sábado, 23 de xaneiro de 2016

Xoguetes que fan pensar aos nenos como científicos

Os expertos aconsellan xogos sinxelos que favorezan a imaxinación antes que deseños rechamantes.

Chámanlles xoguetes STEM – siglas en inglés de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, disciplinas das que beben– e cada día teñen máis éxito comercial, malia que non existen moitos estudos que demostren o efecto que teñen no espertar do interese científico entre os nenos.
O profesor Jeffrey Trawick-Smith, experto no xogo infantil do Centro de Educación Infantil da Universidade Estatal de Connecticut (EE UU), é dos poucos que se fixou no asunto. Sorprendido ante a escaseza de investigacións sobre este tema, observou, xunto ao seu equipo, a alumnos de preescolar no seu uso de xoguetes específicos e mediu a súa capacidade para resolver problemas, a súa expresión creativa e a interacción social.
Tras cinco anos de probas, o xoguete de maior puntuación, tanto para nenos como para nenas, foi un conxunto básico de bloques de madeira. Un xogo que, segundo comentou o profesor a The New Yorker, fomenta a capacidade de resolver problemas e o pensamento matemático.
Nun dos experimentos, un neno xogaba cunha sinxela serie de pezas planas magnéticas e necesitaba un fragmento cadrado para terminar a casa para tigres que estaba a construír. Como non puido atopar ningunha peza con estas características, combinou dous triangulares para crear unha cadrada, demostrando que os xoguetes de construcións están conectados con conceptos matemáticos.
Segundo o científico, o que fai que os xoguetes promovan de forma efectiva as habilidades científicas non é a determinación do xénero ou os deseños complicados, senón a simplicidade e o feito de non ter un só uso predefinido. Isto é o que permite a nenos e nenas experimentar e explorar.
Segundo psicólogos e educadores, hai que fuxir de deseños complicados e de xoguetes cun uso predefinido
A pesar da ausencia de estudos científicos, as empresas de xoguetes si que levaron a cabo as súas propias investigacións para dirixirse mellor aos seus clientes, nenos e pais. Á conclusión á que moitas delas chegan é que un dispositivo con excesivo deseño ou demasiado complicado non é necesariamente o máis indicado para suscitar o interese pola enxeñería mediante o xogo.
Os xoguetes STEM, que tratan de fomentar a creatividade, a lóxica e as habilidades dos nenos para resolver problemas, están de moda, pero reciben unha crítica común: deixan pouco espazo para a creatividade. “Calquera xogo pode potenciar as destrezas científicas: un neno pode aprender matemáticas cun xogo especialmente deseñado para isto ou coas pezas Lego. Con todo, é verdade que hai xogos que a determinadas idades son máis específicos e permiten desenvolver áreas concretas, como poderían ser os xoguetes científicos ou os pequenos experimentos, por exemplo, de bioloxía ou de astronomía”, expón Maite Francés, responsable do departamento de Publicidade, Estudos e Tendencias da Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes (AEFJ).
Segundo un traballo realizado en 1997 pola AEFJ, en colaboración con Jeffrey Goldstein, doutor en Psicoloxía na Universidade de Utrecht (Holanda) e o pediatra francés Julien Cohen-Solal, é recomendable que dende moi pequenos os nenos utilicen xogos de construcións e quebracabezas, e que dos 6 aos 11 anos se divirtan con caixas de experimentos, microscopios e construcións complexas. “En función das súas características e as habilidades, hai nenos aos que lles veñen moi ben xoguetes máis específicos para aprender, pero se cadra outro neno cun xoguete de construción pode empezar dende os dous ou tres anos a ensamblar pezas e desenvolver nocións de enxeñería, algo que se cadra non aprendería ata os dez anos, xa cun xoguete específico”, engade a experta.
Este tipo de xoguetes permiten aos cativos aplicar o coñecemento científico ao mundo real
O abano é moi amplo: experimentos que axudan aos nenos para entender en que consisten as enerxías renovables, robots que só funcionan con luz solar ou muíños de vento que a través da enerxía eólica conseguen cargar pilas do tipo AA forman parte da ampla variedade de xoguetes relacionados coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas. Todos eles axudan ao cativo a aplicar cada unha destas disciplinas ao mundo real.
O interese crecente polo lecer STEM disparou a oferta destes produtos pero, “todo pode converterse en xoguete científico e catalógase en función da xogabilidade”, sinala Francés, que asegura que as manualidades ou a construción tamén poden fomentar nos nenos o interese pola ciencia.
Expertos como Kathy Hirsh-Pasek, profesora de Psicoloxía na Universidade de Amorne (EE UU) aconsellan tamén prudencia coas afirmacións dalgúns fabricantes sobre os beneficios do seu produto, xa que non sempre están avalados por probas científicas. Na mesma liña, unha investigación publicada recentemente na revista JAMA Pediatrics afirmaba que, aínda sendo máis rechamantes, os xoguetes electrónicos con luces e sons non potencian a comunicación oral entre os máis pequenos e as súas familias tanto como os clásicos. Cando comparten o tempo cun quebracabezas pais e fillos falan máis e cunha linguaxe máis rica, o que fomenta o desenvolvemento cognitivo do bebé.
Os xoguetes clásicos, que axudan á comunicación oral, son máis recomendables que os electrónicos, segundo un estudo
Para coñecer os gustos dos seus clientes potenciais, a Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes pediu á Universidade de Valencia un estudo sobre os valores, perfís e preferencias dos nenos españois de entre 8 e 12 anos de idade. Os enquisados manifestaron ter moito interese (63,3%) nos xogos científicos ou de experimentos. As nenas de entre 8 e 10 anos e de clase alta eran o perfil preferente destes xogos.  O elevado interese que alcanzan nesta análise os xoguetes STEM sitúaos en quinta posición como os preferidos polos nenos, detrás dos xogos de mesa (70,1%), xogos e xoguetes deportivos (69,3%), videoxogos electrónicos e audiovisuais (67,5%) e xogos de misterio (67%).
Un estudo da Universidade de Valencia sinalou que son as nenas de entre 8 e 12 anos e de clase alta ás que máis lles gustan estes xoguetes
Segundo os datos manexados por Amazon, as ventas deste tipo de xogos creceron un 204% na súa páxina web respecto ao ano pasado. Tamén indican que o interese por xoguetes científicos empeza a penetrar con forza en España despois de consolidarse nos países anglosaxóns. A pesar desta oferta, nos fogares españois seguen triunfando as opcións clásicas. Os xoguetes científicos son algo orixinal e curioso, pero non común. En Estados Unidos, por exemplo, as vendas destes produtos aumentaron un 35% en 2013, un 51% en 2014 e un 63% en 2015. A web puxo en marcha unha tenda especial de xoguetes STEM que conta con máis de 230 artigos.
Para Maite Francés, é preferible non forzar aos nenos a que utilicen xoguetes STEM se non queren, nin que os pais se obsesionen con regalarlles o que eles consideran que son instrumentos educativos, “xa que as súas boas intencións poderían resultar contraproducentes”, recalca.
“Se os pais queren elixir un xogo, deben observar o perfil do seu fillo e comprender que pode ir máis coa súa personalidade. Hai moitos estilos de xoguete, non todos teñen por que ser probetas”, conclúe a experta. Ao final o obxectivo do xoguete, científico ou non, é que os nenos se divirtan imaxinando.

