai poder afrontar os gastos que supoñen “a volta ao cole”.
Esta situación supón outro ataque á educación e, especialmente, ao acceso á educación dunha parte da poboación. Neste caso non estamos a falar dun ataque directo ao acceso como pode supoñer a subida de taxas ou a eliminación de prazas.
Con esta situación aínda que os alumnos poidan acceder ao colexio ou ao instituto non van ter os materiais necesarios para poder afrontar con garantías as probas e exames. Iso supón non só outra maneira de expulsión senón que ademais vai constituír un elemento máis para construír un discurso en contra dos estudantes con recursos máis modestos. Pois sen libros ou con libros desactualizados os mozos non van poder aprobar ou o terán moi difícil. Así, as estatísticas van mostrar que os nenos fillos de traballadores suspenden máis e obteñen peores cualificacións; un gran motivo para retirar bolsas e axudas.
Finalmente nesta cuestión escóndense grandes intereses económicos das editoriais. Como xa denunciou a CEAPA cando había diñeiro nas arcas públicas o Estado dedicouse a dar axudas para comprar libros no canto de fomentar bancos de libros de carácter público.
http://www.librered.net/?p=40232

Santiago acollerá unhas xornadas sobre as vantaxes do software libre para as nosas ONG

O software libre é un mundo de posibilidades para calquera sector ou ámbito social e económico, pero se cadra amosa unha potencialidade especial e particular para o denominado terceiro sector, que é aquela parte da nosa economía composta sobre todo por entidades sen arela de lucro. Amosar estas oportunidades do código aberto para o eido das iniciativas de responsabilidade social e de tipo solidario é o gran obxectivo dunhas xornadas previstas para o vindeiro 22 de outubro en Santiago, organizadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración con entidades como o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG/AETG). Por certo que esta xornada forma parte dun conxunto de actuacións de formación e difusión dirixidas ao ámbito das entidades non lucrativas que se van desenvolver nos meses de setembro e outubro.
O obxectivo principal é achegar ao terceiro sector experiencias de implantación e uso de solucións TIC libres “que lles permitan ás organizacións e entidades mellorar o xeito en que se xestionan, a súa operativa diaria e a súa organización”. A idea, explican os organizadores, é que grazas ao coñecemento de experiencias doutras entidades semellantes no uso de solucións libres “poidan vencer medos, resistencias ou descoñecementos respecto da programación aberta”.
Con esta actividade búscase tamén constituír un “punto de encontro” para os entes galegos sen arela de lucro (ONG, asociacións, colectivos, plataformas de voluntarios) e o sector TIC, no que poder compartir experiencias e boas prácticas no uso das novas tecnoloxías con licenza libre. Buscarase polo tanto que as fundacións, organizacións e asociacións que participen na xornada amosen as súas necesidades concretas no ámbito informático, favorecendo a achega de respostas, recursos e claves dende as empresas de código aberto da nosa terra. Segundo informa a organización fica aberto até o 14 de setembro o prazo para recibir propostas para participar nesta xornada expoñendo experiencias de migración, implantación ou asesoramento.

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación incrementa, un ano máis, os fondos públicos destinados á privada

Ademais a Consellaría especifica que esta orde terá vixencia non só durante o curso que vén senón tamén o seguinte: 2016-2017.

