A Confederación Anpas Galegas expresa a súa crítica pola publicación
no DOG do pasado 14 de agosto da Orde pola que se regula a implantación
da Lomce en primaria para o curso 2014-15 para facer, segundo as súas
propias palabras “unha translación literal dos preceptos do decreto en
trámite “.
“Criticamos non só o desprezo institucional da normalidade legal,
cando se publica unha orde adiantando un decreto que aínda non está
aprobado, dándolle así carácter de innecesariedade a aquela normalide;
como tamén á falta de respecto á comunidade educativa cando se pretende
que o próximo curso académico se rexa por unha normativa aprobada no
momento de menor actividade laboral e social”, asegura Fernando Lacaci,
Vicepresidente da Confederación Anpas Galegas.
Así mesmo, engade que “isto fainos temer que a implantación da Lomce,
que rexeitamos e rexeitaremos, vaise facer no noso país sen formación
previa ao profesorado, sen un achegamento ás familias da nova realidade
que afectará aos seus fillos e fillas, e sen que a sociedade teña a
información completa e equilibrada de cómo se vai artellar o profundo
cambio que quere supor unha nova lei educativa que vai comezar a súa
andaina con este case inexistente nivel de claridade e preparación”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario