venres, 29 de agosto de 2014

Un de cada dez menores galeg@s viven en fogares onde tod@s están no paro

A taxa de desempregados de longa duración en Galiza pasou do 3% en 2009 a superar o 11%. Hai agora 22.000 fogares máis con todos os seus integrantes no paro que hai tres anos.

A economía medrou un 0,3% no segundo trimestre do ano, encadeando catro trimestres consecutivos de medre. ‘’A economía galega consolida o seu crecemento’’ afirmou esta quinta feira a Xunta de Galiza nun comunicado oficial. A seguir, un regueiro de cifras e dados: décimas de PIBs, series históricas, porcentaxes de medre, trimestres en perspectiva, decimais... Mais non houbo no comunicado oficial ningunha cifra nin referencia para a ‘cara oculta’ do medre económico.
Cada mes 687 fogares pasaban a engrosar a listaxe dos que non teñen traballando a ninguén dos seus
O 10,8 por cento d@s menores galeg@s viven en fogares sen ocupad@s. Un de cada dez nen@s e adolescentes (0-17 anos) habitan en casas onde ningunha das persoas coas que viven teñen emprego. Son cifras do Instituto Galego de Estatística (IGE). A porcentaxe corresponde ao exercicio 2013 e é lixeiramente inferior á do ano anterior (12,2% de menores nesa situación). En 2009 eran o 7,5 por cento.

Récord

Esta realidade dáse nun contexto en que a taxa de desemprego de longa duración, é dicer, a porcentaxe de poboación activa que estivo desempregada un mínimo de 12 meses, bate récords en Galiza. É do 11,1 por cento. Duplica a taxa europea (está nun 5,1 por cento). E é moi superior á taxa que había en Galiza hai catro anos (3,3%).
Pasamos de ter no país 71.800 fogares con todos os membros no desemprego (2011) a ter 93.700 (xullo de 2014), 22.000 máis en apenas 32 meses. Cada mes 687 fogares pasaban a engrosar a listaxe dos que non teñen traballando a ninguén dos seus membros. Son, segundo os dados do propio INE, 118.100 as persoas no desemprego en Galiza que xa non cobran ningún tipo de axuda, o 42% d@s parad@s.

Ningún comentario:

Publicar un comentario