xoves, 28 de xullo de 2016

Alemaña volve a Vigo na procura de enxeñeiros recentemente egresados

Por terceiro ano consecutivo, a universidade alemá Hochschule für Technik und Wirtschaft des Saarlandes volve a Vigo na procura de enxeñeiros e enxeñeiras recentemente egresados, dispostos a probar sorte no mercado laboral alemán. A iniciativa SaarIng proporciona unha estancia de 11 meses en empresas do estado do Sarre, xunto coa asistencia a diversos cursos de idiomas e de habilidades directivas. Os perfís que se buscan son diversos, pois son moitos os postos que se precisan cubrir nesa zona industrial, tanto de mecatrónica, deseño de construción, tecnoloxías de automatización, enxeñaría eléctrica
O programa, que estará aberto á presentación de candidaturas ata finais deste mes de xullo, está composto dunha bolsa de prácticas de 11 meses nunha empresa do estado federal do Sarre, xunto con diversos cursos de idiomas e perfeccionamento na universidade. Alén diso, os e as participantes recibirán o título de Technisches Projektmanagement, avaliado polo mesmo centro, xunto coa posibilidade de completar un programa de doutoramento dependendo da empresa. Con respecto ao salario, segundo explica Stefanie Jensen, coordinadora da iniciativa, “o que ofrecemos cubre o nivel de vida aquí, sumado as axudas que prestamos á hora de buscar vivenda e demais temas burocráticos”. Os requisitos necesarios para optar a esta bolsa son ser un egresado ou egresada recente nunha enxeñaría e que o perfil se adecúe a unha das vacantes ofertadas no programa. Ademais, tamén se valorará positivamente ter un nivel A-2 de alemán xunto cun B-1 en inglés.
SaarIng proporciona unha estancia de 11 meses en empresas do Sarre
A falta de enxeñeiros e enxeñeiras en Alemaña é unha realidade nos últimos anos, mais sobre todo nas rexións máis industriais do sur, como é o caso do Sarre. Jensen asegura que na súa rexión a situación é especialmente complicada, polo que hai tres anos decidiron comezar con este programa. A razón da elección en exclusiva en toda España da Universidade de Vigo é sinxela, “xa que levábamos colaborando conxuntamente durante 10 anos e coñeciamos o seu alto nivel de estudos”, afirma a coordinadora.
As experiencias dos e das sete participantes da Universidade de Vigo en anteriores edicións avalan esta iniciativa de captación da institución académica alemá. Dos sete enxeñeiros formados en Vigo, dous decidiron volver a Galicia ao rematar a estadía en Alemaña e grazas a esa experiencia conseguiron atopar un traballo. Outros tres continúan no país xermánico, tanto nas empresas orixinais como en novas, e os restantes decidiron continuar estudando programas de mestrado. De xeito unánime todos e todas elas expresan a súa satisfacción con esta iniciativa que lles ofreceu experiencias moi enriquecedoras. Unha delas, Sara Pacín relata a súa estadía aló como marabillosa, “xa que aprendín moito durante as prácticas, mellorei o meu nivel de alemán e cando rematei os 11 meses ofrecéronme seguir na mesma empresa onde comezara”. Pola súa banda, Eloy Rodríguez tamén tivo unha experiencia positiva no Sarre cunhas prácticas que lle axudaron a atopar traballo na área na que se quere especializar, ao tempo que lle abriron un amplo abano de coñecementos.
“As axudas que ofrecemos cobren o nivel de vida aquí”
Mais non vai ser todo traballar, porque este programa ofrece aos asistentes diferentes actividades de lecer, como viaxes a Luxemburgo ou excursións a diferentes puntos da xeografía alemá. Tamén visitas a mercados de Nadal e outras actividades semanais. “Todo isto coa intención de mitigar o shock cultural que se produce e mellorar a adaptación dos participantes”, explica a coordinadora.
A nova remesa de enxeñeiros e enxeñeiras chegará a terras teutoas a comezos de setembro, comezando cun curso de seis semanas de alemán, para despois empezar xa coas prácticas empresariais.

A Xunta reparte máis de 200.000 euros entre catro medios a conta da Axencia Tributaria Galega

La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso e El Diario de Pontevedra son os agraciados nesta nova campaña publicitaria. En total, o goberno de Feijóo leva repartidos xa máis de 8 millóns de euros.

Servizo de insercións publicitarias para unha acción divulgativa denominada Campaña de sensibilización sobre a necesidade do pago de impostos para o mantemento do Estado do Benestar na Comunidade Autónoma de Galicia”. Con esta pomposa referencia a Xunta acaba de repartir máis de 200.000 euros (con IVE) entre catro medios galegos a conta da Axencia Tributaria Galega.
Desta volta os beneficiados son La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra, estes dous pertencentes ao mesmo grupo. Quedan excluídas destas axudas o grupo La Región, o xornal de referencia de Ourense, así como o Grupo La Capital (Diario de Ferrol, El Ideal Gallego e Diario de Arousa) ou El Correo Gallego. Estes medios teñen un mes e sete días para realizar a campaña.
Novamente, La Voz de Galicia é quen máis recibe, máis da metade dos cartos, 85.000 euros (sen IVE) van para que este medio realice publicidade da Axencia Tributaria Galega para a provincia da Coruña e as cidades de Ferrol, Santiago e A Coruña.
O mesmo terá que facer o Faro de Vigo na provincia de Pontevedra e cidade de Vigo, para o que recibirá 34.000 euros (Sen IVE), e outro tanto El Progreso en Lugo por outros 34.000 euros (Sen IVE). Pola súa banda, Diario de Pontevedra terá que publicalo para a capital provincial.
NO que vai de ano, e sen contar aínda todos os convenios, a Xunta leva repartidos xa máis de oito millóns de euros entre os grandes medios de comunicación en materia de publicidade e propaganda. A última adxudicación que se coñece foron as que as consellerías de Economía e Medio Ambiente destinaron no primeiro cuadrimestre do ano,  case 770.000 euros.

"As Irmandades foron as primeiras en loitar sistematicamente polo autogoberno galego"

"Polo que máis quero xuro ser dos bos e xenerosos. Terra a nosa!". É o xuramento que Bernardino Varela asinou con fachenda, como tantos outros, ao incorporarse ás Irmandades da Fala. O documento orixinal ocupa un lugar destacado na exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, aberta ao público ata o 4 de agosto no Museo do Pobo Galego, aberto este 25 de xullo en horario especial para conmemorar o Día Nacional de Galicia. Xunto ao historiador e presidente do padroado do Museo do Pobo, Xusto Beramendi, percorremos unha mostra que o centro etnográfico organiza conxuntamente coa Real Academia Galega e a Deputación da Coruña. Ante os obxectos e documentos orixinais do persoeiros das Irmandades Beramendi non dubida en afirmar: "Moito do que somos hoxe e damos por descontado debémosllo ás Irmandades", a comezar polo autogoberno.
Despois de pasar pola sala na que unha peza audiovisual producida para a exposición amosa imaxes orixinais da época -moitas delas custodiadas no CGAI- as visitas atopan o violín de Manuel Quiroga, entregado comoa gasallo ao seu amigo Antón Losada Diéguez. "Os obxectos -debulla Beramendi- establecen un vínculo non discursivo, máis inmediato co espectador. Teñen poder de atracción e axudan a interesarse polas ideas". E os obxectos das Irmandades abondan por todo o percorrido expositivo: os lentes de Vicente Risco, as bandeiras e carnés das Irmandades, debuxos e manuscritos de Castelao ou Bóveda ou a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade no xornal 'Galicia' son testemuñas case vivas daqueles anos.
A intención da mostra, detalla Beramendi, é "transmitir o que significaron as Irmandades como punto de ruptura para o galeguismo político", pero tamén para o propio país. Tras un primeiro rexionalismo no que referentes como Manuel Murguía ou Alfredo Brañas "defendían Galicia e o galego en castelán", ilustra, a aparición das irmandades supón unha "mudanza radical", un "segundo rexurdimento". O idioma é a base do traballo e do activismo dos irmandiños e para iso, ao contarén entre os seus membros con algúns dos autores máis destacados da época, "levan a práctica culta do galego dende o ámbito da poesía e algo de prosa literaria ata a súa consolidación na novela, no teatro e nas ciencias en xeral", pero "tamén na publicidade e nos xornais", con mostras abondosas en toda a exposición.
A exposición 'Saúde e terra, irmá(n)s!' amósase no Museo do Pobo Galego ata o 4 de agosto e continuará percorrido por Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo e Ferrol
Pero os homes e mulleres das Irmandades non se dedicaron, nin de lonxe, unicamente á actividade cultural. Dende a primeira Asemblea Nazonalista (Lugo, 1918), condensada nun manifesto cuxo orixinal manuscrito se amosa na exposición, desenvolveron "a cuestión fundamental do salto ideolóxico na definición de Galicia como nación e todas as reivindicacións que se derivan dela". "Coas irmandades nace o nacionalismo galego propiamente dito e un subsistema político en Galicia que callará na II República", resalta Xusto Beramendi. "O Partido Galeguista -fundado en decembro de 1931- é fillo das Irmandades", resume o historiador, elas son "as primeiras que loitan sistematicamente polo autogoberno galego" e delas deriva "que o sistema de partidos en Galicia sexa singular e cualitativamente diferente ao doutros territorios", mantén.
A arte do teatro á escultura, a investigación condensada no Seminario de Estudos Galegos, a aposta pola participación política das mulleres ata supoñeren un 10% da afiliación do PG ou o impulso "dos necesarios medios de comunicación", dende o boletín 'A Nosa Terra' a 'Nós' ou 'Galicia' están tamén moi presentes nunha exposición que, explica Beramendi, ten como fin último procurar que "unha parte da sociedade non esqueza de onde vén". As Irmandades foron pioneiras en seren "conscientes de que é necesario construír nación socialmente", tamén nuns tempos nos que "as raíces históricas, normalmente, non lle preocupan á xente". Despois do seu paso polo Museo do Pobo Galego a exposición continuará percorrido por Vigo (agosto), Pontevedra (setembro), Ourense (outubro), Lugo (novembro) e Ferrol (decembro).

O 9% dos e das universitarias que se licenciaron en 2010 están no estranxeiro

O INE publicou este venres a súa primeira Enquisa de Inserción Laboral de Titulados Universitarios, que ofrece unha completa información sobre a situación que en 2014 tiñan as persoas que remataron as súas carreiras no curso 2009-10, cinco anos máis tarde da súa graduación. En total, trátase de 10.175 egresados e egresadas en Galicia (case o dobre de mulleres: 6.511, fronte a 3.664 homes) e un total de 197.535 no conxunto de España.
Deses 10.175, case tres de cada catro (o 72,5%) estaban traballando en 2014, unha porcentaxe algo inferior á que se rexistrados no conxunto das universidades de todo o Estado. A cifra daqueles e aquelas que traballaban en Galicia era, con todo, bastante inferior, caendo ata o 55,89%. Un número importante traballaba noutras comunidades autónomas (o 10,2%), mentres que un 6,4% traballaba no estranxeiro. A comunidade na que marcharon traballar máis persoas licenciadas nas universidades galegas foi Madrid, sumando un 4%, por diante de Cataluña.

En total, a porcentaxe de universitarios e universitarias egresados en 2010 que residían en 2014 fóra de España (traballando ou non) era do 9,1%, superior á media do conxunto do Estado (7,7%).
Tamén é moi importante a porcentaxe de persoas que nos cinco anos que transcorreran dende o remate das súas carreiras mudaran a súa residencia a outra provincia do Estado: un 29,6% no caso dos licenciados e licenciadas nas universidades galegas, e un 24,9% no conxunto das universidades españolas.

Por carreiras ou ámbitos de estudo, as taxas de emprego máis elevadas rexístranse en Medicina (98%), con boas porcentaxes en Informática (92%), Veterinaria (87%), enxeñarías (83%) e Matemáticas (77%). Pola contra, as áreas de Artes e Humanidades (61%), Educación (67%) e Ciencias Sociais (70%) presentan as menores porcentaxes. En practicamente todas as carreiras e áreas a taxa de emprego dos e das licenciadas das universidades galegas é inferior á media española.
Mentres a media de graduados e graduadas en Galicia que cinco anos máis tarde residían no estranxeiro era do 9,1%, certas carreiras e áreas superan amplamente esa porcentaxe. Nomeadamente as enxeñarías (21%), Comunicación (15%), Matemáticas (14%) e Arquitectura (12%).


Os salarios galegos volveron baixar en 2015 coa industria como única excepción

A recuperación económica é feble ou, cando menos, non é o suficientemente forte para que poida traducirse nunha alza estable dos salarios. Tras amosaren, nos dous exercicios anteriores, signos de certa estabilización e mesmo de lixeiras subas, os salarios galegos volveron caer no ano 2015 coa única excepción do sector industrial, o que maior soldo medio rexistra e no que, ademais, este indicador medrou durante practicamente todos os anos da crise.
O salario medio galego ficou en 2015 nos 19.795 euros anuais
Segundo a enquisa de custos laborais que o INE vén de facer pública o salario medio galego ficou en 2015 nos 19.795 euros anuais, uns 60 menos que en 2014. Esta cifra é o resultado medio dun inquérito que, a nivel autonómica, divide a economía en tres grandes sectores: industria, construción e servizos. No sector industrial o persoal percibiu, de media, algo máis de 23.000 euros ao ano, un crecemento duns 200 euros a respecto do ano anterior que deixa a cifra global no seu maior nivel dende 2008.
Mentres, no resto de sectores a evolución foi diferente. Na construción o salario medio anual pasou de 20.300 euros en 2014 a algo menos de 20.200 en 2015. No sector servizos, o maioritario entre a poboación asalariada do país, o salario medio anual roldou os 18.960 euros tras permanecer en 2013 e 2014 por riba dos 19.000.

No sector servizos os custos totais para as empresas aumentaron durante a crise máis que os salarios do persoal
Estas cifras danse nun contexto no que, non obstante, os salarios medios son, en todos os sectores, un chisco maiores que no ano 2008. No entanto, no sector servizos prodúcese unha peculiaridade que non revelan os indicadores dos demais sectores. Así, mentres os soldos medios medraron nestes anos en torno a un 5,6% en Galicia e os custes totais que deben asumir as empresas -como cotizacións obrigatorias e outros conceptos- o fixeron en menor proporción, case un 5,2%, no sector servizos a relación é a inversa. Nese sector, do que vive a maioría do persoal asalariado, os soldos incrementáronse un 2,75% nestes anos e os custos para as empresas, case un 3,15%.

Estas cifras dan lugar a un panorama xeral no que os custos laborais galegos seguen a ser dos máis baixos do Estado -só por diante de Extremadura, Canarias, Castilla-La Mancha e a Comunitat Valenciana- e no que, como xa avanzaran os datos salariais avanzados polo IGE o pasado marzo, a fenda salarial entre Galicia e a media estatal está preto dos sues niveis máximos dende o inicio da crise. Así, segundo o INE, o soldo medio español é 3.000 euros maior que o galego, mentres que en 2014 a diferenza era de 2.751 euros e ao inicio da crise, en 2008, duns 2.800 euros.

Diferenzas salariais entre a media estatal e Galicia

CC BY-SA Praza Pública

A Universidade de Vigo crea a I Cátedra Internacional José Saramago

A institución académica vén de crear esta cátedra que pretende difundir a obra e pensamento do escritor luso. En novembro poñerán en marcha unhas xornadas anuais. 

“A I Cátedra Internacional José Saramago pretende crear pensamento e levar á sociedade en xeral, portuguesa, galega e internacional, a discusión en temas esenciais e de afondamento no debate en torno aos grandes problemas nacionais e universais. Pretende contribuír ao desenvolvemento, para o fornecemento da cohesión social e para a xustiza, e para iso, fundaméntase na obra, na vida e no pensamento de José Saramago”. Con estes obxectivos, recollidos nos seus estatutos, presentouse este martes na Universidade de Vigo a I Cátedra Internacional José Saramago.
A cátedra foi presentada por representantes das institucións que son membros fundadores, a Universidade de Vigo e a Fundación José Saramago, e membros honoríficos, o Camões (Instituto da Cooperação e da Língua) e a Fundação Eng.º António de Almeida. A iniciativa, explicaron os seus promotores, bota a andar despois de que en 2014 xurdise a idea no seo do Grupo de Análise e Estudos da Literatura e da Tradutoloxía da Universidade de Vigo e trala sinatura o pasado ano dun convenio entre as entidades fundadoras. “A creación desta cátedra non puido acaer nun momento histórico máis oportuno”, recalcou o docente da Universidade de Vigo Burghard Baltrusch, presidente da cátedra, salientando como se vén de celebrar o Día Nacional e como este ano se conmemora o centenario das Irmandades da Fala. Lembrando a relación de Saramago con Galiza, a través da súa obra e en visitas ao longo da súa vida, Baltrusch subliñou como “todos e todas gañamos con esta cátedra”, tanto Saramago como Galiza e o mundo lusófono.
A cátedra, recalcou o reitor, Salustiano Mato, permitirá “pór en valor a obra e o pensamento deste autor” co obxectivo de “intentar recuperar o humanismo nas persoas” e ante a convicción de que “só ese humanismo nos permitirá ter futuro”. A cátedra nace na Universidade de Vigo aproveitando o papel de Vigo como punto de encontro e “lugar de maridaxe do mundo lusófono”.
Neste senso, Pilar del Río, presidenta da Fundación Saramago e viúva do escritor sinalou como se aledaba de que fose “unha universidade nova”, como a Universidade de Vigo, a que puxese en marcha esta cátedra, “xa que son os novos os que son donos do presente e do futuro”. En tempos de recortes en humanidades, Pilar del Río salientou como é o momento de “loitar contra a indiferenza, o medo e a resignación”, tres vectores que Saramago identificou como característicos do noso tempo, “desde a cultura e desde a universidade”.
Primeiras accións
Entre as primeiras accións da cátedra estará a posta en marcha dunha base de datos de literatura crítica sobre a obra de Saramago, que completará e ampliará á realizada pola fundación dedicada ao Premio Nobel. E en novembro poranse en marcha na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo unhas xornadas sobre o escritor luso que terán un carácter anual e nas que se buscará a implicación na organización e nos contidos non só dos docentes do centro senón tamén do alumnado.

Galiza, cada vez menos poboada e máis envellecida

O saldo vexetativo negativo agudízase en 2015 e as proxeccións demográficas debuxan un pobo cada vez máis lonxevo.

mércores, 20 de xullo de 2016

O CSIC deseña dende Galicia innovadoras ferramentas para o patrimonio cultural

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) está a traballar dende a nosa terra no desenvolvemento de novas ferramentas software para o patrimonio cultural. Trátase, informa o CSIC, dun feixe de innovadores recursos informáticos “baseados en modelos abstractos de referencia e en ferramentas conceptuais e metodolóxicas dirixidas ás organizacións xeradoras desa información”. Entre as súas principais vantaxes comúns atópase a seguinte: con elas redúcese o custo habitual da súa difusión ao público xeral e contribúese á recepción das súas contribucións. Polo de agora deseñáronse e optimizáronse dous produtos pero a liña de traballo baséase en seguir fornecendo recursos novos. Estas dúas achegas xa dispoñíbeis son, por unha banda, a tecnoloxía CHARM (un modelo conceptual de patrimonio cultural), e, pola outra, ConML (unha linguaxe de modelado conceptual especialmente deseñada para as humanidades e ciencias sociais).
Segundo explica César González Pérez, científico do CSIC no INCIPIT e responsábel da liña de investigación, “a información patrimonial xerada polas organizacións é, en xeral, invisíbel para o común do público, entre outras razóns porque as entidades carecen das ferramentas conceptuais e tecnolóxicas precisas para visualizala”. Na súa opinión, “é fundamental avanzar nas tecnoloxías que permitan xestionar a información patrimonial de forma integral e flexíbel”. Ao fío disto, explica, o INCIPIT iniciou en 2008 a liña de investigación Tecnoloxías Semánticas e Patrimonio Cultural. O que se busca a través dela é “crear, seleccionar, desenvolver, analizar, validar, demostrar e diseminar as tecnoloxías precisas para a construción de significado ao redor da información que se xera e manexa no contexto do patrimonio cultural”. Trátase, ademais, dunha liña de traballo “fortemente transdisciplinar, xa que nela desenvolven o seu labor informáticos, arquitectos, arqueólogos e outros especialistas”, engade o investigador galego dende o INCIPIT.
As dúas ferramentas: CHARM e ConML
Segundo explica nun plano máis concreto, CHARM e ConML son “produtos de investigación concibidos como ferramentas conceptuais e metodolóxicas para o ámbito do patrimonio cultural que permiten xestionar a información patrimonial dunha forma científica, organizativa e economicamente pouco custosa para as organizacións”. A finais deste ano prevese lanzar un conxunto de ferramentas software baseadas neles para que calquera programador poida desenvolver produtos software compatíbeis cos devanditos recursos.
CHARM é un conxunto de conceptos e relacións formalmente definidos e expresados que captura todo aquilo que poida ser obxecto de recibir valor cultural por parte de calquera individuo, así como as valoracións asociadas. Lanzouse en 2012 cunha licencia CC BY, polo que é de libre uso. “Trátase”, lembra César González, “dun conxunto de termos, conceptos, definicións e relacións que describen coa mínima ambigüidade e con gran flexibilidade que aspectos son relevantes no patrimonio cultural”.
Pola súa banda, ConML é unha linguaxe de modelado conceptual especialmente construída para que as persoas non expertas en tecnoloxías da información poidan crear e desenvolver os seus propios modelos conceptuais. Lanzouse en 2010 tamén cunha licencia CC BY. Consiste nunha linguaxe artificialmente construída para “que o público xeral poida expresar con máximo rigor e escasa ambigüidade aspectos da realidade tales como que obxectos, estruturas, actos sociais ou outros elementos son recoñecidos por que axentes, a través de que procesos valorativos, e como esta situación cambia ao longo do tempo”, sinala César González Pérez.
Ambas as ferramentas empregáronse xa en proxectos e traballos de investigación e o INCIPIT está a levar a cabo actividades formativas sobre o seu uso. “Polo momento, constatamos que estas infraestruturas cambian radicalmente a xestión de información patrimonial por parte das organizacións que a xeran e lle tiran proveito e serven, á vez, de plataforma para o establecemento dun diálogo cos cidadáns”, salienta César González.
Os traballos para o desenvolvemento desas novas ferramentas realizáronse no marco do proxecto de investigación Metodoloxía Integral para a Representación Formal do Patrimonio Cultural, financiado pola Xunta de Galicia (2009 e 2012), e continúan cos proxectos Patrimonio 2.0: Modelos abstractos de referencia para información en patrimonio cultural, financiado polo Plan Estatal de Investigación-Retos 2014-2017) e Advanced Research Infrastructure for Archaeological Dataset Networking in Europe (ARIADNE), financiado polo VII Programa Marco da Unión Europea (2013-2017).

