xoves, 26 de maio de 2016

O despropósito continúa

Reválidas de 3º de Primaria: o despropósito continúa
Logo da celebración das reválidas de 6º curso de Primaria de hai uns días, o STEG, en colaboración cos centros do Ensino público que participaron nas mesmas, recolleu os datos de NON ASISTENCIA ás mesmas, contando para iso con datos de case a metade dos máis de 650 centros que participaron nelas.
Ao abeiro desta información, o STEG conclúe que máis dun 60% do alumnado NON ASISTIU ás reválidas, sendo as provincias de A Coruña e Pontevedra, onde máis incidencia tivo esta protesta. De igual xeito, a NON ASISTENCIA ÁS REVÁLIDAS tivo un maior impacto no rural ca nos grandes núcleos poboacionais, agás no caso de Vigo, onde a porcentaxe foi lixeiramente superior á que se deu no resto da provincia. Unha lectura máis polo miúdo ofrece o dato de que a moda, o valor que máis predomina na mostra que serviu de base para o estudo é o do 100% de NON ASISTENCIA.
O STEG tamén quere facer notar o seu total desacordo coas manifestacións realizadas pola Consellaría, por boca do señor Conselleiro, que acusou de mentir a organizacións políticas, sindicais, movementos de renovación pedagóxica e diversos colectivos da comunidade educativa que durante este tempo viñeron amosando o seu desacordo coa realización das REVÁLIDAS.
Nesta liña, lamentamos que o Conselleiro confunda a diversidade de parecer, a disensión e a argumentación en base a criterios pedagóxicos, estatísticos e cívicos coa mentira ou a mala intención e rexeitamos enérxicamente ditas acusacións. Parecera esquecer este goberno unha das súas lecturas de cabeceira, Marco Aurelio:
“Se non convén, non o fagas; se non é certo, non o digas” Meditacións.
Asemade, o STEG xulga impropio dunha sociedade democrática a campaña de medo e desinformación que se promoveu dende certas instancias da Administración educativa, secundada por determinados colectivos e tamén algúns medios de comunicación. Isto non fixo senón alimentar a confusión, o temor, a anguria e mesmo o medo entre o alumnado, as familias e mesmo o profesorado.
Prescindindo do parecer de boa parte da comunidade educativa e do pobre resultado de asistencia destas reválidas de hai uns días, a partires de mañá terán lugar as reválidas de terceiro curso de Primaria.
O STEG anima as familias a que non envíen estes dous días o alumnado á escola, no convencemento de que é unha medida ineficaz, innecesaria e que redunda no despropósito que supuxo a posta en vigor da LOMCE.
Xulgamos que o Ensino público precisa de medidas máis serias e construtivas e con verdadeiro rigor pedagóxico, fundamentalmente aumentando o investimento no Ensino, non recortando de forma abusiva e logo practicando “test exprés á aventura” para ver o que pasou, coma nun mal argumento de Mary Shelley.

Máis de 60.000 estudantes galegos e portugueses poderán adestrarse en empregabilidade na feira virtual FINDE.U

Os vindeiros días, do 30 de maio ao 3 de xuño, desenvólvese na Universidade de Vigo a FINDE.U, Feira Internacional Virtual de Emprego. No evento, que se desenvolve en formato dixital dando acubillo a 61.000 estudantes das tres institucións académicas organizadoras da Feira (UVigo, Universidade de Porto e Universidade de Tras Os Montes e Alto Douro) e máis de 100.000 titulados, participarán empresas como Abanca, Indra, Levantina, Gestamp, Parfois, Qreer, Starwood Hotels & Resorts, Technogarden ou Deerpark House. A día de hoxe, xa case hai un cento de firmas e entidades que confirmaron a súa presenza, sobre todo procedentes de España e Portugal. Delas, 63 son empresas que ofertan contratos ou prácticas; 17 son puntos de información e 11 son redes Eures de diferentes países.
Ao longo de cinco días a Feira Internacional Virtual de Emprego desenvolverase como “unha plataforma interactiva para poñer en contacto entidades empresariais que procuren persoal con estudantes e xa titulados que estean iniciando a súa andaina no mundo laboral”, sinalan os co-organizadores galegos, a equipa da Área de Emprego da Universidade de Vigo, cuxo responsábel, Alejandro Martínez, explica que “durante esta semana as empresas están comezando a subir as súas ofertas e os alumnos e alumnas que estean matriculados poden inscribirse xa nas sexan dos seu interese”. Sobre o tipo de ofertas publicadas até o de agora, Martínez salienta a súa “heteroxeneidade, con todos os sectores e titulacións representadas” e con especial presenza de eido da enfermaría, a docencia no estranxeiro, as novas tecnoloxías da información, a enxeñaría ou a moda.
A Feira conta con bos precedentes: organizouse por vez primeira en Porto, o ano pasado, “con moito éxito de participación”. Agora, os impulsores do evento queren darlle máis pulo internacional, apostando de cheo pola dixitalización como fórmula-instrumento para abranguer máis empresas, estudantes, sectores empresariais, obxectivos e froitos a recoller. A idea, polo tanto, “é ir alén do que ofrece unha feira de emprego tradicional”. Segundo lembra a organización respecto do que poden achar os posíbeis participantes, “os estudantes atoparán nas ofertas de empresas e institucións oportunidades laborais, prácticas profesionais e oportunidades de investigación, mentres que o empresariado poderá publicar as súas ofertas e recibir e filtrar candidaturas, ademais de realizar entrevistas en liña a candidatos previamente seleccionados”.
Os estudantes contarán co apoio técnico e asesoramento da Rede EURES durante todo o evento, participando en seminarios e relatorios tanto en liña como presenciais en cada unha das universidades.
Ademais da participación en liña, o alumnado inscrito poderá asistir de maneira presencial, os días 30 e 31 de maio, ás sesións que se celebrarán en varias salas da Universidade de Porto, UTAD e Vigo sobre temas como a busca de emprego en Europa mediante EURES, as posibilidades de emprego científico para investigadores ou sobre como crear un perfil Linkedin, entre outros contidos. No caso de Vigo, as sesións terán lugar na sala I do edificio Miralles e todas elas poderanse seguir tamén dende as dúas salas virtuais habilitadas na web da Feira.