Particularidades culturais

A sociedade galega amosa características propias en certos hábitos de ocio e cultura.

Debido ás posicións pouco favorables que a nosa sociedade ocupa en canto a prácticas culturais no conxunto do Estado destacan precisamente unha serie de indicadores que nos sitúan por riba da media. Desde o interese por actividades creativas ou a concentración do gusto pola lectura, repasamos unha serie de cuestións que singularizan a nosa sociedade. Rematamos o noso repaso do informe sobre Hábitos e prácticas culturais (I).

A CIG-Ensino esixe da Consellaría que deixe de mentir e de atacar o noso idioma e poña en marcha as recomendacións do Comité de Expertos dando pasos claros e efectivos en prol da supervivencia da lingua galega

Para a CIG-Ensino, o informe do Consello de Europa é un novo argumento a prol da derrogación do Decreto 79/2010

A CIG-Ensino esixe da Consellaría que deixe de mentir e de atacar o noso idioma. O cuarto informe do Comité de Expertos da Carta Europea das linguas pon en evidencia a actitude da Consellaría de Educación pois constata a neglixencia e os incumprimentos da Administración, o descenso no uso do noso idioma e a falta de obxectividade da Consellaría na análise da situación, pois, como comprobou o Comité de expertos, achegou datos que están en contradición cos fornecidos por entidades non gobernamentais a prol do idioma e non ten en conta estudos independentes. En conclusión, para a CIG-Ensino este informe sinala claramente a Consellaría de Educación como culpábel da situación do idioma e fai unha valoración absolutamente negativa da política lingüística da Xunta.
No relativo ao ensino, o informe comeza por sinalar cales foran as recomendacións do informe anterior (“No terceiro informe de avaliación o comité de expertos … reclamaba urxentemente ás autoridades … facilitar o ensino en galego”). Pois ben, despois de analizar a situación, este cuarto informe conclúe “os compromisos relativos á educación preescolar, primaria e secundaria non foron respectados”. Tamén no caso da FP o Comité de expertos conclúe que “este compromiso non foi respectado”. O informe constata os cambios lexislativos realizados no período analizado, mencionando o Decreto 79/2010 e a sentenza que contra el ditou o TSXG, xustamente un decreto que reduce a presenza do noso idioma, en clara contradición coas recomendacións do Comité de expertos no terceiro informe. De feito, neste cuarto informe podemos ler: “o Decreto 79/2010 limita o ensino en galego a un máximo do 50%, co obxectivo final de situalo nun terzo. Esta política está claramente en contradición cos compromisos adquiridos polas autoridades no ámbito da Carta, que esixe que a educación sexa proporcionada principalmente en galego.” 
A parcialidade da Consellaría de Educación compróbase perfectamente na nota de prensa emitida onte, na que oculta intencionadamente a negativísima avaliación realizada por este Comité de Expertos. Esta parcialidade foi advertida polo propio Comité que pon en cuestión a información achegada pola Consellaría. O Comité de expertos avalía, entre outros, o compromiso adquirido pola Administración de crear órganos de control encargados de facer seguimento das medidas adoptadas para a potenciación do noso idioma, e afirma: “segundo a información comunicada polos interlocutores durante a visita no lugar e que contradín a información comunicada polas autoridades para o cuarto informe periódico, o sistema de inspección non cumpre este cometido porque os datos recollidos por medio do programa XADE non son considerados unha avaliación real e fiábel da presenza do galego no ensino. O goberno rexeita proporcionar estudos independentes”. Xustamente unha das denuncias que reiteradamente veu facendo a CIG-Ensino, que cumpría realizar un seguimento real e obxectivo do cumprimento da lexislación co obxecto de adoptar as medidas correctoras necesarias.
A CIG-Ensino considera que este informe cuestiona definitivamente a política lingüística da Consellaría de Educación que non pode ocultar perante o Comité de Expertos que a súa é unha actuación demoledora contra a nosa lingua. A CIG-Ensino considera tamén que o propio informe é un argumento máis para reclamar a derrogación do Decreto 79/2010, pois a súa aplicación pon en dúbida a supervivencia do noso idioma porque, alén de impedir o ensino maioritariamente en galego, redúceo á proporción dun terzo, claramente insuficiente para o avance da lingua, como o propio informe constata ao recoller os datos de perda de falantes.
As políticas educativas do PP á fronte da Consellaría de Educación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística baseáronse sempre na falacia do bilingüismo, un fundamento que o Comité de Expertos bota por terra: “a introdución do bilingüismo supuxo unha diminución das horas de aulas en galego.” Mais hoxe a aposta do PP é o trilingüismo sobre o que o informe afirma: “No ámbito da educación, o comité de expertos está preocupado pola redución progresiva do ensino en galego. Coa introdución do modelo trilingüe, a proporción do galego foi reducida no ensino primario e secundario.”
A CIG-Ensino pregúntase como é posíbel que a Consellaría teña a desvergoña de emitir un comunicado como se nada pasase e o informe non puxese en cuestión toda a súa política lingüística.
A CIG-Ensino considera que este informe demostra as denuncias que viñemos realizando por mor da Consellaría lexislar contra o noso idioma e atacar a súa supervivencia. Por este motivo e, tendo en conta este cuarto informe, esixe da Consellaría que abandone as políticas de demolición do galego e tome en serio as recomendacións do comité de expertos, comezando por asumir responsabilidades e derrogar o Decreto 79/2010.

A Mesa móstrase avergoñada tras as rotundas recomendacións sobre o galego dos Ministros do Consello de Europa