A innovación en España perde posicións na Unión Europea

O último informe revela unha caída española ao posto 21, en igual posición que Grecia e Hungría.

A semana pasada déronse a coñecer os resultados de 2016 do Cadro europeo de indicadores da innovación da Comisión Europea que revelan a perda de posicións de España neste segmento. A puntuación española no índice sintético de innovación foi de 0,361, o que lle sitúa por baixo da media de 0,521 do conxunto de países europeos, e moi afastado de Suecia, que lidera a clasificación cun 0,703.
España é o terceiro país que máis retrocedeu dende o inicio da crise
Segundo os datos da CE, España é o terceiro país, xunto a Lituania, que máis retrocedeu en innovación desde o inicio da crise en 2008 -por detrás de Romanía e Hungría-. Desde ese ano, perdemos anualmente unha media do 0,8% de rendemento en I+D. Con estes resultados, o España cae ao posto 21 na táboa, empatando con Grecia e Hungría.
Durante este período, no conxunto da UE o rendemento da innovación mellorou anualmente unha media do 0,7%. Case todos os países rexistraron variacións positivas, destacando Letonia, que avanzou un 4%.
España sitúase por baixo da media da UE28, na maioría dos indicadores que analiza a institución para elaborar o índice.
Táboa de índices sintéticos de innovación dos países da UE. /SINC.
Táboa de índices sintéticos de innovación dos países da UE. /SINC.
A comisión tamén pon de relevo que o investimento e o financiamento da I+D española caeu unha media anual do 5,7% desde 2008. Segundo o documento, o investimento do sector público experimentou un crecemento do 0,8% cada ano, pero a procedente de capital de risco caeu unha media anual do 11% desde 2008.
Con todo, a CE valora positivamente a mellora de España en recursos humanos e destaca  o incremento do número de graduados e doutores no ámbito da innovación, cun crecemento anual do 10% desde 2008. Pero un maior número de titulados está moi lonxe de traducirse en postos de traballo científicos. Outro bo dato son as publicacións científicas internacionais que subiron un 8,7%. Nos centros de investigación saben ben que, cando mingua a financiación de proxectos en laboratorio, a publicación é unha actividade refuxio. “Cando non hai cartos para reactivos, saen moitos papeis dos caixóns é chega o momento de escribir”, resume un científico.
A Comisión destaca que nos países de moderada innovación -entre os que se atopa o España- existen núcleos rexionais de innovación: o País Vasco en España, Piamonte e Friul-Venecia Julia en Italia, e Bratislava en Eslovaquia.
España mellora en recursos humanos e publicacións científicas
En áreas de innovación determinadas, os líderes da UE son: Suecia: recursos humanos e calidade da investigación académica; Finlandia: condicións marco financeiras; Alemaña: investimento privado en innovación; Bélxica: redes de innovación e colaboración; Irlanda: innovación nas pequenas e medianas empresas.
O organismo subliña que o principal factor para converterse nun líder de innovación é a implantación dun sistema de innovación equilibrado que combine un nivel axeitado de investimentos públicos e privados, asociacións de innovación eficaces entre empresas e entidades docentes, así como unha sólida base educativa e investigación de excelente calidade. O impacto económico da innovación debe manifestarse en termos de vendas e exportacións de produtos innovadores e tamén de emprego.

O Correlingua declara o seu agradecemento polo premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