A CIG-Ensino levará á Mesa Sectorial diferentes propostas para modificar o calendario escolar para o curso 2016-2017

Tamén de se van tratar as ordes de adxudicación de destinos provisionais, entre outros temas.

Hoxe recibimos diferente documentación para a próxima reunión da Mesa Sectorial. Entre os temas que se tratarán nesa mesa está o Calendario escolar para o vindeiro curso, do que se nos entrega o borrador. Unha vez máis, a CIG-Ensino ten que manifestar o seu rexeitamento a que cuestións alleas á docencia, como son as festividades relixiosas, marquen o calendario escolar e provoquen a descompensación entre os tres trimestre do curso, con diferenzas que no caso do primeiro trimestre chega ser de vinte e un días lectivos máis có terceiro, ou quince días entre o segundo e o terceiro. A CIG-Ensino reclamará unha vez máis que se procure unha compensación entre os tres trimestres.
A proposta da Consellaría si recolle algunhas das demandas que a CIG-Ensino veu realizando para todos os calendarios escolares, como é que o mércores de cinzas sexa non lectivo.
A proposta que nos achegou a administración prevé para educación infantil e primaria que o curso se inicie o 12 de setembro e remate o 23 de xuño e no resto do ensino obrigatorio iniciaríase o 15 de setembro e rematará o 23 de xuño.
En relación ao inicio do curso tanto nas ensinanzas especiais, como na FP, a Consellaría prevé que se inicie o curso o día 15 de setembro, antes de estar rematadas as probas de selectividade (rematan o 16 de setembro), o que vai supor un agravio comparativo para este alumnado, polo que a CIG-Ensino vai propor que se atrase o inicio de curso nestas etapas de maneira que o alumnado no se vexa prexudicado.
A Consellaría propón como día do docente (unificación das anteriores celebracións proposta pola CIG-Ensino) o 31 de outubro, luns anterior ao festivo do 1º de novembro.
Mais unha vez a Consellaría non inclúe, a pesar das nosas continuas solicitudes, o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e a nosa literatura. Todas as culturas teñen personalidades de relevo, e seguimos sen comprender que a Consellaría se negue a recoller esta proposta que non inflúe nos días lectivos e tería unha importante repercusión para a normalización da nosa lingua e a nosa cultura.
A CIG-Ensino tamén defenderá que se restaure a xornada reducida de xuño e setembro, considerando ademais que o calendario galego é o de máis horario lectivo.
Estas serán algunhas das nosas propostas que defenderemos na Mesa Sectorial do próximo martes na que tamén de se van tratar, entre outros temas, as ordes de adxudicación de destinos provisionais para o vindeiro curso.

O ensino público galego volve derrotar a reválida

Produto dunha campaña mentireira baseada en falsidades, como di o PP? Ou resposta dos pais ante as mentiras do goberno, como argumenta AGE? O certo é que a reválida está a ser un absoluto fracaso nos centros públicos do país. Hoxe as aulas volveron a estar case sen nenos, faltou un 82% segundo os convocantes, un 40% segundo a Xunta. 

A segunda xornada das probas de diagnóstico de 3º de Primaria, as chamadas "reválidas", saldouse cunha abstención do 82 por cento, segundo os datos facilitados pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Polo de agora a Xunta non deu datos, pero dos exames de onte dixo que faltaron o 40%, o dobre que o ano pasado.
 Con cifras similares ao primeiro día dos exames e mesmo equiparándose á asistencia ás probas finais de 6º de Primaria, a plataforma destacou que a "grande maioría das familias" trasladou o "clamor xeral en contra" deste modelo e instou á Xunta a "asumir este estrepitoso fracaso".
 En declaracións a Europa Press, Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino e un dos voceiros da plataforma, considerou que "sería unha sinrazón e unha desconsideración absoluta" que o Goberno galego "continuase obstinado por este camiño", e agradeceu ás familias o seu "esforzo" para conciliar e non enviar os seus fillos a clase en rexeitamento ás "reválidas".
 "Isto foi unha chamada de atención moi importante que debería ser definitiva para que se paralice a aplicación da Lomce en Galicia", insistiu, ademais de evitar tamén a celebración das probas o curso que vén e a súa implantación en ISO e Bacharelato, advertindo de que serán "eliminatorias" e "necesarias" para obter o título.
 A pesar diso, Louzao asegurou que a plataforma "seguirá combatendo á Lomce" con todas as súas forzas e non van dar "por rematada a loita ata que desapareza", engadindo ademais que haberá que esperar á "conformación" do novo goberno que xurda tras a repetición das Xerais.
 "Esperemos que pase a ser unha cuestión para a historia e non para a realidade", confiou Louzao, para pedir ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "asuman as consecuencias" ante a "evidencia máis que palpable do que opina a sociedade".
Debate no Parlamento
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reafirmouse na súa defensa das probas de avaliación de 3º e 6º de Primaria derivadas da aplicación da Lomce e advertiu a AGE que a "presión" exercida por algúns grupos para que non se realizasen en Galicia "só prexudica" a familias e nenos con máis necesidades educativas.
 En resposta a Ramón Vázquez (AGE), o conselleiro denunciou que a oposición "enganara" e sementou "a confusión" sobre as probas coma se fosen "os tolos do outeiro", nunha campaña "planificada e absolutamente mentireira baseada en falsidades". "Están satisfeitos de metelo medo ás familias polo estrés? De alertar de probas crueis?", preguntou.
 Tras incidir en que estas probas se realizaron en todas as comunidades, aínda que "nas gobernadas pola esquerda lles cambian o nome", advertiu que se están "satisfeitos" e "orgullosos" das consecuencias da súa "campaña" contra as reválidas e a favor da abstención deben ser conscientes de que o único logrado é "prexudicar ás familias e aos nenos con máis dificultades".
 "Perdemos unha excelente oportunidade de ter unha radiografía para implementar melloras educativas", recoñeceu Rodríguez, quen tamén incidiu na "dubidosa" mensaxe que se envía aos alumnos relativo á "insumisión" fronte ás leis. "Poden estar orgullosos de transmitir que se poden incumprir as leis e que non pasa nada", espetou.
 Do mesmo modo, afeou o uso do termo "reválida". "Aí empeza o seu erro; que a súa galaxia política veña aquí a acusar o Goberno do que promoveron vostedes é coma se un pirómano lle bota a culpa aos bombeiros", reflexionou, antes de reafirmarse en que, como se evidenciou nas probas do anterior curso académico, as probas de avaliación serviron para responder de forma máis específica ás necesidades dos centros.
Cartas de extorsión
 Fronte a iso, denunciou os "enganos" de quen, como AGE, afirman que "o único obxectivo do PP é facer un ránking de centros educativos" e que a Xunta enviou "cartas de extorsión" aos pais "cheas de mentiras". Así o manifestara Vázquez previamente, quen, ademais de aludir ao "intento de chantaxe" de Educación, celebrou o seu "fracaso" e a elevada abstención das reválidas en Galicia.
 "Le reto a que me diga onde hai unha mentira, hai información veraz contra a súa desinformación interesada", ha retado, ao tempo que entregaba o vicepresidente da Cámara, Marta Rodríguez Arias, que exercía nese momento as funcións de presidenta, unha copia das devanditas misivas.
 "A xente ten capacidade para discernir e decatouse de que mentían vostedes", replicou o parlamentario de AGE, quen advertiu que os populares son os que levaron ás familias, "que perden a confianza" no sistema educativo e non creron o "seu relato", a "caer á insumisión".

O risco de pobreza e exclusión volve subir en Galicia tras baixar durante a crise

Os datos de risco de pobreza veñen sendo uns dos máis arrebolados entre goberno e oposición durante os anos da crise económica. A evolución temporal destes indicadores ou a propia definición de pobreza deron lugar a incontables tirapuxas nos que, no caso galego, a Xunta adoita argumentar que os números da pobreza descenderon durante a crise e que, ademais, outros territorios do Estado presentan unhas cifras notablemente peores. Os datos máis recentes, que vén de publicar o INE, amosan que, efectivamente, o risco de pobreza ou exclusión descendeu durante boa parte da crise. Pero tamén amosan que en 2015, na suposta saída "do peor" das dificultades económicas, volveu subir.
A renda media anual por persoa en Galicia descendeu uns 300 euros en media década
O primeiro chanzo para trazar un retrato do risco da pobreza ou exclusión social é abordar a evolución das rendas das persoas e das estatisticamente denominadas "unidades de consumo", as familias. A renda media neta anual por persoa en Galicia situábase en 2015 -todos os datos se refiren ao ano anterior- en 10.212 euros, uns 20 euros menos que o ano anterior e case 300 menos que en 2010. No caso das familias, a renda media anual está un chisco por riba dos 15.000 euros, uns 600 euros menos ao ano que hai media década.

Os datos de renda son relevantes porque é a partir deles como se achan os limiares da pobreza e da exclusión social. A grandes trazos, considérase que unha persoa está en risco de pobreza cando percibe menos do 60% dos ingresos medios, o que en Galicia equivale a algo menos de 600 euros ao mes. Ao risco de pobreza súmase o da exclusión social cando, atendendo aos criterios fixados na Estratexia Europa 2020, ademais de estar por baixo dos devanditos niveis de renda sofre as coñecidas como carencias materiais severas. Por exemplo, non poder comer carne ou peixe cada dous días, non ter cartos para manter a vivenda a unha temperatura axeitada, ter que adiar o pagamento de subministros básicos ou non poder facer fronte a urxencias económicas imprevistas.
Mentres seguiron aumentando os niveis medios de renda, subiron tamén os limiares da pobreza
Atendendo a todos estes criterios configúrase unha radiografía segundo a cal mentres aumentaron os niveis medios de renda e, polo tanto, o limiar estatístico da pobreza -de 2008 a 2011-, os riscos de pobreza e mais de pobreza ou exclusión foron descendendo ano a ano. En canto o impacto da crise comezou a instalarse nos petos da poboación, estes riscos volveron medrar, aínda que con tendencias dispares. O de pobreza volveu descender de 2012 a 2014 e o de pobreza ou exclusión só baixou levemente hai dous anos. No entanto, ambos indicadores repuntaron entre 2014 e 2015.
En Galicia os soldos máis altos xa comezaron a recuperarse mentres que os máis baixos, seguen a baixar
Esta evolución da pobreza e da exclusión produciuse nun panorama no que as rendas medias evolucionaron, en boa medida, cos cambios experimentados polos salarios da poboación. Como xa detallou Praza.gal, os estudos salariais do Instituto Galego de Estatística confirman que no ano 2014, o último analizado neste eido, os soldos máis altos comezaran xa a recuperarse, mentres que os máis baixos seguían a baixar. Deste xeito, o IGE acredita que as persoas que agora perciben apenas 400 euros brutos mensuais cobraban uns 500 antes da crise, mentres que quen superaba os 4.200 euros mensuais agora rolda os 4.500. Neste panorama un dos sectores máis prexudicados é a mocidade, entre a que o risco de pobreza ou exclusión chega a un terzo da poboación.

No que atinxe á comparativa cos territorios máis próximos, o resto de comunidades autónomas do Estado, Galicia non é a que presenta peor situación pero tampouco está, nin de lonxe, á cabeza dos datos de renda ou nos últimos postos do risco de pobreza ou exclusión, dato no que non obstante si gañou posicións relativas durante a crise. A renda media neta anual por persoa é a sétima máis baixa do estado e está máis de 3.000 euros por baixo da máis alta, a de Euskadi, mentres que a taxa galega de risco de pobreza ou exclusión é a oitava maior das autonomías.

O absentismo na reválida de 3º de Primaria "desautoriza" Educación, di a PGDEP

Segundo os dados da Plataforma, por volta do 82% do alumnado non asistiu ás aulas, o que supón un maior seguimento do boicote que nas probas de 6º curso. 

mércores, 25 de maio de 2016

Os móbiles causan cambios máis acelerados na industria da prensa que na do libro

Investigadores das universidades da Coruña e Compostela analizan as mudanzas no consumo de contidos e salientan a mellor adaptación do sector xornalístico ás pantallas móbiles que o libreiro.

O acceso aos contidos é cada vez máis dixital e máis móbil. A medida que dispositivos como os teléfonos intelixentes e as tablets penetran máis na sociedade, o uso do ordenador persoal para o tempo de ocio e de información diminúe. Así, por exemplo, máis da metade dos preto de 1.700 millóns de usuarios mensuais de Facebook di acceder a esta rede social exclusivamente mediante os seus smartphone. E a tendencia é crecente: se en 2014 eran 341 milllóns de usuarios, en 2015 foron 581 millóns e agora, en 2016, a cifra de persoas que usan Facebook so mediante teléfonos intelixentes xa ascende a 894 millóns, segundo un informe da propia compañía. Tamén Google reportou que as buscas vía móvil se están disparando e Amazon asegura que máis do 60% dos seus clientes acceden á súa tenda virtual mediante estes aparellos. Pola súa banda, a Wikipedia —a enciclopedia libre da Rede— tamén salientou que xa recibe máis visitas dende móbiles que dende computadoras.
Recentemente, a firma de auditoría de audiencias Nielsen informou de que os teléfonos intelixentes son xa o medio máis utilizado nos Estados Unidos para acceder a contidos, superando a televsión, a radio e os equipos de sobremesa, e iso malia que hai máis cidadáns naquel país con televisores e radios que móbiles.
Os retos que plantexa este novo xeito masivo de consumir contidos está obrigando a unha reconversión das industrias da prensa e do libro. As urxencias son obvias. Por iso, investigadores das universidades da Coruña e Santiago veñen de contribuír cun novo artigo á análise deste fenómeno no eido da prensa e das editoriais.
O artigo 'Dispositivos móviles: el nuevo reto para la industria de la prensa y del libro en España', publicado na revista Palabra Clave, analiza os cambios que introducen os novos dispositivos móbiles nas industrias culturais máis tradicionais europeas: a industria da prensa e a editorial. Tras avaliar a situación actual de ambos os dous sectores en España, os autores reflexionan sobre o cambio real que se está producindo no ecosistema mediático, debido á irrupción da denominada cuarta pantalla. "Os datos auguran cambios máis acelerados para a industria da prensa que para a do libro", segundo os autores deste estudo: Carmen Costa-Sánchez, da Universidade da Coruña, e Ana Isabel Rodríguez-Vázquez e Xosé López-García, da Universidade de Santiago.
Se ben "a convivencia papel/dixital continúa baixo o predominio do modelo de negocio en papel", é ben claro que "a tendencia se dirixe cara ao consumo en diferentes pantallas".
Para chegar a estas conclusións, os autores do artifgo analizaron os principais informes sectoriais tanto de fontes públicas como privadas. Así, puideron comprobar que "diferentes informes da evolución dos medios impresos tanto dos diarios como do libro apuntan ao escenario convulso no que se moven e os desafíos aos que se enfrontan".
"A supervivencia de moitas empresas do sector está en xogo, o cal promove a procura de novos modelos de negocio e novos produtos", expoñen os autores, que observan que "é nesa procura de alternativas para o futuro onde a industria se fixou na irrupción da comunicación móbil que ofrece un novo medio dotado dun ecosistema propio e un renovado escenario en rede, no que os usuarios acolleron con interese informativo e de entretemento a denominada 'cuarta pantalla' que, por mor da dispoñibilidade e da ubicuidade que brinda ao usuario, convértea nun elemento clave no proceso de converxencia e integración da comunicación dixital".
PRENSA
Para a análise do sector da prensa, os investigadores partiron da hipótese da que a industria dos medios xornalísticos, a pesar de que incorporou as novas canles móbiles como soportes informativos, aínda non elabora unha produción xornalística adaptada ás singularidades tecnolóxicas e de contido dos novos dispositivos.
Segundo estes autores, o contexto actual da prensa en España atópase marcado por tres procesos de cambio e as súas correspondentes derivacións: 1. Unha diminución do número de cabeceiras en papel e un aumento das cabeceiras dixitais ata 2010 e un pequeno descenso dende entón. 2. Unha forte baixada do volume da súa difusión e do investimento publicitario. 3. Un cambio nos hábitos de lectura do lector tradicional de prensa en papel, que migra cada vez máis cara aos soportes en liña e os distribuidores ou agregadores de noticias.
Neste contexto, produciuse unha crise de lectores de prensa en España que comezou en 2005, cunha caída en picado no número de consumidores de xornais e a lóxica caída na difusión. Esta caída colocou a España no penúltimo lugar en Europa, só por diante de Portugal, por debaixo dos 100 lectores por cada 1.000 habitantes que a Unesco coloca como a barreira para diferenzar un país desenvolvido dun subdesenvolvido.
"Os soportes móbiles configúranse como unha nova oportunidade para recuperar lectores e interese pola información"
Ao contrario, a penetración da prensa dixital mostra unha tendencia de crecemento que non deixou de aumentar desde o inicio da década. Ademais, segundo subliñan os investigadores galegos, "os lectores que combinan papel e dixital evolucionan en positivo, aínda que máis a modo".
"O perfil sociodemográfico do lector dixital é o dun lector home máis novo que o da prensa en papel (menor de 44 anos) e a súa idade aproximada sitúase ao redor dos 39 anos", describen.
A todo isto hai que sumar a redución dos ingresos dos diarios de pago. "A venda en quiosco é cada vez menor, mentres que a lectura por exemplar crece, o cal indica que as persoas que teñen o hábito de ler un xornal en papel mantéñeno, pero atopan outra maneira de facelo sen ter que pagar", explican os investigadores.
A esta perda de ingresos hai que engadir o descenso nos ingresos publicitarios, superior ao 25%.
Por último, os profesores galegos advirten de que as consecuencias de todo isto "van máis aló das cifras, pois afectou ás empresas informativas, ás condicións laborais laborales dos seus xornalistas periodistas e o produto que elaboran", e miles de despidos. Esta crise facilitou a "entrada de novos socios procedentes dos sectores financeiros máis especulativos (fondos de investimento)", esclarecen.
No medio desta crise, "os soportes móbiles configúranse como unha nova oportunidade para recuperar lectores e interese pola información, cunha oferta diferenciada na adaptación ás características dos novos medios", explican os autores do artigo, que observan, sen embargo, que aínda no existe un modelo claro de contido, expresivo e de negocio, que optimice as potencialidades do novo medio.
O certo é que a información segue interesando. De feito, "a prensa é a cuarta actividade realizada a diario na internet móbil despois de chatear, usar o correo electrónico e acceder a redes sociais", segundo o VI Estudio Anual IAB Spain Mobile Marketing, de IAB Spain Research y The Cocktail Analysis.
Con todo, nos elementos de personalización, xeolocalización, integración multimedia e participación é onde "se achan as principais carencias das aplicacións desenvolvidas ata a data polos diarios españois". Para os expertos, "é nestes catro ámbitos onde se debe traballar na creación dun novo modelo informativo para os móbiles intelixentes".
"O proceso de creación dun novo produto xornalístico para o novo medio xa está en marcha coa necesaria reconversión das redaccións e das dinámicas informativas dos xornalistas. A cuestión agora céntrase en como definir un contido diferenciado e rendibilizar os produtos xerados para as novas pantallas", expoñen os profesores das universidades galegas.
LIBRO
Para o sector do libro manexaron a hipótese de que nesta industria falta un proceso de expansión social da tecnoloxía específica en España, así como unha maior aposta desde a industria editorial e desde as políticas culturais, o cal está a retardar o grao de éxito da nova plataforma.  Segundo os investigadores, a industria libreira está afrontando este mesmo reto a un ritmo máis lento que o da prensa.
"A revolución dixital, que non coñece fronteiras, obriga ao sector do libro a reciclarse e afrontar os desafíos do futuro"
Os índices de lectura en España incrementáronse na última década, ata alcanzar 63%, "o cal se explicou polo tempo libre que deixa a crise e o paro". Porén, isto non supuxo máis vendas de libros. "O comercio interior do libro en papel mantivo unha tendencia á baixa" e "a facturación do sector editorial no mercado interior tamén descendeu" dramaticamente nos últimos anos. Porén, o libro español mantén "boas posicións" e unha "tendencia positiva" no comercio exterior, mantendo a España á cabeza en exportación xunto co Reino Unido e os Estados Unidos.
"Neste escenario de perda de protagonismo do papel, a revolución dixital, que non coñece fronteiras, obriga ao sector do libro a reciclarse e afrontar os desafíos do futuro, para o que se precisa unha política activa, porque o mercado por si só non garante a difusión da diversidade e a pluralidade cultural", argúen os autores do estudo. O que se recomenda é "combinar o apoio á edición en papel e á edición dixital, que se considera unha opción para a diversificación".
Nesta liña, salientan que aínda que a finais da primeira década do século XXI se produciu un salto na produción de libros dixitais en España, desde 2012 detéctase un leve descenso que se mantén nos últimos datos.
De momento, a industria do libro mantense principalmente polo papel, que segue sendo a súa prioridade. De feito, en 2014 os libros dixitais supuxeron o 22,3% do total da industria, "o cal mostra que o principal do negocio da industria libreira española prodúcese no papel".
Ademais, nun contexto de caída da facturación xeral, a facturación do libro dixital vai en aumento.
En canto aos soportes, "a modalidade de consumo de libros en streaming, por tanto, sen a necesidade de descargarse o contido nun dispositivo, vai incrementándose", mentres que "o denominado e-reader, é dicir, o dispositivo electrónico deseñado principalmente para a lectura dixital de libros e que utiliza tecnoloxía e-ink para presentar o contido aos lectores, decrece en importancia desde a aposta editorial", describen os profesores, que tamén salientan o aumento do uso das tablets.
Por formatos, o ePub continúa gañando cota de presenza en paralelo ao descenso continuado do formato .pdf ou MOBI (Kindle).
E sobre as temáticas dos libros dixitais, texto non universitario e ciencias sociais e humanas, consolídanse como as materias que xeran a maior parte da facturación.
Na súa análise, os autores destacan que "a situación do libro dixital en España é complicada porque non hai contidos atractivos" e polo prezo, "nada favorecido polo IVE", indican.
CONCLUSIÓNS
Tras a súa fonda análise, os investigadores das universidades galegas conclúen que "a industria da prensa, ante un panorama de gran adopción social da nova tecnoloxía, xa é prensa móbil, aínda que aínda non acomete unha produción xornalística adaptada ás singularidades e vantaxes do novo medio", mentres que "a industria do libro, pola súa banda, aínda se atopa nunha etapa incipiente" na súa adaptación á realidade móbil. "Ambas as industrias, polo tanto, afrontan este reto a distintas velocidades", sentenzan os autores.

 

Elas tamén eran irmás


Cartel da homenaxe Este venres celébrase en Compostela -organizado pola Gentalha do Pichel- un acto de homenaxe a Maria Miramontes, Amparo López Jean, Micaela Chao Manciñeiras, Elvira Bao, Pura Lorenzana ou Corona González. O evento, presentado por Comba Campoy e no que intervirán Encarna Otero e Susana S. Arins, terá lugar ás 19 horas no número 15 da rúa do Vilar, onde se atopaba a sede da editorial Nós. Dende a Gentalha do Pichel destácase que "dende as diferentes instancias políticas e culturais non se está a prestar a debida atención ás mulleres da fala, o que evidencia que continuamos, en moitos aspectos, igual que neses anos de principio do século XX".
Neste 2016 celébrase o centenario do nacemento das Irmandades da Fala. É coñecida a actividade que nela tiveron os irmáns Villar Ponte, Manuel Lugrís, Uxío Carré Aldao, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez e moitos outras persoas. Todos homes. Pero nas Irmandades tamén participaron activamente mulleres, que mesmo constituíron oficialmente no seu seo unha Sección Feminina.

Estas mulleres comezaron a participar activamente no seo das Irmandades da Fala pouco despois da súa constitución. "Cónstanos que en 1917 hai unha serie de mulleres, vinculadas ás Irmandades da Fala, que toman a iniciativa de promover unha colecta para sufragar os gastos para a bandeira da Irmandade", explica a historiadora Helena Carro. Dende os primeiros meses de 1918 comezan a aparecer en A Nosa Terra as primeiras referencias da Sección Feminina, aínda que este grupo non contaba aínda con estatutos ou regulamentos. Porén, en decembro dese ano publícase (nun artigo titulado A Irmandade Feminina. Traballos patrióticos) a composición da Xunta Xeral da Irmandade Feminina, conformada por Xosefa Vázquez (conselleira primeira) substituíndo a Micaela Chao Manciñeira, Elvira Bao (secretaria), Ermitas López Verdes (tesoureira), Tereixa Chao Maciñeira (vicesecretaria), Maria Balboa (contadora) e as vogais Rosa Martínez, Avelina Fernández, Teresa Fernández, Maria Miramontes, Xenoveva Casal e Avelina Sardina.
As actividades desta Irmandade Feminina, sinala Helena Carro, eran diversas: "Os seus cometidos van desde a recompilación de datos estatísticos dos traballos da muller galega, ata a solicitude aos centros galegos de América para que se organicen para dar protección á muller emigrada. Mesmo propoñen crear unhas bolsas de traballo similares ás que funcionan en Cataluña ou outros lugares de Europa". "Entenden que a pobreza non se resolve coa caridade senón elaborando medidas que se plasmen na sociedade para que os pobres deixen de selo", di.
A maioría pertencen á Galicia urbana e son mulleres instruídas, com grandes inquietudes intelectuais e con profesións liberais: mestras e xornalistas, por exemplo. Porén, tamén había casos coma o de María Miramontes, que pertencía ao gremio de costureiras. A homenaxe organizado pola Gentalha do Pichel fará especial fincapé na figura de Miramontes, que "participou dende moi nova no activismo primeiro sindical e logo político, moito antes de coñecer a Ánxel Casal", da que foi parella. Neste senso a Comisión de Historia da Gentalha salienta que "ela non foi muller de, a pesar da insistencia da historiografia oficial, senón compañeira de Casal, ademais de moitas outras cousas". Carro destaca tamén a figura de Amparo López Jean, "cun posicionamento político propio con respecto ao seu compañeiro César Alvajar", pois ela optou por militar no Partido Galeguista, mentres que el pertenceu ao Partido Radical ou á Unión Republicana.
"Non seriamos xustas se non recoñecésemos o novidoso e profundamente moderno que supuxo que as Irmandades recollesen dende o principio os postulados en defensa dos dereitos da muller"
Helena Carro destaca a defensa dos dereitos da muller que dende o inicio realizan as Irmandades da Fala, cunha posición moi avanzada para a época. Lembra que xa no manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo (1918) se reclamaba "a igualdade de dereitos" para as mulleres casadas, no caso de que o home estivese emigrado. Unha reivindicación "de mínimos" que xa ao ano seguinte, na segunda Asemblea, celebrada en Compostela, foi superada, "eliminándose calquera restrición na igualdade" e avogándose "pola total igualdade de dereitos políticos e sociais" (artigo 21), sinala Carro. "Non seriamos xustas se non recoñecésemos o novidoso e profundamente moderno que supuxo que as Irmandades da Fala recollesen dende o principio da súa constitución os postulados en defensa dos dereitos da muller", salienta a historiadora.
"A historiografia oficial nunca se interesou polas mulleres nin desta época nin de ningunha outra. Ás veces emprestan atención a mulleres de forma individual, mais nunca organizadas"
Carro conclúe que "a historiografia oficial nunca se interesou polas mulleres nin desta época nin de ningunha outra. Ás veces emprestan atención a mulleres de forma individual, mais nunca organizadas, como é o caso das Irmandades femininas". "A historia está elaborada polos homes, e polo tanto os protagonistas son os homes", engade. Porén, sinala hai estudos feitos por mulleres sobre mulleres que si fan referencia a este período histórico como son os de Noa Bergantinhos, Aurora Marco e Carmen Blanco, ou traballos máis puntuais como Encarna Otero a respecto de María Miramontes. E subliña, igualmente, algúns traballos "interesantes dende a perspectiva de xénero" coma os realizados por Ernesto Vazquez Souza, Dionisio Pereira ou Emilio Insua.

Chega Eiro, o robot vestido á galega para iniciar a todos os escolares na programación

Se mesturamos as posibilidades de desenvolvemento e colaboración do software e hardware libre actuais cunhas boas doses de excelencia creativa e innovadora galega, engadíndolle un toque de compromiso coa docencia e a aprendizaxe, teremos boa parte do terreo preparado para a chegada Eiro. Trátase do proxecto para un robot educativo impulsado pola firma compostelá Neukos Robotics, que vén de abrir campaña específica de crowdfunding en Goteo e que busca, con esta iniciativa, botar abaixo boa parte dos atrancos e limitacións establecidas polos fabricantes tradicionais deste tipo de aparellos: atrancos e limitacións que, unha vez máis, teñen que ver coa tecnoloxía privativa. Eiro, para entendérmonos, é (pola contra) un kit de robótica didáctica para darmos forma a un robot programado con software libre e baseado na plataforma aberta Arduino. Fabrícase con pezas extraidas de impresión 3D. Todo o relativo a isto será tamén open source.
Este compromiso total de Neukos a prol do código aberto dará marxe aos usuarios de Eiro para unha total liberdade de uso, adaptación e desenvolvemento: poderán modificar a súa feitura estrutural, a súa arquitectura hardware e máis o código de seu. Na súa campaña en Goteo Neukos quere acadar o orzamento mínimo preciso para aplicar a Eiro o pulo definitivo en centros educativos de todo o ámbito estatal e mesmo máis alá. O kit acompañarase de aplicacións para o seu emprego, guías de ensino e material e recursos de envío e presentación.
A vontade universal de Eiro, por outra banda, non está rifada coa súa galeguidade: semellan encaixar coma unha luva. De feito, o aparello non pode agochar de onde provén: o seu deseño está inspirado no traxe tradicional de baile galego, e isto explica, segundo informa Neukos, “que as pezas do robot fagan uso das cores negra, vermella e branca". O aparello inclúe tamén unha peza de cinto vermello a xeito de faixa e, ademais, a feitura da cabeza, lembra o pucho tradicional empregado no baile galego.
A un nivel máis concreto, o kit Eiro está integrado polos seguintes elementos: placa compatíbel con Arduino, placa de expasión, sensor de ultrasónicos, zumbador, sete servos, LED RGB, módulo Bluetooth, cable conexión ao PC, pezas estrutura robot, guía de montaxe e guía educativa.

O risco de pobreza medrou en Galiza 4 puntos en só un ano

DOUS DE CADA DEZ GALEGOS
Sitúase no 19,4%, segundo a enquisa do INE.