Denunciamos esta política da Consellaría de Educación que, en lugar de centrar os esforzos en manter e mellorar a calidade do ensino público, dedica unha parte importante do orzamento de educación a financiar centros privados, un financiamento que se incrementa ano a ano, mentres os centros públicos teñen que aturar que se supriman unidades e que non se atendan as necesidades materiais e de profesorado.
Este luns, 17 de agosto, a Consellaría de educación publicaba no DOG unha orde pola que se modifican os concertos educativos con centros privados. A CIG-Ensino denuncia que, mentres A Consellería continúa recortando profesorado e negándose a cubrir as demandas feitas polos centros, nomeadamente profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL), segue a incrementar, un ano máis, o número de unidades concertadas con centros privados, incrementando así os fondos públicos para financiar empresas privadas.
A Consellaría recorre, outro ano máis, ao mes de agosto, para facer público no DOG as modificacións dos concertos cos centros privados, co obxecto de que pasen desapercibidos ao conxunto da sociedade. E fai isto despois de dar instrucións á inspección educativa para que se continúe recortando profesorado nos centros públicos, fixando uns cadros de persoal para o vindeiro curso en que se pode constatar como a Consellaría, non só non atende as solicitudes dos centros educativos, senón que pretende recortar o xa insuficiente número de docentes, nomeadamente o profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL). Fronte a esta situación na pública, a Consellaría incrementa o número de unidades concertadas, ampliando os concertos ao 2º curso de FP Básica e mesmo incrementando o número de unidades que xa se incrementaran en anos anteriores.
Sucede así en Educación Primaria, pois a orde publicada hoxe recolle un incremento neto de 5 unidades concertadas máis ca no curso que remata este mes de agosto.
Tamén en FP. En FP Básica se incrementan os concertos ao 2º curso, polo que serán 19 unidades concertadas máis ca este curso. Increméntanse tamén as unidades concertadas de FP en dúas unidades, unha delas nun dos centros que discrimina o alumnado por xénero. Isto é posíbel por mor da modificación legal introducida pola LOMCE, promulgada co obxectivo de regularizar os concertos aos centros que segregan o alumnado por sexo (cinco centros ligados ao Opus Dei), algo que a CIG-ensino segue considerando inadmisíbel polo que no seu día presentou recurso que finalmente gañou, ao estimar o Tribunal Supremo que non se podían subvencionar con cargo a fondos públicos este tipo de centros.
Ademais a Consellaría especifica que esta orde terá vixencia non só durante o curso que vén senón tamén o seguinte: 2016-2017.
A CIG-Ensino denuncia esta política da Consellaría de Educación que, en lugar de centrar os esforzos en manter e mellorar a calidade do ensino público, dedica unha parte importante do orzamento de educación a financiar centros privados, un financiamento que se incrementa ano a ano, mentres os centros públicos teñen que aturar que se supriman unidades e que non se atendan as necesidades materiais e de profesorado.

A Sociedade Europea de Xenómica premia a traxectoria da bióloga galega Vanessa Valdiglesias

A doutora en Bioloxía Vanessa Valdiglesias é unha das investigadoras con maior proxección da Universidade da Coruña. En dez anos de carreira investigadora desenvolveu unha prolífica actividade internacional, con estadías en laboratorios de Reino Unido, Italia, Portugal, India e Chile durante máis de tres anos. Esta intensa traxectoria vén de lle supoñer un novo galardón, nesta ocasión outorgado pola Sociedade Europea de Xenómica e Multixénese Ambiental.
No marco do congreso que esta entidade científica celebrou a pasada semana en Praga a súa presidenta, Lisbeth Knudsen, entregoulle a Valdiglesias o galardón que a distingue como a investigadora europea menor de 35 anos con mellor traxectoria científica. No mesmo congreso, a doutora coruñesa impartiu unha conferencia.
Esta nova distinción súmase a un amplo currículo que comezou coa licenciatura en Bioloxía pola UDC e o mestrado en Biotecnoloxía pola Universidade de Granada. Foi na universidade coruñesa onde Valdiglesias realizou a súa tese, traballo que, lembra a institución académica, xa obtivo "o premio para a promoción de novos investigadores da Real Academia Galega de Ciencias". O seu doutoramento, no ano 2010, obtivo o sobresaínte cum laude e o Premio Extraordinario de Doutoramento.
A bióloga foi distinguida como a investigadora menor de 35 anos con mellor traxectoria
O premio Dolores Trigo distinguiu en 2013 parte da súa investigación postdoutoral, se ben tamén obtivo recoñecementos de xeito colectivo. Así, o grupo de investigación da UDC no que se integra, lembra a universidade, "obtivo numerosos premios de investigación". O máis recente é o da Fundación Agrupació, que centra a súa actividade no estudo da fraxilidade das persoas maiores.
Valdiglesias forma parte do grupo de investigación que estudou os efectos da exposición ao fuel do Prestige
Outro dos fitos da carreira investigadora de Vanessa Valdiglesias foi o estudo sobre os efectos para a saúde asociados á exposición ao fuel do Prestige. Este traballo, resalta a Universidade da Coruña, acadou "repercusión mundial". Por este motivo, os membros deste grupo de inversigación "foron reclamados como asesores no Instituto Nacional de Medicina dos Estados Unidos para xestionar a explosión da plataforma petrolífera Deepwater Horizon no golfo de México en 2010.

ADIF recorre á '”tradición” franquista para xustificar a súa deturpación de topónimos galegos

A entidade dependente de Fomento responde a unha reclamación que “os nomes das cidades determínaos a tradición” e por iso “en ningún sentido está desaconsellado dicir El Ferrol”.

“Los nombres de las ciudades los determina la tradición. Su nombre será siendo el que empleen la mayoría de los hablantes, pero en ningún sentido está desaconsejado decir El Ferrol”. Este é un estracto da resposta que o organismo público ADIF (administrador de infraestruturas ferroviarias) deu a unha reclamación dun usuario pola utilización reiterada de toponimia deturpada por parte da compañía pública no caso de Ferrol, que se engade a moitas outras como Orense ou La Coruña, xa denunciadas noutras ocasións pola Mesa pola Normalización Lingüística.
A Mesa afirma que, máis unha vez, ADIF dá un exemplo de “desprezo non só pola tradición galega que invalida a favor da establecida no franquismo (El Ferrol del Caudillo), mesmo contra o acordo unánime do concello de Ferrol que ratificou este nome como única forma válida ao retirarlle a engádega “del Caudillo”,  mais tamén o desprezo pola lexislación que establece que a única forma válida é a galega (artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística), e o seu rexeitamento a todas sentenzas do TSXG que inciden na mesma cuestión tras accións tomadas pola Mesa”.
A MNL pregúntase se o apelo de ADIF á tradición para incumpir a lei é un argumento para todo ou só para o que se refire a Galiza e o seu idioma. Para Marcos Maceira, presidente da Mesa, os argumentos expostos pola entidade pública empresarial dependente de Fomento son propios de “quen toma por parvos os seus usuarios e usuarias e constitúen un insulto á intelixencia das galegas e galegos”.
A Mesa pola Normalización Lingüística porá este caso en coñecemento do Valedor do Pobo e da SXPL para que tomen as medidas necesarias e dirixirase a ADIF e ao Ministerio de Fomento “para que repoña inmediatamente a legalidade, sen descartar acudir aos tribunais diante da burla constante e reiterada dunha compañía pública á establecido na lexislación o que podería constituír un delito de prevaricación”.

martes, 1 de setembro de 2015

Trece proxectos audiovisuais en galego reciben axudas por valor de 145 000 euros da Axencia Galega das Industrias Culturais

A través deste programa de apoio, pioneiro no seu ámbito dentro do panorama español, a Xunta mantén a súa aposta polos novos valores da creación cinematográfica en Galicia. O obxectivo é favorecer a súa incorporación á industria audiovisual, ao tempo que se promove a xeración de novas propostas narrativas, se impulsa o emprego do idioma galego no sector e se contribúe ao enriquecemento cultural do país mediante as distintas formas de expresión audiovisual.
Máis información no web da Agadic.

O Goberno central admite que pagar 5 millóns por escolarizar en castelán en centros privados é excesivo

Nos orzamentos de 2016 reduce a partida a tan só un millón de euros.

"A cantidade prevista en 2015 non se cubriu e baixámola. Vimos que cinco millóns eran excesivos e que cun podiamos cumprilo". Son as declaracións que Íñigo Méndez de Vigo, ministro de Educación do Goberno de Rajoy, fixo nunha entrevista no Mundo, sobre a baixada de cinco a un millón de euros do orzamento previsto para a escolarización en castelán en 2016 nun centro privado.
 
De feito, Méndez de Vigo recoñeceu que os cinco millóns de euros orzados en 2015 para cubrir a escolarización nun centro privado dos nenos que non teñan un público na súa comunidade con ensino en castelán como lingua vehicular, son moitos cartos.
 
A pesar desa redución, o ministro insiste en que ao Executivo central impórtalle "moito" o dereito dos pais a elixir a educación dos seus fillos e que estes reciban a educación en castelán onde hai linguas cooficiais.
 
Por outra banda, móstrase aberto a facer un pacto educativo "probablemente na seguinte lexislatura" e asegura que a xente pola rúa lle pide "un gran acordo en educación".

As familias poderán solicitar axudas para material escolar dende o mércores

As familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 5.400 euros ao ano recibirán un vale de 50 euros por neno.

