xoves, 28 de agosto de 2014

Un universo dixital chamado Galiciana

A BIBLIOTECA DIXITAL DE GALICIA ACTUALíZASE CON VALIOSOS CONTIDOS

Segue a ser unha gran descoñecida para o gran público, pero Galiciana, a biblioteca dixital galega, permite o acceso libre a importantes documentos e libros sobre o país nun esforzo que se veu incrementado nos últimos meses con últimos e interesantes contidos. 
Ligazóns:
 Que é Galiciana?
Galiciana é a biblioteca dixital de Galicia que xestiona a Biblioteca de Galicia desde a Cidade da Cultura. Foi creada para “preservar o rico patrimonio documental e bibliográfico galego”. O seu obxectivo é dixitalizar os fondos patrimoniais máis relevantes, pero tamén facelo de xeito que esa dixitalización sexa estándar e compatible con outros fondos doutras bibliotecas. Deste xeito, os fondos de Galicia son accesibles desde Europeana, o megaportal que dá acceso a recursos en liña das principais bibliotecas públicas nacionais de Europa.

Que contidos ten Galiciana?
O portal almacena documentos das bibliotecas galegas, pero tamén de importantes institucións do país, como a Fundación Penzol ou o Consello da Cultura Galega. No seu interior pódense atopar un sen número de documentos de moitas tipoloxías distintas, desde libros ata cartografía ou prensa dixital. Ata o momento, en Galiciana están dixitalizados máis de 4.000 libros, 345 xornais ou revistas (incluíndo os seus números) ou 190 mapas.

Os novos contidos
Galiciana vén de incorporar novos e valiosos contidos. Entre eles, La Zarpa, o xornal agrarista dirixido por Basilio Álvarez e editado entre 1921 e 1936, no que participaron senlleiros intelectuais e políticos galegos como Castelao, Paz Andrade, Bóveda ou Otero Pedrayo. A web permite a busca a texto completo nos 3.804 números dixitalizados.

A Xunta tamén está a dixitalizar os fondos da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, entre as que figuran valiosos incunables e códices medievais. Na primeira fase, pódense consultar obras do século XV e XVI “seleccionadas en función da súa demanda, debido á súa temática e trascendencia histórica, e tamén por ser algunhas delas máis vulnerables”. Libros de Tomé de Aquino, Duns Escoto, Santo Agostiño ou Antonio de Nebrija. Cultura dixitalizou 213 obras ata o momento desta colección. Tamén dixitalizou numerosos documentos do Fondo de Estudios Locais da Coruña.

Tamén che pode interesar...

Ningún comentario:

Publicar un comentario