A Mesa continuará a acción nacional e internacional para que o 2016 sexa o último dun decreto infame
Marcos Maceira: “Exiximos que mentres non se elabore un novo decreto de consenso, se eliminen todas as restricións ao uso do galego”
“Esta chamada de atención é resultado de 6 anos de mobilizacións a favor do galego”
 Por segunda vez desde a chegada de Núñez Feixó á presidencia da Xunta, o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, instou con toda a forza ao Goberno da Xunta e do Estado a disporen os medios para garantir o cumprimento da Carta en todos os aspectos e, dun xeito especial no ámbito do ensino, sinalando que os obxectivos do mal chamado Decreto de Plurilingüísmo entran en contradición e incumpren o contemplado na Carta.
Segundo Marcos Maceira, “a vergoña que sentimos na Mesa por un informe tan rotundo como este, só se pode combater ampliando a acción nacional e internacional, que a Mesa realizou no 2015, para que o 2016 sexa o último ano dun decreto infame”.
“Só agardamos que o presidente da Xunta sexa capaz de sentir a vergoña que sentimos nós e que atenda os chamados da sociedade galega e a comunidade internacional”, indicou.
Para a Mesa, que durante a avaliación presentou ao Comité de Expertos un detallado relatorio de incumprimentos da Carta, hai, ademais, un paso importante por parte do Consello de Europa xa que por primeira vez é o propio Consello de Ministros quen sinala nas súas recomendacións que a introdución dunha terceira lingua non pode ir en detrimento da propia.
O informe dos expertos sinala ademais a dificuldade para obter datos fiábeis sobre o galego no ensino e a falta de avaliación por parte da Xunta das consecuencias do decreto, un aspecto que contempla o propio decreto e que xa foi sinalado pola Mesa no recente informe sobre o galego na Educación Infantil nas cidades, ao que os expertos fan referencia.
“Desta vez non son só os avaliadores quen relatan a situación de extranxeirización que padece o galego no ensino, senón que tamén son os Ministros quen fan a mesma recomendación que leva facendo a sociedade galega desde hai 6 anos a través das mobilizacións”, sinalou o presidente da Mesa. “Sen estas mobilizacións e sen toda a presión que se fixo dentro e fóra de Galiza non habería unha chamada de atención tan forte”.
Deste xeito o Consello de Ministros do Consello de Europa súmase ao indicado desde que entrou en vigor o Decreto contra o galego ao sinalado pola Mesa pola Normalización Lingüística e plataformas cidadás amplas como Queremos Galego que agrupa máis de 600 organizacións sindicais, políticas, culturais, deportivas ou veciñais.
Desprestixiando o idioma, Feixó estase desprestixiando a nível internacional a si propio e á Xunta como institución, mais tamén ao conxunto de Galiza. A comunidade internacional non entende como se pode asinar un tratado e despois incumprilo impunemente e gabarse de o facer, mais tamén, lembrou Maceira, “da lectura do informe do Comité de expertos despréndese que se están a incumprir de xeito flagrante acordos nacionais como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou a Declaración de Unidade a Prol da Normalización” , impulsada pola Mesa e asinada por todos os partidos con representación parlamentar.
Para Maceira, “se tal como indicaron onte hai vontade da Xunta por atender as recomendacións do Consello de Europa, o goberno galego ten que eliminar as disposicións que limitan o uso do galego no ensino antes de comezar a elaborar o novo”, que considerou inevitábel despois da segunda reprimenda europea.
Xustiza
O informe do Comité de expertos chama a atención sobre os problemas para utilizar o galego nos procedementos xudiciais, motivado pola súa falta no programa informático fornecido pola Xunta e porque no acceso á carreira xudicial en Galiza non se contempla o coñecemento de galego.
Neste sentido tanto os expertos como o Consello de Ministros instan ao goberno español e á Xunta, dentro das súas competencias, a facer todas as modificación legais precisas para garantir o cumprimento da Carta.
Administración  e Servizos públicos
Na avaliación do nivel de cumprimento da Carta en relación á administración, o informe sinala a inexistencia de impresos e documentación en galego e que “en xeral os servizos públicos da administración española non garanten servizos en galego”, e piden explicacións ao Estado ao respecto.
Critican tamén á Xunta polos recortes que motivaron o peche de un terzo dos Servizos de Normalización Lingüística nos Concellos.
No ámbito municipal sinálase a privatización de servizos como outro problema para o galego ao non garantir a súa oferta na atención ao público.
  Medios de comunicación
En relación aos medios de comunicación os expertos animan ao goberno galego a impulsar canles de TV, radio, e xornal impreso integramente en galego.
A Mesa aproveitou para sumarse aos parabéns ás canles de TV, Radio e dixitais que utilizan o galego e que son mencionados polo Consello no seu informe.
Así mesmo solicitan información e animan a impulsar acordos que permiten o intercambio das transmisión de Radio e Televisión entre Galiza e Portugal
Vida económica e social
O retroceso na oferta de galego en documentación, atención e formularios de Abanca en relación aos pasos que xa estaban a dar as antigas caixas, é outro dos aspectos que preocupa ao Comité de expertos, que tamén alerta sobre problemas de pacientes no SERGAS para seren atendidos en galego, instando ás autoridades a asegurar a atención en galego.
O texto completo do informe pódese consultar aquí: https://wcd.coe.int/ViewDoc.jsp?Ref=CM%282015%29147&Language=lanEnglish&Ver=original&BackColorInternet=C3C3C3&BackColorIntranet=EDB021&BackColorLogged=F5D383

"A rede galega ten moitos baleiros. Eu prefiro velo ao revés: é unha posibilidade máis que ofrece a comunidade"

Hai uns días a Asociación Cultural Chuza! lanzou o portal web de preguntas e respostas colaborativas en galego Oque.gal que emprega ferramentas de código aberto e software libre, e que vén ofrecer un servizo que ata agora non existía na rede galega e que ten demostrado o seu éxito e popularidade en páxinas como Yahoo! Answers.
Calquera usuario ou usuaria que acceda á web poderá facer as súas preguntas ou responder as doutros usuarios, ademais de votar as mellores respostas
Qual é o motivo de que os sinais "stop" sejam "arret" no Quebeque?, Como se fai a caldeirada?, Cal é o lugar máis barato no estado español para quitar a licenza de pesca submarina?, Por que hai mellor marisco nos meses con R? ou Cal é o límite da pesca de altura e a de baixura? son algunhas das preguntas que neste momento ocupan a portada de Oque.gal
Trátase dun proxecto aberto a todo tipo de colaboracións da comunidade e ás diferentes normas que se empregan na actualidade na escrita do idioma galego. Calquera usuario ou usuaria que acceda á web poderá facer as súas preguntas ou responder as doutros usuarios, ademais de votar as mellores respostas. As respostas serán ordenadas segundo a valoración dos propios usuarios e usuarias. Un sistema de puntuación recompensa aqueles usuarios e usuarias que a comunidade considera máis acertados e acertadas. Un grupo de administradores/as e moderadores/as supervisará os contidos, que están completamente abertos ás achegas dos usuarios/as. O portal inspírase noutras webs de éxito como Quora ou Stack Overflow. O software empregado, Question2answer, é empregado tamén noutros portais de preguntas e respostas.
"Decidimos que podía ser unha boa idea, xa que é un tipo de web está funcionando moi ben, tanto a nivel profesional como afeccionado"
"Decidimos que podía ser unha boa idea, xa que é un tipo de web está funcionando moi ben, tanto a nivel profesional como afeccionado. Montar unha web comunitaria coma esta sempre é un reto interesante, mais a experiencia de Chuza valeunos de moito, así que ao final o traballo foi máis de contactar e organizar a xente de perfís diferentes, para que cada un achegase a súa parte. Uns comezaron a achegar contidos, outros colaboraron no deseño e outros no apartado técnico. Cada un puxo un pouco para lograrmos entre todos o resultado final", sinalan dende a asociación.
"A rede galega ten moitos baleiros. É unha posibilidade máis que ofrece a comunidade galega na rede, outra web interesante das moitas que temos"
De momento os administradores da web serán un grupo de persoas voluntarias, aínda que o posto "está aberto a quen queira ocupalo", indican. "Os moderadores deberían ter pouco traballo, xa que non se dedicarán a xulgar os contidos, só a eliminar os que incumpran as normas, que son as habituais nas webs comunitarias: insultos, mencións persoais, contidos ilegais. Do resto ocuparase a mesma comunidade de usuarios, que é a que valorará os contidos na mesma web", subliñan.
Vén Oque.gal encher un oco, un baleiro na rede galega? "A rede galega ten moitos baleiros, se tiveramos que enchelos todos non acabariamos nunca. Eu prefiro velo ao revés e dicir que é unha posibilidade máis que ofrece a comunidade galega na rede, outra web interesante das moitas que temos", conclúen dende a asociación.

