martes, 27 de outubro de 2015

QUE EDUCACIÓN QUERE O ALUMNADO? Semana de debates nos centros educativos co alumnado

Do 2 ao 6 de novembro convocouse unha semana de debates co alumnado para coñecer a súa opinión sobre a educación que queren recibir. Cada vez que se tentou cambiar o sistema educativo, afirmouse que se facía polo ben do alumnado, pero a este nunca se lle preguntou que educación quería. Cambiemos de actitude. Nesta ocasión ímoslles a preguntar como e que queren aprender.
Durante este semana, nalgunha das túas clases nas que poida encaixar o debate, na titoría, nunha actividade extraordinaria, nalgunha asemblea co alumnado,..., abre o debate utilizando, por exemplo, as seguintes preguntas:
1. ¿Como queres que sexa o teu centro?
2. ¿Que queres aprender e non ensínanche?
3. ¿De que ten que depender a túa avaliación?
4. ¿Crees que todos os teus compañeiros e compañeiras teñen as mesmas oportunidades?
Recolle as conclusións e mándanolas a plataforma@escuelapublica.org para que as podamos agrupar e facer público o resultado. Con toda seguridade, o alumnado achegará suxestións moi pertinentes e enriquecedoras que deberán ser tidas en conta.
Ter unha semana para realizar os debates permite que elixas o mellor momento para facelo cos teus alumnos e alumnas. Tamén, durante esa semana, tanto as organizacións de pais e nais están chamadas a realizar asembleas para poñer en común o que falen cos seus fillos e fillas sobre este tema, como as organizacións do alumnado realizarán igualmente reunións para acordar propostas que trasladar ao debate.
Poñemos en marcha unha actividade imprescindible. ¡Participa! ¡Non cha perdas!

Varios centros educativos melloran a súa conexión á Rede de 8 a 200 Mbps

A AMTEGA vén de ampliar a 200 Mbps a velocidade de conexión a Internet do CEIP Afonso Daniel Rodríguez Castelao de Rianxo, EEI As Dunas Panxón de Nigrán, IES Julio Prieto Nespereira de Ourense, CEIP Luís Pimentel de Lugo, e o IES San Paio de Tui . Grazas a esta mellora os centros, que contaban cunha liña de 8 Mbps, terán un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos, permitindo a conexión simultánea dun maior número e o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.
O CEIP Afonso Daniel Rodríguez Castelao de Rianxo, o EEI As Dunas Panxón de Nigrán, o IES Julio Prieto Nespereira de Ourense, o CEIP Luís Pimentel de Lugo, e o IES San Paio de Tui, son algúns dos máis de 2.300 centros de servizos públicos beneficiados polas melloras previstas no novo contrato de telecomunicacións da Xunta, que entrou en vigor este ano. Durante tres anos a Administración autonómica incrementará, en máis do triplo de media, o largo de banda de 1.014 centros da área de Educación, 119 de servizos sociosanitarios e 45 sedes xudiciais. Máis da metade dos 2.300 centros nos que se realizarán melloras contarán con conexións á Internet de 100 ou 200 Mbps.
A día de hoxe máis de 250 centros educativos contan con conexións de 100 ou 200 Mbps e desde 2009 as actuacións impulsadas pola Xunta permitiron multiplicar por catro a velocidade media de conexión dos centros educativos dependentes da Administración autonómica. Así, en 2009 a velocidade media situábase en 5,6 Mbps fronte aos 20,5 Mbps de hoxe.

Os Bolechas xa están no universo .gal

Estrean web con novas seccións onde descargar libros, xogar, material didáctico e ata ver as series destes simpáticos debuxos creados por Pepe Carreiro.

Os Bolechas xa teñen nova web dentro do universo .gal, www.osbolechas.gal. Trátase dunha páxina completamente renovada que reúne todo o material esparexido ata o momento en diversos sitios web e incorpora novos servizos e contidos dirixidos tanto aos seguidores da popular familia como a aqueles que se achegan por vez primeira aos Bolechas.
 
Así, a nova páxina web inclúe un apartado con información sobre as personaxes e o autor, Pepe Carreiro, pero tamén sobre o universo bolechas: a serie de televisión, a caravana, concursos, xoias, música, talleres etc. Tampouco falta unha sección de noticias, onde se poden consultar todas as publicadas desde o ano 2012 así como as novas que se van incorporar nesta nova andaina dixital. E, por suposto, hai zona de xogos, con actividades para toda a familia con distintas habilidades e niveis de dificultade. Non falta a popular granxa dos Bolechas nin os debuxos para colorear, e inclúense diversos “Sabichóns”, sopas de letras, crebacabezas etc.
 
Tamén cobra especial protagonismo a área didáctica, ata agora presente nalgunhas páxinas temáticas dos Bolechas e que nesta nova web conta cun espazo propio debido á grande acollida das propostas presentadas ata o momento, como as unidades didácticas de hábitos saudables, de seguridade viaria ou do Entroido. Trátase de material educativo elaborado conxuntamente por pedagogos e profesionais de cada temática e destinado a escolares de educación infantil e primaria. Esta sección, coma o resto, irá ampliándose co tempo con novos contidos e materiais, de xeito que sexa un espazo vivo e activo onde nais, pais e educadores poidan acudir frecuentemente para xogar e aprender cos cativos da man dos seus personaxes favoritos.
 
A estas seccións únese a de descargas, onde se pode acceder a diverso material ofrecido polos Bolechas nos últimos anos con motivo de diversas celebracións: día da nai, día do pai, samaín etc. Outras grandes novidades da web son a área de libros –onde se poden consultar as novidades editoriais ou acceder ao “libro fala”– e a Canle TV. Este espazo responde ás peticións dos seguidores dos Bolechas por ter os capítulos da serie de televisión dispoñibles en rede. A partir de agora, todas as nenas e nenos poderán ver Os Bolechas cando e onde queiran, ademais de acceder a outros contidos audiovisuais, como espectáculos, anuncios, vídeos musicais etc.

Reabre escola rural abandonada con espazo educativo en galego

Narón acolle a terceira Semente de Galicia, promovidas por pais interesados en que os seus fillos reciban educación adaptada as súas necesidades.

Semente Trasancos, un espazo onde os meniños e meniñas xogan e aprenden inmersos na lingua galega, leva aberto con actividades diarias este mes de outubro. Para celebralo este domingo organizaron unha xornada de portas abertas con contos, xogos e a actuación dos acordeonistas Xende e Xalo.
Inspirado por proxectos similares en Santiago e Vigo, o espazo educativo desta asociación sen ánimo de lucro é por fin unha realidade. Despois de dous anos de traballo abre as portas en San Mateo (Narón) grazas a que o Concello de Narón cedeu as instalacións dun antigo colexio rural.
Neste lugar a Semente de Trasancos conta cun espazo amplo ao ar libre, unha aula gatronómica e dúas aulas onde as crianzas móvense con liberdade e respéctase o ritmo de cada unha. Velaquí unha entrevista cos promotores da iniciativa no que explican o seu proxecto educativo.
As sementes de Santiago, Vigo e Trasancos colaboran nunha rede de escolas de ensino en galego que considera as aulas no idioma propio unha acción clave para o mantemento da cultura e identidade do país. A primeira naceu en Santiago da man da Gentalha do Pichel e están inspiradas por escolas creadas a comezos do Século XX polas Irmandades da Fala.

Viñetas nas aulas: Avances aos poucos

Non lembro o seu título, pero as imaxes do asasino esnaquizando á súa vítima nunha bañeira perseguiume durante moitas primaveras. Especialmente cando cun coitelo eléctrico cortoulle ambas mans. Os inertes ollos abertos e impasibles da muller enviaron unha mensaxe para que correse polo corredor e refuxiáseme entre as sabas. Ignorar os dous rombos e a prohibición dos meus pais de ver Historias para non durmir tivo consecuencias traumáticas: fun incapaz durante 30 anos de durmir coas mans por fóra da roupa de cama.
Pero o sinistro e tenebroso seguiume acompañando coas lecturas do semanario de sucesos El Caso ata que unha enfurecida nai dixo que non era esa lectura para nenos. Pronto adoptei substituto no quiosco de barrio coa compra e intercambio dos bolsilibros Bruguera Selección Terror, os cómics Creppy e colección de bizarros cromos acartonados de monstros.
Doía as entrañas cando a profesora de E.X.B. pillábache lendo un cómic requisándoo e gardándoo no segundo caixón da súa mesa baixo chave, entre chicles Nena, mini navallas e calquera outra cousa que non fose adecuada para estar nas aulas. Claro que unha hostia preventiva na cara ou ir de castigo de xeonllos cos brazos en cruz na clase dos “grandes” de 8º  xeraba no subconsciente unha imaxe da docente un tanto vampiresa. Este amor /odio aderezou a miña paixón vampírica e draculiana, elevándoo ao mito cando Toutain publica o Drácula de Fernando Fernández.
Aquela secuencialización do  desmembramiento demostrou o poder da imaxe sobre as neuronas humanas. Influenciando o ámbito dos gustos polo tenebroso pero tamén para adquirir frenesí na lida de cómics como Tío Vivo, El Capitán Trueno ou Roberto Alcázar e Pedrín. Creo que a maioría da miña xeración aprendemos a descifrar a lectura a través de Ibañez con Mortadelo e Filemón. A única tecnoloxía existente era o Spectrum e os seus casetes de xogos, que non eran suficiente para aplacar os desexos libertarios e xoguetóns da cuadrilla: as ocultas caladas con sabor a nicotina, as prácticas onanistas grupais, casetas nas árbores, xogos de rúa e trastadas tan imaxinativas como demoníacas.
A miña avoa Mª Rosa que foi mestra rural coñecía ben os meus gustos. Cada semana enviábame por Correos dous ou tres cómics enrolados cunha misiva moi concreta: que estudase primeiro antes de lelos, xa se poden imaxinar o que facía primeiro. Hoxe xa corentón e con dous fillos doume conta -a pesar de ter miles de cómics e libros no andel- de que non gozan coa lectura. Está claro que o sistema educativo actual con tantos cambios nas súas leis, dista moito dun ensino creativo e transfórmaos nunha especie de robots aliñados cortados polo mesmo patrón, os excelentes docentes están limitados por un programa específico onde cada vez introdúcese a temperá idade materia case incomprensible para uns cerebros que aínda se están formando.
Moito tempo estivo a novena arte estereotipada, condenada vilmente ao limbo do infantil e xuvenil. Pero tamén experimentou incribles cambios. Fíxose adulto, evolucionou en estética narrativa e gráfica, influenciou en moitas artes
Rómpenlles a infancia, os seus xogos e o seu potencial imaxinario. Non hai tempo para outras actividades: deberes, estudar, a recentemente moda autoimpuesta de poñer fichas de actividades a maiores do oficioso, exames, etc. déixanlles capados. Con mochilas que pesan máis de 30 kg. en material escolar e entran ao centro como animais ao matadoiro. Sígome acordando do segundo caixón. Por que non podía ler un cómic en clases?
A señorita Virxinia tiña a estraña habilidade para comer unha mazá verde ao mesmo tempo que che pegaba na man cunha quilométrica regra de madeira na man. Era as de: A letra co sangue entra e o método non foi moi efectivo. Tardei moito en ler, ata que un día conta a lenda que tirado no chan con moitos cómics empecei a descifrar viñetas en voz alta con continuidade e boa pronuncia. A Ibáñez debémoslle moito, o entretemento e a comprensión de texto, que non é pouco.
Moito tempo estivo a novena arte estereotipada, condenada vilmente ao limbo do infantil e xuvenil. Como o cinema sufriu censura, prostituíuse e nalgúns casos realizou un proceso dexenerativo á súa imaxe. Pero tamén experimentou incribles cambios. Fíxose adulto, evolucionou en estética narrativa e gráfica, influenciou en moitas artes e conseguiu situarse no olimpo do respecto e consagración con novos autores. Hoxe as planchas orixinais dalgúns autores colgan en paredes de Museos.
Afortunadamente xa se empeza a ver con certa normalidade a introdución do xénero tebeístico na docencia a través de charlas, talleres e exposicións. E todo isto sen castigos nin reprimendas!
Afortunadamente xa se empeza a ver con certa normalidade a introdución do xénero tebeístico na docencia a través de charlas, talleres e exposicións. E todo isto sen castigos nin reprimendas! En Galicia, a unión da imaxe a través da banda deseñada no aspecto académico foi en novembro de 2011 coa Xornada: Arte + Narrativa Gráfica organizada polo Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela.
Interviñeron na presentación Ramón Villares (Presidente do Consello da Cultura Galega), Marisa Sobrino (Coordinadora da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CdCG), e Miguelanxo Prado (artista, membro da sección e coordinador da xornada). Os relatorios foron as seguintes: O cómic na cultura visual contemporánea: de medio de masas á narración gráfica actual de Ricardo Anguita Canteiro, profesor titular do Departamento de Historia da Arte e director do Centro de Cultura Contemporánea da Universidade de Granada. A arte de contar. Orixinalidade e peculiaridades do relato en viñetas de Antonio Altarriba, Catedrático de Literatura Francesa da Euskal Herriko Unibertsitatea, e Premio Nacional de Cómic 2010, como guionista de El arte de volar, co debuxante Kim. A unicidade da linguaxe expresiva da historieta de Juanjo Guarnido, debuxante e autor, entre outros, do serializado cómic Blacksad. A historieta galega: da conciencia política á conciencia artística de Gemma Sesar, editora do Patito Editorial e comisaria da exposición A historieta galega 1973-2008, celebrada non Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela no 2008.
En Galicia, a unión da imaxe a través da banda deseñada no aspecto académico foi en novembro de 2011 coa Xornada: Arte + Narrativa Gráfica organizada polo Consello da Cultura Galega
A UIMP (Universidade Internacional Menéndez Pelayo) organiza en xullo de 2012 o Encontro: Drácula Cen anos sen Bram Stoker, onde o teórico da historieta e membro de Tebeosfera, Javier Alcázar Guijo, diserta sobre O vampiro no cómic. Neste mesmo ano Kiko da Silva abre en Pontevedra O Garaxe Hermético, a primeira Escola Profesional de Banda Deseñada e ilustración de Galicia, realizando posteriormente un Taller de Cómic no Museo Provincial de Lugo explicando o proceso de creación do seu proxecto Baixo as sombras das pedras flotantes. En 2013 o instituto de Monforte de Lemos A Pinguela empeza a convidar a debuxantes profesionais para impartir talleres de cómics.
A UNED de Las Palmas de Gran Canaria xogará cos códigos visuais do 26 de outubro ao 6 de novembro de 2015 na V Unha mirada antropolóxica ao mundo da viñeta ao considerar que a cultura gráfica das imaxes “son o elemento desencadenamento da creación dos símbolos; pero igualmente estes fan referencia ou terminan sendo unha representación dunha realidade histórica e interpretable. A natureza das viñetas non é allea a este feito". O curso que se pode realizar online ou presencial está coordinado por Piñeiro Goretti Almeida Hernández (Coordinadora da Facultade de Educación e Psicoloxía) e Soraya Jorge Godoy do grupo de investigación Montessori (ULPGC).
V Unha mirada antropolóxica ao mundo da viñeta conta coa dirección de Daniel Becerra Romeu e Elena Hernández Corrochano, do departamento de Antropoloxía Social e Cultural, UNED das Palmas e Madrid respectivamente. Os seus 20 relatores exporán desde un punto de vista multidisciplinar as viñetas na balanza de interese antropolóxico, analizarán as diferentes temáticas e incitarán á reflexión e á utilización de novos métodos e perspectivas no desenvolvemento da Antropoloxía en todas as súas ramas.

Aprendendo a través do software libre

Dende hai anos o software libre é protagonista no mundo do ensino e a educación en todos os niveis e ámbitos. Dende proxectos máis experimentais ou ligados á aprendizaxe en liña a aplicacións e programas de uso masivo, progresivamente implantados nos sistemas públicos. Pero non falamos só de ferramentas e plataformas tecnolóxicas; algúns dos elementos implícitos ao software libre, coma a construción colaborativa ou o 'faino ti mesmo', tamén foron gañando peso en proxectos educativos, unindo un e outro concepto. Por todo iso, e tamén pola existencia en Galicia de varios casos de éxito de aplicación das tecnoloxías abertas ao mundo da educación, todas estas temáticas serán protagonistas na LibreCon 2015, que se celebrará este xoves e venres en Compostela.
PexegoWireless Galicia, Tagen Ata ou Librebit son empresas galegas de software libre que dende hai anos veñen emprestando distintos servizos relacionados coa aprendizaxe en liña, ou ofrecendo solucións para a mellora do funcionamento das aulas e de proxectos educativos. E, por suposto, hai que ter presente sempre a importancia do proxecto Abalar, unha iniciativa desenvolvida por AGASOL en colaboración coa Xunta, que supuxo xa hai uns anos o inicio da alfabetización integral en TIC nas aulas galegas. Hoxe, plenamente consolidada e implantada en todos os centros, converteuse nun referente internacional como ferramenta para a mellora do funcionamento do ensino e como forma de interacción coa tecnoloxía por parte dos e das estudantes máis novas.

Solucións para o ensino no rural

Neste senso, no marco da LibreCon poderemos coñecer de preto un proxecto moi interesante e que busca achegar solucións para o ensino na zona rural a través das tecnoloxías abertas: RuralSchoolCloud. O Centro de Supercomputación de Galicia traballa dende o 2010 nunha liña de investigación educativa da análise das potencialidades da computación cloud e o software libre para mellorar a forma de traballar, colaborar, ensinar e aprender nas pequenas escolas rurais ou illadas. María José Rodriguez Malmierca e Diego Nieto (CESGA) exporán todos os detalles sobre a iniciativa..
Inicialmente, experimentouse nun Colexio Rural Agrupado (CRA) de Boqueixón e Vedra para estendelo despois, dentro do proxecto Rede de Escolas na Nube, a 4 CRAs, que contan con 23 escolas rurais, xunto coa empresa Balidea Consulting & Programming e o apoio da Xunta (AMTEGA e Consellería de Educación). O proxecto foi despregado xa este curso na infraestrutura da Consellaría e dá soporte aos CRAs galegos, o que supón "un éxito na transferencia de innovación educativa á sociedade", destacan os seus responsables. Formación de mestres, educación a distancia para estudantes illado, aprendizaxe en grupo ou a aprendizaxe de idiomas con outras escolas de diferentes países, son algúns dos servizos que puideron mellorar grazas á aplicación das novas tecnoloxías.
Na actualidade, o CESGA lidera RuralSchoolCloud, un novo proxecto educativo financiado pola Unión Europea, con 7 socios de 6 países, destinado a proporcionar unha solución TIC adaptada para as escolas rurais e dispersas en Europa, baseándose no uso de computación na nube, software aberto, e metodoloxías para fomentar as habilidades necesarias na aprendizaxe e colaboración no S. XXI. Todo o software e ferramentas utilizadas son libres (eyeos, Owncloud, PHP, MySQL, Opennebula...).
O CESGA lidera RuralSchoolCloud, un novo proxecto educativo financiado pola UE, con 7 socios de 6 países, destinado a proporcionar unha solución TIC adaptada para as escolas rurais e dispersas en Europa
Os CRAs de Boqueixón – Vedra, Vilaboa, Amencer e Nosa Señora do Faro son os centros galegos que participan na iniciativa, xunto con escolas de Italia, Macedonia, Grecia, Dinamarca e Reino Unido. Os seus responsables destacan que máis de 14,4 millóns de nenos e nenas viven en áreas rurais en Europa, recibindo na súa contorna o ensino obrigatorio. "Manter os nenos nas escolas locais, polo menos na escolarización temperá, asegura unha conexión necesaria entre os nenos e as súas comunidades de orixe e axudar a manter as comunidades rurais viva e vibrante. Este tipo de escola, con todo, esixe un esforzo orzamentario especial das administracións educativas", sinalan. No proxecto téntase ofrecer tamén unha comunidade de aprendizaxe activa das TIC baseada para profesores rurais, "o que axudará a desenvolver as competencias do profesorado e aplicar metodoloxías adecuadas".

O Edupunk e o ensino como hacklab

O Edupunk é un dos conceptos que estarán presentes no encontro. Define o conxunto de prácticas de ensino e aprendizaxe resultantes dunha actitude "Fágao vostede mesmo", ensino e aprendizaxe "inventivos" que deron lugar a multitude de aplicacións e proxectos. O Edupunk xurdiu como unha reacción aos intentos institucionais e empresariais de enmarcar tecnoloxías emerxentes en produtos estandarizados, con comportamentos predefinidos.
Jim Groom, creador do concepto de Edupunk, defenderá en Compostela as redes abertas e o empoderamento dos cidadáns na web
O termo foi enunciado por vez primeira por Jim Groom en 2008 no seu blog. Groom, director da división de tecnoloxías de ensino e aprendizaxe na Universidade de Mary Washington, estará en Compostela esta semana para falar sobre as relacións entre Edupunk e TecnoloxíaNo seu relatorio, Groom exporá un plan para reimaxinar como darlle o poder ao individuo na web reclamando a liberdade para redes abertas e distribuídas na web, defendendo o Edupunk como "unha vía para a resistencia ao complexo militar, consumidor e industrial" que "erosiona" a infraestrutura da web aberta, "un problema á vez cultural e tecnolóxico que debemos afrontar".
Pola súa banda, Mikel Arbiza (Centro de Estudios AEG Ikastetxea) defenderá no seu relatorio a escola como hacklab, sinalando que "as escolas do século XXI deben pasar das simulacións ao traballo colaborativo en base a proxectos que axuden a resolver problemas que acheguen valor social e económico á nosa sociedade". Para Arbiza, "a filosofía hacker é un exemplo a seguir nesta revolución educativa tan esperada por moitos docentes e alumnos e alumnas". Mentres, Beka Iglesias falará sobre "Transdisciplinaridade na educación: tecnoloxía, ciencia, estética e prototipado", incidindo en "como se retroalimentan as tecnoloxías libres, a ciencia aberta e a arte transdisciplinar dentro dunha cultura colaborativa do rigor, o compromiso e a produción" e en "como atravesa a práctica de comunidade e de laboratorio todas estas interseccións". Iglesias fará un repaso de diferentes experiencias e prácticas internacionais sobre estas cuestións.
Mikel Arbiza: "As escolas do século XXI deben pasar das simulacións ao traballo colaborativo en base a proxectos que axuden a resolver problemas que acheguen valor social e económico á nosa sociedade"