O próximo mércores 2 de setembro comezará o prazo para que as familias poidan solicitar as axudas para a compra de material escolar, segundo anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.
Rodríguez destacou nun programa na TVG, segundo un comunicado da Consellería, que se trata dunha nova liña de apoio que lanza este ano a Xunta.
A convocatoria publicarase mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ten como destinatarios familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 5.400 euros ao ano por membro da unidade familiar que recibirán un vale de 50 euros por neno ata chegar a 60.000 beneficiarios
As solicitudes tramitaranse nos centros educativos a medida que se vaian presentando e as familias recibirán os vales unha vez compróbese que cumpren os requisitos e entregaron a documentación necesaria.
 

Nova convocatoria do curso para obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática da Xunta

A AMTEGA abrirá esta semana o prazo de inscrición para a obtención da Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX), publicándose a convocatoria no DOG nos vindeiros días, con 180 prazas para este curso preparatorio, previo ao exame presencial que terá lugar a mediados do mes de xaneiro.
Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio.
O prazo de inscrición será de cinco días naturais a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días naturais desde a data da súa publicación a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame.

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
- Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
- Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
- Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
- Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
- Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2015, que terá a súa continuación cunha nova convocatoria de exame presencial en outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou que opten pola modalidade autoformativa, ata chegar a un total de preto de 1.100 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron mais de 600 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e de 1.300 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas probas presenciais celebradas en diversas aulas da rede.

Convocatoria de cursos CELGA

 
A CIG-Ensino recibiu hoxe a comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística de que no DOG de mañá venres publicarase a convocatoria de cursos CELGA, un total de 30 cursos.
Os cursos serán de dúas horas lectivas diarias, un total de dez horas lectivas semanais, como propuxo a CIG-Ensino.
Ademais, antes de finalizar o mes, será publicada a convocatoria de 10 cursos de Linguaxe Administrativa.
Segundo a información que traslada a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en función da demanda de curso que se produza, o número de cursos convocados podería incrementarse antes de finalizar o ano.

Galiza perde por emigración a suma dos habitantes de Vigo, Ourense e Ferrol

A TENDENCIA QUE SE REXISTA DESDE 1990
 
Máis de 483.000 galeg@s tiveron que marchar do país nestes 24 anos. Os exercicios con maior número de emigrantes foron 2013, 2014 e 2011. Unha sangría sen comparación na contorna.

Vigo, Ourense e Ferrol totalmente baleiras, sen un só habitante nos barrios, parroquias ou lugares destes tres concellos. É un equivalente do impacto que supuxo a emigración galega nestes últimos 24 anos, desde 1990 a 2014. Un período no que marcharon de Galiza 483.680 persoas, o equivalente aos e ás habitantes dos tres concellos xuntos, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE). A suma das persoas censadas segundo o IGE a xaneiro de 2014 en Vigo era de 294.997, en Ourense de 106.905 e en Ferrol eran 70.389. Dá, pois, un resultado de 472.291 persoas, 11.000 menos de todas as que tiveron que emigrar do noso país nestes 24 anos. Así que se pode dicir que a xente que tivo que marchar nese período equival aos habitantes de Vigo, Ourense, Ferrol e, por exemplo, Ribadeo (10.000 habitantes). Por poñer outro exemplo, o número de persoas que emigraron desde 1990 é como se desaparecesen todos os habitantes da provincia de Lugo (342.748 persoas) e unha oitava parte dos da provincia de Ourense (ou sexa: 40.000 dos seus 322.000 habitantes).
Mais esa cifra de 483.680 pode ser aínda superior. Nas estatísticas de emigración de 1990 a 2014 do IGE non hai dados no que se refire á emigración exterior (á que vai fóra do Estado español) nos anos comprendidos entre 1990 e 2001. Nese período marcharon do país 136.000 galeg@s con destino a outras partes do Estado, mais non hai dados dos que tiveron que irse fóra do Estado español, que os houbo.
O ritmo de emigración non deixou de medrar nestas máis de dúas décadas. Así, na década comprendida entre 1990 e 2000 a media de persoas que tiveron que abandonar Galiza foi de por volta de 11.000 cada ano. Mais na década seguinte (2001-2009) ese fluxo aumentou a case 24.000 persoas cada ano. E entre 2010 e 2014 foi de perto de 30.000 en cada exercicio. De feito, desde 2010 os anos nos que máis emigración se deu foron os de 2013, 2014 e 2011. Sumados estes tres exercicios dan máis de 91.000 persoas. O equivalente, seguindo co exemplo das cidades, a case todos os habitantes de Compostela. Entre 3 anos, pois, perdemos tantas persoas por ter que emigrar como habitantes ten a capital da Galiza.