Programacións LOMCE

Despois de 32 cursos exercendo esta profesión, quero dar a miña opinión sobre as programacións en xeral, e sobre a programación LOMCE en particular. Lembro os primeiros anos, cando programabamos á man e levaba un tempo desproporcionado, en relación ó aproveitamento que daquelas programacións se tiraba. Canto teño padecido por mor daquelas programacións! Un traballo enorme  para, despois, durmiren un longo sono de pedra nos caixóns… dos centros e das inspeccións. Cantos momentos de sentirme inútil por non saber facer aqueles documentos. Menos mal que sempre atopaba un a alguén que, xenerosamente, tal e como fixeran con el ou con ela, che deixaba clonar a súa. E canta frustración por non axudarme en nada a mellorar  o meu traballo na aula… Pero pasaron os anos… E chegou a era informática. E entrouse nunha etapa de… “laissez faire”. Ata que, velaí, regreso ó pasado, comezamos o curso 2015-2016 e a Inspección entrou de novo a saco coas programacións LOMCE. Revolución! Estándares de aprendizaxe!  Que é iso? Como se fai iso? Para que serve iso? Mellora a nosa competencia profesional iso?
A min non me toca programar directamente, non son xefe de departamento; son un mestre, ou profesor de  Educación Primaria, camuflado nun IES. Pero convivo con elas e eles. Na casa e no centro. E sufro con elas e eles. E comezo a lembrar… Outra vez estes pesadelos? Xa abonda de dicir amén!
Os veteranos da profesión sabemos para que serven as programacións. Para presentarllas á Inspección e para que esta nos deixe facer o que podemos e sabemos nas aulas. E a Inspección (os inspectores e as inspectoras) saben que isto é así… Ai, pero… a Inspección é teimuda… Á Inspección gústalle ternos entretidos; non vaia ser que nos deamos á boa vida. Hai que elaborar uns documentos realistas e prácticos, din. E dálle!
Outra vez! Outra vez a lei do embude. Outra vez a lei que potencia a arte da clonación… Cando rematei a carreira, aprendín ( e fun vítima desta realidade) que se clonaban as Memorias de fin de carreira; despois, aprendín que se clonaban as programacións (as do profesorado e as dos centros), os documentos administrativos e pedagóxicos dos centros, e ata os proxectos que presentaban os candidatos e candidatas á dirección dos centros públicos… Clonarán documentos tamén os inspectores? Non podo aseguralo, pero…
Na miña opinión,  por moito que me esforce e por moito tempo que lle dedique, nunca serei quen de facer unha programación máis realista, práctica e coherente cá programación que me facilita a editorial coa que traballo. Realista, práctica e coherente porque está feita por especialistas na materia e en función do currículo, dos contidos, dos obxectivos, das actividades e da secuenciación que o libro de texto concreto propón; libro aprobado, por suposto, pola Consellaría de Educación. Normalmente, son excesivamente ambiciosas. Outra cousa é a miña programación diaria, a que eu personalizo e adapto ó alumnado e ás particularidades da clase de cada curso. Aí lle doe! Esta si que é a programación na que creo. Pero esta á Inspección non lle interesa. Vaia!
Como dicía, son xa 32 cursos de experiencia. Motivación, aprendizaxes significativas, competencias e, agora… o último: estándares de aprendizaxe! Algún iluminado, ou iluminada, atopou a clave para mellorar, dunha vez, a calidade da educación. Manaia sexa ela ou el!
Non, por favor, xa abonda de facer por facer. Ríos de tinta, toneladas de papel, centos de miles de horas, enerxía eléctrica e humana… irritación, frustración, desesperación… Cando se darán conta as autoridades educativas de que as variables que de verdade inciden na mellora da calidade educativa son o proceso de selección de aspirantes a profesionais do ensino, a formación inicial dos mesmos, as ratios e a capacidade persoal de cada quen? E tamén conta algo, claro, a porcentaxe do PIB que o goberno de quenda queira dedicarlle á educación no seu conxunto; entre outras cousas porque… é duro dicilo, pero… non hai volta: para ter os mellores profesionais no ensino, non estaría mal pagarlles uns salarios “motivadores”. Imos, a golpe de reformas educativas, dando paus á auga; porque ningunha vai ó gran, todas se quedan na palla. Para deseñar, e lexislar, unha reforma educativa “de verdade” hai que ter vontade e ideas claras. Pero só hai intereses. A Reforma LOMCE é, máis ca ningunha, unha estafa. E, por riba, a Inspección roendo no óso. Veña, oh!
Xa que logo, declárome obxector de conciencia contra estas programacións LOMCE que teñen desacougados a todos os compañeiros e compañeiras, que esixen un esforzo absurdo, que frustran e que non contribúen en nada a mellorar o noso traballo diario nas aulas; pola contra, coutan o estilo persoal, a creatividade e a diversidade. Que conste en acta.

Toño Núñez


O Consello de Europa volve pedir á Xunta que impulse máis o galego no ensino

O Consello de Europa volve reprender a Xunta pola súa política lingüística. Como xa fixera en anteriores informes, o Comité de Expertos da institución para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias censura as actuacións do Goberno galego, sobre todo no que ten que ver co ensino, no seu cuarto informe sobre o cumprimento da Carta no Estado español e insta as autoridades españolas e galegas a cumpriren os acordos que o Executivo central ratificou coa sinatura deste tratado internacional en 2001.
O Consello de Europa amosa a súa preocupación pola "redución gradual" do galego no ensino medio
"A lingua galega está amplamente presente na vida pública, incluída a das administracións rexionais e locais. No ámbito educativo, o Comité de Expertos está preocupado pola redución gradual da presenza do galego no ensino medio. Coa introdución do modelo trilingüe, a proporción do galego viuse reducida no ensino primario e secundario", di o Consello de Europa nas súas conclusións sobre un informe que insiste nos reproches que xa amosara no ditame de 2012 e cuxas críticas foran en moitos casos desdeñadas pola Xunta.
O Consello de Europa insiste en que Galicia non cumpre cos acordos da Carta Europea das Linguas nin no ensino infantil, nin no primario nin en secundaria e repara nas limitacións que ao fomento e normalización do galego supón o Decreto 79/2010 -coñecido como decreto do plurilingüismo-, que con fonda polémica substituíra ao decreto do goberno do bipartito coa chegada de Feijóo á Xunta.
O Comité de Expertos destaca que o devandito decreto "limita o ensino en galego a un máximo do 50% co propósito final de reducilo a un terzo" e advirte de que isto "entra claramente en contradición cos compromisos escollidos polas autoridades de acordo coa Carta que esixe a educación predominantemente en galego". Por iso, o Consello de Europa insta "encarecidamente" a Xunta que impulse o galego na educación e lembra que os compromisos adquiridos no tratado internacional continúan sen se cumprir "nin en preescolar, nin en primaria, nin en secundaria".
O Comité de Expertos insta "encarecidamente" a Xunta a impulsar o galego no ensino e lémbralle que segue a incumprir a Carta Europea
As conclusións chegan logo de que este Comité de Expertos avaliase con numerosas entrevistas a autoridades e colectivos a situación do galego. E son así de duras coa política lingüística malia as discutibles cifras que a Xunta achegou ao Consello de Europa, que destaca que a Administración galega sitúa no 43,3% as clases en galego na rede Galiña Azul fronte ao 56,5% en castelán, ou un 46,6% de aulas en lingua propia fronte ao 53,4% en lingua castelá na etapa de 3 a 6 anos.
O informe achega tamén datos de Inspección en Galicia polos que, no curso 2012-13, unha media do 51% das horas impartidas en primaria terían sido en galego, fronte ao 47,5% en castelán e o 1,6% en lingua estranxeira. Pero ademais, o Consello de Europa ten en conta tamén os datos achegados por diversas organizacións a prol da lingua ou do ámbito educativo no que se destaca a escasísima presenza do galego en preescolar, especialmente nas cidades, o veto á lingua propia nas materias científicas ou a introdución dun trilingüismo que acaba por "minguar o número de horas impartidas en galego".
Así, reclama nas súas conclusións "continuar asegurando que a oferta de educación trilingüe non afecta de forma negativa a protección das linguas rexionais ou minoritarias".