Outras experiencias

Finalmente, Diego Hernández (La Salle) ofrecerá a experiencia de Sallenet, a ferramenta de xestión integral de centros educativos empregada por 120 colexios de La Salle de España e Portugal. Este entorno virtual de aprendizaxe e xestión foi creado e desenvolvido por esta comunidade educativa, ofrecendo instrumentos didácticos, de xestión e de comunicación entre familia e colexios, unidos a outras experiencias diversas en cada centro. Sallenet foi construído sobre Moodle; ás funcionalidades de base ofrecidas por esta plataforma, engadíronselles novos módulos e bloques: seguimento histórico do alumno e creación dun histórico de cualificacións, matriculación automática en cursos futuros por medio dun sistema de promoción, xestión de horarios, así como seguimento de ausencias, atrasos e observacións, facturación mediante remesas bancarias ou xeración de informes.

CIG-Ensino sostén que a autorización dos centros plurilingües se usa en detrimento do ensino en galego

DENUNCIA DA CIG
 
O 18% dos centros plurilingües que se autorizan para este curso, todos eles privados agás un público, escollen como materia para impartir en lingua estranxeira unha materia de obrigada impartición en galego.

A raíz da publicación da orde da relación de centros plurilingües para o curso 2015/2016 a CIG-Ensino volve denunciar o que ela propia lembra que xa ten criticado en reiteradas ocasións: que o Decreto 79 para o Plurilingüismo “foi ideado coa perversa intención de reducir a presenza dgalego”.
A central nacionalista sostén que este Decreto é “un subterfuxio para reducir a xa cativa presenza do noso idioma nas aulas”. Nin sequera se cumpren os mínimos recollidos no Decreto, afirma a CIG. “A Consellaría, lonxe de procurar mecanismos que axuden a inverter a situación, aplica o Decreto aínda máis restritivamente do que o propio Decreto estabelece”.
"O Decreto 79 reduce a presenza da nosa lingua a un terzo do horario a través da imposición do inglés, “nunha falaz artimaña que en ningún caso redunda nunha mellor aprendizaxe da lingua estranxeira"
O sindicato aponta que o Decreto 79 reduce a presenza da nosa lingua a un terzo do horario a través da imposición do inglés, “nunha falaz artimaña que en ningún caso redunda nunha mellor aprendizaxe da lingua estranxeira, pois non se aplica a ferramenta fundamental para a súa adquisición que é a redución de alumnado por aula. Pois ben, non contentos con esta situación, a Consellaría autoriza que a materia impartida en lingua estranxeira sexa unha das materias de obrigada impartición en galego”.
Nesta tesitura, CIG sinala que comprobou que o 18% dos centros plurilingües que se autorizan para este curso, todos eles privados agás un público, escollen como materia para impartir en lingua estranxeira unha materia de obrigada impartición en galego.

Xustiza rexeita a denuncia polo asasinato machista de Ourense por estar en galego

O Ministerio insta a Marcha Mundial das Mulleres a redixir o escrito en castelán.

O Ministerio de Xustiza vén de mandar de volta a queixa presentada pola Marcha Mundial das Mulleres en relación ao asasinato de Isabel Fuentes o 8 de maio de 2015 no CHUOU por estar en galego, segundo recolle o xornal Faro de Vigo.
A institución, através dun conselleiro técnico sinala que o documento se devolve "a fin de que sexa presentado en lingua castelá, conforme ao estabelecido na lei". No concreto, a 30/92 na que de recolle que "a lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castelán" (artigo 36).
Desde a Marcha Mundial das Mulleres, que xa puxo en coñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística o acontecido, estudan posíbeis medidas a adoptar após serlles rexeitada a tramitación da queixa sen terse valorado a cuestión que nela se refire.
O movemento feminista rexistrou a reclamación no mes de setembro e nela exixe explicacións por non se teren adoptado medidas cautelares para evitar que Aniceto Rodríguez asasinara a que fora a súa compañeira, Isabel Fuentes, malia teren sido solicitadas pola Garda Civil.
A denuncia foi apoiada por 1.200 sinaturas e até unha trintena de colectivos.

luns, 26 de outubro de 2015

Ensino obrigatório até os dezoito. E por que não até os 21?

Ademais de resultar eleitoralmente rendível, há motivos para pensar que se vai aplicar.

Há pouco que foi a apresentação do programa eleitoral do PSOE. Entre as múltiplas promessas que se fazem na oposição para melhor incumpri-las no governo —do tipo estado laico e assim— há uma que si que se vai cumprir: educação obrigatória até os dezoito anos. E vou explicar por que.