A taxa de risco de pobreza medrou en Galiza nun só ano en 4 puntos, situándose no 19,4% en 2015, segundo recolle a enquisa de condicións de vida que vén de publicar o INE (Instituto nacional de estatística). Isto é, dous de cada dez galegos están en risco de pobreza. Ataxa, porén, está por baixo da media espoañola, que é do 22%.
O inquérito do INE indica que un de cada catro fogares galegos non ten capacidade económica para facer fronte a gastos imprevistos, mentres que o 7% das familias recoñecen “retrasos” nos pagamentos relacionados coa vivenda principal e un 7,1% falan de “moita dificultade” para chegar a fin de mes.
O ingreso medio anual neto por persoa en Galiza, sempre en base a este estudo do INE, foi en 2014 de 10.235 euros, o que supón que minguou un 0,2% a respeito do exercicio precedente e sitúase case un 2% por baixo da media española.
A Rede europea contra a pobreza afirmab a afinais do ano pasado, que 151.000 galegos viven en “privación material severa”. É dicer, que non poden facer fronte a catro dos nove conceptos de consumo básico definidos a nivel europeo (retrasos pagamento hipoteca, retrasos pagamento auga ou luz, non poder comer carne ou peixe cada dous días,...) O 5,5% d@s galeg@s entrarían nesta categoría, indica a Rede europea. A porcentaxe máis alta desde o inicio da crise, cando eran o 3,4 por cento. Ademais, case o 15% da poboación menor de 60 anos que reside en Galiza vive en fogares con baixa intensidade de emprego.
O 'risco de pobreza' é un indicador que mide a desigualdade, non a pobreza absoluta. Indica, así, cantas persoas teñen uns ingresos moi baixos a respeito do conxunto da poboación.

A Mesa presenta en Galiza o Protocolo de Dereitos Lingüísticos

A Mesa pola Normalización Lingüística xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Kontseilua (Consello de Entidades do Euskera) e a Fundación Donosti 2016, presentaron esta tarde o Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos, que se centra na protección das linguas minorizadas de toda Europa.

O documento parte da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, aprobada en 1996, e trata de contribuir coas linguas en situación de desvantaxe ou minorización fronte aos idiomas hexemónicos da comunidade europea. O texto foi elaborado co obxectivo de definir as condicións mínimas precisas para garantir os dereitos lingüísticos de tódolos cidadáns. A presentación das conclusións do proxecto, botado a andar pola Kontseilua, será no mes de decembro en Donostia, aproveitando a denominación da cidade guipuzkoana como Capital Europea da Cultura.
O acto foi presentado por: María do Carme Silva Domínguez, como representante da USC; Marco Maceira, Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Pilar García Negro, como membro do comité científico da elaboración do protocolo e Paul Bilbao, quen presentou o proceso de elaboración do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos representando o Kontseilua - Donostia 2016.
O dito documento atópase, aínda en pleno desenvolvemento e este acto sirve como presentación previa e chamada á colaboración, mediante propostas. Paul Bilbao foi o encargado de presentar os obxectivos desta declaración que busca definir os dereitos lingüísticos dos cidadáns e plantexar medidas para facer efectivo o cumprimento deses dereitos. O feito de que sexa un protocolo ten un significado práctico xa que se busca o compromiso dos estados, para que se cumpran e se garantan os dereitos de todas as linguas da Europa.
Paul Bilbao: "Este protocolo é un camiño para que as comunidades lingüísticas minorizadas acaden recoñecemento internacional"
Para a realización do texto os promotores, do Kontseilua, contaron con axentes sociais de todas as comunidades lingüísticas minoritarias de Europa para crear un protocolo que abranga todas as diferentes realidades e que poida "ter un valor simbólico que conte co aval de todas as comunidades lingüísticas europeas" e "un valor práctico, como camiño para que estas comunidades acaden o recoñecemento internacional", segundo Paul Bilbao.
Por outra parte, o acto contou coa presenza de María do Pilar García Negro, quen non só amadriñou a iniciativa, senón que participou dela como membro do comité científico na elaboración do protocolo. García Negro incidiu na importancia de que o galego sexa: "Unha lingua omnifuncional e autosuficiente" e equiparou a labor deste Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos coa da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos na que tamén tomara parte.
Poderanse propoñer medidas para a defensa das linguas minorizadas até o 30 de xuño
Pola súa parte, Marcos Maceira recordou que: "os avances da lingua galega foron sempre iniciativa da poboación" e mostrouse aberto á recollida de propostas e medidas tocantes á lingua galega, dende a Mesa pola Normalización Lingüística. As aportacións ao protocolo poderán facerse, tamén, directamente no enderezo web protokoloa.eus. O prazo para realizarense está aberto até o día 30 de xuño.

Preto do 82% do alumnado de terceiro de primaria auséntase dos centros para non facer a reválida

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público considera que isto evidencia un “rexeitamento clamoroso” á LOMCE e un “estrepitoso fracaso” da Xunta de Galiza.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrouse esta mañá diante da consellaría de Educación para exixir do goberno galego a inmediata paralización das reválidas e a posterior derrogación da LOMCE, coincidindo coa primeira xornada na que se desenvolvían estas probas en terceiro de Primaria. Unha xornada que a PGDEP considerou un “éxito rotundo” dado que as familias de preto do 82% das alumnas e alumnos decidiron non envialos aos centros para manifestar así o seu masivo rexeitamento a estas probas.
En representación da Plataforma Galega, Anxo Louzao, fixo un chamamento ao conselleiro para que tome nota do “rexeitamento clamoroso”
Entre proclamas contra a LOMCE
Segundo os datos cos que contaba a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra as 11:00 horas, a ausencia do alumnado mesmo superou a que se produciu os días 11, 12 e 13 para as reválidas de 6º de primaria. Diante disto, Anxo Louzao, considerou que esta “é a evidencia máis palpábel do rexeitamento clamoroso que suscitan a LOMCE e as reválidas”.
Neste sentido, Fernando Lacaci, en representación das ANPAS de Compostela, abundou nesta cuestión asegurando que as ANPAS tamén notaron un repunte “mesmo maior” e constaron un rexeitamento “unánime” a estas probas.
Lacaci asegurou que “isto desautoriza totalmente ao conselleiro, cando fala de manipulación das familias”. A este respecto lembrou que máis do 80% das familias “non pertencen a unha ideoloxía, a un partido político, non son seguidores dunha única consigna. Cando falamos desas porcentaxes estamos falando dunha multiplicidade enorme de persoas que están de acordo nunha única idea: a LOMCE é unha idea que nin queremos, nin necesitamos”.
Louzao subliñou que a consellaría de Educación debería “tomar nota” e “cesar no empeño de continuar para adiante cunhas reválidas que n
Alertou ademais de que estas probas son o prólogo das reválidas de 4º da ESO e 2º de Bacharelato, que terán carácter eliminatorio e que poden impedir a parte do alumnado obter os títulos correspondentes ou acceder á universidade. “Son probas que conducen ao alumnado a entrar nunha competición e que converten os centros de ensino en centros competitivos no canto de centros educativos”, denunciou.
A isto engadiu que as reválidas provocan que se xerarquicen as materias, desprezando a unhas fronte outras, o que “uniformiza o sistema educativo, deixando á marxe todo o que nos conforma como pobo galego”, afirmou.
Louzao agradeceu ás familias o esforzo realizado dadas as dificultades para deixar ás rapazas e rapaces na casa polo medio da semana e concluíu reclamando da consellaría que se recoñeza o “estrepitoso fracaso” e que non se poñan en marcha as reválidas de ESO e Bacharelato. “De non facelo”, explicou o portavoz da PGDEP, “veremos que os únicos que as van facer serán o conselleiro de educación e máis o presidente do goberno, o señor Feixóo”.
Considerou ademais que nin o goberno galego nin a máxima autoridade educativa poden seguir dándolle as costas á comunidade escolar e á sociedade no seu conxunto e demandoulles que se poñan á fronte das súas demandas e reclamen en Madrid a derrogación definitiva da LOMCE.
Novo pulso a Educación nas reválidas de 3º de Primaria
http://praza.gal/movementos-sociais/11858/a-proba-de-3o-de-primaria-incrementa-a-insubmision-as-revalidas-en-galicia/ 