Eivas na xustiza e na sanidade

Noutros ámbitos, o informe é tamén especialmente duro. O Comité de Expertos insta os gobernos do Estado e galego a modificaren a lexislación para dar efectivo cumprimento ao uso do galego na xustiza pero tamén na administración. Así, considera que "aínda é inadecuada a proporción de documentos administrativos dispoñíbeis para a poboación en galego ou en formato bilingüe", polo que os compromisos adquiridos coa sinatura da Carta Europea das Linguas permanecen tan só parcialmente cumpridos.
O informe urxe o Estado e a Xunta a facer as modificacións legais que permitan o uso efectivo do galego na xustiza e na administración
En canto á xustiza, o Consello de Europa solicita que se modifiquen as normativas legais para garantir que as autoridades xudiciais poidan dirixirsen en galego a aquel particular que o reclame, que se "tomen as medidas necesarias para aumentar a proporción de persoal da xustiza que sexan quen de empregar o galego nos tribunais" e que se "desenvolvan cursos axeitados tanto para o persoal xudicial como para os avogados".
No ámbito sanitario, o informe tamén sinala eivas e urxe as autoridades a asegurar a posibilidade dos galegofalantes de ser atendidos na súa propia lingua. Un reproche máis que advirte do incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.
Este tratado europeo fora asinado en 2001 polo Estado español. As Cortes Xerais deron o seu visto e prace á participación no acordo e, xa en 2002, o daquela ministro de Exteriores, Josep Piqué (PP), rubricaba o correspondente instrumento de ratificación, isto é, o documento no que o Goberno de España especificaba o grao de cumprimento da Carta ao que se comprometía. Elixiu, na maior parte dos artigos, a maior protección posible para o galego, o catalán e o éuscaro. E implica, entre outras moitas cousas, garantir a posibilidade de recibir o ensino preescolar, primario e secundario na lingua propia ou que os procedementos xudiciais se poderían desenvolver con normalidade en idiomas oficiais distintos do castelán.
O Goberno español asinou a Carta optando pola maior protección posible para o galego na maioría dos artigos
Ante este negativo informe para a política lingüística do Goberno galego, A Mesa pola Normalización Lingüística cre que “demostra máis unha o nivel de agresividade contra o galego que se acadou na etapa actual da Xunta”. "O galego precisa feitos e accións concretas e non só declaracións de intencións”, o seu presidente, Marcos Maceira, que considera que a Administración leva a cabo un "ataque continuado ao galego, nomeadamente no ensino, aínda que non só”. "O presidente Feijóo debe mudar radicalmente o rumo se non quere provocar un dano irreparábel ao noso idioma, di. "Non llo dicimos só desde a Mesa, a sociedade lévallo dicindo ano tras ano e agora, outra vez, dinllo desde o Consello de Europa", remata.

A Mesa apela ao informe do Consello de Europa para que 2016 “sexa o último ano” do 'decretazo' sobre o galego

A MNL lembra que é a segunda vez que o comité de expertos da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas lle saca ás cores a Feijóo. 

É a segunda vez desde que Núñez Feijóo é presidente da Xunta que o Comité de expertos da Carta europa das linguas rexionais e minorizadas insta 'con firmeza' a que se garanta a prtección e promoción do galego, nomeadamente no ensino. Lembrábao Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, na comparecencia para valorar o informe do Consello de Ministros do Consello de Europa. “A vergoña que sentimos na Mesa por un informe tan rotundo como este, só se pode combater ampliando a acción nacional e internacional, que a Mesa realizou no 2015, para que o 2016 sexa o último ano dun decreto infame”, dixo. Da lectura do informe do Comité de expertos, apontou, despréndese que se están a incumprir “de xeito flagrante” acordos como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou a Declaración de Unidade a Prol da Normalización” , impulsada pola Mesa e asinada por todos os partidos con representación parlamentar.
A MNL, que durante a avaliación presentou ao Comité de Expertos un relatorio de incumprimentos da Carta, por primeira vez é o propio Consello de Ministros quen sinala nas súas recomendacións que a introdución dunha terceira lingua non pode ir en detrimento da propia.
“Desta vez non son só os avaliadores quen relatan a situación de extranxeirización que padece o galego no ensino, senón que tamén son os Ministros"
O informe dos expertos sinala a dificuldade para obter “datos fiábeis sobre o galego no ensino e a falta de avaliación por parte da Xunta das consecuencias do decreto, un aspecto que contempla o propio decreto e que xa foi sinalado pola Mesa no recente informe sobre o galego na Educación Infantil nas cidades, ao que os expertos fan referencia”.
“Desta vez non son só os avaliadores quen relatan a situación de extranxeirización que padece o galego no ensino, senón que tamén son os Ministros quen fan a mesma recomendación que leva facendo a sociedade galega desde hai 6 anos a través das mobilizacións”, sinalou o presidente da Mesa. “Sen estas mobilizacións e sen toda a presión que se fixo dentro e fóra de Galiza non habería unha chamada de atención tan forte”.

xoves, 21 de xaneiro de 2016

O Observatorio da CCG salienta o escaso uso que lles damos ás TIC para acceder á cultura

O Observatorio da Cultura Galega (CCG) vén de facer pública a primeira parte dun documento de traballo de gran interese para saber, entre outras cousas, até que punto usamos as galegas e os galegos as novas tecnoloxías para achegarnos ao coñecemento e ao lecer. O estudo Hábitos e prácticas culturais (I) céntrase nos indicadores de participación cultural en Galicia: o que lemos, escoitamos vemos e facemos no ámbito cultural e, como desenvolvementos todas estas actividades de lecer. Segundo sinala o Observatorio, dependente do Consello da Cultura Galega, hai unha tendencia que case sempre se repite: a asistencia a museos, galerías, bibliotecas, concertos, cinema e teatro está por debaixo da media española. Isto é aplicábel tamén ao uso das novas tecnoloxías como canles de acceso aos devanditos ámbitos.
A cabalo entre o positivo e o negativo atopamos o seguinte: lemos moitos libros e publicacións, pero sobre todo en papel (hai un certo desequilibrio entre o que nos gusta ler e o relativamente pouco que apostamos polo dixital para facelo).
Libros, revistas e xornais
Polo tanto, a poboación galega está á cabeza do Estado español en frecuencia de tempo de lecer adicado á lectura: máis de dúas horas (126 minutos) por día, por detrás unicamente de Murcia (128 minutos) e 16 minutos máis cá media española (111).
No referente á compra de libros, a cousa cambia. De feito, neste parámetro afastámonos (en negativo) da media española. Deste xeito, só un 29% dos galegos declararon ter mercado libros no último trimestre, fronte a un 37% dos cidadáns estatais, detrás de Cantabria, Estremadura, Asturias e Castela-A Mancha. Na adquisición de libros en formato dixital Galicia tamén estamos lonxe da media (10%), cun 5% de galegos que declaran mercar libros neste formato.
O grao de interese pola lectura de xornais en Galicia sitúase no 6%, medio punto por riba da media de España. O 86% da poboación galega le o xornal polo menos unha vez ao mes, fronte ao 78% da española. Segundo se lembra no informe, en lectura diaria tamén superamos a media española (45% e 39%, respectivamente).
Entre os datos máis significativos da investigación atopamos o seguinte dato en aparencia contraditorio: a nosa é a terceira comunidade autónoma segundo a lectura de prensa en papel, pero a derradeira en lectura de prensa en Internet. Os galegos, iso si, estamos por riba da media estatal no tocante á lectura de revistas, cun 49% fronte a un 42%.
Bibliotecas
Tamén se fai saber, afondando neste certo rexeitamento que temos en relación ás TIC, que un 61,2% da poboación galega non asistiu ou non accedeu a través de Internet a unha biblioteca nunca ou case nunca. Esta porcentaxe, dise, supera en 10,2 puntos porcentuais a do conxunto do Estado.
No caso da asistencia presencial, increméntase a taxa dos que non van nunca ou case nunca, cunha diferenza con respecto ao conxunto do Estado de 10,73 puntos porcentuais. Onde si se atopan diferenzas é no acceso ás bibliotecas a través de Internet: aínda que a porcentaxe das persoas que accederon por Internet ás bibliotecas no último ano é moi baixa, en Galicia é superior ao conxunto de España en 0,7 puntos porcentuais.
Música
Polo que atinxe á música, un 76,7% da poboación da nosa terra entrégase a este hábito polo menos unha vez ao mes, fronte ao 85,5% no conxunto do Estado. En Galicia un 59,9% da poboación ten o costume de escoitar música todos os días, mentres que un 21,9% non a escoita nunca ou case nunca. “O medio utilizado pola inmensa maioría das persoas que escoitan música na nosa terra”, sinálase na investigación, “é en equipos non conectados ao computador (98%), fronte ao 27,8% dos que escoitan música no ordenador ou en equipos conectados a el”. Segundo o Observatorio do CCG este último dato é “moi salientábel”, posto que o costume de escoitar música no ordenador ou en equipos conectados a el experimentou unha evolución significativa con respecto a 2011, “ano en que tan só un 16,6% da poboación galega tiña este hábito á hora de escoitar música”. Para o Observatorio, esta diferenza é moito máis acusada en Galicia ca no conxunto do Estado, onde se pasa dun 22,8% en 2011 a un 29,4%.
No resto dos medios empregados en Galicia para escoitar música destaca, en segundo lugar, despois da radio, o ordenador e, en terceiro lugar, o móbil. O informe apunta a que no conxunto do Estado estes dous equipamentos tamén ocupan o segundo e terceiro lugar, “pero é o móbil o que avantaxa ao computador e o emprego deste supera en case 8 puntos ao de Galicia”.
No uso destes medios, sinálase, é “salientábel” o feito de que no período 2010-2011 o móbil só o usaba para escoitar música un 9% da poboación galega e un 9,8% no total do Estado.
Con respecto ao computador, a diferenza é menor, xa que na nosa terra tira proveito del o 17,3% e no conxunto do Estado o 20,6%. No devandito período o segundo medio que máis se empregaba para escoitar música despois da radio eran os CD, DVD e Blue-Ray (32,4% no conxunto de España e 24% en Galicia).
Lembrar tamén que en Galicia un 21,7% da poboación gravou música no último ano e un 71,5% non o fixo nunca ou case nunca. Son taxas moi semellantes ás do conxunto de España.
Audiovisual
Na enquisa tamén se lles pregunta aos cidadáns polo costume de ver vídeo en DVD ou noutros formatos. No que se refire a isto, os galegos emprazámonos na parte baixa da táboa, posto que algo máis da metade (o 52,5% da poboación) non ve nunca vídeo en ningún tipo de formato (a media estatal é do 44,4%). Do pouco máis do 1,1 millóns de galegos que ven vídeos, o 84,8% fano en aparellos non conectados a un computador. De feito, só o 26,8% ve contidos audiovisuais en trebellos conectados, “o cal representa a porcentaxe máis baixa de toda España”, sinalan os autores do informe. Ademais, unicamente o 18% dos cidadáns da nosa terra ve vídeos en tecnoloxía streaming, sen necesidade de descarga e en liña, fronte a unha media do 25%. En alugueiro de vídeos a través de canles dixitais somos a sexta comunidade pola cola.
Respecto ao consumo de televisión propiamente dito, somos os que máis tempo adicamos de media, uns 193 minutos diarios, case unha hora máis ca nas Illas Baleares. Por outra banda, só o 8,6% dos galegos ve a televisión a través de Internet, unha cifra semellante á do conxunto do Estado.
No que atinxe á radio, a investigación que sinala que se ben Galicia non é das comunidades onde máis se escoita, case o 73% da cidadanía ten o hábito de escoitala a diario. Compre salientar que un 8,2% dos galegos escoita a radio por Internet, dous puntos menos cá media nacional.
Novas tecnoloxías
Os autores do traballo de investigación lembran que as galegas e os galegos son os que menos usan o computador do conxunto de España, por detrás dos estremeños e castelano-manchegos (a diferenza coas comunidades onde máis se usa é significativa e representa case 20 puntos porcentuais con Madrid). Galicia tamén é a comunidade onde menos persoas usan o computador por lecer e ocio. A fenda que nos separa da media estatal deste indicador é dun 10%.
O uso de videoxogos sitúase tamén por debaixo da media na nosa terra. Así, un 15% dos galegos adoita xogar, fronte a un 17% do total dos cidadáns do Estado. Os nosos xogos preferidos son os de acción ou aventura e de estratexia.

O gasto en innovación das empresas galegas caeu un 3,3 por cento

O descenso é maior que a media de España, que se situou no 2014 nun 2,1 por cento

O gasto en innovación tecnolóxica de empresas en Galicia baixou un 3,3% en 2014 en relación co ano anterior, ata situarse en 466,55 millóns de euros, segundo a enquisa sobre innovación nas empresas do Instituto Nacional de Estatística (INE). Sobre o total estatal, onde o investimento tamén baixou, pero en menor medida (un 2,1%), o gasto da comunidade galega supón un 3,6%, dos 12.959,84 millóns de euros investidos en toda España. A enquisa do INE recolle, ademais, o número de empresas con actividades innovadoras na comunidade autónoma, que é de 973.
No conxunto estatal, o gasto en innovación tecnolóxica alcanzou os 12.960 millóns de euros no ano 2014, o que supuxo un descenso do 2,1% respecto ao ano anterior. Entre as actividades para a innovación destacaron as de I+D interna (que representaron o 49,8% do total do gasto en actividades para a innovación tecnolóxica), as de adquisición de maquinaria, equipos, hardware ou software avanzados (18,7% do total) e as de I+D externa (17,7%). O gasto en innovación tecnolóxica descendeu un 8,9% na industria e un 3,4% na agricultura no ano 2014. Pola contra, aumentou un 5,6% nos servizos e un 4,0% na construción.
As comunidades autónomas que tiveron maior gasto en innovación tecnolóxica no ano 2014 foron Comunidad de Madrid (36,6% do total nacional), Cataluña (24,1%) e País Vasco (10,2%).

iBeeAgro, para controlar as explotacións agrícolas a un ‘clic’

Enxeñeiros da UVigo crean un sistema de xestión agrícola 'on line'

No niño 28 do Parque Tecnolóxico de Galicia ubícase desde hai menos dun ano iBeeTel Solutions, un dos proxectos empresariais gañadores en 2015 da IV edición dos Premios Incuvi-Emprende da Universidade de Vigo. Coa convocatoria de 2016 destes galardóns aberta, os promotores iBeeTel Solutions fan un balance moi positivo da súa experiencia nesta iniciativa, pois co plan empresarial en marcha xa están ultimando a comercialización do seu primeiro produto, un Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola destinado a produtores.
“iBeeAgro é unha solución para agricultura de precisión, que ofrece aos produtores agrícolas controlar, desde calquera dispositivo con acceso a Internet, o estado actual e futuro dos seus cultivos, os riscos de padecer enfermidades e, en xeral, realizar unha xestión integral, baseándose en datos obxectivos recompilados da explotación en tempo real”. Con esta definición presentan o seu primeiro produto os responsables de iBeeTel Solutions, que son Sergio Eiriz, egresado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo; David Losada, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, do campus de Ourense, e Javier Pesado, da Escola de Enxeñaría Industrial, tamén do campus de Vigo.
Nos meses transcorridos desde a concesión do galardón, apuntan os titulados da Universidade de Vigo, “acadamos o noso obxectivo tecnolóxico de desenvolver o Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola, que permite aos produtores optimizar a produción”. A ferramenta, comentan, está formada por unha estación agroclimática chamada iBeeAgro Station, un dispositivo electrónico deseñado, desenvolvido e fabricado por eles que mide de maneira automática diferentes parámetros climáticos de planta e de solo e que envía os datos a unha plataforma software de supervisión na nube chamada iBeeAgro Tool. Esta plataforma constitúe a segunda das partes da ferramenta e permite aos produtores agrícolas tarefas como supervisar o estado actual do seu cultivo, coñecer os riscos de padecer enfermidades ou obter predicións meteorolóxicas locais, realizando unha xestión integral da súa explotación, con funcionalidades como o caderno de campo.
As estacións meteorolóxicas sobre o terreo envían datos precisos a iBeeAgro
Froito das entrevistas de validación, que lles permitiron coñecer mellor as necesidades do sector agrícola, os emprendedores salientan que fixeron cambios no seu proxecto inicial, como nas estacións agroclimáticas. Inicialmente pensadas para formar unha rede de sensores que se conectara a Internet a través dun dispositivo gateway, durante o desenvolvemento do proxecto engadiuse a opción de que cada estación agroclimática se poida conectar directamente a Internet facendo uso de redes GPRS/3G. Na actualidade, sinalan os emprendedores da Universidade de Vigo, “estamos pendentes da certificación CE das estacións agroclimáticas, paso previo necesario para a súa comercialización como parte do Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola, iBeeAgro”.
“A nosa visión é a de chegar a ser referentes no desenvolvemento de solucións de monitorización e control orientadas á sostibilidade, eficiencia e calidade, para todos os sectores e, especialmente no sector agrícola”, sinalan os emprendedores sobre as súas expectativas de futuro. Para acadalo, ofrecen servizos de enxeñaría hardware (especificacións, deseño, desenvolvemento, prototipado, probas, fabricación externalizada e mantemento de dispositivos electrónicos inalámbricos orientados a solucións de monitorización e control remoto), e de enxeñaría software (análise, deseño, desenvolvemento, probas, produción e mantemento de plataformas cloud para monitorización e control remoto e plataformas cloud ERP).
Sergio Eiriz, David Losada e Javier Pesado ultiman a comercialización do sistema
Chegar a este punto, sinalan os promotores do proxecto, foi un intenso proceso no que, entre outros retos tiveron que lidiar coa falta de coñecementos de xestión empresarial, que dificultou a realización do plan de empresa, coa dispersión da información, que fixo custoso realizar a análise de mercado, e coa pouca información dispoñible sobre prezos de solucións alternativas, que dificultou a análise de competidores e a fixación de prezos de venda. A pesar desas trabas, indican, conseguiron fitos como definir o modelo de negocio e validar se dá resposta ás necesidades do cliente, verificar a escalabilidade do modelo de negocio e establecer un modelo organizativo funcional, un plan de operacións e un plan financeiro.
Coa súa idea de negocio xa en marcha, Sergio Eiriz, David Losada e Javier Pesado subliñan que os principais beneficios de participar nos Premios Incuvi teñen sido adquirir coñecementos no ámbito da xestión empresarial, a mentorización para realizar o plan de negocio, dispoñer dun local durante un ano para poder desenvolver o proxecto e o recoñecemento e visibilidade que supón a participación nos mesmos.