O primeiro, e mais lamentável, e que se promete porque alguém quer que se prometa isto. Para muitos pais, a possibilidade de os filhos seguir a estudar obrigatoriamente até os dezoito é melhor que te-los na casa sem fazer nada. Naturalmente isto é pão para hoje e fame para manhã, e tampouco muito pão: o problema principal não se resolve.

Ademais de resultar eleitoralmente rendível, há motivos para pensar que se vai aplicar. O benefício para calquera governo é imediato: todos os menores de dezoito desaparecem automática e imediatamente da lista do paro. Redução do paro e sem que ninguém tenha que marchar á Alemanha, todo são avantajes.

Vale, case todo, está o pequeno inconveniente de que as parelhas que pensam em ter filhos vão achar outro obstáculo. Dous anos mais antes de que um filho comece a ajudar economicamente na casa. Falar de cando se poderão independizar já soa a chiste. Tampouco importa tanto, a nossa taxa de natalidade estão em níveis de record Guinness —das mais baixas do mundo— e muito mais baixo não pode cair. Ou si?

Um inconveniente que tampouco vai preocupar a ninguém é que o interesse dos alunos vai descer ainda mais. Dous anos obrigatórios mais na escola a estudar algo polo que não sentes o mais mínimo interesse. Calquer adolescente estaria encantado de responder que si, não é?. Uma lei pode obrigar a um aluno a ir á escola até uma determinada idade mas, para que aproveite o tempo nela, a lei não é suficiente. É precisa uma motivação é uma pressão social que, a dia de hoje não existe na maior parte das famílias e muito menos no resto da sociedade.

Naturalmente, dous anos mais de escolaridade haviam melhorar, mesmo que pouco o nível de formação do pais. Uma melhora da formação, e para que?

Os nossos moços mais formados estão a descobrir que aquilo de que se estudas hás chegar longe era certo, vários miles de kilometros mais longe que os que não estão também bem formados, para sermos exactos.

A época em que se produziu o salto no nível educativo no estado espanhol foi o final da década dos 60 e o princípio dos 70 e a suba da escolarização obrigatória não foi o que mais influiu. Foi muito mais importante a criação, por primeira vez desde o intento da II República, duma rede de ensino público digna de tal nome, ainda que fosse muito menor que a de agora. E foi ainda mais importante a motivação que levou á gente a assistir a aquelas escolas para poder aceder aos novos postos de trabalho duma economia capitalista avançada. Não falamos só de nenos e de adolescentes, foram muitos os adultos já empregados que se esforçaram por obter um título que para eles significava um trabalho melhor.

O nosso sistema educativo público é bastante bom. À prova são o número de alunos formados que estamos a mandar todos os anos ao estrangeiro. O que falta a boa pare dos alunos é a motivação. De que lhes vai servir estudar.

Logo não seria melhor criar empregos bem pagados e que precisem trabalhadores bem formados? E já de passo aproveitar para repatriar toda essa mocidade que, de tão bem formada, não acha um trabalho na sua terra…

Não oh! Que para isso há que fazer política. E buscar-se problemas cós que tem os cartos…

Língua portuguesa cresce 114% no ensino secundário da Galiza

Ministrar português no secundário é «eixo estratégico da nossa cultura», afirma porta-voz do Governo galego.

O avanço dos estudos em língua portuguesa no ensino secundário galego só se pode qualificar de «espetacular». Num único ano académico, o número total de estudantes a receberem aulas desta disciplina aumentou 114%, isto é, foi mais que duplicado. Concretamente, o aumento das inscrições passou de 861 no curso 2014-2015 para 1841 no atual 2015-2016.
Por sua parte, o número de estabelecimentos de secundário que oferta esta disciplina incrementou 70%: atualmente mais de 50 institutos de toda a Galiza lecionam português como língua estrangeira.

Eixo estratégico da nossa cultura

O encarregado de divulgar estes dados foi Valentín García, responsável da Política Linguística da Junta. A notícia, aliás, foi das mais destacadas do recente simpósio SIPLE, que decorreu há só uns dias em Santiago de Compostela. Precisamente, o porta-voz do Governo galego no evento destacou o interesse na Lei Paz-Andrade (surgida a partir da iniciativa legislativa popular desse nome) para promover o português no ensino, o qual qualificou de «eixo estratégico da nossa cultura», recolhe LVG.

Atividade da Semente de Vigo multiplica-se desde a sua abertura




O pasado mes de setembro a Semente Vigo iniciou a súa andaina como espazo educativo en galego para crianzas de 2 a 6 anos. Como é sabido o espazo atópase localizado no barrio de Teis. Ao longo destes dous meses a actividade da Semente vaise multiplicando grazas ao traballo das persoas que sustentan o proxecto e deseñan a actividade de mañá e tarde de forma totalmente voluntaria.

A Semente Vigo é unha iniciativa social sen fins lucrativos que ten como eixo fundamental que todas as actividades serán desenvolvidas na lingua do noso pobo, favorecendo a adquisición, conservación, coidado e consolidación da mesma. A máis, son un espazo dunha pedagoxía transformadora ao servizo dos intereses populares que se basean en principios pedagóxicos como a coeducación, laicidade, asemblearismo, interacción coa natureza, autorregulación das crianzas ou o traballo comunitario.

sementevigoDurante o mes de novembro vanse poñer en marcha unha serie de actividades educativas para as tardes que poden ser de interese para aquelas familias que teñan crianzas e desexen que aprendan en galego. As actividades son moi interesantes e poden ser consultadas na web: https://www.facebook.com/semente.vigo e pedindo información a sementevigoactividades@gmail.com  ou no teléfono: 651 191352
Por outra banda a Semente Vigo está en plena campaña de recadación de fondos para sufragar os gastos derivados da reforma do espazo e a consolidación do proxecto. Para isto púxose en marcha o 31 de agosto unha campaña de crowdfunding a través da plataforma Goteo na que se levan recadado máis de 7.000 euros a través das achegas voluntarias que realizadas por máis de 125 persoas. As persoas que axudan a financiar o proxecto poden recibir coa súa achega un pequeno agasallo como libros, participación nalgunha actividade ou un lote de produtos ecolóxicos. A campaña remata o 10 de novembro e precisan chegar aos 10.000 euros. As persoas interesadas en colaborar nesta iniciativa poden facelo a través do seguinte enlace: https://goteo.org/project/semente-vigo, onde ademais poderán coñecer máis en profundidade o proxecto.