A organización comparte o premio con todo o profesorado, alumnado, participantes nas festas finais e institucións que ao longo destes dezaseis anos apoiaron a actividade
O Correlingua expresa o seu agradecemento ao xurado do Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña a iniciativas normalizadoras destinadas á infancia e á mocidade. Desde o Correlingua valorarmos que este premio vén recoñecer o traballo realizado polas entidades que promoven o Correlingua: CIG-Ensino, A Mesa e AS-PG. Este premio tamén recoñece a implicación de todo o profesorado e alumnado dos centos de centros educativos participantes, sen cuxa concorrencia esta actividade non sería posíbel.
Esta actividade contou, ao longo destes dezaseis anos, co apoio de empresas privadas, deputacións e numerosos concellos, entre eles os concellos de Lugo, Pontevedra e Vigo, que colaboraron ininterrumpidamente co Correlingua en todos estes anos.
Ademais, o Correlingua vén contando cada ano con persoas recoñecidas do mundo da cultura nas festas finais: como lectoras do manifesto ou como intervinientes nos actos.
O Correlingua comparte este premio con todos e todas: participantes nas actividades, librarías, tendas e institucións colaboradoras e, especialmente, profesorado e alumnado, porque é de todas e todos os que neses días saímos á rúa para compartir o desexo de vivirmos en galego.
O Correlingua naceu no curso 2000-2001 e leva xa 16 anos a percorrer o noso país. Trátase dunha actividade escolar de duración anual que remata cunha festa nas rúas e prazas de diferentes localidades, festas que desde o día 2 ao 16 de maio percorren un promedio de 12 lugares cada ano.
O Correlingua é unha iniciativa que quere avanzar na normalización plena do noso idioma, e para iso ofrece un conxunto de actividades de realización colectiva que teñen o alumnado por protagonista, pois é o alumnado quen elabora a banda deseñada que ilustra a web do Correlingua, os vídeos que compartimos na rede e o manifesto que se le en cada festa final; é o alumnado quen elixe os grupos que actúan na festa final, ou actúa el mesmo, e quen decide os lemas dos estandartes que levan durante a marcha coa que percorren as nosas vilas e cidades.
Levar adiante o Correlingua é un traballo que nos ocupa todo o ano, mais que ten a súa recompensa na participación de centos de centros, e miles de alumnos e alumnas, por volta de 40.000, xa sexa como participantes directos nas festas finais, xa sexa como participantes nos certames que anualmente se convocan.
Agora o recoñecemento vén tamén por medio deste premio que nos dá azos para continuar e para mellorar unha actividade que se marca o obxectivo de pór en valor o noso idioma na franxa de idade que máis sofre a españolización e que conta con menos espazos para o uso normal da nosa lingua.
Un recoñecemento que ten aínda máis valor se consideramos que non contamos con apoio dos organismos que na Xunta de Galicia teñen responsabilidades lingüísticas e educativas e deberían recoñecer e apoiar este tipo de actividades.

Nace 'Cómaros', unha nova revista interdisciplinar de pensamento galego

A publicación, impulsada dende a Universidade de Vigo, acolle textos científicos de corte académico e ensaios de interese para a cultura galega.

Un cómaro é unha pequena elevación do terreo, unha lomba ou outeiro, desde a que é posible ollar o horizonte. Por este significado e por ser un elemento característico da paisaxe galega, é tamén o nome escollido polos promotores da nova revista interdisciplinar de pensamento galego Cómaros. A publicación, electrónica e de periodicidade anual, nace para tentar “servir como nó estruturante de todo o pensamento galego” apostando, entre outros aspectos, por potenciar os ensaios centrados en temáticas relacionadas con Galicia, informa Rosa Tedín.
A dirección de Cómaros. Revista Interdisciplinar de Pensamento Galego, corre a cargo de David Casado, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e investigador do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo, e de Juan R. Coca, do Gir Trans-Real Lab. da Universidade de Valladolid e “un galego no exilio académico”, tal e como destaca del Casado. A publicación conta ademais cun comité editorial e un comité científico que agrupa a persoas espalladas por un amplo abano de institucións educativas e de pensamento tanto galegas como foráneas.
As persoas que forman parte deste proxecto editorial, explican os seus promotores, queren seguir “o camiño establecido por pensadores galegos como Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Emilia Pardo Bazán, Vicente Risco, Concepción Arena, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Esperanza Guisán, Castelao, Frei Martín Sarmiento, Xoan Rof Carballo ou Álvaro Cunqueiro”. Deste xeito, a publicación nace ante a convición de que “o pensamento galego é importante e ten un grande interese para o mundo en xeral”. “Cómaros é unha revista de pensamento non tanto científico-académico senón un pouco máis aberta, xurdida coa idea de volver a potenciar o ensaio en galego e sobre Galicia ante a diminución drástica deste tipo de publicacións nos últimos anos”, sinala David Casado. A iniciativa tamén aspira a ser, engade o docente, “un espazo virtual no que a diáspora académica teña un espazo no que afondar nos temas referidos a Galicia”.
ARTIGOS CIENTÍFICOS E ENSAIOS
Cómaros é unha publicación na que teñen cabida textos de socioloxía, historia, filosofía, xeografía, cultura, poetoloxía, etc. As prioridades do proxecto teñen que ver “coa análise de Galicia, co seu pensamento e coa reflexión sólida”, dándolle prioridade “aos traballos que poñan en diálogo a autores, pensamentos e realidades de Galicia con outros autores, realidades e pensamentos internacionais”. Así, por unha banda a publicación acolle textos científicos de corte académico, que teñen que cumprir os requisitos internacionais habituais, e por outra banda ensaios de interese para a cultura galega. Sobre este último xénero apuntan que “consideramos que o noso espírito é o de autores tan senlleiros coma don Ramón Otero Pedrayo ou don Vicente Risco”, que “amosaron que é posible facer pensamento mantendo un alto grao de lirismo. Por iso, este aspecto imos tentar coidalo”, explican os seus impulsores.
Este deseño xa se reflicte no seu primeiro número. Nel inclúense dous artigos científicos. O primeiro deles é do propio Juan R. Coca que, baixo o título 'Principiando unha epistemoloxía galega con rostro socio-cultural. Camiñando con Otero Pedrayo, Manuel María e outros autores actuais', aborda unha epistemoloxía galega. O segundo é de Joaquim Ventura Ruiz, titulado 'Galeguismo e catolicismo: Vicente Risco en Euzkadi (1930-1933)', no que afonda nas colaboracións de Risco no xornal do PNV Euzkadi, no que deixou plasmada a súa opinión sobre a situación do catolicismo e a súa relación coa política. No apartado de monográficos, hai un texto do filósofo e escritor mexicano nacido en Galicia Leonardo da Jandra titulado 'Os meus dous mares' e outro de Milton Aragón, 'Comprender ao outro dende a paisaxe e o territorio. Un achegamento dende o pensamento de Leonardo de Jandra'. Por último, o vallisoletano e fillo de galega Francisco José Francisco Carrera achega á revista as súas 'Reflexións ao carón dun eu lírico en proceso de descomposición expresado dun xeito oteriano'.