20 entidades participarán no I Encontro de Economía Solidaria de Galicia

A Praza de Abastos de Ordes acolle este sábado o I Encontro de Economía Alternativa e Solidaria, organizado pola Rede de Economía Alternativa e Solidaria REAS Galicia. Baixo o lema "Intercooperar!", o evento busca darlles visibilidade e coñecer directamente ás persoas que forman parte do sector, creando ou revitalizando espazos de intercooperación. A xuntanza, que se desenvolverá de 11 a 18 horas, componse de mesas informativas, microrelatorios das participantes inscritas ou unha mesa de traballo destinada á creación dun mercado social. Participarán máis de 20 entidades e empresas.
Busca impulsar e apoiar unha rede de empresas solidarias que fomenten o respecto ás persoas e ao medio ambiente
REAS-Galicia forma parte da rede de redes de economía alternativa e solidaria REAS, entidade sen ánimo de lucro de ámbito estatal formada por máis de 500 entidades, creada en 1995 en defensa de que "outra economía é posible". Busca impulsar e apoiar unha rede de empresas solidarias que fomenten o respecto ás persoas e ao medio ambiente en todos os ámbitos (produción, comercialización, construción, servizos...). Apoia, así mesmo, o desenvolvemento de recursos financeiros éticos e solidarios. E pretende difundir e dar a coñecer a economía solidaria na sociedade galega e aumentar o tecido empresarial con características éticas e solidarias. A economía solidaria parte dunha Carta de Principios na que, ademais, se destaca a non-lucratividade destas empresas, que priorizan os beneficios humanos, sociais e medioambientais, reinvestindo e redistribuíndo as posibles ganancias.
Raquel Doallo, vicepresidenta de REAS-Galicia, destaca a importancia de que exista "un punto de encontro para as entidades de economía solidaria en Galicia". "REAS-Galicia pode ser ese espazo, porque nos permite ao mesmo tempo traballar conxuntamente coas redes e entidades do resto do Estado", engade, salientando a importancia do encontro deste sábado, que pode servir para incrementar o coñecemento recíproco entre entidades e iniciativas que comparten unha mesma filosofía, obxectivos e métodos de traballo.
"En Galicia a plataforma é aínda pequena (8-10 entidades activas), en comparación con outras comunidades, como Euskadi ou Navarra. Aínda así detectamos un grande interese no sector"
Outro dos obxectivos do encontro que se desenvolverá o sábado en Ordes é o traballo ao redor do fortalecemento dun mercado social en Galicia. Trataríase, explica Raquel Doallo, "dun mercado alternativo, no que se inclúen entidades de finanzas éticas, cooperativas de consumo, iniciativas de agroecoloxía, entidades de servizos e outro tipo de empresas e colectivos, e con elementos coma o uso dunha moeda social". "O mercado é unha boa forma de emprestarnos servizos os uns aos outros dentro da rede, e tamén de visibilizarnos cara á cidadanía", di.
"En Galicia a plataforma é aínda pequena (8-10 entidades activas), en comparación con outras comunidades, como Euskadi ou Navarra, onde as redes agrupan a moitas máis entidades. Aínda así detectamos un grande interese no sector en Galicia, enténdese a necesidade de facer forza como colectivo", explica. En efecto, a importancia da economía solidarias en Euskadi, Navarra, e noutras comunidades como Aragón, Madrid ou Cataluña é aínda moi superior á de Galicia.
REAS agrupa en toda España a 507 entidades, que en 2014 sumaron uns ingresos de 355 millóns de euros, empregando a máis de oito mil persoas
En total, REAS agrupa en toda España a 507 entidades, que en 2014 sumaron uns ingresos de 355 millóns de euros, empregando a máis de oito mil persoas, ademais de contar con outras 30 mil voluntarias e voluntarios. O pasado mes de novembro Zaragoza acolleu o I Congreso Estatal de Economía Social e Solidaria, que desenvolveu distintos eixos de traballo, entre os que destacaron a innovación cidadá en consumo, as finanzas éticas, a xeración e transferencia de coñecemento na Economía Social, as achegas desde o feminismo e outras economías ou o papel da economía solidaria no medio rural.

Os inventores galegos representan o 5% das solicitudes de rexistro de patentes no Estado

Presentáronse na na Oficina Española de Patentes y Marcas (OEPM) 146 peticións de galeg@s para rexistrar patentes.

A Oficina Española de Patentes y Marcas (OEPM) recibiu en 2014 un total de 146 solicitudes de galegos para rexistrar patentes, o que supón o 5% das 2.902 recibidas a nivel de Estado, e 91 solicitudes para rexistrar 'modelos de utilidade'. Unha cifra lixeiramente inferior á do exercicio anterior ( pedírase rexistrar 164 patentes e 122 modelos de utilidade). No ano que se adoita sinalar como inicio de percepción da crise, 2009, os inventores galegos presentaron 173 patentes e 94 modelos de solicitude.
A patente é un título que recoñece o dereito de explotar en exclusiva a invención patentada, impedindo a outros a súa fabricación, venta ou utilización sen consentimento do titular. Como contrapartida, a patente ponse a disposición do público para xeral coñecemento. O modelo de utilidade refírese as invencións que, sendo novas e implicando unha actividade inventiva, consisten en dar a un obxecto unha configuración, estrutura ou constitución da que resulte algunha vantaxe practicamente apreciable para o seu uso ou fabricación.
Eido masculino
Segundo os dados do IGE, das 146 solicitudes que en 2014 presentaron inventores galegos para patentes, 45 proceden de empresas privadas, 50 de particulares, 39 de universidades públicas e 12 de organismos públicos. Un dado a destacar: das 50 solicitudes presentadas por persoas particulaeres, 43 son de homes e só 7 de mulleres. Nas presentadas para rexistrar 'modelos de utilidade' por particulares (67), só 4 corresponden a elas.

Consello de Europa insta “encarecidamente” á Xunta a protexer e impulsar o galego no ensino

O comité de expertos do Consello de Europa considera que o 'decreto de plurilingüismo' do goberno de Feijóo entra en contradición cos acordos contemplados na Carta Europea das Linguas.

O Consello de Europa insta “encarecidamente” á Xunta a que impulse o galego no ensino. É o que pide o Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas (tratado internacional ratificado polo Estado Español ), que vén de facer publico o seu 4º informe sobre o cumprimento da Carta da Carta no Estado Español. Este documento, lembra a Mesa pola Normalización Lingüística, foi avaliado polo Consello de Ministros do Consello de Europa que á súa vez instou ás autoridades españolas e galegas a cumpriren os acordos que sinala a Carta.
Para A Mesa, o Consello de Europa reafírmase nas conclusións que xa emitira no anterior periodo, publicado en 2012, “considerando que os acordos sobre o tratado internacional non está cumpridos nin na educación infantil, nin na primaria, nin na secundaria, en relación ás limitacións impostas polo Decreto 79/2010 ao uso do galego no ensino”.
Sinalan nesta liña que o obxectivo de reducir a presenza do galego a un terzo “entra claramente en contradición cos compromisos escollidos polas autoridades de acordo coa Carta que esixe a educación predominantemente en galego”. Así, inciden en que a educación trilingüe (unha das 'obsesións' de Feijóo) non debe "acetar negativamente a protección e promoción" do galego.
Xustiza
No documento hai outras recomendacións e propostas. Así, por exemplo, o Comité de expertos e o Consello de Ministros instan os gobernos estatal e autonómico a modificaren a lexislación para dar efectivo cumprimento ao uso do galego na xustiza e na administración.
Para A  Mesa, a Xunta de Galiza non pode continuar “facendo ouvidos xordos” ao que lle está a dicir “non só a sociedade galega, senón tamén organismos da relevancia do Consello de Europa”. Marcos Maceira, presidente da MNL; afirma que este informe “demostra máis unha o nivel de agresividade contra o galego que se acadou na etapa actual da Xunta”. “A política lingüística da Xunta é un ataque continuado ao galego, nomeadamente no ensino, aínda que non só”., sinalou, e instou Feijóo a “mudar radicalmente o rumo”.
Para a Mesa “a Carta Europea é un "deses acordos incumpridos que compre activar xa para garantir o galego no ensino, na administración, na xustiza, nos medios de comunicación ou nas relacións de consumo”.