GaliciaLe acubillou xa 12.000 préstamos interbibliotecarios de ebook

Temos datos sobre a actividade recente da plataforma en liña GaliciaLe, servizo en liña para o acceso gratuíto a publicacións da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Segundo se fai saber no parte informativo, GaliciaLe rexistrou preto de 12.000 préstamos bibliotecarios de libro dixital desde a súa posta en marcha, en outubro de 2014, até setembro de 2015.
En concreto, os préstamos de ebooks realizados o a longo do devandito tempo ascenderon a 11.843, executados polos 5.678 usuarios e usuarias activos nesta plataforma. Segundo apuntan os responsábeis do servizos, “os devanditos datos tradúcense nun balance positivo dos primeiros meses de funcionamento deste servizo en liña, tanto no interese dos usuarios como no volume e calidade da colección dixital de préstamo”. Por certo que esta está integrada por un total de 1.427 títulos en múltiples formatos (audiolibros, libros electrónicos, álbums ilustrados e libros interactivos), de temática diversa e dirixida a distintas franxas de idade, con especial atención ao público infantil.
As obras máis prestadas foron, na colección de libro electrónico en galego, A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz; Os fillos do mar, de Pedro Feijoo; o álbum Maruxa, de Eva Mejuto e Mafalda Milhões, A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, e Ámote Leo A.: destino Xalundes, de Rosa Aneiros. Do catálogo en castelán, os libros electrónicos máis solicitados na plataforma galega foron La ridícula idea de no volver a verte, de Rosa Montero; El principito (audiolibro), de Antoine De Saint-Exupéry, El guardián invisible, de Dolores Redondo; a triloxía Cincuenta sombras, de E.L. James; e El mundo en tus manos, de Elsa Punset.
A plataforma
GaliciaLe é unha plataforma de préstamo de libro electrónico da Rede de Bibliotecas Públicas Galegas, a través da cal se pon ao dispor da cidadanía “un nutrido catálogo de libros e audiolibros en galego e en castelán”, co engadido extra de ser cen por cen de balde. Os usuarios e usuarias que así o desexen poden acceder ás publicacións durante as 24 horas do día os 365 días do ano a través da páxina web galiciale.gal.

Actos fúnebres para impulsar o uso do galego

Nigrán mudará este sábado a lápida dun mestre republicano ao galego e impulsará que as liturxias funerarias sexan neste idioma.

O Concello de Nigrán promoverá o uso do galego nos actos fúnebres cunha cerimonia na que se cambiará a este idioma a lápida do mestre republicano José Vázquez Grela, fusilado en 1936, e cunha firma pública de últimas vontades aberta a quen queira deixar testemuño de que, tras a súa morte, a liturxia sexa na lingua da Comunidade Autónoma.
 
Segundo informa o concello nun comunicado, este acto, que se celebra con motivo do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, será este sábado no cemiterio de San Fiz (Ceán) ás 12.00 horas,
 
Antes, descubrirase unha placa á entrada do camposanto coa lema "En memoria de todas as persoas que aquí xacen, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu".
 
O alcalde de Nigrán, Juan González, sinala que esta medida é "un paso máis" no apoio á lingua galega e na recuperación da memoria histórica. O seu obxectivo é contribuír a que "cambie esa mentalidade que evita o galego nos cemiterios", a conta de que só una de cada mil lápidas están escritas neste idioma.
 
O rexedor móstrase ademais "especialmente orgulloso" de homenaxear a figura de Vázquez Grela, "unha persoa comprometida socialmente que quixo levar o ensino a todas as esquinas do municipio e lograr a alfabetización universal como primeiro paso para lograr unha sociedade máis xusta". O Concello non descarta realizar o ano que vén máis actos nesta liña

"Queremos unir 'negocio' e 'software libre', que todos os sectores coñezan as oportunidades que se abren"

A vindeira semana Compostela acollerá o maior evento de tecnoloxías abertas e negocio, a LibreCon 2015, organizada por AGASOL, ASOLIF e Cluster TIC Galicia. O evento, que terá lugar os días 29 e 30 de outubro na Cidade da Cultura, chega á súa quinta edición, co obxectivo fundamental de impulsar o negocio e crear emprego en todos os sectores da sociedade a través das tecnoloxías libres, a innovación e o emprendemento.
Polo encontro pasarán representantes de grandes empresas, como Canonical, Intel ou Microsoft, e amosaranse casos de éxito no aproveitamento das posibilidades que abre o software libre. Haberá tres grandes eixos temáticos: automoción, internet das cousas e educación, buscando demostrar que as tecnoloxías libres ofrecen solucións en calquera sector. Cunha participación total de 1.500 profesionais e unhas 600 empresas, espérase superar as 500 reunións de negocio que se levaron a cabo na edición 2014, celebrada en Bilbao. Ademais, entregaranse os premios Clúster TIC Galicia e haberá mesmo unha sesión (Librekids) para os máis pequenos e pequenas. Falamos con Xavier Castaño, presidente de AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre).
"No evento tratamos de xuntar os conceptos negocios e software libre" -di- "O obxectivo é atraer empresas, pero non só empresas TIC, senón tamén doutros sectores. O fundamental é que compañías e profesionais que na actualidade non están traballando co software libre se acheguen e comproben que estas tecnoloxías si lles poden proporcionar servizos e solucións para a súa actividade; que se decaten de que é un ámbito en auxe, no que empresas punteiras están realizando investimentos moi importantes".