A publicación, con textos só en lingua galego, é de acceso aberto a través da súa páxina web, “xa que o seu equipo aposta polo coñecemento aberto e a revista está baseada no principio de ofrecer ao público un acceso libre aos artigo para fomentar un maior intercambio global do coñecemento”, recolle Rosa Tedín no DUVI.

O Concello de Teo denuncia que Industria lle denegou unha axuda por enviar documentos en galego

O alcalde cualifica de "falta de respecto" que o Ministerio lle denegase un empréstito de 3,27 millóns de euros para un proxecto de iluminación pública, e avanza que hai outros concellos na mesma situación.

O Concello de Teo (A Coruña) denunciou que o Instituto para a Diversificación da Enerxía e o Aforro (IDEA), dependente do Ministerio de Industria, denegou a concesión dun empréstito por valor de 3,27 millóns de euros para un proxecto de iluminación pública porque nos documentos presentados na solicitude se incluía un informe escrito en galego.
O alcalde de Teo, Rafael Sisto, cualificou de "falta de respecto" a actitude do IDAE e esixiu a dimisión do seu director xeral, Arturo Fernández, e do seu presidente, Alberto Nadal, por "empregar as institucións públicas para iniciar unha guerra política".
A casa do concello de Teo, localidade situada nas inmediacións de Santiago, recibiu a mediados do mes de xuño a desestimación da petición dun empréstito a interese cero para renovar a iluminación pública porque "un dos múltiples documentos" que achegaron estaba escrito en lingua galega e nas bases da convocatoria se establecía que o idioma empregado debía ser o castelán.
Ante esta situación, a casa do concello teense —no que goberna Son de Teo-Anova en coalición co PSdeG— presentou unha alegación asegurando que se trataba dun "defecto subsandable" e incluía unha tradución do devandito documento ao castelán. Ademais, engadían que as bases "en ningún caso fixan que a utilización dun idioma cooficial do Estado sexa razón de desestimación definitiva".
O pasado día 11 de xullo, o Concello de Teo recibiu a resposta do IDAE, no que volven tombar a solicitude porque a casa do concello "ignorou" as bases da convocatoria, unha cuestión que, como reproduce nunha nota de prensa o concello, "non pode entenderse como un comportamento que responda a unha dúbida razoable do solicitante" senón como "unha resistencia á observación de tal previsión".
"ACTITUDE FALTONA"
En declaracións a Europa Press, o alcalde de Teo, Rafael Sisto, trasladou o "enfado" da corporación municipal pola actitude "faltona" da institución dependente de Industria, que mesmo, segundo o rexedor, nunha conversación telefónica con responsables do instituto chegaron a dicirlle que "nin os cataláns farían iso".
Neste sentido, Sisto avanzou que pelexarán "ata o final" no ámbito administrativo e tamén presentarán unha moción no pleno municipal para "rexeitar a actuación dos responsables do IDEA" e, deste modo, facer ver que non se trata dunha postura "só nacionalista".
Ademais, pedirán unha entrevista co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para trasladarlle a situación e non descartan realizar "accións conxuntas con outros concellos". En relación a isto, avanzou que coñecen que outros gobernos locais da bisbarra tamén se atopan na mesma situación, pero aínda non recibiron resposta á alegación por parte do IDAE porque o Concello de Teo "tiña máis avanzados os trámites".
DOCUMENTACIÓN EXTENSA
Sisto reiterou que os dirixentes do IDAE utilizan como "escusa" o idioma para emprender unha "guerra política" e móstrase sorprendido con que o uso do galego sexa un "defecto non subsandable". "Se faltase a metade do informe seguro que sería subsandable", espetou.
Así mesmo, engadiu que o informe non admitido polo IDAE "son dúas páxinas, na súa maior parte números" que forma parte dunha documentación moito máis grande e complexa "dende o punto de vista técnico".

Un verán de regueifas

Veñen semanas de altas temperaturas. Pola calor e pola completiña axenda d@s regueifeir@s, prontos a elevar o termostato a base de pílulas destes desafíos orais improvisados e en verso.

Verán, calor e regueifas. A estación comeza ben servida de actividades relacionadas con esta vella tradición galega que desde hai anos está en pleno proceso de reactualización e renovación. Un papel no que Oral (Oralidade, Rima, Arte, Lingua de Galiza) está a ter un papel fundamental. A regueifa enmárcase na arte da improvisación oral, existente en todas as culturas. A regueifa é un desafío oral improvisado e en verso, non moi difernte do que vén sendo o hip-hop, por exemplo.
Na axenda de regueifas destas semanas as primeiras citas son o 20 de xullo en Samil, na que os regueifeiros Josiño da Teixeira e Quique Estévez, entre outros, actuarán canda os 'repentistas' (improvisadores) cudanos Irán Caballero e Yoslay García. O día seguinte, 21, mantéñense os mesmos protagonistas, galegos e cubanos, mais varía a ubicación da actuación, que pasará ser Ponteareas, na Praza Maior.
E seguimos sumando: O 23 de xullo os regueifeiros Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira actuarán na Festa da Comunidade de Montes de Goián, en Tomiño. Mais como non todo vai ser o sur do país, o 25 de xullo varios regueifeiros estarán presentes en Compostela para actuar no Festigal. O 27 tócalle a quenda á Alameda de Bouzas, no que estarán Luis O Caruncho e Bieito Lobariñas canda novas regueifeiras. E xa en agosto, hai previstas actuacións en Vigo e en Caldas de Reis.
Mais a regueifa é quen de saltar por riba do Padornelo e exhibirse con orgullo polo mundo adiante. Estes días andiveron por Donosti e Málaga e en outubro están preparando un desembarco en Barcelona, con regueifeiros a amosar arte e espontaneidade polo barrio de Gràcia.

martes, 19 de xullo de 2016

Case 600 actividades culturais e de promoción do galego para este verán

O ‘Galicia Culturea’ programá dende agora e até setembro iniciativas de dinamización lingüística ou concertos en 28 localidades.