martes, 24 de maio de 2016

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR

De acordo coas instrucións da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Orde do Fondo Solidario de Libros de texto e Axudas para adquirir libros de texto e Material escolar ( Orde do 27 de abril de 2016- DOG do 16-05-2016)procedemos a facer público o contido desta orde a todos os sectores da comunidade educativa.
Para o curso 2016-2017 o alumnado matriculado nos centros educativos públicos poderán beneficiarse das diversas modalidades de gratuidade solidaria dos libros de texto dos niveis obrigatorios de ensino:
1.- Fondo solidario de libros de texto: alumnado matriculado en 3º,4º, 5º e 6º de EP e en 1º e 3º da ESO, nos que se manterán os libros de texto do curso 2015-2016.
2.- Axudas para adquirir libros de texto: alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en 2º e 4º da ESO.
3.- Axudas para a adquisición de material escolar: todo o alumnado matriculado en EP e ESO.
O prazo de presentación de solicitudes será dende o 18 de maio ata o 23 de xuño. Podedes pasar a recoller os formularios correspondentes pola secretaría do centro en horario de mañá, de 8,45 a 13,45 horas, na páxina do centro ou na páxina da xunta.

As ferramentas libres superan amplamente ás privativas nas firmas TIC galegas

Segue a medrar a presenza de programación aberta entre as nosas empresas, por moitas e variadas razóns: moitas delas relacionadas coas posibilidades de colaboración que se abren co software libre, a súa accesibilidade tecnolóxica e económica, a súa marxe de adaptación a novas contornas e necesidades ou co importante labor de respaldo das nosas asociacións e empresas, entre outras “causas”. Segundo nos conta a axencia AMTEGA a través do seu Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), o uso de recursos informáticos abertos nas empresas galegas de 10 ou máis traballadores sitúase no 84,9%, por riba doutras Comunidades como Madrid, Catalunya ou Euskadi. No que atinxe ás nosas firmas informáticas o emprego de programas open source medrou en dous puntos respecto do ano anterior. Arestora a taxa é do 86,7%.
Estas e outras información figuran nos dous estudos sobre O uso de Software libre nas empresas e no sector TIC de Galicia. Ano 2015, publicados este 21 de maio polo dito Observatorio, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), dous informes inseridos nas actuacións de pulo á programación aberta que se establecen no Plan de Acción Software Libre anual que desenvolve o organismo que dirixe Mar Pereira.
Entre os puntos extra máis salientábeis das investigación, amais dos devanditos, figura o seguinte: en termos evolutivos o uso do software libre nas empresas informáticas galegas, aumentou 3,8 puntos nos computadores e 3,6 puntos nos servidores. Tamén se destaca que a taxa destas firmas con servidores sobre open source supera a porcentaxe das que empregan sistemas operativos privativos.
OSIMGA sinala que os programas libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas. De feito, no último ano incrementouse en 4,4 puntos o uso de sistemas operativos abertos nas grandes empresas galegas (dun 35,1% ao 39,5%), infórmase nas investigacións, nas que se engade que este indicador tamén sobe lixeiramente entre as microempresas galegas, chegando ata o 18,6% (1,4 puntos porcentuais máis que o ano anterior).
Tendo en conta estas e outros números, o software libre imponse como maioritario nas empresas informáticas galegas, cunha “diferenza substancial” no que atinxe ao ámbito dos programas de xestión de contidos web, onde o libre supera ao privativo en 16,7 puntos. Iso si, o privativo aínda segue a ser maioritario en eidos como a xestión de correo, os antivirus, os recursos de seguridade, a xestión empresarial ou a ofimática.
Nos estudos tamén se indica que das empresas informáticas galegas que se adican á venta de software, máis da metade (55,6%) ofertan produtos de software libre aos seus clientes, sobre todo relacionados con sistemas de xestión de bases de datos, servidores e sistemas de xestión de contidos web.
Respecto das razóns esgrimidas para non apostar pola programación aberta nas empresas que a desbotan, estas son as máis comúns: a “incompatibillidade cos sistemas e interlocutores actuais”, a “complexidade ou o risco do cambio” ou a “falta de formación”.
Porén, en relación aos puntos fortes, o que máis se valora é o seguinte: o custo, cun 79,9%, seguido xa, a distancia, da independencia do provedor (46,1%).
Nos informes tamén se di que máis da metade das empresas informáticas galegas apostan por unha tendencia positiva de uso do software libre no mercado, considerando que este aumentará e un 7,8% das empresas que na actualidade non comercializan con programas abertos, afirman que nos vindeiros dous anos ofrecerán algún tipo de produto deste tipo.