Automoción

Os tres eixos temáticos incidirán neste obxectivo. Quérese poñer de manifesto o uso que xa se está a facer na industria da automoción, e as oportunidades que se abren. Por Compostela pasará Roberto Zompi, xerente de Enxeñaría Avanzada na multinacional de compoñentes e sistemas de alta tecnoloxía para o automóbil Magneti Marelli, pertencente ao Grupo Fiat Chrysler. Zompi é tamén vicepresidente de Genivi Alliance, un consorcio de varias multinacionais que promove a aplicación de software de código aberto na automoción, de cara a crear unha plataforma común que aforre custes e coa que, posteriormente, cada empresa poida traballar para ofrecer aplicacións de entretemento nos vehículos. Nesta mesma liña temática, haberá outras intervencións, coma a de Tin Hang Liu, de OSVehicle, unha plataforma open source para coches eléctricos que xa foi cualificada por moitos coma o “Arduino para vehículos” ou o “Android para vehículos eléctricos”.
"Dada a importancia en Galicia do sector da automoción e os movementos que está habendo ao redor do software libre, pensamos que este debía ser un aspecto central da LibreCon", destaca Castaño. "Se o noso obxectivo é xerar negocio neste campo, que mellor que tratar de xuntar as empresas galegas de automoción coas empresas galegas de software libre", di. Pola súa banda, Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia e director de Desenvolvemento de Negocio de R, sinala que “a participación de Roberto Zompi garante un debate do máximo nivel nun eido de tanta relevancia económica como é a aplicación das tecnoloxías abertas ao sector do Automóbil”.

Internet das cousas

"Dada a importancia en Galicia do sector da automoción e os movementos que está habendo ao redor do software libre, pensamos que este debía ser un aspecto central da LibreCon"
Outra das liñas fundamentais da LibreCon 2015 xira ao redor da Internet das Cousas e ás aplicacións na electrónica de consumo. Destaca a intervención de Victor Tuson Palau, vicepresidente de Canonical, a empresa que está detrás de Ubuntu; Palau é responsable dos proxectos para a aplicación deste sistema operativo de código aberto aos dispositivos móbiles. Tamén falarán Dominig Ar Foll (Intel) ou José Ángel Fernández (Microsoft). "Ultimamente estamos escoitando falar moito das smart cities ou das smart home; o internet das cousas está sendo central no mundo da tecnoloxía, tamén en Galicia", destaca Xavier Castaño. "Conseguimos que viñeran representantes de empresas moi importantes do sector, que á súa vez foron quen de atraer outras compañías clave, como Telefónica ou IBM", di.
"Un dos obxectivos era tentar escapar de que o evento fose exclusivamente tecnolóxico ou exclusivamente dirixido a profesionais e empresas do sector TIC e entusiastas do software libre", explica. "Veremos casos de éxito próximos, de empresas galegas, o que permitirá abrir moitas portas e dar a coñecer todas as oportunidades que se abren", di. Por exemplo, unha das conferencias -"El internet de las vacas", a cargo de Fernando Calle (ASPGems)- afondará en todas as utilidades posibles do software libre das que unha empresa de gandaría se pode beneficiar. Neste caso, a súa empresa desenvolve produtos que monitorizan os animais en tempo real, o que permite predicir enfermidades, partos ou calquera anomalía.

Educación

"Veremos casos de éxito próximos, de empresas galegas, o que permitirá abrir moitas portas e dar a coñecer todas as oportunidades que se abren"
O terceiro grande eixo temático é o da educación, un campo no que dende hai tempo se están aplicando diversas aplicacións que empregan tecnoloxías libres. "A presenza da educación na LibreCon era case obrigada", sinala Castaño, "dado o gran número de proxectos educativos que se están levando a cabo con software libre, e o peso que neles teñen as empresas galegas do sector, representadas en AGASOL". María José Rodriguez Malmierca (CESGA) falará por exemplo do Proxecto RuralSchoolCloud, que explora as potencialidades da computación cloud e o software libre para mellorar a forma de traballar, colaborar, ensinar e aprender nas pequenas escolas rurais. Falarase tamén de Edupunk, de "Transdisciplinariedade na educación: tecnoloxía, ciencia, estética e prototipado" (Beka Iglesias) ou da "Escola como hacklab" (Mikel Arbiza).
A LibreCon busca atraer distintos perfís e públicos obxectivos, por unha banda as propias empresas TIC e que ofrecen servizos de software libre, "pero tamén e moi especialmente os responsables de informática de empresas doutros sectores", destaca Xavier Castaño. É igualmente destacable o interese que pode espertar "no estudantado ou as persoas novas que remataron as súas carreiras e están interesadas en coñecer as oportunidades de negocio existentes no software libre e as súas aplicacións", di. E, en xeral, a todas as persoas interesadas polas tecnoloxías abertas e polos novos camiños e posibilidades que crean.