O conselleiro presentou esta mañá na compostelá praza das Praterías o novo programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ‘Galicia Culturea’. Unha iniciativa que durante os meses de xullo, agosto e setembro ofrecerá ao longo da xeografía galega unha completa oferta cultural e de ocio pensada para todos os públicos.
 
Dinamización lingüística
Alén disto, o programa impulsado pola Consellería para a Rede de Dinamización Lingüística continúa no verán, centrado en 3 novas propostas deseñadas de forma específica para ‘Galicia Culturea’: ‘Contos vellos para rapaces novos’, ‘O zapateiro e o raposo’ e ‘Palabras máxicas’.
O primeiro dos formatos é unha proposta de contacontos inspirada na obra homónima de Xosé Neira Vilas coa que se lle rende homenaxe ao escritor e se achega á cativada unha manchea de historias que recrean mostras da narrativa tradicional de comunidades dos cinco continentes. Tamén como contacontos chegará ‘O zapateiro e o raposo’, poñendo en valor a oralidade en lingua galega e presentando nunha escenificación baixo carpa os lances máis divertidos dos protagonistas. Os participantes nesta actividade de rúa recibirá cadanseu exemplar do libro para darlle continuidade á narración na casa.
Pola súa banda, ‘Palabras máxicas’ é unha peza de maxia para público de todas as idades a cargo do mago Dani García. O público asistente terá participación no espectáculo, ata o punto de que será el quen determine o seu guión, ademais de axudar a Dani a superar unha serie de retos que o fagan digno dun magnífico sombreiro de mago.
A programación inclúe todo tipo de propostas e actividades culturais. Desde a dinamización da lectura ou a dinamización lingüística de rúa, á música, ao teatro, á danza, ao novo circo, á maxia ou ao cine, pasando por obradoiros, visitas guiadas a mostras temporais, así como distintas actividades formativas e de fomento do talento da nosa mocidade.
Novas iniciativas
Entre as iniciativas que se estrean este verán cómpre salientar, por ir dirixida ao público infantil, un dos que máis goza das actividades realizadas no Gaiás, ‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’, 4 obradoiros cos que se busca potenciar a curiosidade dos nenos polo deseño, estimular o seu talento creativo e sacar a relucir as súas aptitudes artísticas da man de destacados profesionais da ilustración, da artesanía, da moda ou do deseño.
Así mesmo, a Consellería organizou de forma específica para este ‘Galicia Culturea’ un programa de concertos das formacións Zoar, Odaiko, Hércules Brass, Coro Cántigas da Terra, e das corais Cantigas e Agarimos, de Ruada e Toxos e Froles, Galicia Fiddle Orquestra, en 28 concellos de toda a xeografía galega ao longo do verán.
Nos próximos meses desenvolveranse novas programacións para fomentar a relación dos máis novos coa música, tales como un campamento musical en Agolada; ou un conxunto de programacións formativas, fundamentalmente enfocadas a novos intérpretes, para favorecer espazos nos que poidan completar a súa aprendizaxe con experiencias de conxunto e de contacto con profesionais, tanto galegos como de outras procedencias. Estas actividades de formación integrarán un ciclo do alumnado no que estará involucrado o propio alumnado.
Citas consolidadas
O programa de ‘Galicia Culturea’ inclúe tamén citas xa consolidadas, como é o caso da integración de música e patrimonio que supoñen os ciclos ‘Monumenta’ ou ‘Espazos sonoros’, e de iniciativas como ‘Cultura no Camiño’-desenvolvida en colaboración con Turismo de Galicia-, que leva unha ampla combinación de espectáculos aos concellos polos que pasan as diferentes rutas xacobeas; ‘Ler conta moito’, centrada na dinamización da lectura; as Feiras do Libro de Galicia; ou as habituais programacións que a Agadic impulsa nas redes de Música ao Vivo, de Teatros e Auditorios, de Salas ou a través do ciclo Danza 3.
Así mesmo volveranse organizar os exitosos ‘Cidade Imaxinaria’ e ‘Atardecer no Gaiás’, ambos na Cidade da Cultura de Galicia, espazo no que ao longo do verán se poderán visitar tamén as exposicións ‘Con-fío en Galicia’, ‘Quefaceres e equilibrio’, de Sonia Navarro; ‘Rostros do país’, de Xurxo Lobato; e ‘Homo Ludens’, de Román Corbato e Miguel Benjumea.
O CGAC, o Museo Massó, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, ou os museos das Peregrinacións e de Belas Artes serán, como adoita ocorrer cada verán, escenarios de diversas actividades dirixidas a toda a familia. Tamén se reeditarán iniciativas como os festivais Groba e Hércules Brass ou o ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera, entre outras.
Na presentación, actuaron o grupo de música tradicional da Agadic, mais o mago Dani García, e o cantautor galego Manoele de Felisa. Participaron nela o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e os músicos de Hércules Brass Esteban Méndez e Víctor Vilariño.