venres, 29 de agosto de 2014

Tres centros educativos das bisbarras renovan a súa oferta educativa para adultos

Os institutos Pintor Colmeiro e Antón Losada imparten secundaria para maiores de idade, mentres que no Laxeiro tamén se ofrece a modalidade de Bacharelato.

O importante incremento do desemprego nos últimos anos, motivado pola crise económica, ocasionou que moitas persoas decidisen retomar os estudos que no seu día deixaran para incorporarse ao mercado laboral e así poder obter un título que no futuro lles sirva para poder acceder a un novo emprego. Por este motivo, as ensinanzas de secundaria e bacharelato para público adulto están a ser nos últimos anos, xunto cos ciclos formativos, unha das modalidades educativas máis demandadas en toda Galicia por maiores de idade. Sen ir máis lonxe, na provincia de Pontevedra matriculáronse o ano pasado, nas ofertas de ensino básico, secundaria e bacharelato para persoas adultas, un total de 3.991 persoas. En Deza e Tabeirós a demanda deste tipo de educación tamén creceu moito nos últimos cursos lectivos, por iso, o IES Antón Losada Diéguez da Estrada, o IES Pintor Colmeiro de Silleda e o IES Pintor Laxeiro de Lalín, renovarán neste curso a súa proposta educativa para maiores. Nos centros da Estrada e Silleda, os adultos poderán cursar ademais de módulos formativos, ensinanzas iniciais e educación secundaria. Pola súa banda, no Laxeiro, ademais destes dous niveis, tamén se imparte formación de bacharelato.
No caso da ESA (Educación Secundaria para Adultos), o período de formación lévase a cabo durante un só curso académico fragmentado en dous cuadrimestres. No instituto lalinense, por exemplo, o primeiro período lectivo impártese de setembro a xaneiro e o segundo entre os meses de febreiro e xuño. Deste modo, no primeiro cuadrimestre, os alumnos reciben a docencia equivalente a terceiro de ESO e no segundo a equivalente a cuarto.
Pola súa banda, o título de bacharelato de adultos, que na zona só se imparte no instituto Laxeiro, cúrsase en dous anos académicos, de igual modo que nas formacións convencionais. Este goza ademais do mesmo recoñecemento e validez que os títulos comúns, así como das mesmas esixencias de nivel. A única diferenza é que aos matriculados nesta modalidade se lles proporcionan maiores facilidades, principalmente por motivos de dispoñibilidade, e permíteselles matricularse en materias soltas, así como rematar a docencia en 6 anos en vez de nos 4 que se admiten para o bacharel convencional.
A única condición que se require para poder cursar este tipo de formacións é ser maior de idade ou, no caso da secundaria para persoas adultas, ser maior de 16 anos e estar en posesión un contrato laboral.

Noticias relacionadas

Óscar enríquez "Estudar sérveme de motivación e é unha forma de manterme activo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario